Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Concerto didáctico para nenos e nenas de 6º de Primaria a cargo do guitarrista brasileiro Fabiano Borges

ÁS 11.00 HORAS DO MARTES 7 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Concerto didáctico para nenos e nenas de 6º de Primaria a cargo do guitarrista brasileiro Fabiano Borges

Luns 6 de outubro do 2014

Este ano cúmprese a XXV Edición do Festival Internacional de Pulso e Púa "Cidade de Cristal" da Coruña, que se desenvolve ao longo da segunda semana de outubro. Organiza este festival a Agrupación Musical Albéniz da Coruña e forman parte deste proxecto musical, dezaseis concellos da provincia da Coruña, entre eles o de Carballo, así como outras administracións: a Xunta, a Deputación ou embaixadas dos países invitados. Co obxectivo de achegar a música aos seus alumnos e alumnas e ofrecerlle aos centros educativos un recurso educativo máis, o Concello de Carballo ten previsto, no marco deste Festival Internacional de Pulso e Púa, a organización dun Concerto didáctico a cargo do coñecido e vortuoso guitarrista brasileiro Fabiano Borges. Este concerto gratuíto celebrarase o martes 7 de outubro ás 11.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e está dirixido a rapaces e rapazas de 6º Curso de Educación Primaria dos centros educativos de todo o municipio. O programa que interpretará Fabiano Borges, integrano obras compostas ou arranxadas para a guitarra de 7 cordas. Ao longo do concerto explicaranse as diferencias coa guitarra española así como se dará unha breve introducción a cada peza musical. Outro dos obxectivos deste concerto é que todos os asistentes teñan a posibilidade de escoitar outros estilos e xéneros musicais extranxeiros, coñecer o instrumento e o seu contexto social, cultual e musical e obras de autores de relevancia que compuxeron para este instrumento. O cartel anunciador da cita pode descargarse máis abaixo en pdf nesta mesma nova.

Luz verde na Xunta de Goberno para abrir o proceso de licitación das obras de "Reurbanización da Rúa Colón"

APROBÁRONSE TAMÉN MELLORAS DE VÍAS EN NÉTOMA E VILARDEFRANCOS

Luz verde na Xunta de Goberno para abrir o proceso de licitación das obras de "Reurbanización da Rúa Colón"

Luns 6 de outubro do 2014

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria o expediente de contratación para licitar os contratos administativos dos proxectos incluídos no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña e que recollen, como o máis destacado, a "Reurbanización da Rúa Colón" (na imaxe, unha recreación de como sería o aspecto final da vía). O orzamento de licitación para realizar as obras é de 241.500 euros (IVE incluído) e a proposta afonda no proxecto de humanización e mellora da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. A actuación implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular con normalidade do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. Os outros dous proxectos incluídos no Plan "DTC 93" son: a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma-Razo" cun orzamento de licitación de 89.196,84 euros; e o "Sobreancho e reparación da estrada de Vilardefrancos ao Padreiro no Concello de Carballo" cun orzamento de licitación 36.036,57 euros. No mesmo apartado, aprobouse o expediente do contrato de "Subministro e adecuación da sala do centro de proceso de datos do Concello de Carballo e axuste á norma internacional TIA-942". Neste caso a actuación realízase con cargo ao remanente de tesourería, e o prezo base de licitación é de 182.512,32 euros.

Os campións de España do Sysca, Valeria Gómez e Adrián Martínez, festexan no Concello os seus éxitos deportivos

O ALCALDE FELICITOUNOS E ENTREGOULLES UNS AGASALLOS

Os campións de España do Sysca, Valeria Gómez e Adrián Martínez, festexan no Concello os seus éxitos deportivos

Venres 3 de outubro do 2014

Valeria Gómez Anido e Adrián Martínez Cotelo, deportistas do Club de Salvamento e Socorrismo de Carballo (Sysca) conseguiron a mediados de xullo a medalla de ouro no XXVI Campionato de España de Salvamento en Augas Abertas, realizado nas praias coruñesas do Orzán e Riazor. Os dous convertíanse así en campións nacionais na categoría de bandeiras. O mérito dos dous mozos participantes ten máis importancia se cabe, xa que os dous competían por primeira vez na categoría absoluta. Un mérito que se viu aumentado polo feito de que o pasado 25 de setembro, no Campionato do Mundo de Salvamento e Socorrismo por clubs que tivo lugar en Montpellier (Francia), Valeria Gómez tivo unha extraordinaria actuación na proba de bandeiras que se disputou durante toda a xornada. A participante, de tan só 15 anos, rematou quinta, unicamente superada polas catro integrantes do equipo australiano e na súa primeira comparecencia nesta competición en categoría absoluta. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo recibir na Alcaldía a estes dous novos campións para felicitalos e recoñecer o seu labor. Os dous tiveron a oportunidade de asinar no Libro de Honra, de recibir como agasallo un "carballo" de cerámica de Sargadelos e de falar con Ferrero, que lles transmitiu os parabéns de toda a cidadanía e desexoulles que haxa "ocasión de mellorar estes resultados", todo un reto que espera que se lles presente porque "a vida é superación". Galería de imaxes do acto no Facebook do Concello, clicando aquí.

O Pazo da Cultura envolverase coa maxia teatral do campamento nocturno

CON 50 NEN@S A PARTIR DAS 19.00 HORAS OS DÍAS 3 E 4 DE OUTUBRO

O Pazo da Cultura envolverase coa maxia teatral do campamento nocturno "Soño dunha noite de outono"

Venres 3 de outubro do 2014

Medio centenar de nenos de 6 a 12 anos xuntaranse o venres 3 e o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura para gozar do "Soño dunha noite de outono" durante o campamento nocturno "O Fiotiño". Esta actividade paralela do programa do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) retómase por segunda vez tras o éxito e boa acollida de 2013 (na imaxe), organizándose dúas quendas en lugar dunha soa. O nome do campamento afonda no espírito que define esta XXIII edición do FIOT, a recuperación dos clásicos, e colle o título dunha das obras máis emblemáticas de Shakespeare ("O soño dunha noite de verán"), autor do que este ano se cumpren 450 anos do seu nacemento. De feito, o nome da actividade é o fío argumental para crear unha montaxe teatral na que, partindo da fantasía e da creatividade, os nenos serán os protagonistas dun divertido percorrido pola historia do teatro durante unha noite enteira. O resultado final será unha representación ante os pais. O mestre de cerimonias introducirá unha historia para na que os mozos irán tomando parte. Os pequenos actores deixaranse guiar pola palabra facendo uso da súa propia expresión e axudándose das técnicas aprendidas nas últimas horas. A primeira quenda comezará ás 19.00 horas do venres 3 e rematará ás 11.30 horas do sábado 4 de outubro; e a segunda desenvolverase no mesmo horario entre o sábado 4 e a mañá do domingo 5. Os interesad@s poden descargar o programa completo de actividades do campamento, clicando aquí.

Solicitada unha reunión con responsables de Augas de Galicia e Urbanismo da Xunta para axilizar a Memoria ambiental do PXOM

O CONCELLO LEVA 18 MESES Á ESPERA DO INFORME DE AUGAS

Solicitada unha reunión con responsables de Augas de Galicia e Urbanismo da Xunta para axilizar a Memoria ambiental do PXOM

Venres 3 de outubro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, acompañados polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, e outros técnicos municipais veñen de manter unha xuntanza en Santiago de Compostela con Gonzalo Mosqueira e con Roberto Arias, Presidente e Subdirector Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, respectivamente, para falar do informe preceptivo que este organismo debe emitir para poder pechar a memoria ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo, un requisito indispensable para que o documento reciba a súa aprobación provisional. Os representantes do goberno local acudiron para falar deste informe, xa que Augas de Galicia conta dende hai 18 meses coa documentación necesaria para poder emitilo e dado que é o último paso que resta para poder continuar coa tramitación do PXOM. Un dos principais puntos que se abordaron na xuntanza foi o Informe de zonas inundables delimitadas do municipio, dacordo cos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, nestes momentos en período de exposición pública. Este informe reflicte unha serie de "chairas de inundación" que non se corresponden co plasmado nestes momentos no PXOM, a pesar de que o planeamento si recolle todas as modificacións requiridas no seu momento polo informe que Augas de Galicia emitiu en 2011 como un dos documentos necesarios para a aprobación inicial do PXOM.

Un total de 17 locais de hostalería participan na segunda edición da ruta gastronómica "Dálle un bocado ao FIOT"

SORTEARANSE DENDE ENTRADAS ATA UNHA NOITE DE HOTEL

Un total de 17 locais de hostalería participan na segunda edición da ruta gastronómica "Dálle un bocado ao FIOT"

Xoves 2 de outubro do 2014

A ruta "Dálle un bocado ao FIOT" medra respecto á súa primeira edición, porque xa son 17 os establecementos de hostalería que confirmaron a súa participación nesta iniciativa da Concellería de Promoción Económica que complementa a oferta do Festival Internacional Outono de Teatro. O Concello de Carballo facilitará aos hostaleiros distintivos específicos que permitirán que o público identifique facilmente os locais participantes. Para cada un deles farase unha carta personalizada co "bocado" que servirá durante o FIOT, ademais dunha ampla promoción en prensa, radio e redes sociais. Os clientes que acudan á ruta participarán, así mesmo, nun sorteo con premios que van dende entradas para os espectáculos teatrais ata unha noite de hotel, unha cea ou un almorzo. O obxectivo, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é dinamizar o sector da hostalería grazas a unha oferta baseada no bo trato ao consumidor e na calidade do produto. Nas cafeterías, bares, tabernas e restaurantes que se suman este ano á iniciativa haberá unha ambientación especial relacionada co teatro, e ademais, outro cambio respecto da primeira edición, é que non se establece un horario concreto para degustar os "bocados", senón que se adaptarán a cada establecemento. Deste xeito, nas cafeterías haberá almorzos e merendas a 3 euros, e no resto dos locais serviranse tapas a 2 euros en diferentes horarios, pero sempre coincidindo coa saída do teatro e con propostas elaboradas e diferentes das que se poden atopar o resto do ano.

A Rúa dos Contos, o irmán rebelde do FIOT, arrinca o venres 3 de outubro cumprindo 16 anos con 14 actuacións e 2 estreas

ENTRE O VENRES 3 E O DOMINGO 12 DE OUTUBRO NOS BARES DE CARBALLO

A Rúa dos Contos, o irmán rebelde do FIOT, arrinca o venres 3 de outubro cumprindo 16 anos con 14 actuacións e 2 estreas

Xoves 2 de outubro do 2014

A Rúa dos Contos xa é "un mocete que camiña só", segundo explica o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Vive unha adolescencia, aos seus 16 anos, como irmá rebelde do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) e tamén xa como un festival independente que desta volta trae aos pubs e bares carballeses 14 espectáculos con dúas estreas e a pre estrea do novo monólogo de Rober Bodegas. Ademais, a Rúa dos Contos medra, despois da experiencia de 2013 coa "Ultranoite" de Grupo Chévere no Mercado Municipal, trasladando nesta edición tres espectáculos ao segundo andar deste edificio que xa ten demostrado a súa versatilidade para acoller eventos culturais. Para presentar o programa de 2014, ademais de Sueiro e da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, estiveron os protagonistas das dúas estreas da Rúa dos Contos, Pedro Brandariz e Fran Rey, como Os 7 magníficos máis un, e Antón Coucheiro (na imaxe). Fran Rey quixo expresar a ledicia de que Os 7 magníficos máis un estean no programa do FIOT con "Bivalvos como galegos", no que el e máis Pedro Brandariz se transforman en "dous pallasos galegos" que viven situacións cotiáns baixo un filtro humorístico moi especial. A Oficina de Emprego, un quiosco da rúa ou a nova cociña de autor son algunhas das cousas que teñen no maxín e que plasmarán a través da improvisación e do clown, coa ollada da crítica social e sempre "con humildade", segundo Rey. Brandariz falou da Cervexaría Dublín, escenario da estrea, como un "templo do teatro" e animou á xente a que se apunte, o venres 3 ás 22.30 horas. A entrada: 3 €.

Carballo traballa nun modelo de mobilidade que prime a seguridade dos peóns e humanice o centro urbano

CONCLUSIÓNS DA SEGUNDA XORNADA DO FORO DE MOBILIDADE

Carballo traballa nun modelo de mobilidade que prime a seguridade dos peóns e humanice o centro urbano

Xoves 2 de outubro do 2014

En liña co novo código de circulación, que previsiblemente entrará en vigor antes de que remate o ano e que establece limitacións de velocidade a 30 e 20 quilómetros por hora nas vías urbanas, o Concello de Carballo traballa nun modelo de mobilidade que prime a seguridade dos peóns. Reducir a velocidade é unha prioridade, xa que nun atropelo a 70 por hora a morte do peón é case segura, mentres que a 50 por hora redúcese ata un 50 por cento e a 30 baixa ata o 5 por cen. Pero non é o úbico obxectivo. De feito, segundo se puxo de manifesto na segunda xornada do II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil, na que participaron máis de trinta persoas, na oficina técnica do Concello de Carballo trabállase en propostas que pasan por eliminar o tráfico de paso polo centro urbano -que supón un 60 por cento do total- completando rúas alternativas coma a Vila de Negreira ou a Luis Calvo-Perú, fomentando o uso da circunvalación gratuíta da AG-55 ou habilitando aparcamentos disuasorios no extra rradio. O obxectivo é seguir gañando espazo para os peóns e, sobre todo, incrementar a súa seguridade con accións nas que tamén se enmarca a mellora do alumeado público coa substitución das bombillas convencionais por lámpadas LED. Durante a xornada evidenciouse tamén que o modelo de Pontevedra, considerado un exemplo a nivel internacional, tamén vale para Carballo. Así o manifestou o Concelleiro de Ordenación do Territorio pontevedrés, Cesáreo Mosquera. Asegurou que "as medidas adoptadas en Pontevedra serven para calquera vila", nomeadamente cando "a situación de partida en Carballo é infinitamente mellor da que tiñamos nós".

II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil: "unha cidade boa para a infancia, é unha cidade boa para todo o mundo"

NO FÓRUM CARBALLO OS DÍAS 1, 2, 3, 6 E 7 DE OUTUBRO

II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil: "unha cidade boa para a infancia, é unha cidade boa para todo o mundo"

Mércores 1 de outubro do 2014

O Fórum Carballo acolle dende hoxe e até o martes 7 de outubro o II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil, unha cita na que os participantes e asistentes tentarán reflexionar sobre os retos que presenta na actualidade a mobilidade urbana e sobre as formas de superalos, xa que "unha cidade boa para a infancia, é unha cidade boa para todo o mundo". Así o expresou o Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, que abriu as xornadas acompañado polo Alcalde, Evencio Ferrero e que tamén manifestou que un dos obxectivos do foro é o de conseguir que "os nenos e nenas tamén aporten na construción da vila, porque tamén forman parte dela". Ferrero, pola súa banda, considera que "os pobos teñen que reflexionar sobre a realidade na que viven e sobre as súas transformacións", xa que "Carballo somos todos e debe ser accesible para todos os cidadáns". Para o Alcalde, "todos debemos facer un esforzo para avanzar cara a un determinado modelo urbano", exemplificado, entre outros espazos, pola Rúa Coruña, transformada en 2003 e "hoxe unha feliz realidade para todos e todas os que aquí vivimos e para quen nos visitan". Regueira foi o encargado de abrir as charlas coa presentación dunha enquisa realizada entre o alumnado dos CEIP Bergantiños e Fogar sobre hábitos de mobilidade. Algúns dos números deben de facer reflexionar aos veciños e veciñas, xa que o 43 por cento dos 806 nenos e nenas enquisados aseguran que non sempre ou case nunca contan con asentos homologados nos coches das súas nais e pais nos desprazamentos ao cole, un dato, segundo Regueira "excesivamente perigoso como para ser asumido pola sociedade".

Os pavillóns municipais acollen unha Exhibición de deporte adaptado para achegar este tipo de práctica á veciñanza

SÁBADO 4 DE OUTUBRO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

Os pavillóns municipais acollen unha Exhibición de deporte adaptado para achegar este tipo de práctica á veciñanza

Mércores 1 de outubro do 2014

Carballo acolle o sábado 4 de outubro unha Exhibición de deporte adaptado na que os veciños e veciñas terán a oportunidade de coñecer de cerca este tipo de práctica a través de tres modalidades, a boccia (similar á petanca, ás 11.00 horas), o tenis en cadeira de rodas (ás 12.00 horas) e o baloncesto en cadeira de rodas (ás 16.30 horas). Manuel Cantelar Varela, xogador carballés de baloncesto en cadeira de rodas, que forma parte da plantilla do Basketmi Ferrol, e o Club Artai organizan, coa colaboración do Concello de Carballo -que cede o uso das instalacións- esta demostración que terá lugar pola mañá no Pavillón Carballo Calero (Zona Bergantiños) e pola tarde no Vila de Noia (Zona Escolar). O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, presentou esta iniciativa con algúns dos seus protagonistas e subliñando que o obxectivo desta demostración é o de conseguir que o deporte adaptado acabe por converterse nun elemento máis do deporte en Carballo. Así, Manuel Cantelar asegura que leva xa un tempo con ganas de sacar adiante este proxecto e traballar con xente discapacitada para que poidan chegar a ser referentes como ocorre na vila con xogadores doutros deportes como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán. Pero tamén para ofrecer a posibilidade de ofrecerlles ás persoas que se animen a practicar estes deportes unha saída laboral a través de institucións como a Fundación ONCE. Todos os interesados e interesadas poderán coñecer o sábado ás 12.00 horas durante a exhibición as claves de como poder participar neste ilusionante proxecto.

Compartir: