Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno rexeita as propostas para modificar a ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo

LUZ VERDE PARA UN CAMBIO NO CONTRATO DO ALUMEADO PÚBLICO

O pleno rexeita as propostas para modificar a ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo

Martes 30 de setembro do 2014

A corporación carballesa vén de celebrar un pleno ordinario da corporación no que o numeroso público asistente e as mocións presentadas polo PP e TEGA pedindo a derrogación, no primeiro caso, e á modificación, no segundo, da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo, foron os protagonistas, centrando un debate de hora e media de duración. O PP solicitaba na súa petición a exención para os propietarios de vivendas ou locais desocupados do pago da taxa de lixo. Pola súa banda, TEGA pedía a anulación do padrón fiscal que incorpora as vivendas baleiras e a vinculación do cobro da taxa de lixo ao recibo da auga. Neste sentido, os Servizos Económicos e o Servizo de Xestión e Inspección Tributaria do Concello presentaron no seu momento un informe no que se conclúe, no caso da moción do PP, que non é posible levar a cabo unha derrogación da Ordenanza nos termos propostos. O informe conclúe que esta petición sería "ilegal" e "incorrería en nulidade radical e de pleno dereito". Os mesmos servizos elaboraron outro informe no que se reflicte que a modificación proposta por TEGA tampouco é posible "por resultar contraria á legalidade vixente, vista a xurisprudencia aplicable ao caso" ademais de "discriminatoria". Finalmente, as propostas recibiron os votos en contra de BNG e PSOE, que se ampararon nos informes, entre outras argumentacións, para rexeitalas, e os votos a favor de PP e TEGA. En todo caso, o Alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a convocar aos voceiros municipais para intentar acordar unha ordenanza de consenso e que cumpra a legalidade.

Carballo acolle entre o 1 e o 7 de outubro o II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil para reflexionar sobre a mobilidade urbana

CINCO DÍAS DE CONFERENCIAS E ACTIVIDADES

Carballo acolle entre o 1 e o 7 de outubro o II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil para reflexionar sobre a mobilidade urbana

Martes 30 de setembro do 2014

O II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil converte a Carballo, a partir do mércores 1 de outubro, no eixo do debate sobre os modelos de mobilidade para os centros urbanos. Ata o martes 7, as instalacións do Fórum serán o espazo no que os expertos, as familias e os cativos e cativas analicen iniciativas xa postas en marcha, como o Pedibús ou Camiño Escolar; o traballo realizado noutras cidades até o de agora, como Pontevedra; iniciativas que están a piques de estrearse, como o Metrominuto; ou o papel das forzas de seguridade na regulación da mobilidade. O mércores e o xoves serán as ponencias, en horario de 11.00 a 13.00 horas; mentres que o venres 3 de outubro serán de 17.30 a 19.15 horas. O luns 6 e o martes 7, pola contra, a actividade trasladarase do Fórum aos centros de ensino do municipio, polas mañás, con Xornadas de educación viaria nos CEIP Fogar e Bergantiños. Así mesmo, está previsto instalar un parque de tráfico na Praza dos Bombeiros Voluntarios diante do Fórum, o venres pola tarde; e na Praza do Concello o luns 6 e o martes 7 de outubro, onde os cativos e cativas estarán ben atendid@s e aprenderán máis sobre circulación e educación viaria. Trátase da segunda edición desta cita que na súa primeira andaina centrouse na recén estreada iniciativa do Pedibús (na imaxe) e que agora quere seguir afondando en temas como os hábitos de mobilidade nos centros de ensino a autonomía infantil ou a mobilidade sustentable. Haberá expertos como as psicólogas Nerea González e Carme Loureiro, o arquitecto municipal Alfredo Garrote, a ambientalista Fins Eirexas, a Concelleira de Pontevedra Carme da Silva ou a oficial de Policía Diana Parente. O programa de actividades ao completo, clicando aquí.

Continúa "Carballo, senda do mar" cun taller de coctelería e coa implantación dun manual de boas prácticas para empresas

LUNS 29 E VENRES 3 DE OUTUBRO NO FÓRUM CARBALLO

Continúa "Carballo, senda do mar" cun taller de coctelería e coa implantación dun manual de boas prácticas para empresas

Luns 29 de setembro do 2014

Continúan as actividades gratuítas para hostaleiros, empresarios do sector turístico e emprendedores do Plan de Ecoturismo de Razo-Baldaio, "Carballo, senda do mar". O luns 29 de setembro é a quenda de 17.00 a 19.00 horas é a quenda para a celebración dun Taller de Coctelería na cociña do Fórum Carballo. O obradoiro será impartido por Javier García, quen ensinará aos asistentes como facer un bo cóctel e tamén que tipo de combinados se adaptan mellor ao no noso modelo de negocio. Para asistir só hai que presentarse no Fórum ás 17.00 horas ou ben chamar con antelación ao teléfono 981 709 013. Do mesmo xeito, o venres 3 de outubro ten lugar un taller de Asistencia técnica colectiva para a divulgación do Manual de Boas Prácticas para empresas turísticas. Neste caso, será Cristina García, consultora turística de Valora Consultores, quen ofreza as claves para establecer sistemas de autoavaliación de negocio ou de mellora empresarial colectiva a través do manual. A cita é, ao igual que a anterior, de 17.00 a 19.00 horas; igualmente, os interesados e interesadas poden presentarse no Fórum para asistir á sesión ou obter máis información sobre o programa "Carballo, senda do mar", no 981 709 013. Na imaxe, pode verse unha das sesións xa celebradas, neste caso co cociñeiro carballés Adrián Felípez, que ofreceu un auténtico recital de sabores. Sargo, fabas, "palomitas" de trigo, pepino "remolachado", pinto e outros moitos produtos autóctonos transformáronse grazas á maxia da cociña. Máis de trinta persoas, na súa maioría empresari@s e/ou traballador@s do sector da hostalería, asistiron ao taller.

Xa están colocadas o 98 por cento das lámpadas do novo alumeado público, estando a media de aforro nun 79 por cento

AS 160 RECLAMACIÓNS SERÁN CONTESTADAS A PRIMEIROS DE OUTUBRO

Xa están colocadas o 98 por cento das lámpadas do novo alumeado público, estando a media de aforro nun 79 por cento

Venres 26 de setembro do 2014

Unha vez finalizado o verán, e tal e como estaba previsto, tense realizado a implantación de 7.379 novas luminarias no sistema de alumeado público do municipio, o que supón aproximadamente un 98 por cento do total. Así o indican os datos achegados por Ferrovial UTE, empresa concesionaria do servizo. Nestes momentos tan só está pendente a instalación nos lugares de Carballo de Arriba (Carballo) e Piñeiro (Entrecruces), por ser necesaria a renovación dos cadros de mando que rexen a iluminación, ao non contar coas garantías suficientes de seguridade co novo alumeado. Nestes momentos xa comezou a fase 2 do servizo, e hai que subliñar que dende o día 10 de agosto a empresa é o novo titular da subministración eléctrica, asumindo así o aboamento mensual do consumo da instalación. Os resultados obtidos, comparándoos cos do mesmo período do ano pasado, verifican os aforros teóricos establecidos na elaboración do contrato adxudicado, sendo a media de aforro do 79 por cento, fronte ao 80 por cento calculado inicialmente. Respecto das reclamacións presentadas na casa consistorial, chegan a 160 (algunhas duplicadas), que supoñen o dous por cento de todas as luminarias do municipio. Entre as peticións, hai solicitudes de novos puntos de luz non existentes, reorientacións dos novos instalados ou propostas de supresión e reposición de puntos retirados. As demandas serán contestadas coa presentación a cada veciño ou veciña dun informe explicativo da situación de alumeado das zonas afectadas ao longo da primeira quincena do mes de outubro.

A ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo centra o debate do terceiro pleno celebrado en setembro

A SESIÓN INCLÚE A ADXUDICACIÓN DUN NOVO POSTO DO MERCADO

A ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo centra o debate do terceiro pleno celebrado en setembro

Venres 26 de setembro do 2014

As mocións presentadas polo PP e por TEGA relativas á derrogación, no primeiro caso, e á modificación, no segundo, da Ordenanza fiscal número 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo e residuos sólidos urbanos centrarán o debate do pleno ordinario previsto para o luns 29 de setembro. Trátase da terceira sesión celebrada no mes de setembro despois da celebración de dous plenos extraordinarios, un para recuperar a sesión que non se celebrou no mes de agosto e outro para sacar adiante o Contrato de xestión do ciclo integral da auga do Concello. No que respecta ás mocións presentadas, nas comisións informativas resultaron rexeitadas, no caso da do PP co voto de calidade e no caso da de TEGA por maioría ao absterse o PSOE e o PP. No caso da proposta do PP, os Servizos Económicos e de Intervención e o Servizo de Xestión e Inspección Tributaria e Catastral do Concello xa presentaran un informe no que se conclúe que non é posible levar a cabo unha derrogación da Ordenanza fiscal da taxa sobre recollida domiciliaria de lixo para regular a exención de pago para os propietarios de vivendas ou locais desocupados. Segundo este informe, esta petición sería "ilegal" e "incorrería en nulidade radical e de pleno dereito". Agora, os mesmos servizos veñen de elaborar outro informe, neste caso de 25 páxinas, no que se reflicte que a modificación da ordenanza nos termos presentados por TEGA, que propón a vinculación do cobro ao recibo trimestral da auga, tampouco é posible "por resultar contraria á legalidade vixente, vista a xurisprudencia aplicable ao caso" ademais de "discriminatoria".

Comeza o 25 de setembro a venda de bonos e de entradas soltas do programa de sala e do ciclo OTNI do FIOT

PARA TRES ESPECTÁCULOS DA RÚA DOS CONTOS: TICKETS EN SERVINOVA

Comeza o 25 de setembro a venda de bonos e de entradas soltas do programa de sala e do ciclo OTNI do FIOT

Mércores 24 de setembro do 2014

O xoves 25 de setembro ábrese o prazo para a venda de bonos da XXIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) para o público en xeral, como nos dous anos anteriores, a través do sistema de televenda de ou no teléfono 902 504 500 (en horario de 9.00 a 22.00 horas). Os bonos terán un prezo de 72 euros e 65 euros con prezo reducido para estudantes con carné acreditativo, maiores de 65 anos e parados. En total, e contando cos bonos postos a disposición dos soci@s, poñeranse á venda 225 bonos. As entradas soltas do programa de sala, ciclo OTNI e dos tres espectáculos da Rúa dos Contos que terán lugar no Mercado Municipal estarán á venda tamén desde o xoves 25 de setembro a través do mesmo sistema telemático e o día de cada función na mesma billeteira do Pazo da Cultura hora e media (de 19.30 a 21.00 horas) antes do seu inicio e sempre no caso de quedar butacas libres. Os tres espectáculos da Rúa dos Contos dos que poderán adquirirse os tickets a través de son "Antoloxía sen filtro" de Rober Bodegas (4 euros); "Psicópata" de Antón Coucheiro e "Os contos de Joselín da Central Folque" con Quico Cadaval e Celso San Martin(6 euros). De sobrar entradas, poderán mercarse no Mercado Municipal os propios días de función. O FIOT quere expresar de antemán o seu agradecemento ao público, que a través dos socios xa comezou a adquirir os bonos incluso antes de coñecer o programa, e confiando en que, como en anos anteriores, asistan para encher o auditorio do Pazo da Cultura.

O Fórum acolle unha clase maxistral do chef de "Larpeiros" e unha clase de corta de xamón para o alumnado de Hostalería

XOVES 25 DE SETEMBRO NAS INSTALACIÓNS DA MILAGROSA

O Fórum acolle unha clase maxistral do chef de "Larpeiros" e unha clase de corta de xamón para o alumnado de Hostalería

Mércores 24 de setembro do 2014

O xoves 25 de setembro o alumnado dos cursos de Servizos de Restaurante e Cociña que se están a formar na Escola de Hostalería do Fórum Carballo de cara á súa inserción no mercado laboral recibirán a visita de Mario Basoa Casal, o mellor tirador de cervexa de Galicia e finalista do campionato galego de xefe de sala maitre. Pero nesta ocasión a súa visita non ten que ver coa bebida, senón coa comida. Mario Basoa ofrecerá aos alumnos e alumnas de ámbolos cursos unha sesión formativa de corta de xamón, que será incluído no menú de fin de semana para os usuari@s do comedor social de Cáritas. Tamén o xoves 25 celebrarase nas instalacións da Escola de Hostalería un showcooking que conducirá Benigno Campos, do programa "Larpeiros" da TVG e autor de varios libros de cociña, de 16.30 a 18.30 horas. O ingrediente principal da demostración será a pataca fina de Carballo, xa que a proposta parte do GDR coa idea de promocionar este produto. As prazas son limitadas e as persoas interesadas en acudir poden anotarse no correo electrónico <info@adbergantiños.org> ou no teléfono 981 707 377. Lembramos, así mesmo, que xa están en marcha os talleres para a rede de empresarios do turismo, hostaleiros e emprendedores do Plan de Dinamización de Ecoturismo de Razo-Baldaio "Carballo, senda do mar", que tamén aproveita as instalacións do Fórum.

Comezan os talleres gratuítos do Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio: aprende a facer un café e a cociñar dieta atlántica

MÉRCORES 24 E VENRES 26 ÁS 17.00 HORAS

Comezan os talleres gratuítos do Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio: aprende a facer un café e a cociñar dieta atlántica

Martes 23 de setembro do 2014

O Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio "Carballo, senda do mar" inclúe numerosas accións, que van dende a realización dun roteiro guiado pola costa carballesa a través de códigos QR, ata a elaboración de contidos multimedia e material promocional, ou tamén e sobre todo, o desenvolvemento de accións formativas e de consultaría para profesionais do turismo do municipio e para emprendedores. Trátase de actividades gratuítas que terán lugar entre setembro e outubro e nas que poden apuntarse todas aquelas persoas que estean interesadas. O primeiro dos talleres é o mércores 24 de setembro e trátase do obradoiro "Como elaborar un bo café", impartido por un barista de Cafés Delta. A sesión levarase a cabo nas instalación de Cafés Delta, situadas no polígono de Bértoa (Rúa do Bronce, Parcela D10 Nº4) de 17.00 a 19.00 horas. O segundo está previsto para o venres 26 de setembro, tamén ás 17.00 horas, neste caso no Fórum Carballo. O encargado desta clase maxistral é o cociñeiro carballés Adrián Felípez (na imaxe), de Gastroconsulting, que conta cunha ampla experiencia en restaurantes con Estrela Michelín e ten compartido fogóns con chefs de renome internacional. Felípez falará das claves para elaborar menús saudables centrados na Dieta Atlántica, empregando productos do mar e a terra galegos. Ensinará como sacarlle partido aos produtos da contorna dependendo do tipo de negocio de restauración.

Aprobado nun pleno extraordinario o Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e 25 anos

RECIBIU O APOIO DE TODOS OS GRUPOS EXCEPTO O PSOE, QUE SE ABSTIVO

Aprobado nun pleno extraordinario o Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e 25 anos

Luns 22 de setembro do 2014

O pleno da corporación, reunido hoxe luns 22 de setembro nunha sesión plenaria extraordinaria, vén de aprobar o "Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Despois de que o asunto quedara sobre da mesa nunha sesión celebrada o 8 de setembro ao non conseguir a maioría absoluta necesaria para saír adiante na votación, e de que os voceiros municipais se reunisen para acordar a modificación dalgúns dos puntos do prego de condicións, finalmente o asunto recibiu o apoio de todos os grupos da corporación excepto do PSOE, que se abstivo. Hai que lembrar que a aprobación do contrato é o paso previo para licitar a xestión do servizo, un trámite urxente xa que o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas. O expediente de contratación recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. Despois da resolución plenaria, agora abrirase canto antes o proceso de licitación, con 30 días naturais para que as empresas presenten ofertas dende a publicación do anuncio nos boletíns oficiais (BOE e BOP).

Luz verde para a convocatoria de subvencións para proxectos de escolas deportivas nos centros de ensino do municipio

SOBRE DA MESA A ADXUDICACIÓN DA FASE I DO PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO

Luz verde para a convocatoria de subvencións para proxectos de escolas deportivas nos centros de ensino do municipio

Luns 22 de setembro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, fóra da orde do día, as bases para a convocatoria de subvencións para o financiamento de proxectos de escolas deportivas de base nos centros de ensino de educación infantil e primaria (CEIP) do municipio. O obxectivo destas subvencións é o de promover e difundir o deporte en idade escolar, fomentar a creación de asociacións deportivas, especialmente nos centros de ensino, e facilitar a práctica deportiva mediante proxectos de escolas deportivas en horario extra escolar nos centros de ensino durante o curso 2014-2015. O importe total das axudas que se concederán ascende a 29.000 euros e poderán concorrer as Asociacións de Nais e Pais (ANPAs), as seccións deportivas das ANPAs e as agrupacións deportivas escolares vinculadas aos centros de ensino de educación primaria sostidos con fondos públicos. Os grupos deberán estar formados por un mínimo de 12 e un máximo de 20 alumnos/as coa celebración dun máximo de dúas sesións semanais de entre 45 e 60 minutos de duración por cada escola deportiva. Así mesmo, as actividades desenvolveranse sempre nas instalacións do centro educativo en horario extra escolar e deberán ser aprobadas polo Consello Escolar e incluídas no PEC (Proxecto Educativo do Centro). O prazo de presentación de solicitudes, no Rexistro Xeral do Concello, será de 20 días naturais dende a publicación da convocatoria na prensa local e no Taboleiro de anuncios do Concello. No apartado de licenzas, a sesión tamén supuxo luz verde para unha licenza de obra e unha de obra e apertura.

Arrinca o proxecto de compostaxe caseira coa implantación do primeiro de 50 composteiros nunha vivenda na Milagrosa

A EXPERIENCIA DESENVOLVERASE DURANTE UN ANO EN TODO O MUNICIPIO

Arrinca o proxecto de compostaxe caseira coa implantación do primeiro de 50 composteiros nunha vivenda na Milagrosa

Luns 22 de setembro do 2014

O Alcalde, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas e de representantes de Urbaser UTE Carballo, como concesionaria do servizo de recollida de lixo do Concello, vén de asistir no xardín dunha casa situada na Avenida de Milagrosa á instalación do primeiro dos composteiros do programa de Compostaxe Caseira de Carballo Limpo que se porá en marcha nos próximos días en 50 vivendas unifamiliares dos veciños e veciñas que así o teñen solicitado. En cada unha das casas entregarase un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e ofrecerase a formación necesaria para poñelo en funcionamento. De feito, os beneficiarios do primeiro dos composteiros xa teñen recibido a información necesaria para comezar, que vai dende coñecer o correcto emprazamento da unidade -mellor nun lugar á sombra-, ata o tratamento dos residuos que se depositan no composteiro ou a aplicación de normas básicas como que a circulación do aire é fundamental para crear un compost de calidade e evitar a presenza de insectos ou de malos olores, que son un síntoma de que o proceso non se está facendo correctamente. Despois da implantación, os técnicos de Carballo Limpo realizarán un seguimento en cada vivenda, con dúas visitas semanais durante o primeiro mes e unha semanal durante o segundo, tendo previsto que a atención e acompañamento ás instalacións se prolongue durante seis meses. Na última etapa as visitas serán mensuais, de forma que as vivendas contarán sempre con atención especializada e supervisións.

Compartir: