Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo Limpo ten visitado máis de dúas mil vivendas do rural para mellorar a recollida selectiva nas parroquias

RECOLLÉRONSE SUXESTIÓNS PARA A MELLORA DO SERVIZO

Carballo Limpo ten visitado máis de dúas mil vivendas do rural para mellorar a recollida selectiva nas parroquias

Venres 13 de xuño do 2014

O Concello de Carballo, a través da iniciativa Carballo Limpo, informa do resultado da campaña informativa realizada durante o pasado mes de maio en diferentes zonas do medio rural do municipio co obxectivo de mellorar a recollida selectiva. A campaña realizouse nas zonas onde se veñen de instalar máis de 100 illas verdes de recollida selectiva, nomeadamente nas arterias principais de comunicación das parroquias de Aldemunde, Rus, A Brea, Sofán, Verdillo, Bértoa, Cances, Xoane, Sísamo, Baldaio, Razo e Oza. En todas estas zonas o persoal de Carballo Limpo informou sobre a reciclaxe e ao mesmo tempo recolleu suxestións por parte dos veciños e veciñas para redundar na mellora do servizo que se tentarán de ir atendendo nos vindeiros meses. Foron un total de 2.040 vivendas as visitadas e 1.098 as entrevistas realizadas con veciños e veciñas do Concello de Carballo. Ademais, é a intención de Carballo Limpo a de seguir levando adiante iniciativas para mellorar o medio ambiente, e tamén para buscar a colaboración da cidadanía coa fin de incrementar a recollida selectiva e a atención da cidadanía pola protección do medio ambiente. Desde Carballo Limpo, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17 para o Punto Limpo Móbil, a través da páxina web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo.

Preto de 1.500 inscritos e inscritas para participar o 15 de xuño na IV Carreira Popular Concello de Carballo

A PROBA PECHARÁ VARIAS VÍAS ENTRE AS 10.00 E AS 14.00 HORAS

Preto de 1.500 inscritos e inscritas para participar o 15 de xuño na IV Carreira Popular Concello de Carballo

Venres 13 de xuño do 2014

A vila prepárase para a IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que terá lugar o domingo 15 de xuño e na que hai un total de 1.484 inscritos e inscritas -1.190 sénior- en 24 categorías dende benxamíns a veteranos. A competición forma parte por segundo ano consecutivo do Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, que desta volta pasou de contar con 10 eventos a ter 18, e conta cun percorrido homologado pola Federación Española de Atletismo. O Concello, a través das Concellarías de Deporte, que dirixe Marcos Trigo, e de Seguridade, que dirixe Xosé Regueira, informa de que a causa da celebración da carreira haberá varios cortes de tráfico polo que piden desculpas de antemán. Así, o domingo 15 de xuño entre as 11.00 e as 14.00 horas estará prohibida a circulación nas seguintes rúas: Colón, Cervantes, Desiderio Varela, Gran Vía (dende o seu inicio ata o cruce coa Alfredo Brañas), Doutor Fleming, Avenida de Bergantiños, Vila de Corcubión, Vila de Noia, Vila de Ordes, Alfredo Brañas, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Fomento, Avenida de Fisterra, Río Sar, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Río Sil, Río Lérez, Río Miño, San Martiño, San Ramón, Santa Ana e Sol. Do mesmo xeito, a partir das 10.00 horas a circulación xa estará limitada nas rúas Gran Vía (dende o inicio ata o cruce doa Doutor Fleming), Rosalía de Castro, Doutor Fleming, Valle Inclán, Colón, Cervantes e Desiderio Varela.

A Milagrosa prepara o primeiro mercado medieval de Carballo con preto de 30 postos cheos de comida, artesanía e xogos

DO 13 AO 15 DE XUÑO DETRÁS DA CAPELA

A Milagrosa prepara o primeiro mercado medieval de Carballo con preto de 30 postos cheos de comida, artesanía e xogos

Xoves 12 de xuño do 2014

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa, coa colaboración do Concello de Carballo a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, organiza o primeiro Mercado Medieval de Carballo, que está previsto que teña lugar durante a fin de semana entre o 13 e o 15 de xuño no espazo situado detrás da capela da Milagrosa e a carón da pista polideportiva. Trátase dunha iniciativa organizada a través dunha empresa con experiencia neste tipo de citas na que está previsto que haxa unha ampla variedade de atraccións, dende as máis habituais nestes eventos, como postos de comida e artesanía ou animación musical, ata máis orixinais, como danza do ventre, come lapas ou monicreques, así como a tradicional polbeira con racións de polbo á feira. Arredor duns 30 postos animarán o barrio nunha cita pioneira en Carballo á que a organización espera que se sumen numerosos veciños e veciñas. O horario da cita é, o venres 13 de 17.00 a 22.00 horas; e o sábado 14 e o domingo 15 de 11.00 a 22.00 e de 11.00 a 21.00 horas, respectivamente. O obxectivo desta iniciativa, ao igual que o de outras que se teñen celebrado no barrio nos últimos tempos, como a campaña "Compra e tapea", celebrada no mes de marzo, é o de incentivar a actividade comercial e dos negocios de hostalería do barrio da Milagrosa. Pode descargarse o cartel da cita aquí.

 O distintivo da Bandeira Azul ondea dende o xoves 12 de xuño nas praias carballesas de Pedra do Sal e Baldaio-As Saíñas

A ASOCIACIÓN ADEAC DISTINGUE A CALIDADE DOS AREAIS

O distintivo da Bandeira Azul ondea dende o xoves 12 de xuño nas praias carballesas de Pedra do Sal e Baldaio-As Saíñas

Xoves 12 de xuño do 2014

A Bandeira Azul, un distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), ondea dende hoxe, xoves 12 de xuño, nos areais de Pedra do Sal e Baldaio-As Saíñas do municipio de Carballo. Este símbolo recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, xestión ambiental, seguridade e en xeral as instalacións das que dispoñen os areais, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. O Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, recolleu os distintivos nun acto no Museo do Mar de Vigo celebrado o venres 6 de xuño e ao que asistiron representantes de todos os municipios, portos e centros galardoados. O Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado hoxe de proceder ao izado das bandeiras acompañado do propio Marcos Trigo e de socorristas e membros de Protección Civil, nunha mañá na que o sol, o calor e a bandeira verde nunhas augas moi calmas foron os protagonistas. Para que un areal poida conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.

A rúa Valle Inclán conta con novo mobiliario urbano mentres comeza a colocación do alumeado na rúa Ambulatorio

OS BANCOS E XARDINEIRAS OS ELABORARÍA UNHA ESCOLA TALLER

A rúa Valle Inclán conta con novo mobiliario urbano mentres comeza a colocación do alumeado na rúa Ambulatorio

Mércores 11 de xuño do 2014

Estanse realizando estes días os traballos para colocar o novo mobiliario urbano da rúa Valle Inclán da capital municipal despois de terse realizado unhas obras de reurbanización que mudaron completamente a súa faciana e lle conceden unha maior presenza aos peóns. Así, estanse colocando as papeleiras e os novos farois da vía, uns elementos que o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, espera que estean instalados antes de que finalice a semana. Así mesmo, está previsto que no futuro a rúa conte con bancos e xardineiras, aínda que neste caso a administración local espera que poidan ser construídos polo alumnado do módulo de carpintaría dunha Escola Taller que se ten solicitado ante a Xunta de Galicia. Polo de agora non ten saído a resolución da administración autonómica sobre a concesión desta actividade formativa dirixida a desempregados e desempregadas menores de 25 anos. Así mesmo, comezou a colocarse o novo alumeado da Rúa Ambulatorio da capital municipal despois da creación de beirarrúas e da mellora da vía. Hai que subliñar, que tanto no caso da rúa Valle Inclán como da Ambulatorio, os farois contan con luminarias de tecnoloxía LED, que promoven a eficiencia e o aforro enerxético, unha tecnoloxía que estará presente en todo o alumeado do municipio en virtude do contrato de xestión enerxética do Concello de Carballo que a Unión Temporal de Empresas Ferroser-Ferrovial asumiu a primeiros de ano.

Escola Lubiáns organiza o seu II Festival de Patinaxe Artística que contará coa presenza de máis de 200 rapaces e rapazas

DOMINGO 15 DE XUÑO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Escola Lubiáns organiza o seu II Festival de Patinaxe Artística que contará coa presenza de máis de 200 rapaces e rapazas

Mércores 11 de xuño do 2014

O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o domingo 15 de xuño a celebración do II Festival Escola Lubiáns de Patinaxe Artística no que está previsto que participen máis de 220 nenos e nenas de doce clubs de toda Galicia. Así, están convidados, ademais dos anfitrións, o CPR Artai de Carballo; o CP Conxuro da Laracha; o C Brincadeira da Coruña; o C Compañía de María da Coruña; a AD Liceo da Coruña; o CP Radeansa da Coruña; o Axel Patín de Arteixo; o CP Fervello de Arteixo; o CP Patiber de Bergondo; o CP Patiart de Coristanco; e o CP Raiola de Ferrol. A cita comeza a partir das 17.00 horas e o presidente de Escola Lubiáns -organizadora da cita coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña e Galicia Saudable-, Fernando Fidalgo Cerviño, subliña que a cita medrou dende a súa primeira edición en 2013, coa presenza de clubs de moitos puntos distintos e tamén coa colaboración do club de patinaxe da Laracha, a quen lle agradecen a súa presenza. Dende Lubiáns, subliñan, ademais, que nos últimos tempos están tendo moi boa resposta na disciplina da patinaxe artística, con monitores en Cabana e nos CEIP Gándara-Sofán e Bergantiños de Carballo impartindo clases. Ademais da celebración do festival de patinaxe, Escola Lubiáns celebra o sábado 14 de xuño na Cheda unha comida para despedir a tempada á que asistirán a maioría de socios e socias do club, incluíndo aos máis cativos e cativas.

Senda Nova e o Concello presentan o Proxecto XEM para fomentar o estilo de vida saudable e o medio ambiente entre a mocidade

PARTICIPAN OUTRAS TRES ENTIDADES DE ITALIA, FRANCIA E ESLOVAQUIA

Senda Nova e o Concello presentan o Proxecto XEM para fomentar o estilo de vida saudable e o medio ambiente entre a mocidade

Sábado 7 de xuño do 2014

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, entre outras entidades como o Injuve (Instituto da Xuventude), presenta o proxecto XEM -Xuventude, Europa, Medio ambiente-, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade os estilos de vida saudables e o respecto á integración da sociedade na defensa do medio ambiente. Así, entre o 2 e o 9 de xullo tres entidades europeas procedentes de Italia, Francia e Eslovaquia, ademais de Senda Nova, reflexionarán en Carballo sobre estes eixos a través de distintas actividades, que van desde rutas de sendeirismo ata encontros de traballo ou unha visita á feira de Carballo. Ademais dos integrantes de Senda Nova, o presidente da entidade, Xosé Manuel Menéndez, subliña a vontade da asociación de abrir a experiencia a toda a xuventude. Por ese motivo, a partir do 6 de xuño e até o 17 do mesmo mes os rapaces e rapazas de entre 18 e 25 anos que queiran colaborar e participar activamente no encontro de xullo, poden inscribirse a través de <www.sendanova.org>. Hai un máximo de sete prazas. Senda Nova espera poder animar aos rapaces e rapazas chegados de toda Europa a reflexionar sobre o papel que deben desempeñar as novas xeracións para garantir un futuro saudable e sostible, con especial atención á modificación de comportamentos da sociedade no acceso aos recursos e co medio ambiente.

Efecto pasillo, "Cantando a Galicia" e o Rockin´ centran o San Xoán xunto coas cachelas, o descenso e a Festa do Bosque

ENTRE O DOMINGO 22 E O DOMINGO 29 DE XUÑO

Efecto pasillo, "Cantando a Galicia" e o Rockin´ centran o San Xoán xunto coas cachelas, o descenso e a Festa do Bosque

Venres 6 de xuño do 2014

O San Xoán 2014 chega con aires de renovación e mantendo as citas tradicionais coa ilusión de que "calquera persoa poda encontrar unha actividade ao seu gusto", segundo explica a presidenta da Comisión de festas, María José Souto. A renovación chega coa presenza nas redes sociais para implicar a toda a cidadanía -con Facebook, con xa 650 seguidores, e Twitter- e ten as súas citas centrais entre o domingo 22 e o domingo 29 de xuño. Continúan o Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns; a Festa do Bosque serve de novo como peche do programa; a música multiplícase co pop de Efecto Pasillo, a verbena nostálxica "Cantando a Galicia" e a música cañeira do Rockin´; e, coma sempre, proliferan as citas culturais e deportivas. A presentación do programa deste ano principiou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2014. Recaeu en Laura Torrrado, unha carballesa que, en verdas da Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, creou unha imaxe "fresca, sinxela e moderna". Dotado con 450 €, o galardón foi entregado por Belén Enríquez como representante de Opticalia Enríquez. Este ano o San Xoán conta cun orzamento que rolda os 100.000 euros, enxugados polos ingresos da revista do San Xoán -30.000 euros- e das barracas -24.000-. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo transmitir os seus parabéns á Comisión porque "co orzamento máis baixo dos últimos anos" e grazas ao seu esforzo manteñen o elevado nivel da festa.

Deportes San Remo resulta elixido establecemento favorito da campaña "Máis que comercio" na que participou o CCA

AS VOTACIÓNS REALIZÁRONSE DURANTE O MES DE MAIO

Deportes San Remo resulta elixido establecemento favorito da campaña "Máis que comercio" na que participou o CCA

Venres 6 de xuño do 2014

A Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, acompañada polo Alcalde, Evencio Ferrero, e a xerente do Centro Comercial Aberto (CCA), María del Carmen Freire, vén de entregarlle ao negocio carballés Deportes San Remo o diploma que o distingue como o comercio favorito dos clientes do CCA dentro da campaña da Consellería de Economía e Industria "Máis que comercio!". Así, durante a pasado mes de maio tivo lugar esta iniciativa que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes. As persoas que mercaron nos comercios asociados ao CCA recibiron durante todo o mes un cupón por cada cinco euros de compra, o que lles permitiu participar nun xogo en liña no web <www.maisquecomercio.com>. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, optaron a un total de 17 tarxetas regalo para mercar no comercio local que van desde os 200 aos 20 euros. Agora, e unha vez rematada a campaña, coñeceuse que Deportes San Remo foi o comercio con máis votos, polo que os responsables do negocio recibiron o diploma en recoñecemento ao seu labor. Deportes San Remo vai a cumprir 30 anos como establecemento de roupa e artículos de deporte en Carballo, e quixo agradecer o recoñecemento da súa clientela, especialmente coa situación actual que vive o pequeno comercio.

O Concello conta xa co documento para a aprobación provisional no PXOM e remitirallo á Xunta para que elabore a memoria ambiental

AS ALEGACIÓNS SUPOÑEN UN INCREMENTO DUNHAS 2.500 VIVENDAS

O Concello conta xa co documento para a aprobación provisional no PXOM e remitirallo á Xunta para que elabore a memoria ambiental

Venres 6 de xuño do 2014

O equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) remitiu esta semana o documento para a aprobación provisional do planeamento, que chegou o xoves 5 de xuño a última hora da mañá ás dependencias municipais. O plan recolle agora todas as incorporacións dos informes preceptivos emitidos pola Xunta de Galicia, incluído parte do de Patrimonio, que foi remitido o pasado mes de maio despois dunha espera de quince meses. Tamén reflicte o informe definitivo de alegacións, no que se recolle que se admitiron 1.027 total ou parcialmente, 912 foron desestimadas e se conclúe que 18 entraron fóra de prazo; así como as conclusións e suxestións arredor das reclamacións realizadas durante as 31 comisións de urbanismo celebradas despois de que rematase o período de exposición pública do PXOM. Así, os veciños e veciñas tanto da capital municipal como das parroquias tiveron a oportunidade de consultar as particularidades do planeamento e incluso de solucionar as súas dúbidas falando co equipo redactor. Agora que o documento para aprobación provisional está perfilado, o Concello tenllo que remitir á Xunta para que se elabore a memoria medioambiental, un trámite que dura aproximadamente dous meses. A Concelleira de Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, espera que o documento se lle remita á Xunta xa o luns 9 de xuño.

O Concello solicita ante a Xunta que se axilicen os trámites para regularizar o Conservatorio e solicita axuda para a xestión da EOI

ENTREVISTA CO SUBDIRECTOR XERAL DE ENSINANZAS ESPECIAIS

O Concello solicita ante a Xunta que se axilicen os trámites para regularizar o Conservatorio e solicita axuda para a xestión da EOI

Xoves 5 de xuño do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter unha xuntanza en Santiago de Compostela co Subdirector Xeral de Ensinanzas Especiais, Juan Durán, e con outros técnicos da Xunta, para falar sobre a situación do Conservatorio Profesional de Música e sobre a sección carballesa da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da Coruña. Respecto do Conservatorio, Mar Eirís explica que a entrevista centrouse no informe que o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia para que se permita a delegación de competencias na administración local e a continuidade do servizo. Así, en virtude na Lei de Réxime Local de 31 de decembro de 2013, determínase que as administracións locais carecen de competencias para prestar servizos educativos como o do Conservatorio, xa que estes deberían estar xestionados pola comunidade autónoma. O informe autonómico sería necesario para permitir que o Concello mantivese o servizo, así como para poder modificar a ordenanza reguladora e as taxas para o curso 2014-2015. Por parte da Subdirección Xeral amosouse boa vontade para axilizar este trámite e que o Conservatorio carballés poida seguir prestando o servizo como até o de agora.

O fútbol únese coa solidariedade para celebrar o Día das Vermellas, unha xornada futbolística a beneficio de Cruz Vermella

DOMINGO 8 DE XUÑO NO CAMPO "O CARRAL" DE SOFÁN

O fútbol únese coa solidariedade para celebrar o Día das Vermellas, unha xornada futbolística a beneficio de Cruz Vermella

Mércores 4 de xuño do 2014

O domingo 8 de xuño o Campo "O Carral" de Sofán transformarase nun espazo solidario e comprometido grazas á celebración do Día das Vermellas. Trátase dunha xornada futbolística organizada pola SD Sofán coa colaboración da UD Paiosaco, o Concello de Carballo, Cruz Vermella, La Voz de Galicia, e o Festival V de Valarés, na que se disputarán varios partidos cuxa recadación será integramente para Cruz Vermella. Segundo explica Marcos Gende, secretario da SD Sofán, a idea xurdiu "porque a entidade sempre quixo colaborar" neste tipo de iniciativas, e agora é "un momento complicado" no que é especialmente necesario colaborar coas ONGs que o necesitan. As actividades principian ás 16.00 horas cun partido de fútbol base coa presenza de categorías benxamín e alevín; ás 17.00 horas é a quenda dos infantís; e por último, ás 18.00 horas, será o partido dos senior entre a SD Sofán e a UD Paiosaco. Matilde Anido, presidenta local de Cruz Vermella, quixo expresar a súa "gratitude total ao Sofán e ao Paiosaco", así como ao Concello "sempre disposto a axudarnos". O importe da entrada para a xornada do domingo é de 2 euros, que se doarán de forma íntegra. Así mesmo, quen queira colaborar tamén ten pode facelo a través dunha Fila 0. Para iso só ten que poñerse en contacto coa Cruz Vermella local na súa sede na rúa Vázquez de Parga, ou obter máis información en , en Facebook ou en Twitter

Compartir: