Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
"A nena e o grilo nun barquiño" de Magín Blanco, nova proposta do Verán Cultural xunto con novas sesións das Noites de cine

MÁRTES 22, MÉRCORES 23 E XOVES 24 DE XULLO

"A nena e o grilo nun barquiño" de Magín Blanco, nova proposta do Verán Cultural xunto con novas sesións das Noites de cine

Luns 21 de xullo do 2014

O Verán Cultural continúa coas propostas para os máis cativos e cativas, desta volta con "A nena e o grilo nun barquiño" (na imaxe), de Magín Blanco, o xoves 24 ás 20.00 horas. Quen asistan ao Xardín Municipal coñecerán a historia da nena e o grilo, que viaxando nun barquiño contemplan un fabuloso mundo cheo de imaxinación, de poesía e de música. Unha historia divertida na que os veciños e veciñas poderán escoitar a fábula dun dragón namorado do rock & roll, de porquiños en bicicleta ou de insectos con moitas ganas de troula e poucas de durmir. O músico e compositor ourensán Magín Blanco -ex do grupo La Rosa- presenta este novo espectáculo -continuación de "A nena e o grilo" e no que contou con colaboracións como as de Anxo Pintos ou Guillerme Fernández- cheo de música e cancións onde coros e palmas, converterán cada historia nunha emocionante festa. O pop, o rock, o reagge ou a música tradicional, xunto con cancións pegadizas, divertirán ao público máis novo neste espectáculo de aventuras. A proposta complétase coas Noites de cine, que esta semana viaxan ás parroquias. O martes 22 de xullo coa proxección da película "Futbolín" no Local Social de Oza ás 22.30 horas e coa que colabora a AC Torre Vixía. O seguinte filme desta semana, "Thor 2", proxéctase no CEIP A Gándara-Sofán o mércores 23 de xullo ás 22.30 horas contando coa colaboración da AAVV San Salvador de Sofán.

Sesenta persoas benefícianse de catro cursos AFD de Cociña, Restauración, Soldadura e Electricidade no Fórum Carballo

SON MÁIS DE 2.600 HORAS LECTIVAS PARA DESEMPREGADOS/AS

Sesenta persoas benefícianse de catro cursos AFD de Cociña, Restauración, Soldadura e Electricidade no Fórum Carballo

Venres 18 de xullo do 2014

O Fórum Carballo acolle dende mediados de xullo catro accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (Cursos AFD da Consellería de Traballo e Benestar) co obxecto de achegar unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda os requirimentos de competitividade das empresas, ao tempo que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, e as capacite para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego. Os cursos aprobados para o ano 2014 son de Cociña (na imaxe), Servizos de Restaurante, Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG e Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de Telecomunicacións en edificios dos que se beneficiarán un total de 60 alumnos e alumnas (15 por cada unha das accións formativas) con máis de 2.600 horas de formación teórica e práctica. Os candidatos e candidatas foron preseleccionados previamente pola Oficina de Emprego correspondente e os cursos que se poñen en marcha este ano son todos de nivel 2, a excepción do curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas, que é de nivel 1. Todas as accións formativas conducen á obtención dun certificado oficial de profesionalidade.

Nace na costa carballesa o movemento "Surf & Clean" co obxectivo de estender a conciencia sobre o problema do lixo nos océanos

"SEMPRE QUE VAIAS SURFEAR, RECOLLE ALGO DA PRAIA"

Nace na costa carballesa o movemento "Surf & Clean" co obxectivo de estender a conciencia sobre o problema do lixo nos océanos

Venres 18 de xullo do 2014

A asociación sen ánimo de lucro Surf & Clean impulsa este verán en Carballo un proxecto que trata de transmitirlle ás e aos surfeiros un hábito sinxelo: "Sempre que vaias surfear, recolle algo da praia". Comeza de forma pioneira no municipio carballés ao ser un concello de importante práctica surfeira, con varias escolas de surf no seu litoral. Surf & Clean aspira a converterse nun movemento colaborativo e de conciencia arredor do importante problema que xera o lixo que chega aos nosos mares e océanos. Tal e como indica o seu presidente, David Blanco, nos últimos corenta anos produciuse máis plástico que en toda a historia da humanidade (segundo datos de www.plasticseurope.org). Estes residuos non só teñen efectos perversos na fauna e na flora mariña, senón que, ademais, acábanse introducindo na cadea alimentaria, chegando de novo ao ser humano. A pesar de que a iniciativa leva activa case un ano, despega finalmente este verán grazas á colaboración do Concello de Carballo e de todas as escolas de surf da contorna litoral de Razo e Baldaio (Surf & Rock, Art Surfcamp, 7 feet Surfcamp e Raz Surfcamp). A idea é crear nas e nos surfeiros locais e nos novos surfeiros que se forman nas escolas un hábito duradeiro. Se eles dan exemplo moita xente copiará o xesto. Dese modo os surfeiros actuarán como modelo ante o resto da sociedade, ampliando a mensaxe a todos os veciños e veciñas como: "Sempre que vaias ao mar, recolle algo".

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) dedica a súa XXIII edición á revisión dos grandes clásicos

RON LALÁ VOLVEN COMO GAÑADORES DO PREMIO DO PÚBLICO 2013

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) dedica a súa XXIII edición á revisión dos grandes clásicos

Venres 18 de xullo do 2014

Coincidindo co 450 aniversario do nacemento dun dos dramaturgos máis universais, Shakespeare, o XXIII Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) ofrece como liña argumental un encontro co teatro clásico desde unha perspectiva contemporánea. Como novidade este ano, a temática foi consensuada entre os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte, entidade coorganizadora do festival xunto co Concello de Carballo. As montaxes elixidas para dar forma ao programa deste ano son versións actualizadas e actuais, en liña co espírito do FIOT, de obras de autores como Cervantes, Lope de Vega ou do recoñecido dramaturgo inglés nas que directores e equipos artísticos serán os artífices de trasladar os referentes ao noso tempo. Como xa é tradición, a programación do Outono de Teatro desenvolverase durante todo o mes de outubro en Carballo, convertendo a vila na capital escénica do noroeste de España. É de destacar que, dentro deste fío condutor, o programa concibiuse dun xeito flexible incluíndo outros espectáculos nos que se busca o mesmo concepto de relectura sobre un tema en concreto, pero desde unha óptica artística particular. Así, dentro da heteroxeneidade e diversidade creativa que caracteriza ao FIOT, presentaránselle aos espectadores formatos, xéneros e linguaxes dispares, así como obras de novos creadores.

Praia, deporte, o Pequepop e moita música coa presenza de Delorean e Nudozurdo no IX Festival Sereas e Piratas

NO AREAL DE RAZO NA XORNADA DO 2 DE AGOSTO

Praia, deporte, o Pequepop e moita música coa presenza de Delorean e Nudozurdo no IX Festival Sereas e Piratas

Xoves 17 de xullo do 2014

A novena edición do Festival Sereas e Piratas volve para sorprender un ano máis a todos os fans da cultura surf e da música alternativa cunha xornada chea de música e deportes no areal de Razo o sábado 2 de agosto. Campionatos de surf, skate, volei praia e, como novidade en 2014, outras actividades para os máis cativos e cativas co Pequepop que inclúe obradoiros musicais e de reciclaxe a cargo de Cosmogonías e da asociación Surf&Clean. Todo nunha cita que, segundo explica José Antonio Deus, da Asociación Cultural Rebeldía, se converte "nunha festa na praia para a toda a familia dando a coñecer música alternativa e especialmente a grupos de Carballo e de Galicia". No apartado musical, repítese a sesión vermú coa banda viguesa indie pop Linda Guilala ás 14.00 horas. A media tarde o grupo carballés Apart terá a oportunidade de animar a terraza do festival, que acolle todas as citas gratuítas. Xa pola noite na carpa, a partir das 21.00 horas, e con acceso con entrada, actuarán os carballeses Arabian Evils co seu punk melódico; os "gamberros" Novedades Carminha; os madrileños Trajano!; o surf rock poñerano os cataláns Tiki Phantoms; os tamén madrileños Nudozurdo actuarán no seu único concerto en Galicia; e, para rematar, o prato forte, que será Delorean, un grupo vasco tecno pop da escena "indie" cunha enorme proxección internacional pero que quixeron vir a Carballo. A festa remata con FaberDj de Estudio 3 da Radio Galega.

O Concello espera recibir a próxima semana o informe da Xunta que permitirá que o Conservatorio continúe coa súa actividade

O DOCUMENTO POSIBILITARÁ A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA

O Concello espera recibir a próxima semana o informe da Xunta que permitirá que o Conservatorio continúe coa súa actividade

Mércores 16 de xullo do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de entrevistarse hoxe, 16 de xullo, en Santiago de Compostela co Director Xeral da Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, para falar sobre a situación do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Así, en virtude da Lei de Réxime Local de 31 de decembro de 2013, determínase que as administracións locais carecen de competencias para prestar servizos educativos como o do Conservatorio, xa que estes deberían estar xestionados pola comunidade autónoma ao ser "ensinanzas especiais". Por este motivo, a Xunta de Galicia debe emitir un informe no que se reflicta a autorización expresa para que ao Concello se lle permita poder continuar con esta actividade considerada "competencia impropia" da administración local. Ferrero explica que xa se ten recibido un primeiro informe que, segundo ditame dos técnicos municipais "non xustifica o cumprimento da lexislación", polo que o Alcalde solicitou ante Pazos Couñago a emisión dun novo que si recolla a posibilidade de que Carballo siga prestando o servizo. Dende a Dirección Xeral da Administración Local amosaron a súa total dispoñibilidade para facilitar un novo informe que si cumpra as esixencias dos técnicos e aseguraron que se remitirá ás dependencias municipais carballesas a próxima semana. Desta forma podería regularizarse a situación do servizo.

Manuel Manquiña e Rodrigo Romaní animan o Verán Cultural carballés con cine e a música das "Arpas de Breogán"

XOVES 17 E VENES 18 DE XULLO NA PRAZA DO CONCELLO

Manuel Manquiña e Rodrigo Romaní animan o Verán Cultural carballés con cine e a música das "Arpas de Breogán"

Martes 15 de xullo do 2014

A segunda semana do Verán Cultural 2014 conta con dúas citas sinaladas. A primeira delas, o xoves 17 de xullo no Xardín Municipal coa proxección de "Lobos de Arga", de Juan Martínez Moreno. Carballo acolle o primeiro pase do ciclo de cine que impulsan Gas Natural Fenosa e a Academia de Cine e que inclúe un total de oito producións cinematográficas españolas que se exhibirán ao longo dos meses de verán en dez concellos de Galicia. No caso de Carballo, "Lobos de Arga" é unha comedia de terror que comeza cunha historia que ocorreu en 1910. Nese momento a Marquesa dos Mariño de Arga recibiu unha maldición por parte dunha xitana sentenciada a morte pola muller: cando o seu fillo varón cumpra 10 anos, este converterase en home lobo. Tras caer a maldición sobre todo o pobo, os veciños tamén se converterán cada 100 anos. Un século despois, Tomás Mariño, (Gorka Otxoa), un escritor fracasado, volve a Arga para recibir unha homenaxe sen saber que tal "honra" é ser sacrificado nun ritual no que debe alimentar a besta co seu propio sangue para deter a maldición. A película será presentada in situ por un dos seus intérpretes, o recoñecido actor galego Manuel Manquiña. O filme non está recomendado para menores de 12 anos e a proxección é gratuíta. A cita é a partir das 22.30 horas. Se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, o pase terá lugar no Pazo da Cultura.

Aprobadas obras de mellora de vías por 660.000 euros en Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo, Goiáns, Sofán, Berdillo e Carballo

ADXUDICADO O PLAN DE ECOTURISMO DE RAZO-BALDAIO

Aprobadas obras de mellora de vías por 660.000 euros en Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo, Goiáns, Sofán, Berdillo e Carballo

Luns 14 de xullo do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, no apartado de expedientes de contratación, tres contratos administrativos de obras por un importe total de 663.907,31 euros para realizar traballos de mellora e reparación de vías e de ampliación e rebacheo de camiños nas parroquias de Lema (na imaxe), Noicela, Oza, Bértoa, Sísamo, Goiáns, Sofán, Berdillo e Carballo. Todos eles están incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 2014) da Deputación provincial da Coruña. En primeiro lugar, saíu adiante o Contrato administrativo de obras de "Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns no Concello de Carballo" cun orzamento de licitación de 231.254,30 euros; en segundo, o Contrato administrativo de obras de "Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo" cun orzamento de 223.986,54 euros; e en terceiro e último lugar aprobouse o expediente para a contratación administrativa das obras de "Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo" por un importe de 208.666,47 euros. En todos os casos primarase a oferta económica coa maior puntuación, seguida doutros aspectos como o programa de traballo ou o control de calidade.

O Alcalde e a Directora Xeral de Emprego entrevistáronse para falar de varias accións relacionadas co traballo e a formación

FALOUSE DO TRASLADO DAS OFICINAS DA CONSELLERÍA AO FÓRUM

O Alcalde e a Directora Xeral de Emprego entrevistáronse para falar de varias accións relacionadas co traballo e a formación

Sábado 12 de xullo do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, vén de manter unha xuntanza de traballo en Santiago de Compostela coa Directora Xeral de Emprego e Formación, Ana Díaz. O obxectivo da entrevista foi o de abordar varios temas relacionados con futuras accións formativas que se poderían realizar no Concello ou sobre a solicitude tramitada por parte da administración local para poder realizar un obradoiro de emprego. Así mesmo, abordáronse algúns detalles sobre o inminente traslado das dependencias da Oficina de Emprego ao recinto do Fórum Carballo. Estarán situadas na planta baixa da nave 2, abandonando o local actual emprazado na Praza da Cruz Vermella da capital municipal. Hai que lembrar que a Xunta e o Concello asinaron en novembro de 2013 un convenio para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. Desde a semana pasada xa están no primeiro andar da nave 2 do Fórum as oficinas da Consellería de Medio Rural, incluída a Oficina Agraria Comarcal, despois de estar máis de 30 anos situadas detrás da igrexa parroquial. Nas próximas semanas é de esperar que se formalice tamén o traslado das oficinas dependentes da Consellería de Traballo. A mudanza suporá para a Xunta o aforro do aluguer, xa que a cesión do espazo no Fórum só implica achegar os gastos de mantemento, así como de teléfono, electricidade e saneamentos.

O Concello organiza un Safari Fotográfico gratuíto que percorrerá os principais puntos de interese do municipio

SÁBADO 19 DE XULLO DE 10.00 A 14.00 HORAS

O Concello organiza un Safari Fotográfico gratuíto que percorrerá os principais puntos de interese do municipio

Venres 11 de xullo do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Turismo que dirixe Xosé Regueira, organiza un Safari Fotográfico que terá lugar ao longo da mañá do sábado 19 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Esta actividade, de asistencia gratuíta, está dirixida a toda aquela persoa maior de idade afeccionada á fotografía que desexe participar e consiste en percorrer, nun autobús facilitado polo Concello, diferentes lugares de interese paisaxístico e fotográfico do municipio, tales como a Marisma de Baldaio ou o miradoiro de Santa Irene do Castrillón (na imaxe), entre outros. Os asistentes estarán acompañados durante toda a mañá por un fotógrafo profesional que asesorará aos afeccionados durante o desenvolvemento da actividade. O único requisito imprescindible é que cada persoa que asista ao Safari Fotográfico deberá dispoñer dunha cámara Reflex ou de características equivalentes para poder realizar as fotografías. Para inscribirse é necesario cubrir unha ficha de inscrición -descargable en formato pdf nesta mesma nova- que pode ser entregada no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8) ou enviada ao enderezo electrónico ou ben chamando ao 981 70 20 77. A data límite para inscribirse é o xoves 17 de xullo. Os interesados e interesadas en obter máis información poden facelo no propio Museo de Bergantiños.

Traballando en lingua pecha reflexionando sobre a situación actual da normalización e sobre as perspectivas de futuro

O CURSO DA UDC CUMPRIU DEZ ANOS ACTUANDO A PROL DO IDIOMA

Traballando en lingua pecha reflexionando sobre a situación actual da normalización e sobre as perspectivas de futuro

Venres 11 de xullo do 2014

Despois de tres intensas xornadas, o X Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: para a transmisión interxeracional do galego" acaba de pechar as súas portas cun relatorio a cargo de Mariló Cambedo, profesora da Universidade da Coruña (UDC), que estivo acompañada por Xosé Ramón Freixeiro Mato, Director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC. Despois dunha mañá que comezou coa visita de Paula Kasares, da Universidade Pública de Navarra, falando dos camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua; e da presentación do Obradoiro de cantos de berce de Xabier Díaz, que mesmo conseguiu que os asistentes o acompañaran nuns arrolos; Cambedo pechou o curso facendo un completo balance sobre a situación actual da normalización entre a xente máis nova e rescatando moitas das propostas formuladas nos últimos días, ademais de achegar outras novas, para conseguir "rescatar" ás novas xeracións para o galego. A profesora da UDC reflectiu nalgúns casos as consecuencias do "acelerado proceso de substitución lingüística" e a "ruptura da transmisión interxeracional do galego". Mais noutros, abriu recunchos para a esperanza, propoñendo novas actitudes como crear "un discurso máis positivo e menos defensivo"; ou reparar nas pequenas cousas, xa que "hai que avanzar sobre pequenos usos, aínda que nos parezan débiles".

Carballo pon en marcha un proxecto de compostaxe caseira co obxectivo de reducir a produción de lixo e mellorar a súa xestión

AS SOLICITUDES PODEN PRESENTARSE NO CONCELLO ATÉ O 31 DE AGOSTO

Carballo pon en marcha un proxecto de compostaxe caseira co obxectivo de reducir a produción de lixo e mellorar a súa xestión

Xoves 10 de xullo do 2014

Carballo Limpo vén de presentar no Horto Infantil Municipal o seu novo proxecto de Compostaxe Caseira, que comezará a implantarse a partir do mes de setembro. O Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, explicou que serán 50 as vivendas que poderán beneficiarse deste proxecto piloto recibindo gratuitamente un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e a formación e seguimento preciso para poñelo en funcionamento. Os beneficiarios serán seleccionados de entre os habitantes de vivendas unifamiliares do medio rural e tamén cun criterio de reparto poboacional, tentando distribuír os composteiros nos máis de 180 quilómetros cadrados do municipio. De haber máis demanda que oferta, realizarase un sorteo entre as solicitudes presentadas. Está previsto que a experiencia se prolongue durante un ano co obxecto de formar, en verbas de Lamas, a "mestres composteiros" que axuden a implantar máis adiante a iniciativa no maior número posible de vivendas. As solicitudes para participar poden presentarse a partir do venres 11 de xullo e até o 31 de agosto no departamento de Medio Ambiente situado no primeiro andar do Concello. Segundo subliña o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o obxectivo desta iniciativa é "reducir o lixo depositado no colector, mellorar a reciclaxe e reducir a contaminación". O Alcalde, Evencio Ferrero, espera que "a compostaxe sexa útil no futuro para as familias do medio rural", seguindo coa tradición existente e "mellorando a calidade do compost".

Compartir: