Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno da corporación aproba todos os asuntos incluídos na orde do día entre os que está a licitación de doce postos do Mercado

UNANIMIDADE PARA AS NOVAS TARIFAS DE TAXI

O pleno da corporación aproba todos os asuntos incluídos na orde do día entre os que está a licitación de doce postos do Mercado

Martes 29 de xullo do 2014

A corporación carballesa vén de celebrar o pleno ordinario correspondente co mes de xullo no que se aprobaron todos os asuntos incluídos na orde do día en menos de media hora de sesión. Entre eles, hai que subliñar a luz verde para o Contrato administrativo especial para as "Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Así, o acordo suporía a licitación, mediante concurso aberto, da explotación de doce postos destinados á venda ao público de produtos de consumo, seis almacéns (con cámaras de frío) para postos destinados á actividade de carnicería e cinco almacéns para outros postos ou locais arrendados. Entre os criterios de adxudicación, o que máis pesaría sería a oferta económica, con ata 90 puntos, e en segundo lugar, con ata 10 puntos, teríase en conta o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda que se licita. O prazo da concesión será o ofertado polo adxudicatario, non podendo exceder do prazo de vinte anos, sen posibilidade de prórroga, para os doce postos destinados á venda ó público. O prazo da concesión para os once almacéns para outros postos será o mesmo que o da concesión do posto de venda ao que sexa vinculado. O Concello licita os postos ante o interese amosado pola veciñanza.

María do Ceo ten nome de fado e achega esta música tradicional portuguesa á Praza do Concello no marco do Verán Cultural

VENRES 1 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

María do Ceo ten nome de fado e achega esta música tradicional portuguesa á Praza do Concello no marco do Verán Cultural

Martes 29 de xullo do 2014

O fado en estado puro dálle nome ao estilo de María do Ceo. Esta cantante recoñecida como unha intérprete da música tradicional portuguesa, é considerada no mundo do fado como unha das grandes solistas deste xénero musical, tanto polo seu estilo de cantar como pola súa interpretación. Neste concerto poderemos escoitar unha selección dos mellores temas da súa historia discográfica. Un fermoso regalo que cobra unha especial forza a súa voz, coa que logra transmitir emocións e sentimentos, cunha melancolía, tenrura e paixón propia dunha excelente cantante de fado. María do Ceo conxuga as súas múltiples influencias do sentir portugués e a dozura natural do idioma galego, creando de inmediato co público un ambiente máxico cheo de musicalidade. Cunha extraordinaria traxectoria internacional esta artista foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo. No 2001 foi convidada para participar no primeiro e grande homenaxe póstuma á persoa que máis influíu na súa forma de cantar, Amalia Rodrigues, deixando extasiado ao público do Coliseo de Lisboa. Asistir aos concertos de María do Ceo, significa somerxerse nun ambiente musical eclíptico pero familiar, de enorme beleza, onde entendemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica. A cita, de balde, é o venres 1 de agosto ás 22.30 horas na Praza do Concello. Colabora a Deputación da Coruña.

As análises indican que tres das catro zonas de baño habilitadas na praia de Razo teñen unha calidade de auga "excelente"

O BAÑO ESTÁ PERMITIDO NA CABREIRA E NA ZONA DOS SOCORRISTAS

As análises indican que tres das catro zonas de baño habilitadas na praia de Razo teñen unha calidade de auga "excelente"

Luns 28 de xullo do 2014

O goberno carballés informa de que as análises realizadas nas catro zonas de baño da praia de Razo (A Cabreira 1, A Cabreira 2, Caseta dos Socorristas e Explanada) reflicten que en todas as áreas -excepto na Explanada, nestes momentos pechada para o baño- a calidade da auga é "excelente". Ademais, o Xefe do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto Facal, asegura nun informe que a 100 metros a ámbolos dous lados da desembocadura dos regos da Explanada non se presenta ningunha incidencia nas mostraxes realizadas. Polo tanto, o baño está permitido con total seguridade para os usuarios e usuarias en toda a praia de Razo excepto na zona da Explanada. Souto Facal engade no seu informe que as 8 zonas de baño vixiadas polo Servizo de Salvamento e Socorrismo de Carballo (4 en Razo, 3 en Baldaio-As Saíñas e 1 en Pedra do Sal) están controladas sanitariamente de forma permanente polo Servizo de Riscos Ambientais e Sanidade Ambiental da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e, segundo subliña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, "o servizo de Protección Civil de Carballo cumpre escrupulosamente coas normas sanitarias". O Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, asegura ademais que se teñen realizado mostraxes e análises continuadas dende o primeiro momento en que a Consellería de Sanidade informou do problema, a primeiros de xullo, cando a Explanada tamén estivo pechada para o baño entre os días 2 e 11 do mes (inclusive), e tamén dende o 23 de xullo durante o segundo peche que continúa a día de hoxe.

Luz verde para as bases da convocatoria de subvencións ás asociacións que desenvolvan accións no eido dos servizos sociais

AXUDAS PARA CONTRATAR UN AXENTE DE EMPREGO LOCAL

Luz verde para as bases da convocatoria de subvencións ás asociacións que desenvolvan accións no eido dos servizos sociais

Luns 28 de xullo do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, no apartado de subvencións, as bases e a convocatoria que teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia para fomentar as actividades que no eido dos servizos sociais promovan asociacións e entidades sen ánimo de lucro, que poidan ser consideradas de interese social para o Concello de Carballo, contribuíndo á consecución de actuacións que de xeito prioritario se dirixan á poboación máis desfavorecida. Para a concesión destas axudas dirixidas á realización de actuacións puntuais ou de carácter anual no eido dos servizos sociais, destinarase un importe máximo de 25.000 euros (3.000 euros máis que en 2013) que se imputarán á partida correspondente dos orzamentos xerais do Concello. Poderán ser obxecto de subvención as accións de servizos sociais puntuais ou anuais dirixidas: á comunidade, á familia, infancia e mocidade, minusválidos/as, vellez, muller, drogodependencias e alcoholismo, minorías étnicas, delincuencia e reinserción de ex internos, outras problemáticas de marxinación social e as dirixidas a accións de carácter formativo ou asistencial. O prazo de presentación de instancias será o de 20 días naturais dende o día seguinte ao da publicación das bases na prensa local, publicación que se realizará en próximas datas.

O prestixioso enólogo Xurxo Alba visita o Curso de Servizos de Restaurante para desempregados que se desenvolve no Fórum

LUNS 18 DE AGOSTO ÁS 11.00 HORAS

O prestixioso enólogo Xurxo Alba visita o Curso de Servizos de Restaurante para desempregados que se desenvolve no Fórum

Sábado 26 de xullo do 2014

O luns 18 de agosto ás 11.00 horas acudirá ao Fórum Carballo o enólogo Xurxo Alba de Bodegas Albamar (Rias Baixas) para visitar as instalacións do Centro Municipal de Formación do Concello de Carballo e o curso de formación para o emprego de Servizos de Restaurante que comezou o pasado 1 de xullo e que finalizará no mes de decembro deste ano. Este curso foi concedido pola Consellería de Traballo e Benestar e está dirixido prioritariamente ás persoas desempregadas co obxecto xeral de aportar unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda os requirimentos de competitividade das empresas, ao tempo que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, e as capacite para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego. Consta de 618 horas lectivas que comenzaron o 1 de xullo e rematarán o 4 de decembro de 2014. O alumnado aprenderá a desenvolver e montar todo tipo de servizos de alimentos e bebidas en restaurante e preparar elaboracións culinarias á vista do comensal, aplicando con autonomía as técnicas correspondentes, recepcionando e atendendo ao cliente, utilizando en caso necesario, a lingua inglesa, conseguindo a calidade e obxectivos económicos establecidos e respetando as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria.

O novo alumeado de Carballo supón un aforro do 80 por cento no consumo e unha mellora visual e medioambiental

EN AGOSTO REMATARÁ A SUBSTITUCIÓN DAS 7.500 LUMINARIAS

O novo alumeado de Carballo supón un aforro do 80 por cento no consumo e unha mellora visual e medioambiental

Venres 25 de xullo do 2014

Ao longo do mes de agosto quedará rematada a substitución das 7.500 luminarias do alumeado público do municipio de Carballo, segundo a planificación de traballo establecida pola UTE Ferroser-Ferrovial. A día de hoxe son máis de cinco mil os puntos de luz nos que a empresa concesionaria do servizo público cambiou as vellas lámpadas de vapor de sodio por LEDs, chegando ata o 90 por cento no casco urbano. O novo alumeado supón un aforro enerxético do 80 por cen, reduce a contaminación, aumenta a reprodución cromática e mellora a seguridade viaria. O alumeado público do municipio de Carballo estaba formado por bombillas de vapor de sodio, que están a ser substituídas por lámpadas LED, máis eficientes enerxeticamente. Na zona costeira, que será a última na que se realizará o cambio, utilizaranse luminarias con tratamento anticorrosión para evitar os efectos do mar. Os estudos previos sitúan o aforro arredor do 80 por cento no que se refire a consumo eléctrico, o que se trasladará ao recibo da luz. De cara ás arcas municipais, o sistema de concesión do servizo polo que optou a Administración local suporá tamén un aforro engadido, xa que o Concello pagará a mesma cantidade anual durante todo o período de vixencia do contrato coa UTE Ferroser-Ferrovial. Serán 796.800 euros/ano, que inclúen tanto o gasto de subministro como o servizo de mantemento.

Corenta olladas sobre Galicia en branco e negro permanecen no Fórum Carballo en forma de exposición até o 15 de agosto

A INICIATIVA NACEU NAS REDES SOCIAIS

Corenta olladas sobre Galicia en branco e negro permanecen no Fórum Carballo en forma de exposición até o 15 de agosto

Venres 25 de xullo do 2014

O Fórum Carballo acolle dende o xoves 24 de xullo e até o 15 de agosto a primeira mostra colectiva e itinerante do grupo Galiza Branco e Negro e que se titula, como non podía ser doutro xeito "Galiza B/N". Este grupo foi creado no ano 2009 polo ceense Juanma Abelleira Ronquete en Flickr coa finalidade de compartir fotografías en branco e negro e para a realización de quedadas fotográficas. Con posterioridade creouse tamén o grupo en Facebook. Despois de conseguir unir a máis de 600 integrantes a través das redes sociais, agora esta iniciativa pioneira pasa ao plano físico con esta mostra que inclúe corenta fotografías e corenta olladas sobre Galicia. As imaxes que conforman a mostra viaxan polas máis diversas temáticas, dende os motivos máis intimistas até as fotografías panorámicas, e teñen un único común denominador: o procesado das mesmas en branco e negro. Estará este ano de xira por toda a xeografía galega e do norte de Portugal. A primeira parada foi en Vigo no mes de marzo, mais ten percorrido Paredes de Coura, Tomiño, Caminha, Lalín, Tui, Muros, Ferrol ou agora Carballo e tamén visitará A Coruña, Camariñas, O Carballiño, Chantada, Redondela, Santiago e volverá a Vigo para o remate. Entre os seus integrantes está o carballés Roberto Rey, da empresa Caremer, que patrocina a mostra en Carballo.

O Club Artai e Basket Xiria asinan un acordo de colaboración co obxectivo de facer medrar o baloncesto carballés

ÚNENSE OS ESFORZOS DE 1.800 SOCI@S E MÁIS DE 270 XOGADORES/AS

O Club Artai e Basket Xiria asinan un acordo de colaboración co obxectivo de facer medrar o baloncesto carballés

Xoves 24 de xullo do 2014

O Club Baloncesto Artai e a Escola Basket Xiria veñen de formalizar na Casa do Concello un acordo de vinculación co obxectivo de facer medrar esta disciplina no municipio, convertendo o baloncesto no segundo deporte máis importante de Carballo unindo a 1.804 socios e socias, a 276 xogadores e xogadoras, a 23 equipos e a 19 adestradores e membros dos equipos técnicos. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo transmitirlle aos responsables da iniciativa os parabéns da administración local, porque "cando dúas entidades que suman unha traxectoria de preto de 30 anos" traballan xuntas é "unha boa noticia para todos e todas". O presidente de Escola Basket Xiria, Diego Vázquez, expresou que a sinatura deste acordo marca o comezo "dun proxecto moi importante e ilusionante", que consegue construír "unha das mellores canteiras de Galicia". Joaquín Moreira, presidente do Artai, subliñou a importancia deportiva da iniciativa, que permitirá que xogadores e xogadoras de ambos clubs poidan competir na Liga Galega das súas respectivas categorías, ao aproveitarse os logros de todos os equipos vinculados a través do acordo. Así, por exemplo, o Basket Xiria poderá contar por primeira vez cun equipo en categoría júnior e os seus infantís competirán na Liga Galega. Para Vázquez, isto é "a culminación dun traballo que comezamos hai anos para fomentar o baloncesto en Carballo e comarca".

O pleno aborda a licitación da explotación de doce postos de venda ao público e once almacéns do Mercado Municipal

A ORDE DO DÍA RECOLLE A APROBACION DAS NOVAS TARIFAS DE TAXI

O pleno aborda a licitación da explotación de doce postos de venda ao público e once almacéns do Mercado Municipal

Xoves 24 de xullo do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 28 de xullo unha sesión plenaria ordinaria no que entre os asuntos da orde do día se inclúe a aprobación do Contrato administrativo especial para as "Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Así, o acordo suporía a licitación, mediante concurso aberto, da explotación de doce postos destinados á venda ó público de produtos de consumo, seis almacéns (con cámaras de frío) para postos destinados á actividade de carnicería e cinco almacéns para outros postos ou locais arrendados. Entre os criterios de adxudicación, o que máis pesaría sería a oferta económica, con ata 90 puntos, e en segundo lugar, con ata 10 puntos, teríase en conta o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda que se licita. O prazo da concesión será o ofertado polo adxudicatario, non podendo exceder do prazo de vinte anos, sen posibilidade de prórroga, para os doce postos destinados á venda ó público. O prazo da concesión para os once almacéns para outros postos será o mesmo que o da concesión do posto de venda ao que sexa vinculado. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou durante a rolda de prensa, na que estivo acompañado pola Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, que a licitación responde ao interese amosado por varias persoas en acceder á explotación dos postos do Mercado.

O web de Carballo estrea o apelido galego de Internet xunto con outras 93 entidades coincidindo co Día Nacional de Galicia

A PARTIR DE AGORA A PÁXINA ESTÁ DISPOÑIBLE CO DOMINIO ".GAL"

O web de Carballo estrea o apelido galego de Internet xunto con outras 93 entidades coincidindo co Día Nacional de Galicia

Xoves 24 de xullo do 2014

As principais entidades públicas galegas, como a Xunta, o Parlamento, a Axencia Tributaria ou as tres universidades; as principais entidades deportivas, como o Dépor ou o Celta; medios de comunicación como a TVG ou a Radio Galega; grandes empresas como Gadis ou R; todas as organizacións políticas con representación parlamentaria e entidades culturais varias son as pioneiras en comezar a utilizar o dominio galego en internet, o "punto gal", e, entre elas, tamén o Concello de Carballo, a través do enderezo web <www.carballo.gal>. Este 25 de xullo de 2014, Día Nacional de Galicia, é un día histórico para o país, pois é o da estrea dun dominio propio na rede, dun identificador de país en Internet, e o Concello de Carballo quixo celebralo sendo unha das entidades pioneiras en utilizalo. A partir de agora xa se pode acceder ao web municipal a través do enderezo <www.carballo.gal>. No marco da actual sociedade da información o que non está en Internet non existe. A comunidade galega no mundo, con máis de catro millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura precisan dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global no que se ten transformado o mundo.

O Fórum ten acollido no que vai de 2014 un total de 64 actividades organizadas por máis de 30 entidades de Carballo e a contorna

IMPARTÍRONSE NO COMPLEXO 32 ACCIÓNS FORMATIVAS

O Fórum ten acollido no que vai de 2014 un total de 64 actividades organizadas por máis de 30 entidades de Carballo e a contorna

Mércores 23 de xullo do 2014

As instalacións do Fórum Carballo no barrio da Milagrosa teñen acollido no que vai de ano un total de 64 actividades organizadas por 34 entidades do municipio e a súa contorna que van dende a Deputación da Coruña, a Cruz Vermella, o Grupo de Acción Costeira (GAC) Costa da Morte, o Club Ciclista Carballo, a Federación de Salvamento e Socorrismo ou a Asociación de Comerciantes do Barrio da Milagrosa, entre outras. Destas 64 actividades, xusto a metade, 32, consistiron en accións formativas específicas, moitas delas organizadas e realizadas polo Concello. Así, no marco da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) desenvolvéronse cursos de Competencias Clave; no da Oficina de Promoción Económica (OPE), accións formativas sobre o Comercio, o Modelo de Franquía, Cocteleira ou Turismo; ou no marco do Centro de Formación, Accións Formativas para Desempregados (AFD) con 60 persoas en cursos de cociña, restaurante, electricidade ou soldadura. Tamén aproveitaron as instalacións prestixiosos organismos como a Universidade da Coruña (UDC) co Curso sobre a evolución do turismo no marco da sociedade global ou co X Curso de verán sobre Normalización Lingüística Traballando en lingua (na imaxe), realizados durante este mes de xullo; ou a Asociación para o Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños que impartiu un Curso sobre memoria da eficacia enerxética para empresas.

O concurso "Dous países, un destino", impulsado polo Eixo Atlántico e Diario de Bergantiños, leva a unha veciña de Cances a Portugal

DENTRO DA CAMPAÑA DE DISTRIBUCIÓN DA GUÍA DE TURISMO DO EIXO

O concurso "Dous países, un destino", impulsado polo Eixo Atlántico e Diario de Bergantiños, leva a unha veciña de Cances a Portugal

Martes 22 de xullo do 2014

A veciña de Cances María Luísa Collazo Pérez visitará este ano Viana do Castelo (norte de Portugal) despois de ter resultado gañadora do concurso "Dous países, un destino" impulsado polo Diario de Bergantiños en colaboración co Eixo Atlántico. Collazo Pérez poderá gozar dunha estadía dunha fin de semana (dúas noites con almorzo incluído) para dúas persoas no hotel-casa rural de luxo Estalagem Melo Alvim. O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, que estivo na entrega do premio na Casa do Concello xunto co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o delegado comercial do Diario de Bergantiños, Manuel Negreira, e a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, ademais da premiada, explicou que a campaña está ligada á distribución da guía turística "Dous países, un destino" que se entregou aos lectores dos xornais do grupo El Ideal Gallego de forma gratuíta o día 8 de xuño pasado, e que supuxo o reparto de 14.000 exemplares. Ademais, avanzou que pensan en "estandarizar a iniciativa, mesmo con carácter cultural, e facela todos os anos". O Alcalde aplaudiu esta iniciativa, na que, ademais, resultou como gañadora unha ex alumna súa dos seus tempos como mestre. María Luísa Collazo Pérez explicou que xa ten visitado en varias ocasións o norte de Portugal, mais que está desexando aproveitar esta oportunidade, especialmente porque manifestou a súa afección polo turismo rural, no que se enmarca a hospedaxe en Viana.

Compartir: