Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo e Malpica acordan coordinarse con Industria na demanda prevista para reclamar polos danos da balsa de Monte Neme

SOLICITARÁN UNHA XUNTANZA COA DIRECCIÓN XERAL DE ENERXÍA E MINAS

Carballo e Malpica acordan coordinarse con Industria na demanda prevista para reclamar polos danos da balsa de Monte Neme

Martes 14 de outubro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o de Malpica, Eduardo Parga Veiga, veñen de manter hoxe, martes 14 de outubro, unha xuntanza na Casa do Concello carballesa para falar da negativa da entidade aseguradora AXA a facerse cargo dos gastos derivados dos desperfectos provocados pola rotura dunha balsa mineira en Monte Neme o pasado 10 de febreiro deste ano. Os danos están cifrados en 140.758 euros e xa teñen sido abonados polos dous concellos afectados, mais ante o feito de que a aseguradora rexeite facerse cargo dos custes, barállase a opción de adoptar medidas legais, xa que a antiga concesionaria está en concurso de acredores e sinala a AXA como responsable. Así, ante a intención manifestada pola Consellería de Industria da Xunta de Galicia de interpoñer unha demanda contra AXA para que a aseguradora asuma a súa responsabilidade, esta mañá Ferrero e Parga Veiga acordaron solicitar unha xuntanza co Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, para que os concellos tamén teñan a oportunidade de personarse nesta demanda. Así mesmo, esperan poder estudar os posibles mecanismos que se poderían poñer en marcha para que os veciños e veciñas afectados tamén sexan quen de reclamar de forma conxunta. Hai que lembrar que a rotura dunha das tres balsas mineiras de Monte Neme orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga, e deixou unha greta no talude de 10 metros de alto por catro de ancho. Máis do 70 por cento dos danos correspóndense co Concello de Malpica, no que as riadas causaron maiores desperfectos, e o restante son datos cuantificados en Razo da Costa.

Escola Lubiáns e Cáritas únense para promover a doazón dun kilo de alimentos durante a presentación da nova tempada

O SÁBADO 11 DE OUTUBRO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

Escola Lubiáns e Cáritas únense para promover a doazón dun kilo de alimentos durante a presentación da nova tempada

Venres 10 de outubro do 2014

Escola Lubiáns e Cáritas de Bergantiños, coa colaboración do Concello de Carballo, únense a prol da solidariedade. Aproveitando a presentación o sábado 11 de outubro dos seus equipos no Pavillón Carballo Calero (Zona Bergantiños) de Carballo para a tempada 2014/2015, a entidade de hóckey a patíns e patinaxe artística promove, xunto con Cáritas, unha campaña para recoller alimentos non perecedoiros. Así, invítase a cada persoa que asista ao pavillón para gozar coa xornada lúdica e festiva para toda a familia que preparou Lubiáns, a que colabore achegando un litro o un un kilo de alimentos que serán repartidos entre xente que está a pasar por dificultades económicas a través de Cáritas. Respecto das actividades da xornada, a cita comeza en Cervexería A Bombonera cunha comida para os máis cativos e cativas do club, e continúa xa para todo o público no Pavillón Carballo Calero a partir das 16.50 horas, cunha exhibición de patinaxe artística con Uxía Freire; ás 17.00 horas é a quenda dun partido amigable en categoría Prebenxamín con exhibición de patinaxe artística no descanso con Paula Rey; ás 17.45 horas será a presentación dos equipos para a tempada 2014/2015 co desfile de todos os deportistas do club e foto de familia; ás 18.20 está prevista unha exhibición de patinaxe artística co grupo "Happy"; mentres que ás 18.30 horas comeza a primeira xornada da liga sénior co partido entre o Lubiáns Calvo e o Lubiáns Maracaná; no descanso haberá un partido de exhibición a cargo das escolas do club.

Os

OS DÍAS DE FUNCIÓN DE SALA

Os

Xoves 9 de outubro do 2014

"Edipo", "Tres sombreiros de copa" ou "La vida es sueño" non son só títulos de obras de teatro clásico, senón tamén os nomes dalgúns dos "bocados" que servirán os hostaleiros carballeses que participan na iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT", a ruta

O Concello solicítalle á Deputación provincial que retome o proxecto para acondicionar a Travesía de Sísamo

INSISTIUSE NA MELLORA DA SEGURIDADE NA ESTRADA DE SANTIAGO

O Concello solicítalle á Deputación provincial que retome o proxecto para acondicionar a Travesía de Sísamo

Xoves 9 de outubro do 2014

O Concello de Carballo vén de pedirlle á Deputación da Coruña que retome o proxecto para mellorar a travesía de Sísamo da capital municipal no treito da Avenida das Flores (na imaxe). Así llo transmitiu o Alcalde, Evencio Fererro, ao presidente do organismo provincial, Diego Calvo, nunha xuntanza celebrada hoxe, xoves 9 de outubro, na Coruña. Hai que lembrar que o proxecto de mellora xa tiña sido adxudicado no seu momento e o contrato formalizado coa empresa. Non obstante, o proxecto non cumpría con todos os requisitos recollidos na normativa municipal e tiveron que realizarse varias modificacións que a empresa adxudicataria non aceptou. A consecuencia do desacordo, formalizouse a rescisión do contrato sen que os traballos tivesen sequera comezado. Por este motivo, a administración local solicita da Deputación que retome esta actuación e presentouse un proxecto realizado pola Oficina Técnica Municipal no que sen mantén o mesmo orzamento orixinal por un importe de 418.420 euros. Segundo o Alcalde carballés, esta proposta pode ser referendada polos técnicos provinciais ou ben poden elaborar unha nova dende a Deputación, pero a prioridade sería a realización destes traballos o antes posible. Esta primeira fase suporía a mellora do firme e a dotación de servizos no treito da Avenida das Flores que transcorre entre a Rúa Fábrica (á altura do mural do "mergullador") e a rúa Papoulas da capital municipal. Unha vez rematadas as obras, e segundo se fose avanzando no acondicionamento da vía, os treitos pasarían a ser de titularidade municipal.

O Plan de Ecoturismo "Carballo, senda do mar" continúa cos talleres abordando o emprendemento e o turismo mariñeiro

ENTRE O MÉRCORES 8 E O VENRES 17 DE OUTUBRO: DE BALDE

O Plan de Ecoturismo "Carballo, senda do mar" continúa cos talleres abordando o emprendemento e o turismo mariñeiro

Mércores 8 de outubro do 2014

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira informa de que continúan até o 17 de outubro os talleres gratuítos do Plan de Ecoturismo "Carballo, senda do mar". Numerosas persoas, entre estudantes e empresarios de hostalería, profesionais do turismo e emprendedores en xeral están asistindo no Fórum Carballo a estes obradoiros, unidos polo obxectivo de construír un destino turístico global para a costa carballesa e mellorar as súas oportunidades de negocio. Nestes momentos, xa se realizaron os tres talleres dirixidos aos profesionais hostaleiros, abordando temas como a coctelería, o café, a dieta atláncia ou as redes sociais. Tamén se celebrou o relativo á implantación dun manual de boas prácticas para empresas turísticas. E estes días están tendo lugar os talleres de emprendemento. O luns 6 de outubro foi a quenda dun obradoiro para falar da importancia e a potencialidade do surf como actividade sostible e xeradora de turismo (na imaxe); o mércores 8 de outubro Julio Sánchez, Director Executivo de Desenvolvemento de Negocio, fala sobre como deseñar un Plan de Negocio para unha empresa turística sostible; e o venres 9 de outubro Mariem Filgueira, directora de proxectos de Valora Consultores, aborda as oportunidades de negocio en Turismo sostible en Razo- Baldaio. Lembrade que todos os obradoiros son ás 17.00 horas no Fórum Carballo e que son totalmente gratuítos. Os interesados e interesadas só teñen que presentarse nas instalacións da Milagrosa.

O Metrominuto chega ás rúas para fomentar a mobilidade a través dun mapa coas distancias a pé entre os principais puntos da vila

OS PRIMEIROS PANEIS XA ESTÁN NOS CEIP FOGAR E BERGANTIÑOS

O Metrominuto chega ás rúas para fomentar a mobilidade a través dun mapa coas distancias a pé entre os principais puntos da vila

Mércores 8 de outubro do 2014

As rúas de Carballo xa teñen instalados os primeiros paneis do Metrominuto. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a mobilidade peonil. Cunha aparencia similar á dun mapa do metro, os paneis do Metrominuto recollen a distancia aproximada e o tempo, tamén aproximado, que hai entre os puntos máis relevantes do casco urbano. Non son tempos exactos, pero que si serven como referencia para saber canto leva, a unha media de 5 km/hora, ir dun punto a outro da vila. O mapa ten como centro a Praza de Galicia, ou "punto" e, dende alí, indica as distancias cara a centros de ensino, Fórum Carballo, Biblioteca, Concello, instalacións deportivas, Centro de Saúde e as principais rúas. Sinala as zonas fluviais, os parques e xardíns, as zonas de apartamento e as destinadas a carril-bici. Por exemplo, dende a Praza de Galicia ata a Fonte da Cristina o mapa reflicte un traxecto aproximado camiñando de 9 minutos; ou da Casa do Concello ao CEIP Fogar, de 15 minutos. Esta semana, e con motivo do II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil, colocáronse os dous primeiros paneis (aínda provisionais) xunto aos CEIP Bergantiños e Fogar, pero pronto haberá un total de 20 en distintos espazos públicos co casco urbano. O mapa, elaborado pola Oficina Técnica Municipal, inspírase nun modelo xa implantado con éxito en Pontevedra e que foi tan ben acollido que mesmo mereceu o premio europeo de mobilidade, o Intermodes. Agora, está a ser trasladado á capital bergantiñá, como un dos varios esforzos que se están a levar a cabo para humanizar a vila e tamén para facela máis atractiva para os veciños e veciñas e tamén, e especialmente, para os visitantes.

A BDT oferta dous novos cursos para persoas desempregadas centrados nas claves para a busca activa de emprego

HAI UN TOTAL DE 30 PRAZAS DISPOÑIBLES

A BDT oferta dous novos cursos para persoas desempregadas centrados nas claves para a busca activa de emprego

Martes 7 de outubro do 2014

Dentro do programa MABEL (Métodos Activos de Busca de Emprego Local), a Concellería de Formación e Emprego de Carballo convoca dous cursos dirixidos a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal (BDT). Cada un deles ofrece un total de 15 prazas, polo que no caso de que o número de solicitudes sexa maior realizarase un proceso de selección. O primeiro taller está dirixido a persoas sen ocupación anterior ou que traballasen menos de tres meses. As catro horas de formación dedicaranse á elaboración do currículo, á entrevista de traballo e á busca de emprego por Internet. Os únicos requisitos que deben cumprir os aspirantes son posuír un nivel elemental de manexo en Internet e estar inscritos na BDT. O obradoiro celebrarase os días 27 e 18 de outubro, de 10.30 a 12.30 horas, e o prazo de inscrición está aberto dende o martes 7 de outubro ata o xoves 9 do mesmo mes, ámbolos días incluídos. Así mesmo, o 3 e 4 de novembro terá lugar o segundo taller da BDT, tamén de 10.30 a 12.30 horas, e dirixido en exclusiva a maiores de 45 anos que sexan parados de longa duración. Neste caso as sesións centraranse na elaboración do currículo e na entrevista. As persoas que non estean inscritas na BDT pero que estean interesadas en participar nalgún destes obradoiros, poden solicitar cita para formalizar a súa integración na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo chamando, de 8.30 a 14.30, ao 981 709 010 ou nas oficinas do Fórum. Trátase dun servizo aberto a toda a veciñanza e no que tamén participan as empresas.

Os voceiros municipais mantiveron unha xuntanza no Concello para tentar chegar a un acordo sobre a Ordenanza de lixo

O DÉFICIT DO SERVIZO ROLDA OS 390.000 EUROS

Os voceiros municipais mantiveron unha xuntanza no Concello para tentar chegar a un acordo sobre a Ordenanza de lixo

Martes 7 de outubro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de manter unha xuntanza cos voceiros de todos os grupos políticos municipais, Miguel Ferreiro, do PP, Manuel Andrade de TEGA e José Antonio Viña, do PSOE, ante a presenza da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro e de técnicos municipais para falar da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e tentar chegar a un acordo de consenso sobre a modificación da normativa. Os técnicos expuxeron durante a reunión os motivos polos que a exención de pago para as vivendas baleiras resulta ilegal e reiteraron as conclusións dos dous informes realizados polos Servizos Económicos e de Intervención e polo Servizo de Xestión e Inspección Tributaria e Catastral do Concello, nos que se se recollen os argumentos legais xa esgrimidos con anterioridade á celebración do pleno ordinario de setembro que manteñen que a taxa do lixo é "de recepción obrigatoria" para todas as vivendas habitables. De igual xeito, poucas variacións houbo nas argumentacións dos distintos grupos. O goberno subliña o feito de que existe un déficit de arredor de 390.000 euros no servizo, un déficit que hai que enxugar para cumprir coa Lei de estabilidade orzamentaria que obriga ao equilibrio entre custos e ingresos nos servizos. Defende que deben pagar todas as vivendas habitables, xa que ademais de ser un imperativo legal, servirá para equilibrar o déficit. Así, de non pagar todas as vivendas habitables, habería que subir o recibo dos que xa pagan, porque o servizo non pode ser deficitario. O goberno tamén lembra que as vivendas declaradas non habitables están exentas do pago.

Seis rutas conforman a terceira edición do Outono en Marcha de Senda Nova, unha boa maneira de coñecer a nosa contorna

ENTRE O 12 DE OUTUBRO E O 30 DE NOVEMBRO

Seis rutas conforman a terceira edición do Outono en Marcha de Senda Nova, unha boa maneira de coñecer a nosa contorna

Martes 7 de outubro do 2014

Cando caen as follas secas os veciños e veciñas saben que teñen de novo unha cita co Outono en Marcha da Asociación Ambiental Senda Nova. Este ano cunha terceira edición que mantén os mesmos obxectivos que as anteriores: coñecer o patrimonio ambiental, artístico e histórico, así como fomentar o deporte ao aire libre, o espírito de aventura e convivencia e os hábitos ecolóxicos na contorna natural. Desta volta a programación inclúe seis rutas para percorrer espazos como a marisma de Razo-Baldaio, as férvedas de Rus e Entrecruces, o Monte Neme, ou o encanto de municipios veciños como son A Laracha e Coristanco. Senda Nova quere facilitar a participación, polo que os interesados/as poden anotarse: na base de Protección Civil de Carballo (edificio do antigo ambulatorio) de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e no Horto Ecolóxico situado na Rúa Nardos de Carballo, os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas. O prezo, que inclúe un bocadillo para comer no medio da ruta, é de 6 euros para os maiores de idade e de 3 euros para menores e socios. A data límite de inscrición é dous días antes da celebración de cada ruta. Os percorridos desenvólvense en seis domingos entre o 12 de outubro e o 30 de novembro. As saídas faranse dende o Horto Infantil de Carballo (8.15 horas) e dende o Concello de Coristanco (8.00 horas), e da Laracha, (8.00 horas). A primeria ruta, o domingo 12 de outubro, ten como destino Santa Margarida de Montemaior.

As expertas avogaron  no II Foro de Mobilidade pola autonomía infantil fronte á sobreprotección para formar adultos responsables

EDUCACIÓN VIARIA PARA NEN@S: LUNS 6 E MARTES 7 NOS COLEXIOS

As expertas avogaron no II Foro de Mobilidade pola autonomía infantil fronte á sobreprotección para formar adultos responsables

Luns 6 de outubro do 2014

Ás veces queremos tanto aos fillos que queremos mantelos dentro dunha campá de cristal", sinalou a psicóloga Carme Loureiro na terceira xornada do II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil organizado pola Concellaría de Seguridade de Carballo. Estamos a vivir na era da sobreprotección dos nenos, "facémosllo todo" e non deixamos que se desenvolvan como seres independentes. Tanto Carme Loureiro coma Diana Parente, criminóloga e oficial de policía, coincidiron na necesidade de fomentar a autonomía infantil para formar a adultos independentes e responsables. Dende o punto de vista pedagóxico "hai que construír hábitos dende infantil, non se pode esperar a que chegue a adolescencia", insistiu Carme Loureiro. É un xeito de empezar a construír hábitos é o camiño escolar, unha iniciativa que se enmarca "na seguridade viaria sostible: camiños escolares, traxectos cotiáns... que axudan a fomentar comportamentos peonís seguros e responsables", manifestou Diana Parente. A criminóloga compostelá lembrou que un pai ou unha nai poden ser "penalizados criminalmente" se levan ao neno no coche sen os sistemas de retención infantil axeitados e sofren un accidente de tráfico que lle causa a morte, e anunciou en "en breve" os autobuses escolares non só terán que levar cintos nos asentos (obrigatorio dende o 2006) senón tamén cadeiras homologadas. "A sociedade non considera importantes os delitos de tráfico", lamentou Diana Parente, quen animou aos pais e ás nais a estar ben informados para poder transmitir aos fillos e fillas a importancia da educación viaria, primeiro na familia e despois na escola.

Compartir: