Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A artista Begoña Riobó presenta en Carballo o seu primeiro proxecto en solitario como violinista: "Riobó"

VENRES 22 DE AGOSTO ÁS 22.00 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

A artista Begoña Riobó presenta en Carballo o seu primeiro proxecto en solitario como violinista: "Riobó"

Mércores 13 de agosto do 2014

Begoña Riobó é, actualmente, a violinista con maior proxección no panorama musical galego, e preséntase o venres 22 de agosto en Carballo para dar a coñecer o seu primeiro proxecto en solitario como violinista folk: "Riobó". Artista completa que, ademais do violín, domina á perfección instrumentos como a zanfona e a arpa céltica, é, ademais, artista de presenza nacional e internacional, xa que forma parte das bandas de Carlos Nuñez, Susana Seivane, The Chieftains, Anxo Lorenzo ou Sondeseu. Así mesmo, ten estado presente nos mellores festivais do mundo. Riobó é o nome do seu grupo e tamén o do seu primeiro traballo que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos, entre eles Xosé Liz, á hora de arranxar e interpretar melodías de tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe. Un concerto cheo de enerxía, de moita elegancia e momentos de gran virtuosismo, unha mostra de sensacións onde conviven as raíces culturais máis puras con fórmulas interpretativas actuais. Música tradicional a rego cheo sen espazos para a melancolía e repleta de emocións e ledicia. O espectáculo será a partir das 22.00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva trasladarase ao auditorio do Pazo da Cultura; permitirase a entrada de balde ata completar aforo).

A Xunta de Goberno ratifica a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento. Anllóns-Bardoso"

LUZ VERDE PARA AS BASES DAS BOLSAS DE ESTUDO E TRANSPORTE

A Xunta de Goberno ratifica a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento. Anllóns-Bardoso"

Luns 11 de agosto do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de ratificar a desestimación de alegacións e o expediente de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso". Esta resolución chega despois de que o Concello fixese pública o pasado 6 de agosto unha notificación do Consello Consultivo de Galicia na que se recolle que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada "UTE Abastecemento a Carballo" incumpriu as súas "obrigas esenciais" á hora de executar o contrato e que, por unanimidade dos seus membros o Consello emite "un informe favorable á proposta de resolución". Hai que lembrar que o procedemento de resolución iniciouse o pasado mes de maio ao considerar o Concello que a UTE incumprira o seu contrato, xa que dende o 11 de setembro de 2013 -día seguinte ao da sinatura da acta de replanteo-, a UTE contou cun prazo de execución de oito meses para rematar os traballos. Mais a 10 de maio de 2014, e unha vez rematado o prazo, tan só estaban certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros (IVE incluído) do importe total da adxudicación. Tamén hai que engadir que xa está en marcha o concurso para realizar unha nova adxudicación destes traballos.

O Parque Empresarial de Bértoa acolle o VI Circuíto BTT 12 Horas de Carballo no que participarán 300 corredores

A CITA É O SÁBADO 23 DE AGOSTO

O Parque Empresarial de Bértoa acolle o VI Circuíto BTT 12 Horas de Carballo no que participarán 300 corredores

Sábado 9 de agosto do 2014

Carballo acolle o sábado 23 de agosto o VI Circuíto BTT 12 Horas que organiza a Asociación Deportiva Media Ducia coa colaboración do Concello de Carballo. Trátase dunha proba de mountain bike de carácter non competitivo baixo o manto da Federación Galega de Ciclismo, na que pode participar todo o mundo, profesional ou afeccionado, e auspiciada por numerosas entidades, tanto locais como incluso internacionais. Este ano a proba aumentou o seu cupo de participantes a 300 e unha vez máis cubríronse todas as prazas, incluso tendo que rexeitar inscricións. Segundo explica Moncho Ríos, de Media Ducia, isto débese ás características do circuíto, composto por un percorrido de aproximadamente nove quilómetros con zonas reviradas e estreitas en moitos tramos, o que provocaría que "un número elevado de participantes fixese que a circulación e os adiantamentos resultase difícil". O circuíto é practicamente o mesmo que en edicións anteriores e parte do Parque Empresarial de Bértoa transcorrendo polos montes locais e próximos ao polígono sen tocar ningunha zona de asfalto. A finalidade da proba é a acumulación de voltas e quilómetros de forma individual ou en equipos de dous, tres e catro ciclistas, e para iso os participantes portarán en todo momento un chip que por medio de MagmaSports permitirá que a organización contabilice as voltas que dan o longo das doce horas de competición.

O investimento do Concello nos últimos dous anos na mellora da rede viaria tanto rural como urbana supera os tres millóns de euros

SON ACTUACIÓNS EN VÍAS ESTRUTURANTES, SECUNDARIAS E FORESTAIS

O investimento do Concello nos últimos dous anos na mellora da rede viaria tanto rural como urbana supera os tres millóns de euros

Venres 8 de agosto do 2014

O investimento realizado polo Concello de Carballo na mellora da rede viaria municipal, tanto no casco urbano como no medio rural, nos últimos dous anos (incluíndo as actuacións previstas para 2014) supera os tres millóns de euros. Hai que excluír deste reconto os labores cotiáns de mantemento e desbroce que xestiona durante todo o ano a Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas (na imaxe de arquivo co Alcalde, Evencio Ferrero, supervisando este ano unhas obras viarias na Piña, Sofán). As actuacións véñense realizando de forma continuada nas 18 parroquias do municipio en todo tipo de vías, tanto estruturantes (que conectan núcleos de poboación) como secundarias ou vías forestais. Así mesmo, hai que incluír os labores de rebacheo que se realizan tanto no medio urbano coma no rural. Hai que subliñar que, en exclusiva no medio rural, os datos recompilados durante estes dous anos reflicten que o investimento superou o millón e medio de euros. Está previsto que durante o que resta de 2014 se realice un investimento de 348.739,27 euros para a mellora de vías no rural entre as actuacións incluídas no plan DTC 2013 da Deputación provincial e aquelas que se realizarán con cargo ao remanente de tesourería. No caso dos traballos en vías do casco urbano, o investimento realizado dende 2012 chega a preto de 700.000 euros, mentres que está previsto investir de aquí a final de ano outros 774.481,07 euros, tamén con cargo ao plan DTC e ao remanente de tesourería.

O terceiro Dirt Track Carballo reúne a afamados pilotos de toda España na contorna do Centro Comercial Bergantiños

SÁBADO 9 DE AGOSTO A PARTIR DAS 21.00 HORAS

O terceiro Dirt Track Carballo reúne a afamados pilotos de toda España na contorna do Centro Comercial Bergantiños

Venres 8 de agosto do 2014

A carreira nocturna Dirt Track Carballo congrega o sábado 9 de agosto na contorna do Centro Comercial Bergantiños na rúa Perú a un total de 23 pilotos da zona, pero tamén chegados de toda España, para ofrecer un emocionante espectáculo de motociclismo. Segundo explica César García de Seárez, de Creativa Digital e membro da organización, "cada ano tentamos facelo máis espectacular". Juan Puga, da escudaría Motor Bergantiños, organizadora da cita coa colaboración de Carballo Deporte, subliña que se ten traballado para mellorar a proba tanto no caso do cicuíto como no nivel dos pilotos. No primeiro caso, "abrimos un pouco máis as curvas respecto do ano pasado para que os pilotos incrementen a velocidade e sexa máis espectacular"; ademais, aumentouse o tamaño das gradas para poder acoller entre 1.800 e 2.000 persoas. E no segundo, atraendo a corredores de sona como Dani Rivas, piloto do Mundial de Superbikes; Nuno Pinto, portugués de elite en clase Supermotard; Nestor Cardona, afamado piloto catalán que corre no Campionato do Mundo; e coa presenza de varios pilotos de calidade chegados de Cataluña e Andalucía. Así mesmo, compiten os pilotos locais Juan Puga, Marcos Porteiro, Sergio Castro, Suso Martínez e Iván Moscoso. A cita é a partir das 21.00 horas e prolongarase ata pasadas as doce da noite. As entradas custan 10 euros, mais os clientes do CCB-Gadis poden obter un desconto do 50 por cento.

A organización espera que 150 xogadores participen na sétima edición do Torneo-Foliada de Volei Praia Concello de Carballo

DOMINGO 10 DE AGOSTO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

A organización espera que 150 xogadores participen na sétima edición do Torneo-Foliada de Volei Praia Concello de Carballo

Venres 8 de agosto do 2014

As catro pistas da Explanada de Razo acollen o domingo 10 de agosto a partir das 11.00 horas a celebración da sétima edición do VII Torneo-Foliada de Volei Praia Concello de Carballo. A organización, que mantén a inscrición aberta até o venres 8 de agosto a última hora, espera que se supere a participación do ano pasado, cifrada en 148 xogadores e xogadoras. Rosalino Mariño, da Asociación de Volei Praia Costa da Morte, subliña que a actividade das Escolas de Volei Praia ten sido moi elevada no que vai de verán, xa que "moita xente vai única e exclusivamente á Explanada para xogar ao volei", o que tamén contribúe ao éxito do torneo. Respecto das modalidades da cita son Super80, Sénior, Sub15 e Supermini en categorías masculina, feminina e mixta e Mariño asegura que estarán presentes "as mellores parellas de Galicia", chegadas moitas da Coruña, pero tamén de Pontevedra e, por suposto, de Carballo. A actividade deportiva compleméntase coa degustación dunha paella para 100 persoas, o reparto de bolos preñados por cortesía de Panadería Roiser e con actividades lúdicas como tiro da corda, lanzamento de globos de auga ou lanzamento de pedras, xogos que reforzan o carácter familiar do torneo. Os interesad@s en anotarse poden aínda obter máis info en Facebook ou formalizar a inscrición no enderezo electrónico ou no teléfono 606 400 858.

O Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento"

PRESENTADAS 17 EMPRESAS AO NOVO CONCURSO

O Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento"

Mércores 6 de agosto do 2014

O Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta do Concello para a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso". Así o fixeron público a Alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, despois de que o Concello teña recibido unha notificación do Consello Consultivo na que se recolle que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada "UTE Abastecemento a Carballo" incumpriu as súas "obrigas esenciais" á hora de executar o contrato e que, por unanimidade dos seus membros o Consello emite "un informe favorable á proposta de resolución". Segundo explica Lantes, este documento reflicte o acordo do organismo "con todos os puntos" da argumentación presentada pola administración local, subliñando que "a proposta de modificación do contrato" realizada no seu momento por parte da UTE "non a habilita para suspender a obra" porque "en ningún modo se impedía que o contratista realizase outros aspectos do contrato", como, por exemplo, a colocación das canles. Lantes tamén explica que, aínda que a UTE presentou as súas alegacións en contra da resolución do contrato fóra de prazo, os servizos xurídicos e administrativos do Concello as estudaron e xustificaron os motivos para rexeitalas e continuar co proceso de resolución.

Amancio Prada celebra en Carballo o 40 aniversario do seu primeiro disco cun concerto na Praza do Concello

VENRES 8 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

Amancio Prada celebra en Carballo o 40 aniversario do seu primeiro disco cun concerto na Praza do Concello

Martes 5 de agosto do 2014

O cantautor ponferradino Amancio Prada regresa logo de moitos anos a Carballo para celebrar o 40 aniversario do seu primeiro disco "Vida e Morte". Este será o punto de partida para un recital de cancións e composicións que representan o universo tan característico do estilo pradiano. Este concerto é unha oportunidade única para escoitar a música deste magnífico cantautor de profundas raíces populares e de pura sensibilidade, onde teñen cabida temas propios ou baseados en textos de grandes poetas e poetisas como Rosalía de Castro, García Lorca, San Juan de la Cruz ou Sánchez Ferlosio, entre outros. Desde sempre moi vencellado a Galicia e á súa lingua, xa que a súa familia era do Bierzo, Amancio Prada é un dos grandes abandeirados da canción en España e, mostra disto, son os máis de 35 discos publicados e o grande número de recoñecementos (máis de 25 entre premios e mencións) que recibiu ao longo da súa carreira musical como a Medalla Castelao, a de Oro del Círculo de Bellas Artes de Madrid ou a Medalla de Oro al Mérito de Bellas Artes no ano 2010. A cita, "40 anos de Vida e Morte", é o venres 8 de agosto ás 22.30 horas na Praza do Concello e no marco do Verán Cultural 2014.

Senda Nova propón un "Verán ao natural" que conta cun Curso de cartografía, unha ruta nocturna e unha viaxe a Asturias

ENTRE O 6 DE AGOSTO E O 28 DE SETEMBRO

Senda Nova propón un "Verán ao natural" que conta cun Curso de cartografía, unha ruta nocturna e unha viaxe a Asturias

Luns 4 de agosto do 2014

A Asociación Ambiental Senda Nova comeza unha serie de actividades enmarcadas no programa "Verán ao natural" que inclúe roteiros, viaxes e a segunda edición do Curso de Cartografía e Orientación. Precisamente este curso que pretende ofrecer unhas nocións básicas sobre cartografía e orientación no medio natural, tanto desde o punta de vista teórico como práctico, desenvolverase entre o mércores 6 e o sábado 9 de agosto. As xornadas de aula (teóricas e prácticas) serán mércores, xoves e venres, mentres que o sábado terá lugar unha saída ao medio para poñer en práctica o aprendido. As actividades de Senda Nova continúan cunha Ruta infantil nocturna o sábado 9 de agosto. Así, aproveitando que para a noite do sábado está prevista unha "súperlúa" chea, realizarase unha ruta nocturna (con durmida ao aire libre) dirixida a un público infantil. As citas do Verán ao natural pechan xa no mes de setembro, cunha excursión para observar a berrea (período de celo do cervo vermello, denominado así debido ao son gutural que emiten os machos) os días 27, 28 e 29 do mes. Así, un ano máis, Senda Nova volve ao concello de Llaviana (Asturies) para subir á montaña e poder contemplar, ao anoitecer e ao amencer, o fermoso espectáculo da Berrea. Dúas noites na montaña, illados do mundo e con durmida nas zonas de avistamento. Máis info no 606 793 214, no 619 891 480 e no correo <sendanova@hotmail.com>.

A notificación da Xunta sobre o Conservatorio afirma que non é preciso informe algún para que continúe a actividade do centro

SÓ SERÍA NECESARIO PARA A POSTA EN MARCHA DE NOVOS SERVIZOS

A notificación da Xunta sobre o Conservatorio afirma que non é preciso informe algún para que continúe a actividade do centro

Luns 4 de agosto do 2014

O Concello de Carballo acaba de recibir unha notificación de José Alberto Pazos Couñago, Director Xeral de Administración Local, en relación coa prestación do servizo do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo. Así, a administración carballesa estaba pendente de recibir un informe da Xunta que autorizase expresamente a continuidade do servizo do Conservatorio, xa que, segundo os servizos xurídicos do Concello, en virtude da nova Lei de Réxime Local determínase que os concellos carecen de competencias para prestar servizos educativos como o do Conservatorio, xa que estes deberían estar xestionados pola comunidade autónoma ao ser "ensinanzas especiais". Porén, a notificación remitida pola Xunta asegura que, segundo o artigo tres da Lei non é necesario o informe cando non se trata do "exercicio de novas competencias", senón "da continuidade na prestación de servizos xa establecidos", como sería o caso do Conservatorio, que leva anos en marcha. Segundo a notificación, as "competencias xa se viñan prestando polo Concello con anterioridade á entrada en vigor da lei, polo que non precisan informes de sustentabilidade ou duplicidade que teña que emitir esta Comunidade Autónoma". O Concello esperará a que os servizos xurídicos municipais se pronuncien sobre esta notificación da Xunta, que implicaría que non é necesario informe algún para que o servizo continúe como até o de agora.

Telón e Aparte abre o prazo para renovar a cota de socio que dá dereito a dous bonos para a XXIII edición do FIOT

O TRÁMITE DEBERÁ REALIZARSE ENTRE O 6 E O 15 DE AGOSTO

Telón e Aparte abre o prazo para renovar a cota de socio que dá dereito a dous bonos para a XXIII edición do FIOT

Venres 1 de agosto do 2014

Na asemblea ordinaria da Asociación Telón e Aparte celebrada o pasado 14 de xullo, decidíronse por unanimidade as condicións para a adquisición dos bonos para a vindeira edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) por parte dos socios, así como para unha posible nova campaña de captación, condicionada polo número de baixas que se produzan. Aqueles socios/as que desexen continuar vinculados á Asociación Cultural Telón e Aparte deberán aboar, entre o 6 e o 15 de agosto, unha cota de 20 euros por transferencia bancaria (igual que o ano anterior). Todos os socios/as terán dereito a dous bonos para asistir ás funcións de sala da XXIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Un deles co 10 por cento de desconto e o outro, a prezo ordinario. O prazo previsto de venda para os asociados será do 19 ao 23 de setembro. Por outra parte, aquelas persoas que desexen darse de baixa da Asociación Cultural Telón e Aparte terán que cubrir un impreso, que poden descargar da páxina web ou solicitar na Concellaría de Cultura, e entregalo asinado no departamento municipal no seu horario de atención ao público. O prazo para darse de baixa empezou o 15 de xullo e remata o martes 5 de agosto. A aqueles que non se dean de baixa, faráselles efectivo o cobro.

A praia de Razo vístese de surf e música alternativa coa novena edición do Festival Sereas e Piratas: o sábado 2 de agosto

OS VASCOS DELOREAN SON OS CABEZA DE CARTEL

A praia de Razo vístese de surf e música alternativa coa novena edición do Festival Sereas e Piratas: o sábado 2 de agosto

Xoves 31 de xullo do 2014

O sábado 2 de agosto volve á praia de Razo o festival Festival Sereas e Piratas que cumpre nove anos animando aos fans da cultura surf e da música alternativa cunha xornada chea de música e deportes no areal carballés. Campionatos de surf, skate, volei praia e, como novidade en 2014, actividades para os máis cativos e cativas co Pequepop. Unha xornada familiar que nunca perde de vista o apartado musical coa presenza dos grupos máis punteiros do panorama indie. Despois do éxito do ano pasado, e á espera do estado das condicións meteorolóxicas, Sereas e Piratas repite a sesión vermú coa banda viguesa indie pop Linda Guilala ás 14.00 horas. A media tarde o grupo carballés Apart terá a oportunidade de animar a terraza do festival, que acolle todas as citas gratuítas. Xa pola noite na carpa, que protexerá de calquera revés do tempo, a partir das 21.00 horas e con acceso con entrada, actuarán os carballeses Arabian Evils co seu punk melódico; os "gamberros" Novedades Carminha; os madrileños Trajano!; o surf rock poñerano os cataláns Tiki Phantoms; os tamén madrileños Nudozurdo actuarán no seu único concerto en Galicia; e, para rematar, o prato forte, que será Delorean (na imaxe), un grupo vasco tecno pop cunha enorme proxección internacional pero que quixeron vir a Carballo sete anos despois da súa estrea no festival. A festa remata con FaberDj.

Compartir: