Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Campamento Nocturno

INSCRICIÓNS ENTRE O 22 E O 26 DE SETEMBRO

O Campamento Nocturno "O Fiotiño" convida a 50 nenos e nenas a soñar cunha noite de teatro no Pazo da Cultura

Sábado 20 de setembro do 2014

Afondando no espírito que define a XXIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a organización aproveita a efeméride dos 450 anos do nacemento do gran dramaturgo Shakespeare para roubar o título dunha das súas obras máis emblemáticas e atoparlle un novo sentido, dando nome ao campamento infantil do "Fiotiño", que se estreou con grande éxito e aceptación na pasada edición do FIOT. O título da actividade, "O soño dunha noite de outono", será o fío argumental para crear unha montaxe teatral na que, partindo da fantasía e da creatividade e a través de distintas dinámicas e exercicios, os nenos serán os protagonistas dun divertido percorrido pola historia do teatro durante unha noite enteira. Nesta ocasión, debido ao éxito e demanda da primeira edición de 2013 (na imaxe), o "Fiotiño" organizarase en dúas quendas. A primeira iniciarase ás 19.00 horas do venres 3 e rematará ás 11.00 horas do sábado 4 de outubro e, de haber solicitudes para un segundo campamento, este terá lugar nos mesmos horarios comezando na tarde do sábado 4 de outubro e rematando na mañá do domingo 5. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos (teñen preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte). En cada quenda hai dispoñibles 25 prazas e o mesmo neno non poderá asistir as dúas noites. O prazo para anotarse estará aberto desde o luns 22 ata o venres 26 de setembro en horario de 10.00 a 13.30 horas nas oficinas administrativas Pazo da Cultura.

Os servizos económicos e tributarios conclúen que a exención de pago da taxa de lixo para vivendas desocupadas sería "ilegal"

DE TOMARSE ESE ACORDO SERÍA "NULO DE PLENO DEREITO"

Os servizos económicos e tributarios conclúen que a exención de pago da taxa de lixo para vivendas desocupadas sería "ilegal"

Venres 19 de setembro do 2014

A área de Servizos económicos e Intervención e o Servizo de Xestión e Inspección Tributaria e Catastral do Concello de Carballo veñen de emitir un informe no que se recolle que non é posible levar a cabo unha modificación da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa sobre recollida domiciliaria de lixo ou residuos sólidos urbanos que reflicta a exención de pago para os propietarios de vivendas ou locais desocupados. Segundo este informe, esta petición sería "ilegal" e "incorrería en nulidade radical e de pleno dereito", xa que para o cobro da taxa "resulta completamente indiferente que unha vivenda se use ou non". O texto aclara que "o relevante é que sexa vivenda", con "independencia do grao de utilización do servizo, posto que, por obriga legal, o municipio esta obrigado a prestalo e mantelo a disposición da veciñanza para cando o precisen". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira, presentaron os resultados deste informe, subliñando, en verbas de Lendoiro, que o servizo de recollida de lixo "é de recepción obrigatoria" por parte dos veciños, fagan ou non uso del "por lei", xa que o que se grava é "a posibilidade de uso, sempre e cando a vivenda sexa habitable". Regueira, engade ademais que "o que non se di é que se os que teñen múltiples vivendas non pagan", dado que é un servizo que o Concello ten que prestar por lei de forma obrigatoria "serán o resto dos veciños e veciñas os que teñan que asumir ese custo". Ferrero aclara tamén que "estamos a falar dunha taxa para cubrir custos", non dun imposto con afán recadatorio.

O Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio nace para "que a costa forme parte da vila" e construír un proxecto turístico global

"CARBALLO, SENDA DO MAR"

O Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio nace para "que a costa forme parte da vila" e construír un proxecto turístico global

Venres 19 de setembro do 2014

O Plan de Dinamización de Ecoturismo Razo-Baldaio acaba de nacer co obxectivo de coordinar a colaboración público-privada e construír un destino turístico global para "conseguir que a costa carballesa forme tamén parte da vida da vila" e desenvolver un produto baixo o epígrafe "Carballo, senda do mar". Así o expresaron Eugenia Juncal e Cristina García, de Valora Consultores, durante a presentación no Fórum Carballo desta iniciativa que xorde no Concello baixo o amparo do Grupo de Acción Costeira GAC3 Costa da Morte. O plan recolle a realización de distintas accións que perseguen aproveitar os recursos existentes na costa carballesa, impulsar a calidade do sector hostaleiro e poñer a disposición da veciñanza e dos visitantes unha serie de recursos, como rutas ou contidos multimedia, que permitan a posta en valor do espazo natural de Razo-Baldaio desde o punto de vista da sustentabilidade. Para acadar estes obxectivos realizaranse unha serie de accións, entre as que destaca a creación e sinalización de rutas na zona costeira empregando códigos QR, un método que se está estendendo na Costa da Morte a través dos proxectos GAC. Crearanse contidos multimedia que se porán a disposición dos visitantes a través do móbil e de páxinas web, e tamén mapas turísticos. E desenvolveranse unha serie de accións formativas dirixidas ao sector turístico co obxectivo, non só de mellorar a calidade do servizo hostaleiro, senón tamén de que se coñeza a fondo o espazo natural de Razo-Baldaio, algo, en verbas de Cristina García, "imprescindible" para poder promocionalo despois.

O Concello amplía e repara camiños, mellora o firme e realiza rebacheos en varias parroquias do municipio

OS TRABALLOS EN MARCHA SUPERAN OS 600.000 EUROS

O Concello amplía e repara camiños, mellora o firme e realiza rebacheos en varias parroquias do municipio

Venres 19 de setembro do 2014

O Concello informa de que estes días veñen de comezar os traballos de ampliación e reparación de viais, de rebacheo e reparacións de camiños e de construción de sobreanchos e mellora do firme de camiños en varios puntos do municipio. As empresas López Cao e Ramón Vázquez y Reino están executando os proxectos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014 (POS), cun importe total de 638.375,22 euros. Nestes momentos, as máquinas están traballando, dentro da actuación de "Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns do Concello de Carballo", na limpeza de cunetas nos camiños de Pedra do Sal á estrada de Caión, de Rebordelos a Sambade, das Encrucilladas á estrada de Caión por Vilar do Carballo, de Bértoa á estrada de Razo, de Xoañe a Piñeiro e, xusto hoxe, no camiño de Outeiro ao límite co Concello de Coristando. Tamén están presentes, dentro do proxecto para a "Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo", no camiño de Moucho-As Airas, de Moucho-Praza Sofán e de Paradela-A Piña. E por último, dentro do proxecto de "Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo", os operarios traballan en As Labradas-Vista Alegre, A Carracha-Paradela, Ramiscosa-Santa Margarita, Guitoi-Troiáns, e, xusto hoxe, en A Barreira-Ponte Rosende.

O Concello solicita ante a Deputación a mellora do firme na estrada de Santiago e a dotación dunha marquesiña en Vivente

O OBXECTIVO É REDUCIR OS ACCIDENTES EN ENTRECRUCES

O Concello solicita ante a Deputación a mellora do firme na estrada de Santiago e a dotación dunha marquesiña en Vivente

Xoves 18 de setembro do 2014

O Concello de Carballo vén de reiterar ante o departamento de vías e obras da Deputación provincial da Coruña a necesidade de que se mellore o firme na estrada CP-1914 entre Carballo e Santiago de Compostela á altura de Entrecruces, na contorna do lugar de Sabadín. Así, téñense rexistrado numerosos accidentes de tráfico neste treito da vía, de titularidade provincial, porque a calidade do asfaltado non é a idónea, algo que se reflicte especialmente nos días de choiva, cando se incrementa o perigo de esvaróns e de saídas de vía. De feito, hoxe, xoves 18 de setembro, rexistrouse unha saída de vía dun camión (na imaxe) precisamente nunha das curvas neste tramo da estrada. O obxectivo é conseguir mellorar a seguridade da vía e reducir o número de accidentes. Así mesmo, e tamén diante do departamento provincial de vías e obras, a administración local vén de solicitar a reposición dunha marquesiña na mesma estrada CP-1914, á altura de Vivente, na parroquia de Santa María de Ardaña. Así, trátase dun espazo onde numerosos veciños e veciñas, nomeadamente cativos e cativas, esperan o autobús decotío. Ante o comezo do curso e a chegada do inverno, o Concello solicita ante a Deputación provincial que coloque unha nova o antes posible. Noutra orde de cousas, e no apartado de obras, tamén hai que mencionar que teñen principiado os traballos de mellora de vías incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014 (POS), en Sísamo e Grela. O importe total do POS 2014 ascende a 638.375,22 euros.

O Xiria Pop mantén a calidade e a variedade musical con sons de EEUU, Reino Unido, Cataluña, País Vasco ou Galicia

VENRES 19 E SÁBADO 20 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O Xiria Pop mantén a calidade e a variedade musical con sons de EEUU, Reino Unido, Cataluña, País Vasco ou Galicia

Xoves 18 de setembro do 2014

Variedade de procedencia e de estilos caracterizan a oferta da XVII edición do Festival Xiria Pop, unha cita marcada no almanaque para moitos dos amantes da música pop e alternativa que teñen a Carballo como referencia durante o mes de setembro. Segundo explica o Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, o Xiria Pop é "unha forma máis de promocionar Carballo" nunha "aposta clara pola música en directo e de calidade". Xabier Graña, da Asociación O Molete Psicopop, organizadora da cita, subliña que "afortunadamente" cada ano atopa a moita xente, de Carballo e de fóra "que ten confianza no festival" e espera que este ano vexan unha vez máis correspondida esa confianza. No cartel hai grupos chegados de lugares tan dispares como Seattle e Sacramento (EEUU), Londres e Dublín (Reino Unido), e xa de máis preto de Cataluña, País Vasco ou Galicia. Anton Barbeau (Sacramento) e The Tripwires (Seattle) son os cabeza de cartel o venres 19 e o sábado 20 de setembro respectivamente. O primeiro toca varios instrumentos como a guitarra, o baixo, os teclados ou a batería e é coñecido polas súas melodías pop e letras surrealistas. Asegura que está "moi emocionado" de poder tocar no festival carballés. The Tripwires, grupo tamén chegado de EEUU, está formado por músicos de prestixio. O vocalista John Ramberg, tamén cantou e tocou a guitarra para grupos coñecidos e de calidade como The Model Rockets e The Minus 5.

A Oficina de Promoción Económica reanuda o seu programa de formación cun curso de redes sociais e outro de marketing

MÁIS INFORMACIÓN NO FÓRUM CARBALLO OU NO 981 709 013

A Oficina de Promoción Económica reanuda o seu programa de formación cun curso de redes sociais e outro de marketing

Mércores 17 de setembro do 2014

A Oficina de Promoción Económica e Emprego (OPE) do Concello de Carballo reanuda durante o mes de outubro o seu programa gratuíto de formación para emprendedores e empresarios cun curso sobre Plan de Marketing e outro sobre Redes Sociais. A formación desenvolverase dous días á semana nas instalacións do Fórum Carballo, aínda que tanto as datas coma os horarios concretaranse unha vez remate o período de inscrición. No curso de Plan de Marketing o obxectivo é realizar unha análise do negocio: a súa situación actual, os competidores, custes, posicionamento, recursos, etc. Con esa información como punto de partida, deseñaranse as estratexias a seguir e analizaranse os investimentos que, se é o caso, requirirían cada unha delas. Polo que se refire á acción formativa sobre Redes Sociais, o curso centrarase nas amplas posibilidades para o marketing que ofrecen na actualidade, na súa xestión e na análise das máis utilizadas e coñecidas. A matrícula mínima para que os cursos poidan celebrarse é de 15 alumnos e alumnas. Este curso está incluído nas accións formativas para a creación dunha marca de calidade turística, unha das liñas de actuación do Proxecto Anllóns-Bardoso, que está financiado con Fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Os interesados e interesadas en anotarse deben presentar a ficha de inscrición no Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, barrio da Milagrosa) ou enviala ao correo <paulalema@carballo.org>. Tamén é posible obter máis información contactando nese mesmo enderezo electrónico; chamando ao teléfono 981 709 013; ou no Fórum.

Os voceiros propoñen modificar os criterios de adxudicación e o canon da empresa que asuma o Contrato de xestión da auga

REPRESENTANTES DE TODOS OS GRUPOS DEBATERON DURANTE DÚAS HORAS

Os voceiros propoñen modificar os criterios de adxudicación e o canon da empresa que asuma o Contrato de xestión da auga

Xoves 11 de setembro do 2014

Os voceiros de todos os grupos municipais da corporación, Xosé Regueira, do BNG, Miguel Ferreiro, do PP, Manuel Andrade, de TEGA e José Antonio Viña, do PSOE, presididos polo Alcalde, Evencio Ferrero, e coa presenza da Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e do Concelleiro do PP Juan Carlos Castro, ademais dos técnicos responsables da elaboración do expediente, veñen de manter unha xuntanza na casa do concello para falar do "Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Despois de dúas horas de reunión, nas que se analizaron con detalle todos os aspectos recollidos no prego de condicións, con especial atención ás tarifas, ao canon da futura empresa adxudicataria e aos criterios empregados para realizar a adxudicación, acordouse realizar unha serie de modificacións no prego de condicións antes de volver a levar o asunto para a súa aprobación no pleno da corporación. Así, o primeiro cambio afectaría aos criterios de adxudicación, recibindo a proposta unha maior puntuación canto menor sexa o custo da tarifa final para os usuarios e usuarias. En segundo lugar, acordouse modificar o reparto do canon da adxudicataria, que sempre será dun mínimo de 3,5 millóns de euros. Así, se agora a empresa debía achegar esa cantidade na primeira anualidade, agora achegaría un millón de euros ao subscribirse o contrato. A cantidade restante ata cubrir o mínimo de 3,5 millóns achegaríase repartida nas dez seguintes anualidades do contrato.

O FIOT abre até o xoves 2 de outubro o prazo para anotarse no XIV Concurso de Teatro Lido

INSCRICIÓNS NO REXISTRO DE CULTURA OU NO DO CONCELLO

O FIOT abre até o xoves 2 de outubro o prazo para anotarse no XIV Concurso de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís"

Xoves 11 de setembro do 2014

Coa finalidade de promocionar o teatro entre os rapaces e rapazas e favorecer a súa iniciación na interpretación dramática a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) coa colaboración do Grupo Voz, convocan o XIV Concurso de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís". O obxectivo desta cita é o de premiar ao grupo de nenos e nenas de colexios e asociacións da comarca de Bergantiños que realicen unha mellor lectura teatralizada dun fragmento dunha obra de teatro a través da radio. Os grupos deberán de ser de entre 2 e 8 rapaces e rapazas que cursen Educación Infantil, Primaria ou Secundaria e poden estar dirixidos por un profesor ou monitor. Por motivos das necesidades técnicas de gravación, a organización só pode garantir a participación dos 30 primeiros grupos que se inscriban. O prazo de anotacións remata o xoves 2 de outubro e as inscricións deberán formalizarse no Pazo da Cultura de Carballo no Rexistro Auxiliar de Cultura ou no Rexistro do Concello. Tamén é posible facelo por fax no número 981 704 302. O concurso conta con dúas categorías diferenciadas por idades: por unha banda grupos no que a maioría dos integrantes sexan nen@s de ata 10 anos; e por outra grupos no que a maioría dos integrantes sexan nen@s de 11 anos ou máis. Haberá dous premios que consistirán en libros e material didáctico por un total de 700 euros. Ademais, o xurado poderá conceder accesits por 150 euros. Os premios están patrocinados por Libraría Brañas. Poden descargarse as bases máis abaixo nesta mesma nova, así como o impreso de inscrición.

Compartir: