Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Preto de 80 pilotos compiten no VI Autocross Carballo, proba do Campionato de España coa presenza de "Cohete Suárez"

SÁBADO 5 E DOMINGO 6 DE XULLO NO CIRCUÍTO DE BÉRTOA

Preto de 80 pilotos compiten no VI Autocross Carballo, proba do Campionato de España coa presenza de "Cohete Suárez"

Mércores 2 de xullo do 2014

Un total de 78 pilotos participan no VI Autocross Carballo, cuarta proba do Campionato de España de Autocross despois da que tan só restarán as citas de Arteixo e Miranda de Ebro. Trátase dunha "boa inscrición", segundo explica Juan Fernández, da Federación de Automobilismo, xa que nas anteriores citas do campionato non se superaran os 60 participantes. Entre todos os pilotos hai que subliñar a presenza de José Antonio Suárez, coñecido como "Cohete", corredor oficial de ACSM no Campionato do Mundo de Rallys. O piloto asturiano de 23 anos, primeiro líder do Campionato de España de Rallys de Terra este ano e que disputa o Campionato do Mundo cun Ford Fiesta R2 encadrado na Drive Dmack Fiesta Trophy, participa na categoría Car-Cross sobre un Semog, seguindo os pasos doutro mundialista, Dani Sordo, que o ano pasado participou nesta mesma carreira. O seu obxectivo ao acudir á cita carballesa é o de mellorar a súa xa espectacular condución sobre terra. Medirase na mesma categoría cos líderes do campionato que xa teñen tamén confirmada a súa presenza, como son os cataláns Marc Batlle e Jordi Puigvert, o mallorquín Juanjo Moll e o piloto local Maikel Vilariño. Precisamente Maikel estivo na presentación do VI Autocross xunto cos pilotos da zona Darío e Perfecto Calviño (pai e fillo), e a coruñesa Marta Lago, que compite no Campionato de España de karting.

Os nenos e nenas do Club Baloncesto Artai festexan na Casa do Concello co Alcalde as súas vitorias na Copa Primavera

ADESTRADORES E XOGADORES ASINARON NO LIBRO DE HONRA

Os nenos e nenas do Club Baloncesto Artai festexan na Casa do Concello co Alcalde as súas vitorias na Copa Primavera

Martes 1 de xullo do 2014

Os adestradores e os nenos e nenas que conforman os equipos en categorías Preminibasket, Minibasket e Infantil feminina do Club Baloncesto Artai, así como o presidente da entidade, Joaquín Moreira, ademais de representantes do Colexio Artai e nais e pais dos xogadores e xogadoras déronse cita o luns 30 de xuño na Casa do Concello para festexar os seus últimos éxitos deportivos. Alí foron recibidos polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como polo Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, nunha cita na que os protagonistas asinaron no Libro de Honra do Concello, dando conta das súas vitorias como campións da Copa Primavera en categorías Preminibasket e Minibasket, e do subcampionato das nenas de Infantil na mesma competición. Nun acto sinxelo celebrado na Alcaldía, tanto Ferrero como Trigo quixeron transmitir os seus parabéns ao Artai e ao seu presidente polo traballo realizado e por contar cunha "canteira referente en toda Galicia", en verbas do Concelleiro de Deporte. Á súa vez, o Alcalde manifestou o seu "orgullo de que o nome de Carballo estea en tan alta estima como cando vós estades nas competicións". Por último, Joaquín Moreira quixo transmitir os seus parabéns aos adestradores dos equipos, así como o seu agradecemento ás nais e pais, quen son quen ao final padecen "os madrugóns" para que os seus fillos e fillas estean no máis alto das competicións.

Máis de medio centenar de cativos e cativas participan nos catro obradoiros de verán do Horto Infantil Ecolóxico

ESTÁN POÑENDO EN MARCHA UNHA INICIATIVA PIONEIRA EN GALICIA

Máis de medio centenar de cativos e cativas participan nos catro obradoiros de verán do Horto Infantil Ecolóxico

Martes 1 de xullo do 2014

Un total de 51 nenos e nenas participan dende o luns 30 de xuño nos catro obradoiros que oferta o Horto Infantil Ecolóxico até o 14 de agosto e que pretenden "romper as barreiras que hai entre o núcleo urbano e o medio natural" e facer do recinto situado na rúa Nardos da capital municipal "un espazo con encanto para que os nenos e nenas se fixen no medio rural e na economía tradicional", e que incluso cheguen a ter en conta o agro "como alternativa de futuro" e sexan conscientes da necesidade de "protexer o medio natural". Así o expresou o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, durante a presentación das actividades de verán que van introducindo pouco a pouco novidades respecto dos primeiros obradoiros do Horto Infantil para manter a atención dos cativos e cativas. Así, e dentro do obradoiro "O cole de herba: regando o futuro", dirixido a rapaces e rapazas de Primaria, estase poñendo en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia grazas ao uso de alpacas, neste caso feitas de palla de trigo. Así, e mediante un regado intenso e o emprego de fertilizantes orgánicos -incluída borralla das cachelas de San Xoán- nun programa de 12 días, será posible a partir do venres 4 de xullo comezar a plantar alimentos e producir leitugas ou xudías sementadas dentro da propia alpaca (na imaxe).

O pleno aproba a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

UNANIMIDADE NA MOCIÓN A PROL DO PERSOAL DE CELSA ATLANTIC

O pleno aproba a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Martes 1 de xullo do 2014

A corporación carballesa, reunida nunha sesión plenaria ordinaria vén de aprobar por unanimidade a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", traballos cofinanciados por fondos europeos Feder a través da convocatoria de 2011 e que completan a primeira etapa das melloras. A empresa designada pola mesa de contratación para realizar os traballos foi e que finalmente será a adxudicataria é a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). O prazo de execución das obras é o ofertado polo contratista de oito meses e medio. Así mesmo, a adxudicataria comprométese a realizar melloras sen custo adicional valoradas en 301.755,82 euros e que implican a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo. Dentro dos asuntos de trámite, tamén recibiu unanimidade o recoñecemento da compatibilidade solicitada polo funcionario municipal, Luis Alberto Rodríguez Pérez, para o desempeño dun segundo posto de traballo no sector privado; e coa asbtención do PP aprobouse a declaración de resolución da concesión demanial do posto E12 (Exterior 12) do Mercado Municipal.

O Concello explica ante a Subdirección Xeral de Urbanismo o proceso de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal

SOLICITOUSE DE NOVO O INFORME DE AUGAS DE GALICIA

O Concello explica ante a Subdirección Xeral de Urbanismo o proceso de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Martes 1 de xullo do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, acompañados doutros técnicos municipais, veñen de presentar diante do Subdirector Xeral de Urbanismo, Eduardo Sobrino (xa que por motivos de axenda houbo que lamentar a ausencia de Encarnación Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, con quen estaba programada a cita) os pasos que se teñen dado para elaborar o documento para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, e segundo explica Milagros Lantes, durante a xuntanza expuxéronse os principais pasos dados que deron como froito as características desde documento, dende as xuntanzas realizadas para incorporar as alegacións ata a resolución de puntos concretos, como no caso das vivendas fóra de ordenación, no que se recolleu a solución adoptada no seu momento polo Concello da Coruña; ou o colmatado dos núcleos rurais e a proposta recollida para a zona costeira. En resumo, realizouse unha xustificación de todo o traballo elaborado ata o momento e, ademais, o Concello comprometeuse a facilitar ante a Xunta calquera documentación que consideren necesaria para aclarar calquera punto do planeamento. Dende a Subdirección Xeral amosaron o seu interese pola información dada e polo estado actual da tramitación do PXOM.

Buscar mecanismos para transmitirlle o galego á mocidade: obxectivo do X Curso de Verán sobre Normalización Lingüística

ENTRE O MÉRCORES 9 E O VENRES 11 DE XUÑO NO FÓRUM CARBALLO

Buscar mecanismos para transmitirlle o galego á mocidade: obxectivo do X Curso de Verán sobre Normalización Lingüística

Luns 30 de xuño do 2014

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Normalización Lingüística Traballando en Lingua que desta volta se centra na busca de mecanismos para transmitirlle o galego ás xeracións máis novas. Segundo explica Xosé Ramón Freixeiro Mato, Director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), organizadora da cita xunto coa Coordinadora de Traballadores/as da Lingua Galega (CTNL) e coa colaboración do Concello de Carballo, nesta a súa décima edición o curso aborda "o gran problema do galego hoxe en día", que é "o grande decrecemento do galego no medio urbano e entre a xente nova". Para Freixeiro Mato, a situación é "realmente alarmante", especialmente porque o papel de transmisor do galego deberían asumilo as escolas, cando non as familias, mais "só o 2,4 por cento dos centros de ensino teñen o galego como lingua maioritaria". Polo tanto, este X Curso de Verán debe de ser un espazo "no que a sociedade debe formularse para reverter esta situación" e "conseguir que os nenos e nenas aprendan o galego para que logo poidan decidir que queren falar". Para reflexionar sobre todo isto, o Fórum Carballo transfórmase entre o mércores 9 e o venres 11 de xuño nun espazo para compartir ideas e experiencias, escoitar o traballo realizado con outras linguas, como o éuscaro e o catalán, e atopar as claves das "coordenadas socio lingüísticas do futuro".

Luz verde para un convenio que recolle a integración da Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa da Rede de Bibliotecas de Galicia

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Luz verde para un convenio que recolle a integración da Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa da Rede de Bibliotecas de Galicia

Luns 30 de xuño do 2014

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria un Convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria para a creación e integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa. Mediante este acordo, o Concello comprométese a dotar ás instalacións do orzamento suficiente para o seu funcionamento, incluíndose o mantemento do edificio, o mobiliario e o equipamento, así como a adquisición e reposición periódica do material técnico e administrativo, así como dos fondos bibliográficos e os gastos de persoal. Así mesmo a administración local deberá remitirlle á Consellería de forma anual información detallada sobre os gastos e investimentos realizados na Biblioteca e colaborar co organismo autonómico na formación e perfeccionamento do persoal encargado dos servizos bibliotecarios. Pola súa banda, a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria prestará o apoio técnico necesario para a contratación de persoal, promoverá a realización de cursos e seminarios para colaborar na formación do mencionado persoal e integrará a Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa na Rede de Bibliotecas de Galicia. Coa integración nesta rede, o centro contará cun sistema de empréstito interbibliotecario, acceso aos fondos de calquera outro centro da rede ou a integración en programas de recuperación e conservación de material.

O pleno aborda a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

CONVENIO CON CORISTANCO E MALPICA PARA O SERVIZO DO CIM

O pleno aborda a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Venres 27 de xuño do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 30 de xuño unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a adxudicación do contrato de obra da Fase II de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", traballos cofinanciados por fondos europeos Feder a través da convocatoria de 2011. A empresa designada pola mesa de contratación para realizar os traballos é a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). O prazo de execución das obras é o ofertado polo contratista de oito meses e medio. Así mesmo, a adxudicataria comprométese a realizar melloras sen custo adicional valoradas en 301.755,82 euros e que implican a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo. Na comisión informativa o acordo foi ditaminado favorablemente cos votos de BNG, TEGA e PSOE e a abstención do PP. Hai que lembrar que nestes momentos está en marcha o proceso para adxudicar de novo e conseguir así que se leven a cabo os traballos da Fase I deste proxecto despois de que se teña ratificado na Xunta de Goberno Local do 16 de xuño a resolución da execución por incumprimento de contrato por parte da UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL.

Os grupos da corporación analizan o documento para a aprobación provisional do PXOM coas incorporacións do informe de alegacións

ENTREVISTA O 1 DE XULLO COA SECRETARÍA XERAL DE URBANISMO

Os grupos da corporación analizan o documento para a aprobación provisional do PXOM coas incorporacións do informe de alegacións

Venres 27 de xuño do 2014

A Casa do Concello vén de acoller hoxe, venres 27 de xuño, a celebración dunha Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que contaba como único punto da orde do día coa presentación do documento para aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Deste xeito, todos os grupos políticos da corporación tiveron a oportunidade de analizar o planeamento coa incorporación por parte do equipo redactor do informe de alegacións, que presenta pequenos cambios despois da revisión, e tamén coas modificacións derivadas dos informes emitidos pola Xunta. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, trátase de realizar "unha radiografía de todos os acordos acadados nas máis de 30 comisións informativas" celebradas durante 2013 e nas que se revisou cada unha das 1.939 alegacións presentadas en prazo polos veciños e veciñas. Durante boa parte da mañá, examináronse os acordos plano a plano e tamén se cotexou a normativa para pechar o documento que finalmente se presentará para a aprobación do pleno da corporación e que se remitirá, unha vez se reciba a memoria medioambiental por parte da administración autonómica -último trámite pendente-, para a aprobación definitiva da Xunta. Neste sentido, Ferrero adiantou que o martes 1 de xullo está concertada unha entrevista con Encarnación Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para falar sobre o plan.

Máis de 300 nenos e nenas de entre dez e catorce anos compiten no Campionato Galego de Natación Alevín

SÁBADO 28 E DOMINGO 29 DE XUÑO NA PISCINA CARBALLO CALERO

Máis de 300 nenos e nenas de entre dez e catorce anos compiten no Campionato Galego de Natación Alevín

Xoves 26 de xuño do 2014

Un total de 303 nenos e nenas de 27 clubs de toda Galicia participan o sábado 28 e o domingo 29 de xuño no Campionato Galego de Natación que se disputa na piscina Carballo Calero da capital municipal. Organizado pola Federación Galega de Natación (Fegan) coa Agrupación Deportiva Fogar como anfitrións e coa colaboración do Concello de Carballo, a cita supón a celebración de 32 probas, incluíndo relevos, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas en catro sesións maratonianas nas que nenos e nenas de entre dez e catorce anos buscarán as súas mellores marcas. Segundo explica o presidente da Fegan, Carlos Bremón, os participantes nadarán "todas as probas do calendario de natación", esforzándose ao máximo por acadar "as marcas mínimas para participar no próximo Campionato de España que se disputa en Badajoz". O AD Fogar leva ao quinto equipo máis numeroso dos 27 que virán de toda Galicia, con 17 nadadores e nadadoras (o máis numeroso e o Club Natación Portamiña de Lugo con 31). O seu obxectivo é estar entre os dez primeiros, explica o presidente, Gustavo Álvarez, nunha cita que aglutina "ao futuro da natación galega", en verbas de Bremón, que subliña que deste campionato pode "saír algún campión de España, como ten sucedido en ocasións anteriores".

O San Xoán entra na súa recta final co festival Rockin´ e a Festa do Bosque despois duns días cheos de actividades

CITAS ENTRE O VENRES 27 E O DOMINGO 29 DE XUÑO

O San Xoán entra na súa recta final co festival Rockin´ e a Festa do Bosque despois duns días cheos de actividades

Xoves 26 de xuño do 2014

Aínda soan na Praza do Concello as notas de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Sito Sedes co seu "Cantando a Galicia", ou as melodías popeiras de "Efecto pasillo", mais o San Xoán 2014 está aínda lonxe de rematar. Quedan aínda moitas verbenas, moita música e moitas actividades antes de dar por finalizados os festexos até que volva a noite meiga no 2015. As orquestras Los Trovadores e Player´s (o venres 27) o o Grupo Nebraska e a Orquestra Madeira (sábado 28) son as encargadas de pechar as verbenas do San Xoán, ás que hai que sumar a segunda e última sesión vermú con Killer Cats o sábado 28 na rúa Valle Inclán. Así mesmo, o sábado 28 volve a Mostra de Habaneras da Coral de Bergantiños, que cumpre dezaseis anos. Pero a oferta musical aínda garda unha das citas máis emblemáticas das festas, e un dos primeiros festivais do verán na comarca, o Rockin´. Wau y los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e os carballeses Apart (na imaxe) son os grupos que conforman o cartel, nunha cita que tamén contará coa presenza dos DJs Ayrton&Senna para animar a noite nos descansos e no peche. Bandas alternativas e afastadas das radio fórmulas con moita calidade musical e que ano tras ano logran encher a zona de Rego da Balsa con numeroso público. A cita é o venres 27 a partir das 22.00 horas e ata altas horas da madrugada.

Carballo arrinca cun emotivo pregón un San Xoán no que, coma cada ano, as cachelas o Anllóns e os concertos son os reis da festa

CANTANDO A GALICIA E EFECTO PASILLO: 24 E 25 DE XUÑO

Carballo arrinca cun emotivo pregón un San Xoán no que, coma cada ano, as cachelas o Anllóns e os concertos son os reis da festa

Luns 23 de xuño do 2014

Entre o 23 e o 25 de xuño Carballo aglutina boa parte das actividades do San Xoán 2014 nun incesante cúmulo de propostas que implican a todos os públicos nun programa no que, como cada ano, as cachelas, o Anllóns e as actuacións musicais son as protagonistas. Este 23 de xuño unha decena de cachelas están inscritas para participar na XXVII edición dunha cita na que a creatividade e o lume únense contra as meigas e que tamén trae a primeira verbena da Praza do Concello coa Orquestra Compostela. O martes 24 é o día grande, que este ano, ademais de coas citas musicais e relixiosas da mañá, ten o seu maior atractivo na verbena-espectáculo "Cantando a Galicia". O trío formado por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Sito Sedes, tres voces claves da música galega, ofrecen a súa particular homenaxe aos músicos galegos e ás orquestras de sempre. Despois, a Orquestra Israel continúa a festa ata altas horas. E o 25 de xuño, os canarios Efecto Pasillo (na imaxe) presentan a súa música alegre, pegadiza e apta para todos os públicos noutra das citas centrais dos festexos. Poder escoitalos nun dos grandes concertos das festas do San Xoán, e de forma gratuíta, é un luxazo para os seus seguidores e tamén para quen quieran coñecer a esta banda que xa leva máis de 50 semanas de permanencia no Top 10 das listaxes de vendas co seu último traballo.

Compartir: