Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
José Mato agradece ao Concello, ás forzas de seguridade e á veciñanza carballesa o apoio nos seus "momentos difíciles"

GRATITUDE POLA SOLIDARIEDADE E MOSTRAS DE CARIÑO

José Mato agradece ao Concello, ás forzas de seguridade e á veciñanza carballesa o apoio nos seus "momentos difíciles"

Mércores 10 de setembro do 2014

José Mato, o carballés acusado de tentar sacar ilegalmente un bebé de Colombia, vén de remitir unha carta de agradecemento ao Concello de Carballo na que expresa o "orgullo" que sente polos seus veciños e veciñas polo "esforzo que están facendo e a súa tenacidade por axudarme". A misiva comeza agradecéndolle ao Alcalde, Evencio Ferrero, "e a todo o persoal do seu Concello, incluídos os axentes da Policía Local e Garda Civil, o traballo e as mostras de apoio que estou recibindo, ao igual que das aldeas da contorna". Asegura que todo o traballo que se está facendo "dáme forzas para seguir combatendo esta inxustiza que, coa axuda de deus, pronto acabará". Explica que o proceso legal "vai desvagar", mais confía en que "pronto poda volver á miña casa". Na carta ten unha especial mención para "o cura, Don José, e para todos os veciños e veciñas que co seu apoio moral e económico están participando en concentracións, partidos de fútbol, marchas e venda de produtos". Sinala que "toda a miña vida estarei en débeda con vostedes, espero poder devolverlles todas esas mostras de cariños e solidariedade coa miña volta, libre desta inxustiza". Remata explicando que seguirá "informando periodicamente" da súa situación, "na medida en que me sexa posible", xa que "as condicións son moi difíciles para comunicarme" a pesar do apoio da súa familia, e lembrando que "vexan en min non só a un veciño, senón a un amigo". Os interesados e interesadas poden ler a misiva ao completo en pdf máis abaixo nesta mesma nova, ou clicando aquí.

O pleno apoia unha moción para rexeitar a proposta de reforma de Lei electoral que implicaría a elección directa do Alcalde

QUEDA SOBRE DA MESA O CONTRATO DE XESTIÓN INTEGRAL DA AUGA

O pleno apoia unha moción para rexeitar a proposta de reforma de Lei electoral que implicaría a elección directa do Alcalde

Martes 9 de setembro do 2014

O pleno da corporación carballesa vén de aprobar unha moción presentada polo PSOE na que se insta ao goberno de España a rexeitar a modificación da LOREG (Lei electoral) que propón o Partido Popular para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. O acordo foi apoiado por todos os grupos da corporación, excepto o PP, nun texto que recolle que "en España, os cambios de sistema electoral sempre se fixeron con consenso, diálogo e a través do pacto, xusto o contrario do que se pretende agora", ou que "non se poden plantexar cambios sobre a elección dos alcaldes modificando urxentemente a LOREG, sen acordo e a poucos meses das eleccións locais". Durante a sesión, tamén se debateu unha moción presentada polo PP na que se solicitaba xusto o contrario que na anterior, é dicir "que se adopten as modificacións legais oportunas que garantan o respecto á vontade maioritaria dos cidadáns e á estabilidade do Concello, de tal xeito que o cabeza da listaxe máis votada nas eleccións locais sexa elixido Alcalde". Neste caso, o resultado da votación foi xusto o contrario que na anterior, cos votos a favor do PP e en contra do resto dos corporativos, polo que foi rexeitada. Entre os asuntos que saíron adiante, hai que mencionar o apoio por unanimidade para o "Estudo detalle para ordenar volumes e concretar condicións estéticas dunha edificación de uso comercial na Avenida de Bértoa de Carballo". Trátase do Lidl, establecemento que agora mesmo conta cunha instalación provisional na Avenida de Bértoa. A empresa solicitou que se estipulen as directrices que se deben seguir para poder construír unha instalación definitiva de uso comercial.

O II Autocross Carballo converterá de novo ao Circuíto de Bértoa na capital galega do motor o 13 de setembro

A ORGANIZACIÓN CALCULA UNHA INSCRICIÓN DUNS 80 PILOTOS

O II Autocross Carballo converterá de novo ao Circuíto de Bértoa na capital galega do motor o 13 de setembro

Martes 9 de setembro do 2014

A Escudaría Máis Motor volve a organizar unha das citas fundamentais do almanaque no Circuíto Municipal de Bértoa. Neste caso trátase do II Autocross Carballo, que o sábado 13 de setembro a partir das 10.00 horas congregará a uns 80 pilotos nunha proba puntuable para o Campionato Galego, a antepenúltima do ano para esta competición. Juan José Puga Facal, presidente de Máis Motor, subliña as "perfectas condicións do Circuíto" e esperan igualar o éxito do I Autocross, celebrado este ano no mes de maio e que xuntou a 73 pilotos e a máis de mil afeccionados. Respecto da proba, resalta que "pouco ten que envexarlle ás do Campionato de España" debido ao grande nivel dos pilotos. Así, en kartcross, unha das categorías máis disputadas, está prevista a presenza de nomes como Maikel Vilariño, que vén de realizar un excelente papel no Campionato de España, Juanjo Mol, Iván Ares ou o carballés Daniel Mariño. Na categoría supercroscar 4x4 o favorito volve a ser Perfecto Calviño; mentres que en menos de 1.600 cc están Dani Castro ou Daniel Gorín; e en máis de 1.600 cc está prevista a participación de Tino Iglesias ou Javier Cotelo. Aínda que a cita comeza ás 10.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas, e continúa ás 12.00 horas cos adestramentos libres, as semifinais están previstas para as 15.30 horas e as esperadas finais para as 17.30 horas.

Aprobado o acordo para que a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) poda instalarse nas antigas oficinas da UAD

SESIÓN ORDINARIA DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o acordo para que a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) poda instalarse nas antigas oficinas da UAD

Luns 8 de setembro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida nunha sesión ordinaria, vén de aprobar o acordo para a "Concesión demanial á Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) dos locais onde se situou anteriormente a UAD (Unidade Asistencial de Drogodependencias), no edificio sito na Avenida do Ambulatorio" (na imaxe). O espazo que ocuparía a entidade sería de preto de 180 metros cadrados no semisoto do edificio por un prazo de dous anos, sen prexuízo da posibilidade de ampliar a concesión a dúas prórrogas por un período dun ano cada unha. Outras condicións son que a AGAT será a encargada de sufragar os gastos de electricidade, auga e saneamentos, así como outros derivados da súa actividade, durante o tempo que dure a concesión; ou que a concesión non poderá ser en ningún caso transmisible. A finalidade do acordo, a través dunha petición de uso dun ben de servizo público, é o de garantir a prestación de servizos asistenciais a nenos e nenas con discapacidades ou risco de padecelas. Así, a AGAT é unha asociación interdisciplinaria constituída por profesionais que traballan con nenos e nenas con discapacidades e coas súas familias. Está integrada por galegas e galegos procedentes das distintas disciplinas implicadas na Atención Temperá tanto no campo Sanitario como no Psicosocial e Educativo: Psicólogos/as, Pediatras, Neuropediatras, Fisioterapeutas, Foniatras, Rehabilitadores/as Infantís, Terapeutas Ocupacionais, Logopedas, Pedagogos/as, Profesorado de Educación Especial, Traballadores/as Sociais, Psicomotricistas, etc.

A viúva e os familiares do Médico Eduardo Mariño descobren a placa da rúa que leva o seu nome na contorna do Centro de Saúde

A SÚA FILLA AGRADECEU EMOCIONADA O XESTO DA CORPORACIÓN

A viúva e os familiares do Médico Eduardo Mariño descobren a placa da rúa que leva o seu nome na contorna do Centro de Saúde

Sábado 6 de setembro do 2014

O Médico Eduardo Mariño conta dende hoxe cunha rúa que leva o seu nome na capital municipal carballesa. A súa viúva, Amelia Callejo de Hoyos, foi a encargada, acompañada da familia, de destapar a placa nun sinxelo acto no que tamén estiveron presentes amigos do finado, así como representantes de todos os grupos da corporación. A filla do homenaxeado, Mónica Mariño, quixo agradecer este recoñecemento para o seu pai, falecido hai 15 anos, especialmente tamén pola situación da rúa, que ten a súa placa emprazada, precisamente, na contorna do edificio do antigo Ambulatorio e do actual Centro de Saúde e que no futuro ligará coa glorieta que se está construíndo na Avenida de Razo, a carón do Centro Comercial Bergantiños. Comparte zona con outras rúas dedicadas a médicos ilustres como Ramón y Cajal, Gregorio Marañón ou Severo Ochoa. Mónica Mariño, lembrou a figura do seu pai, "que era moi modesto", pero a quen, asegura, lle faría "moitísima ilusión" este xesto. Moi emocionada, rematou con verbas de recordo para o seu pai, mais tamén para o seu irmán. O acto, que a piques estivo de ser salpicado pola choiva, contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; dos voceiros de PP, TEGA E PSOE, Miguel Ángel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña; do deputado e médico Aurelio Núñez Centeno; e de numerosos membros da corporación como Belén Lendoiro, Luís Lamas ou Mar Eirís, entre outros. Os interesad@s poden ver unha galería de imaxes do acto no Facebook do Concello de Carballo, clicando aquí.

O comedor social de Cáritas volverá a aproveitar os menús elaborados no Curso de Cociña para desempregados do Fórum

O ACORDO VÉN DE PLASMARSE NUN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN

O comedor social de Cáritas volverá a aproveitar os menús elaborados no Curso de Cociña para desempregados do Fórum

Venres 5 de setembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez Calvo, veñen de asinar, diante da Xefa Territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad Alonso, un protocolo de colaboración co obxectivo de contribuír a axudar aos máis necesitados. Así, mediante este acordo, sempre que o programa formativo do Curso AFD de Cociña que se está a desenvolver no Fórum Carballo o permita, a comida elaborada e preparada a través das prácticas laborais desta acción formativa achegarase a Cáritas para que poidan distribuíla no seu comedor social durante as fins de semana, xa que o catering do comedor tan só traballa de luns a venres. O alumnado do curso elaborará 25 menús para distribuír os sábados e outros tantos para os domingos ata final de ano, período de duración da acción formativa. Desta volta cargaron os transportes con empanadillas de atún, sopa minestrone, galantina de ave con arroz pilaf e de postre torta de Santiago. Francisco Suárez quixo agradecerlle ao Concello, no nome dos beneficiarios do comedor, a súa boa vontade para ceder os alimentos e agradeceu o esforzo do alumnado na elaboración dos pratos. Pola súa banda, Ferrero quixo agradecerlle á Xunta que financie o Curso de Cociña e a Cáritas pola súa boa disposición para chegar a un acordo que beneficie a aqueles que máis o necesitan. Pilar Caridad tamén subliñou a "excelente colaboración" que a Consellería atopa no Concello e que permitiu sacar adiante esta iniciativa.

Asinados os tres contratos para a realización de traballos de construción de sobreanchos, rebacheo e reparación de camiños do POS 2014

ADXUDICATARIAS: LÓPEZ CAO E RAMÓN VÁZQUEZ

Asinados os tres contratos para a realización de traballos de construción de sobreanchos, rebacheo e reparación de camiños do POS 2014

Venres 5 de setembro do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura dos tres contratos de obras incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014 (POS), no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes da empresa Construcciones López Cao SL (na imaxe) e Ramón Vázquez y Reino SL, adxudicatarias das melloras. Así, serán os encargados de realizar os traballos de "Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo"; os traballos de "Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo"; e os de "Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns do Concello de Carballo". Nos dous primeiros casos, a adxudicataria é Construcciones López Cao. No caso de rebacheos, o prezo de adxudicación foi de 214.353,92 euros (IVE incluído). Nas obras de sobreanchos, o prezo de adxudicación foi de 203.866,85 euros (IVE incluído). Para rematar, no que se refire a ampliación de camiños estruturantes, a adxudicataria é Ramón Vázquez e o prezo de adxudicación foi de 220.153,45 euros (IVE incluído). O prazo de execución previsto para os tres proxectos é de dous meses. Os representantes das dúas empresas manifestaron a súa vontade de comezar cos traballos o antes posible.

O pleno aborda a aprobación do Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e un prazo de 25 anos

MOCIÓNS A FAVOR E EN CONTRA DA REFORMA DA LEI ELECTORAL

O pleno aborda a aprobación do Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e un prazo de 25 anos

Venres 5 de setembro do 2014

O pleno da corporación celebra unha sesión extraordinaria o luns 8 de setembro -correspondente coa sesión ordinaria do mes de agosto, que se traslada habitualmente aos primeiros días de setembro- na que o principal punto da orde do día é a aprobación do "Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Así, o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Aquagest, agora Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas. O expediente de contratación recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. Para saír adiante, debido ao seu importe e complexidade, o contrato deberá contar co apoio da mayoría de todos os membros da corporación (11 votos). De aprobarse, abriríase o proceso de licitación, con 35 días naturais para presentar ofertas dende a publicación do anuncio nos boletíns oficiais (BOE e BOP).

O Concello, Urbaser e Ecovidro colaboran nunha campaña para facilitar a reciclaxe dos envases de vidro entre os hostaleiros

O ÍNDICE DE RECICLAXE POR PERSOA NO MUNICIPIO É DE 16 KG AO ANO

O Concello, Urbaser e Ecovidro colaboran nunha campaña para facilitar a reciclaxe dos envases de vidro entre os hostaleiros

Xoves 4 de setembro do 2014

O Concello de Carballo, Urbaser e Ecovidro colaboran nunha nova campaña para facilitar a recollida e reciclado dos residuos de envases de vidro en locais hostaleiros da localidade. A iniciativa foi posta en marcha grazas á colaboración das Concellarías de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, e de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, en coordinación co responsable de Urbaser en Carballo, e de Germán Fernández Freire, Xerente de zona de Ecovidro en Galicia. Dita campaña arrincou xa en probas o pasado mes de agosto, tras un traballo de campo previo realizándose enquisas a preto de 70 establecementos, co obxectivo de informar desta iniciativa e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles a reciclaxe dos envases de vidro. Fíxose entrega aos locais participantes na campaña que previamente o solicitaron dun cubo con rodas de gran capacidade para o traslado dos residuos de envases de vidro ata o colector adaptado ao sistema. En total, entregaranse preto de 55 cubos con rodas e serán instalados 10 colectores tipo VACRI (Volteo para a Asistencia de Colectores Rodantes Individuais). Estes últimos foron adecuados cunha boca ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o baleirado do cubo cos residuos de envases de vidro froito da actividade hostaleira. Os colectores de vidro situados nas rúas, serven para recoller unicamente os envases: botellas, tarros e frascos que se consomen no sector e nos fogares.

Aberto o prazo até o luns 22 de setembro para anotarse no Programa de Exercicio Físico para maiores de 60 anos

INSCRICIÓNS NO REXISTRO XERAL OU EN CARBALLO DEPORTE

Aberto o prazo até o luns 22 de setembro para anotarse no Programa de Exercicio Físico para maiores de 60 anos

Luns 1 de setembro do 2014

O Concello, a través de Carballo Deporte, informa de que está aberto desde hoxe, luns 1 de setembro, e até o 22 do mesmo mes, o prazo para anotarse no Programa de Exercicio Físico para Adultos Maiores de 60 anos. Poden participar nesta actividade adultos maiores de 60 anos, veciños e veciñas do Concello de Carballo, que non presenten contraindicación absoluta para facer exercicio físico. Ofértanse un total de 570 prazas, distribuídas en 19 grupos e os interesados de interesadas poden formalizar a inscrición no Rexistro Xeral situado na Casa do Concello ou nas oficinas de Carballo Deporte situadas na rúa Vila de Corcubión. O proceso de admisión de solicitantes realizarase por grupos independentes atendendo á instalación en que se celebra a actividade, ben no Pavillón Vila de Noia, ben nas parroquias. No caso de haber máis novas solicitudes que prazas ofertadas, terán preferencia na admisión os participantes na edición 2013-2014. Se persistise un número superior de solicitantes que de prazas ofertadas, realizarase un sorteo público para os solicitantes restantes. Aos solicitantes poderáselles asignar a un grupo distinto do solicitado se houbera prazas libres. Quen queden sen praza estarán en listaxe de espera. A actividade, que pretende mellorar a saúde das persoas maiores a través de exercicios de intensidade baixa a moderada, transcorrerá entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de xuño de 2015.

A Praza dos Libros consolídase mantendo a participación e a venda do libro galego, que supuxo máis do 65 por cento

OS INGRESOS DA RECADACIÓN ROLDAN OS 16.000 EUROS

A Praza dos Libros consolídase mantendo a participación e a venda do libro galego, que supuxo máis do 65 por cento

Luns 1 de setembro do 2014

O Concello de Carballo e as librarías participantes fan unha valoración positiva da Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural que tivo lugar desde o xoves 28 ao domingo 31 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, na que houbo unha moi alta participación de público e visitantes, e na que se incrementaron lixeiramente as vendas con respecto ao ano pasado. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e arredor de dúas mil participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, obradoiros, actividades de animación, contacontos, concertos infantís, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros de case 16.000 euros. Esta cifra é similar ás das edicións de 2009, 2010 e 2012, e é algo inferior á de 2011, cando chegou aos 17.000 euros, e algo superior aos 15.000 euros recadados o ano pasado. Vendéronse na Praza dos Libros uns 1.600 libros, o 67% dos cales en galego. Por cuarto ano consecutivo, na Praza dos Libros de Carballo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán, algo que se incrementou notablemente desde o ano pasado e que este ano chega aos dous terzos de libros vendidos na lingua propia do país. Entre os máis vendidos hai que subliñar a obra colectiva "Contos de Taberna", baseada nunha campaña realizada en bares de Carballo.

Compartir: