Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Marchan a bo ritmo os traballos da II Fase da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

ESTÁ PREVISTO QUE O DEPÓSITO DE AUGA ESTEA LISTO EN OUTUBRO

Marchan a bo ritmo os traballos da II Fase da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Luns 1 de setembro do 2014

A bo ritmo e segundo a planificación prevista. Así cualifica o Xefe do servizo de proxectos e obras do Concello de Carballo, José Facal, a marcha dos traballos da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", que están sendo realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, do Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e da Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís, visitou o lugar onde se están realizando as obras da ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable), incluída no proxecto, na parroquia de Sofán, unha instalación que, coa potabilizadora xa existente, terá capacidade no futuro para abastecer todo o territorio carballés. Facal subliñou durante a visita que se están cumprindo os prazos estipulados no proxecto técnico e que se está traballando con celeridade aproveitando as boas condicións meteorolóxicas do verán. Segundo explica, o depósito de auga bruta que logo subministrará a nova estación poderá estar rematado no mes de outubro, mentres que está previsto que o groso da actuación estea listo a primeiros de maio de 2015, logo de oito meses e medio de execución.

Cinco de cada 100 usuarios e usuarias teñen atopado emprego a través dos servizos da Bolsa de Traballo Municipal

NESTE MOMENTO HAI REXISTRADAS MÁIS DE 1.300 PERSOAS

Cinco de cada 100 usuarios e usuarias teñen atopado emprego a través dos servizos da Bolsa de Traballo Municipal

Sábado 30 de agosto do 2014

Cinco de cada 100 usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo do Concello de Carballo atoparon emprego a través deste servizo municipal. Dende a súa posta en marcha, o 19 de novembro do ano 2012, a BDT xestionou a inserción laboral de 65 traballadores, 23 deles nos últimos catro meses. Este dato reflicte a boa acollida que a Bolsa de Traballo está a recibir por parte das empresas, que cada vez recorren con máis frecuencia ao servizo radicado nas instalacións do Fórum Carballo para contratar o seu persoal. De feito, dende maio foron ofertados 55 postos, un síntoma máis da crecente confianza na efectividade do servizo de mediación xestionado pola Concellería de Formación e Emprego. A día de hoxe están rexistrados na BDT un total de 1.340 persoas, das cales 632 son homes e 708, mulleres. En menos de dous anos, o servizo municipal recibiu 121 ofertas para cubrir un total de 145 postos de traballo. Neste tempo foron preto de cen as empresas que se achegaron ata as oficinas do Fórum para solicitar os servizos da Bolsa de Traballo, pero dun xeito especial dende principios deste ano. De feito, mentres que o número de demandantes de emprego aumentou menos dun 2 por cento dende xaneiro, o de postos de traballo ofertados incrementouse nun 45 por cen. Neste momento están pendentes de cubrir 23 postos de traballo.

O Concello recibe unha subvención de 110.000 euros do Inega para financiar a nova caldeira de biomasa da piscina Vila de Noia

NESTES MOMENTOS ESTÁ EN CURSO A LICITACIÓN DOS TRABALLOS

O Concello recibe unha subvención de 110.000 euros do Inega para financiar a nova caldeira de biomasa da piscina Vila de Noia

Venres 29 de agosto do 2014

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a través dunha convocatoria de subvención aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) de Galicia 2007-2013, vén de acordar a concesión dunha axuda de 110.000 euros para o "Subministro dunha caldeira de Biomasa para a mellora da eficiencia enerxética da piscina municipal Vila de Noia". O financiamento procedería nun 75 por cento dos fondos europeos Feader (con 82.500 euros); nun 12,13 por cento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (con 13.343 euros); e nun 12,87 por cento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. O orzamento inclúe o custo do equipo térmico, o custo do sistema de almacenamento de combustible, do sistema de alimentación de combustible, a montaxe e os accesorios necesarios. Hai que lembrar que nestes momentos xa está aberto o proceso de licitación do contrato e o período de presentación de ofertas no Perfil do Contratante. A parte do financiamento que corresponde ao Concello de Carballo levarase a cabo con cargo ao remanente de tesourería. O prezo de licitación estipulado no procedemento é de 241.987,89 euros (IVE incluído).

A Escola Basket Xiria comeza a tempada estreando unha nova páxina web: <www.carballobasket.es >

O NOVO SITIO DÁLLE IMPORTANCIA AOS DEPORTISTAS E ÁS FAMILIAS

A Escola Basket Xiria comeza a tempada estreando unha nova páxina web:

Venres 29 de agosto do 2014

A Escola Basket Xiria acaba de presentar a súa nova páxina web, que supón un paso máis no proceso de modernización e achegamento da actividade que desenvolve a entidade tanto ás máis de cen familias vinculadas ao club como ao público en xeral. A páxina quedou operativa ás 13.10 horas, nun acto celebrado nas oficinas da empresa carballesa DonClic, encargada do deseño do web. O seu xerente, Diego Iglesias, foi un dos participantes no acto de presentación xunto co presidente da Escola Basket Xiria, Diego Vázquez, o novo directivo Marcos Díaz Molk e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. O representante do Concello de Carballo subliñou a importancia das novas ferramentas tecnolóxicas para dar a coñecer a inxente actividade das entidades deportivas, e nese sentido louvou a facilidade de manexo do novo web da EBX. Marcos Díaz explicou o contido da páxina, na que cobran especial importancia os deportistas e as familias, que terán acceso sinxelo e rápido a toda a actualidade do club. O presidente da Escola Basket Xiria, pola súa banda, sinalou que o web é unha peza máis no proceso de renovación que vén de iniciar a entidade.

Asinado o contrato administrativo que suporá a posta en marcha da nova Biblioteca Municipal de Carballo

XA É POSIBLE SEGUIR O SERVIZO EN TWITTER EN @BIBLIOCARBALLO

Asinado o contrato administrativo que suporá a posta en marcha da nova Biblioteca Municipal de Carballo

Venres 29 de agosto do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo dos "Servizos Bibliotecarios municipais do Concello de Carballo", que implica a apertura e posta en marcha da nova Biblioteca situada na contorna de Rego da Balsa, na rúa Bos Aires. O acordo foi formalizado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e unha representante da empresa adxudicataria, Serindoc SL. O servizo foi adxudicado na Xunta de Goberno Local celebrada o 11 de agosto á mesma entidade que xestiona a Biblioteca de Narón, por un importe de de 90.508 euros anuais por un período de tres anos (con posibilidade de prórroga dun ano). A adxudicataria incluíu unha mellora sen custo adicional que supón un incremento de 432 horas de servizo. Nos últimos tempos o Concello vén realizando unha serie de trámites para axilizar a posta en marcha do servizo, como a subscrición dun Convenio entre o Concello e a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria para a creación e integración da Biblioteca na Rede de Bibliotecas de Galicia. Así mesmo, o Alcalde, Evencio Ferrero, vén de anunciar que o Concello minimizará o efecto do novo canon que gravará aos usuarios e aos empréstitos da biblioteca que ten previsto implantar o Ministerio de Educación e Cultura. Está previsto que, despois desta adxudicación e da formalización do contrato, a Biblioteca Municipal abra as súas portas ao público, segundo aseguran dende a adxudicataria, o antes posible. Dende agora, xa é posible informarse en Twitter sobre a nova biblioteca a través de @bibliocarballo.

Berocasión, a Feira de Vehículos de Ocasión de Carballo, volve un ano máis ao Parque de Rego da Balsa o 30 e 31 de agosto

ESTA EDICIÓN TEN COMO NOVIDADE UN CIRCUÍTO GRATUÍTO DE KARTS

Berocasión, a Feira de Vehículos de Ocasión de Carballo, volve un ano máis ao Parque de Rego da Balsa o 30 e 31 de agosto

Xoves 28 de agosto do 2014

O Parque de Rego da Balsa acolle un ano máis, e xa van nove, Berocasión, a Feira de Vehículos de Ocasión de Carballo na fin de semana do sábado 30 e domingo 31 de agosto. A feira do vehículo de ocasión, que dispón dunha exposición de máis de 300 vehículos, ten como participantes nesta nova edición a Automóviles Dimolk, Automóviles Caeiro, Automóviles Vilas Rama, Motor Carballo e Talleres J. Lema. O lugar elixido para a celebración da feira é un ano máis a contorna do Parque Rego da Balsa arredor das rúas Anxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos, e o horario de apertura previsto é de 10.00 a 22.00 horas. Ademais de vehículos usados, os veciños e veciñas poderán atopar os denominados "quilómetro 0", así como vantaxosos sistemas de financiamento e mellores garantías. Mais nesta edición de Berocasión 2014, Berocasión complementa a oferta da exposición cun circuíto de karts a pedais pensado para os máis pequenos, que poderán divertirse pedaleando en vehículos á súa medida que simulan auténticos fórmula 1. A iniciativa, organizada por Máis Motor, responde á filosofía da escudaría de promover os deportes do motor a todos os niveis e entre todos os sectores da poboación. Neste caso, dun xeito especial entre os rapaces para contribuír á súa educación viaria dende idades temperás. O circuíto de karts estará aberto o domingo 31 de 11.00 a 14.00 horas.

O historiador Xan Fraga reinvindica no pregón da Praza dos libros "a industria de Gutenberg" porque "os libros son vida"

CABEZA QUILES, OS BOLECHAS OU NEIRA VILAS ESTARÁN NESTA CITA

O historiador Xan Fraga reinvindica no pregón da Praza dos libros "a industria de Gutenberg" porque "os libros son vida"

Xoves 28 de agosto do 2014

"Debemos potenciar a lectura e os libros" porque "a industria de Gutenberg será a que nos salve de tanta ignominia que nos corroe". Son só algunhas das verbas do historiador carballés Xan Fraga no pregón da Praza dos Libros de Carballo, o punto de partida para catro días dun intenso programa no Xardín Municipal, "un espazo de encontro e intercambio", segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, para "fomentar lectores e lectoras porque é a única maneira de facer cidadáns libres". Xan Fraga reivindicou coas súas verbas a vila de Carballo, as bibliotecas os libros e os lectores, xa que "os libros son un ben estético, ético, económico e cultural", polo que hai que estar "en contra de canons e bibliotecas que sexan a costa dos lectores e dos libros". O historiador defendeu a "atención á canteira infantil e xuvenil" no fomento da lectura, e lembrou que "os libros saben a pan e gloria", porque "os libros son vida". Nun acto que comezou celebrando o fin das hostilidades en Gaza e dedicando un minuto de silencio ás vítimas por violencia de xénero en Galicia, un dos leitmotivs foi o rexeitamento do novo canon para as bibliotecas "un novo imposto", explica Evencio Ferrero, que gravará "cada usuari@ e cada libro que prestemos", pero "aínda que poñan dificultades, non deixaremos de atender as necesidades" dos veciños e veciñas na nova Biblioteca, que abrirá as súas portas nas próximas semanas.

As aventuras de "Os bolechas en Carballo" preséntanse en primicia na Praza dos Libros o domingo 31 de agosto

O LIBRO ENTREGARASE DE AGASALLO POR COMPRAS SUPERIORES A 30€

As aventuras de "Os bolechas en Carballo" preséntanse en primicia na Praza dos Libros o domingo 31 de agosto

Martes 26 de agosto do 2014

Son Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa. Poucos nenos ou nenas hai que non os coñezan a todos. Son Os Bolechas, a familia de personaxes infantís máis querida e máis coñecida en Galicia. Estiveron en Carballo, cóntano nun libro e volverán eles mesmos para presentalo na Praza dos Libros e para coñecer as nenas e nenos carballesas/es. Viñeron pasar uns días á casa de Martiña, unha amiga carballesa, estiveron no horto urbano e alí, mestres regaban, contáronlles que en Carballo a auga é algo moi importante, e que de feito Carballo naceu da auga. Así, despois de dar unha volta pola feira e probar o pan, van ao balneario, onde lles contan que as augas termais son a orixe da vila, e aos Bolechas ocórreselles bañar alí o seu can, Chispa. Mais, como todo o mundo sabe, a Chispa non lle gusta nada de nada bañarse... Pero Martiña insiste e di que a auga de Carballo é tan boa, que vai conseguir que Chispa se bañe na súa vila! Non o consigue no Balneario, pero aí comeza a aventura que os leva polo río Anllóns, Baldaio, a Férveda de Entrecruces, Razo, etc. para intentar que o can se meta na auga. E todo isto que lles pasou cóntano nun libro, que titulan "Os Bolechas en Carballo" (na imaxe, na feira diante do Mercado Municipal, nunha das páxinas do libro).

O Concello realiza traballos de renovación e acondicionamento de xogos no parque infantil da Praza da Cruz Vermella

A XUNTA DE GOBERNO ABORDA A ADXUDICACIÓN DE OBRAS DO POS 2014

O Concello realiza traballos de renovación e acondicionamento de xogos no parque infantil da Praza da Cruz Vermella

Venres 22 de agosto do 2014

A Brigada de Obras do Concello de Carballo acaba de rematar os traballos de acondicionamento e renovación de xogos do parque infantil situado na Praza da Cruz Vermella. Os traballos consistiron la colocación de caucho continuo en todo o espazo do parque e na substitución dos xogos infantís obsoletos e deteriorados por outros novos (como pode observarse na imaxe). Noutra orde de cousas, mais tamén dentro da actividade da vida municipal, hai que mencionar que o luns 25 de agosto ten lugar unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que entre os principais puntos da orde do día hai que mencionar a adxudicación de varios traballos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014 (POS). Así, a sesión inclúe a proposta de aprobación de adxudicación dos contratos administrativos de obras de "Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns do Concello de Carballo"; das obras de "Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo"; e por último, das obras de "Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo". No apartado de aprobación de expedientes de contratación a orde do día inclúe o contrato administrativo de servizos do "Programa de exercicio físico para maiores de 60 anos" do Concello de Carballo.

Creatividade e animación nunha nova edición da  Praza dos Libros, do 28 ao 31 de agosto en Carballo

A INAUGURACIÓN CORRE A CARGO DO HISTORIADOR XAN FRAGA

Creatividade e animación nunha nova edición da Praza dos Libros, do 28 ao 31 de agosto en Carballo

Venres 22 de agosto do 2014

O Concello de Carballo organiza un ano máis a Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural que terá lugar na capital bergantiñá do xoves 28 ao domingo 31 de agosto, unha feira que procura achegarlle á cidadanía a creatividade galega a pé de rúa. Así, literatura, actividades lúdicas, música infantil, presentacións, actuacións, lingua, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida e imaxinación o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. E a Praza dos Libros deste ano conta, por exemplo, con dúas publicacións en primicia: o libro Contos de taberna -no que participan máis de 30 creadores/as con textos e ilustracións baseados en bares de Carballo- e o libro infantil Os Bolechas en Carballo. Ademais haberá animación con Os tres tenedores, Ciclobiblioteca, Migallas, Os Bolechas, Luís Prego ou Raquel Queizás; presentacións de Suso Lista, Rosalía F. Rial, Fernando Cabeza Quiles, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Mercedes Leobalde, Xosé Iglesias ou Ramón Vilar; debates, obradoiros, etc., para configurar así un completo programa de difusión da creatividade cultural na rúa e concentrado en catro días. A inauguración desta nova edición da Praza dos Libros de Carballo terá lugar o xoves 28 ás 12.30 h, e o pregoeiro encargado de abrila será o historiador carballés Xan Fraga.

Os exitosos "Contos de taberna" nos que participaron 30 creadores e creadoras chegan agora en formato libro

PRESENTACIÓN O SÁBADO 30 DE AGOSTO NA #PRAZA DOS LIBROS

Os exitosos "Contos de taberna" nos que participaron 30 creadores e creadoras chegan agora en formato libro

Xoves 21 de agosto do 2014

Bares, que lugares... As tabernas sempre foron lugares de historias, de palabras, de interacción e comunicación. De creatividade e de contos. Por iso, creadoras e creadores diversos decidiron plasmar esas historias, contos, palabras e creatividade taberneira carballesa en textos e imaxes. Máis de trinta creadoras e creadores interviñeron en "Contos de Taberna" con textos e ilustracións inspiradas en diversos bares da capital bergantiñá, un proxecto impulsado polo Concello de Carballo no que participaron diversos locais hostaleiros difundindo durante o mes de maio -e con moi boa acollida- esas creacións entre a súa clientela. Palabras, historias e imaxes que agora se compilan neste libro. Co viño, de tapa, un conto. Coa cervexa un poema. Co café un debuxo. De aperitivo, conversa e inspiración. E a partir de agora pódeselle botar o dente a todo isto en formato libro para que, entre outras cousas, sigan entrando ganas de ir explorando os diferentes locais que o protagonizan. O libro, que conta coa colaboración do Concello de Carballo, está publicado pola editorial Embora e chegará ás librarías a principios do mes de setembro, mais xa se poderá adquirir en primicia na Praza dos Libros de Carballo, que terá lugar do xoves 28 ao domingo 31 de agosto. Alí terá lugar un acto de presentación deste novidoso libro o sábado 30 ás 20.30 horas.

Comezan os traballos para a construción dunha glorieta na estrada de Razo, na contorna do Centro Comercial Bergantiños

O OBXECTIVO É MELLORAR O TRÁFICO E A SEGURIDADE

Comezan os traballos para a construción dunha glorieta na estrada de Razo, na contorna do Centro Comercial Bergantiños

Xoves 21 de agosto do 2014

O Concello informa de que veñen de comezar na contorna da estrada de Razo as obras para a construción dunha glorieta que regulará o tráfico de vehículos na confluencia da Avenida de Razo e a Rúa Perú (na esquina co Centro Comercial Bergantiños-Gadis). O obxectivo é mellorar a fluidez da circulación e a seguridade viaria durante todo o ano, pero especialmente no verán, coincidindo coa tempada de praias na que se produce unha maior intensidade de tráfico e unha maior confluencia de vehículos. Os traballos acaban de comezar logo de que se recibise a autorización da Deputación Provincial da Coruña para proceder á execución das obras. Hai que lembrar que este proxecto realízase con cargo á incorporación de arredor dun millón de euros do remanente de tesourería, unha cantidade que tamén servirá para o financiamento doutros proxectos, como a creación doutra glorieta na contorna do Fórum Carballo, na confluencia das rúas Xílgaro, Luís Braille, Emilio González López e Saturnino Cuíñas, unha zona de elevado tráfico dende a posta en marcha do Fórum, e que continuará incrementando a confluencia de vehículos tan pronto se traslade á nave 2 a Oficina de Emprego da Xunta de Galicia, na actualidade situada na Praza da Cruz Vermella. Tamén hai que lembrar que con cargo a este remanente puido realizarse a peonalización da rúa Valle Inclán.

Compartir: