Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O CEIP Gándara-Sofán gaña o II Concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

NESTA EDICIÓN PARTICIPARON DOCE CENTROS DA COMARCA

O CEIP Gándara-Sofán gaña o II Concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

Venres 20 de xuño do 2014

Representantes dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria de Carballo, Coristanco, A Laracha e Malpica que participaron na segunda edición do concurso "Carballo tamén en botella" veñen de protagonizar o acto de entrega de premios do certame. Esta iniciativa promovida por Reave (Recollidas de Aceite Vexetal) SL e que tivo lugar entre o 15 de outubro de 2013 e o 30 de maio de 2014, ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Durante varios meses os alumnos e alumnas estiveron depositando botellas de aceite usado nos seus centros, e despois de ser contabilizadas, resultou gañador o centro que acadou a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña. O primeiro premio foi un lote de material escolar e lote de libros que recaeu no CEIP Gándara-Sofán con 552 litros recollidos e unha ratio de 4,9 por alumno/a. O segundo premio foi un lote de libros que conseguiu o CEIP Canosa-Rus, que xuntou máis litros, 579, pero que acadou unha ratio inferior, de 3,5 por alumno/a. Todos os participantes recolleron, ademais, un diploma acreditativo por colaborar coa iniciativa. En total a campaña supuxo a recollida de 3.357 litros de aceite, superándose amplamente a cantidade da anterior edición, de 2.895 litros.

Continúa a implantación de lámpadas LED no alumeado do rural e das rúas do casco urbano para optimizar o aforro e a visibilidade

ALGUNHAS RÚAS, COMO A LUÍS CALVO, XA CONTAN CO NOVO SISTEMA

Continúa a implantación de lámpadas LED no alumeado do rural e das rúas do casco urbano para optimizar o aforro e a visibilidade

Venres 20 de xuño do 2014

Continúan tanto no medio rural como nas rúas da capital municipal carballesa os traballos para a implantación de novas lámpadas de tecnoloxía LED na rede de alumeado público. O obxectivo desta substitución, ademais do aforro medio dun 80 por cento respecto do consumo actual, é o de mellorar a reprodución cromática e a visibilidade, ademais de achegar unha maior seguridade cidadá. Así pode observarse na imaxe da esquerda tomada en Castrillón (parroquia de Lema) na que pode comprobarse que as lámpadas LED (de cor máis branca) ofrecen unha maior visibilidade que as antigas (de cor alaranxada). Os traballos están sendo realizados pola Unión Temporal de Empresas (UTE) Ferroser-Ferrovial, encargada do servizo de alumeado público municipal en virtude do contrato mixto de "Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior" do Concello de Carballo. Ao mesmo tempo que se efectúan as substitucións no rural (partindo da zona norte do concello desde a parroquia de Rebordelos, seguindo paralelamente á costa pasando por Noicela, Lema e Vilela ata Razo), comezou o luns 16 de xuño a implantación da tecnoloxía LED nas lámpadas do casco urbano, estando xa rematadas as melloras en rúas como a Luís Calvo. Ao mesmo tempo, a UTE está colocando o alumeado con motivo das Festas de San Xoán en virtude dunha das melloras sen custo adicional ofrecidas no contrato.

Entrega de diplomas no Fórum Carballo dun obradoiro de Introdución á eficiencia enerxética

TEÑEN PARTICIPADO UNHA VINTENA DE VECIÑOS E VECIÑAS

Entrega de diplomas no Fórum Carballo dun obradoiro de Introdución á eficiencia enerxética

Venres 20 de xuño do 2014

Un total de 19 alumnos e alumnas veñen de recibir da man do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, os diplomas acreditativos por ter realizado un obradoiro de Introdución á eficiencia enerxética de 30 horas de duración. Estaba dirixido a persoas con afán emprendedor ou con interese pola reciclaxe profesional cuns mínimos coñecementos en calquera das ramas de electricidade, electrónica, mecánica, térmica, fontanería, construción e arquitectura, química, medio ambiente, etc. Sería, ben alumnado de FP, de escolas taller, da Bolsa de Traballo Municipal ou desempregados/as en xeral cuns mínimos coñecementos técnicos sobre o tema. O obradoiro tivo lugar entre o 9 e o 20 de xuño e contou coa axuda de cinco profesores especializados para o seu desenvolvemento. As unidades da actividade abordaron temas como a enerxía e o mercado enerxético, a eficiencia enerxética na industria, a presenza das enerxías renovables (EERR), a incidencia dos alumeados, o modelo de negocio das empresas de servizos enerxéticos, a consultaría enerxética, un módulo sobre normativa e regulación, outro sobre xestión enerxética integral e por último un sobre rehabilitación e eficiencia na edificación. O Alcalde, que estivo acompañado polo Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, transmitiulles os seus parabéns polo aproveitamento do curso.

A exposición colectiva das festas de San Xoán converte o Pazo da Cultura nun "xardín das delicias de arte e natureza"

ATÉ O 31 DE XULLO NA SALA ALBERTO GENDE

A exposición colectiva das festas de San Xoán converte o Pazo da Cultura nun "xardín das delicias de arte e natureza"

Venres 20 de xuño do 2014

Un ano máis, e xa van sete de forma consecutiva, o San Xoán trae a Carballo unha exposición colectiva de creadores vinculados ao municipio e á comarca. Trátase dun grupo que ano tras ano vai medrando e enriquecéndose con novas incorporacións, e que nesta ocasión aglutina a 32 autores de traxectorias e modalidades artísticas moi diversas. A mostra componse de 44 obras entre escultura, pintura, gravado e fotografía, todas elas baixo o título "Arte e Natureza", porque, segundo explicaba un dos creadores, O'Mighelo, momentos antes da inauguración "a natureza é arte en esencia, en potencia e en estado puro e duro" e coa mostra a sala de exposicións Alberto Gende situada no terceiro andar do Pazo da Cultura transformouse nun "xardín das delicias". Outro dos creadores que participan na mostra e coordinador da mesma, Mon Lendoiro, tamén manifestou que o obxectivo é realizar "unha aproximación respectuosa ao espazo natural" e transmitir, así mesmo, ese respecto polo medio ambiente. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, quixo agradecerlles aos 32 artistas a súa colaboración, mentres que o Alcalde, Evencio Ferrero, expresou a súa satisfacción por que "pouco a pouco se vaia conformando unha maneira de expresar Carballo". A mostra pode visitarse até o 31 de xullo no 3º andar do Pazo da Cultura de 17.00 a 20.30 horas.

 O Concello e o CCA subscriben un ano máis un convenio de colaboración destinado a dinamizar a actividade comercial

ASINARON O ACORDO EVENCIO FERRERO E XAIME VIQUEIRA

O Concello e o CCA subscriben un ano máis un convenio de colaboración destinado a dinamizar a actividade comercial

Xoves 19 de xuño do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, Xaime Viqueira, veñen de asinar, ante a presenza do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e a xerente do CCA, María del Carmen Freire, un convenio de colaboración que ten por obxecto desenvolver medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila e, como consecuencia, para a dinamización da actividade comercial. Trátase dun acordo que ten como finalidade establecer un marco de colaboración co obxecto de conseguir unha contorna de calidade na que o urbanismo, o comercio e a hostalería teñan a máxima importancia. Algúns dos obxectivos do convenio son a optimización das prazas de estacionamento; a peonalización e semi peonalización de rúas do centro de Carballo; a dotación de mobiliario urbano e sinalización coherente co proxecto Centro Comercial Aberto; ou a promoción e innovación en xeral do comercio local. Entre as actuacións concretas previstas no acordo, hai que subliñar a elaboración do Catálogo do CCA, a celebración do Desfile do CCA ou da Feira das Oportunidades, así como a posta en marcha de accións publicitarias e de promoción e de medidas de modernización comercial.

O Torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo cumpre dez anos congregando de novo aos mellores clubs de fútbol base

ENTRE O 20 E O 22 DE XUÑO NO CAMPO DAS EIROAS

O Torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo cumpre dez anos congregando de novo aos mellores clubs de fútbol base

Mércores 18 de xuño do 2014

O Torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo leva unha década achegando a Carballo aos mellores clubs de fútbol base de España nunha cita que durante tres días enche o campo de As Eiroas de talento. Este ano, ao ser o décimo aniversario, a cita adquire un aire "diferente", segundo explica o director das Escolas Luís Calvo, José Ramón Torres Pichel, polo tipo de clubs, xa que os nove proceden do norte de España, e pola calidade das súas escolas deportivas. Tamén porque se continúa co fútbol 8 e se recupera o sistema de liguilla de todos contra todos "para que calquera club participante teña a oportunidade de enfrontarse entre si", por unha banda, e "tamén para que todos os rapaces conten con minutos no campo". Os equipos que disputarán a victoria nesta edición de 2014 son, ademais das Escolas Luís Calvo, o CA Osasuna, o FC Barcelona, o RC Celta de Vigo, o RC Deportivo, o Racing de Santander, a Real Sociedad, o Victoria CF e o Sporting de Xixón, campión o ano pasado. Torres Pichel asegura que "non hai favoritos", xa que os xogadores varían moito cada edición, mais asegura que os rapaces das Escolas loitarán coma sempre para facer un bo papel. A cita é entre o venres 20 ás 18.00 horas e o domingo 22 de xuño, ata as 14.30 horas aproximadamente, coa celebración das semifinais e as finais o domingo a partir das 11.00 horas.

"Manute" gaña por segunda vez unha IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que manifesta o auxe do atletismo

ANDRÉS EIRÍS E MARÍA LOIS GÓMEZ: PRIMEIROS CARBALLESES NA META

"Manute" gaña por segunda vez unha IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que manifesta o auxe do atletismo

Martes 17 de xuño do 2014

O atletismo está en auxe en Carballo, non só porque nos últimos tempos iniciaron a súa actividade na vila dous clubs que se centran nesta disciplina deportiva, senón porque entre os máis de 1.500 participantes na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo houbo unha nutrida participación local. Este domingo, as rúas da vila transformáronse nun enorme circuíto polo que correron dende nenos e nenas de só oito anos de idade ata veteranos atletas que xa superan os setenta. Unha vez máis, o deporte converteuse en nexo de unión entre distintas xeracións. O ambiente concentrouse na contorna da Praza do Concello, punto de saída e de chegada, e foi estendéndose ao longo das rúas polas que discorreu o circuíto ata abarcar gran parte do casco urbano. Unha das características da proba é que congrega tanto a afeccionados coma a consumados corredores. Entre os primeiros houbo moitas caras coñecidas, mesmo algunhas do pleno da corporación, coma os concelleiros Mar Eirís e Daniel Pérez. E entre os segundos, referencias do atletismo galego coma o coruñés Manuel Oliver Pérez López, "Manute", que se proclamou campión absoluto por segunda vez, ou a vimiancesa Teresa Castro Vilaverde, que foi segunda na súa categoría por detrás de Sonia Teijeiro Ferro, gañadora absoluta. Os deportistas de 41 a 49 anos, entre os cales figuran os campións, demostraron estar en boa forma.

A BDT vén de organizar un Curso de competencias clave no que resultaron "aptos" o 80 por cento dos participantes

ASISTIRON UN TOTAL DE 40 ALUMNOS E ALUMNAS

A BDT vén de organizar un Curso de competencias clave no que resultaron "aptos" o 80 por cento dos participantes

Martes 17 de xuño do 2014

O Concello de Carballo, a través da Bolsa de Traballo Municipal, puxo en marcha no mes de marzo un Curso preparatorio para as Competencias Clave en Lingua Galega, Lingua Castelán e Matemáticas cunha duración total de 200 horas lectivas. Este curso naceu para dar resposta á convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 da Dirección Xeral de Formación e Emprego nunha convocatoria de marzo de 2014. Ante esta situación, a Bolsa de Traballo (BDT) organizou unha acción formativa composta por 40 alumnos e alumnas que se celebrou no Fórum Carballo dende o 24 de marzo ata o 23 de maio. A actividade pretendía facilitar o acceso aos cursos de formación para o emprego con certificado de profesionalidade de nivel 2 a todas aquelas persoas que non posuísen titulación mínima necesaria. Unha vez celebradas as probas de avaliación das competencias clave nas tres áreas de coñecemento, o 80 por cento do alumnado obtivo a cualificación de "apto". Dos 40 alumnos e alumnas que realizaron o curso preparatorio, 32 obtiveron unha cualificación positiva nas tres probas ás que se presentaron. A distribución de aprobados por áreas é a seguinte: competencia matemática: 36 alumnos aprobados: 90 por cen; competencia castelá: 38 alumnos aprobados: 94,7 por cen; competencia galega: 22 alumnos aprobados: 84,6 por cen.

Axober e o Concello asinan un convenio de dinamización económica, fomento da emprendeduría e a consolidación de empresas

A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA É DE 10.000 EUROS

Axober e o Concello asinan un convenio de dinamización económica, fomento da emprendeduría e a consolidación de empresas

Martes 17 de xuño do 2014

O Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) veñen de formalizar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, o fomento da emprendeduría e a consolidación de empresas. Asinaron o acordo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente de Axober, Isidro Varela Bardanca, acompañados do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A finalidade do acordo é a de establecer un marco de colaboración entre as entidades para o desenvolvemento da cultura emprendedora; de accións comunicativas conxuntas; de accións de asesoramento, formación, información, organización e promoción; de dinamización da actividade asociativa, coa colaboración e cooperación empresarial así como de coordinación institucional e empresarial; e para a celebración de eventos dinamizadores. A vixencia do convenio é até o 31 de decembro de 2014, e entre as actividades concretas especificadas que se desenvolverán entre as dúas partes destaca a organización de eventos dinamizadores e publicitarios; de accións de asesoramento, formación e reciclaxe e sensibilización; ou a elaboración de guías, webs, sinalización e catálogos conxuntos co Concello. A achega máxima prevista por parte da administración local para as actuacións é de 10.000 euros.

A Xunta de Goberno aproba a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo"

NA MESMA SESIÓN ÁBRESE O PROCESO PARA A NOVA ADXUDICACIÓN

A Xunta de Goberno aproba a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo"

Luns 16 de xuño do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a desestimación de alegacións e a proposta de resolución da execución do contrato de obra da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", así como a solicitude de informe do Consello Consultivo. Rexeitáronse, por tanto, as alegacións presentadas pola Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada "UTE Abastecemento a Carballo" para continuar co procedemento e agora o Concello, na mesma sesión da Xunta de Goberno, deu xa o visto e prace para abrir un novo procedemento. Así, aprobouse, mediante tramitación urxente, o contrato administrativo de obras Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)". Mantéñense exactamente as mesmas condicións que no anterior prego, cunha única modificación para bonificar a redución do prazo de execución dos traballos. Hai que lembrar que o procedemento de resolución comeza o pasado mes de maio ao considerar o Concello que a UTE incumpriu o seu contrato, xa que dende o 11 de setembro de 2013 -día seguinte ao da sinatura da acta de replanteo-, a UTE contou cun prazo de execución de oito meses para rematar os traballos. Mais a 10 de maio de 2014, e unha vez rematado o prazo, tan só hai certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros (IVE incluído) do importe total da adxudicación.

O Fórum Carballo acolle unha clase maxistral do GAC 3 Costa da Morte con dous cociñeiros que suman catro Estrelas Michelín

LUNS 16 DE XUÑO ENTRE AS 17.00 E AS 19.00 HORAS

O Fórum Carballo acolle unha clase maxistral do GAC 3 Costa da Morte con dous cociñeiros que suman catro Estrelas Michelín

Luns 16 de xuño do 2014

O Grupo de Acción Costeira - GAC 3 Costa da Morte presenta o calendario de espectáculos de cociña ou showcookings "Conversas co mar dende a cociña. O espectáculo de cociñar o mar" que se desenvolverán durante a segunda metade do mes de xuño nos concellos de Vimianzo, Carballo, Cabana, Muxía, Ponteceso e A Laracha (Caión) dentro da iniciativa turístico-gastronómica "Come o mar". O taller inaugural está previsto que teña lugar no auditorio do Fórum Carballo o luns 16 entre as 17.00 e as 19.00 horas. O evento está concivido como una clase maxistral na que participarán dous cociñeiros galardoados con Estrela Michelín e como unha actividade de divulgación de boas prácticas, mellora competitiva e innovación no sector da hostalería. Os ponentes serán o cociñeiro carballés Adrián Felípez, que formou parte do equipo del El Celler de Can Roca, o segundo mellor restaurante do mundo co que conseguiu tres Estrelas Michelín e que agora dirixe a empresa Gastroconsulting. Acompañarano Javier Olleros, xerente do restaurante Culler de Pau galardoado con unha estrela Michelín; e Marta Fernández Guadaño, profesora asocidada da mítica Basque Culinary Center e prestixiosa xornalista gastronómica (autora do portal Gastroeconomy). Asistirán tamén Guillermo González Diez, xerente do GAC3, así como representantes institucionais e hostaleiros adheridos a "Come o Mar".

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nos obradoiros de verán que terán lugar entre o 30 de xuño e o 14 de agosto

PARA CATIVOS E CATIVAS DE 30 MESES, DE INFANTIL E PRIMARIA

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nos obradoiros de verán que terán lugar entre o 30 de xuño e o 14 de agosto

Venres 13 de xuño do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, abre o prazo de inscrición para os obradoiros de verán no Horto Infantil Ecolóxico Municipal situado na rúa Nardos. Estas actividades desenvolveranse do 30 de xuño ao 14 de agosto polas mañás e están dirixidas a nenas e nenos de Educación Primaria, Segundo Ciclo de Educación Infantil e cativos e cativas que teñan cumpridos os 30 meses antes do 30 xuño. As inscricións poderán facerse por medio do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org> ou nas propias instalacións da rúa Nardos, en horario de 16.00 a 20.00 horas, dende o luns 16 e até o xoves 19 de xuño. Os obradoiros que se desenvolverán durante o verán son "A Nosa Horta", "Xardín Ornamental", "Obradoiro Infantil de Horta Sinérxica" e "O Cole da Herba: regando o futuro". Todas as actividades son gratuítas, aínda que as prazas están limitadas. O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo comezou a súa actividade o pasado luns 19 de maio co desenvolvemento de cinco obradoiros que teñen rexistrado un grande éxito de convocatoria. O obxectivo desta iniciativa é o de reflexionar, de forma lúdica, acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe a través de numerosas actividades e que os cativos e cativas se familiaricen coa contorna natural. Para obter máis información, pode consultarse o Facebook do Horto Infantil.

Compartir: