Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle dúas fases finais da Copa Primavera en categorías infantil e preminibasket nas que participa o Artai

DÍAS 7 E 8 DE XUÑO NOS PAVILLÓNS VILA DE NOIA E CARBALLO CALERO

Carballo acolle dúas fases finais da Copa Primavera en categorías infantil e preminibasket nas que participa o Artai

Mércores 4 de xuño do 2014

O deporte de base ten dúas novas citas en Carballo, neste caso o sábado 7 e o domingo 8 de xuño. Así, o Club Baloncesto Artai disputa dúas fases finais da Copa Primavera en categorías infantil feminina e preminibasket (con nenos e nenas de 8 e 9 anos). O sábado é a quenda da "final four" das nenas no Pavillón Vila de Noia da Zona Escolar. Enfrontaranse na semifinal a outro equipo da zona, o ACB Costa da Morte, ás 12.00 horas, mentres que a outra semifinal é ás 10.00 horas entre o Universitario Ferrol e as Calasancias. A final celebrarase ás 18.00 horas. O domingo é a quenda da categoría preminibasket mixta no Pavillón Carballo Calero da Zona Bergantiños. Neste caso, o Artai é único club da zona con representación. As semifinais están previstas a partir das 10.00 horas entre o Artai e as Calasancias e o Coreti e as Jesuitinas. A partir das 12.30 horas será a final e a loita polo 3º e 4º posto, así como a entrega de medallas. Joaquín Moreira, presidente do Artai, explica que o club non é o favorito en ningunha das citas, xa que se espera que o sábado se impoñan as Calasancias, e o domingo o Coreti de Culleredo, mais tamén engade que neste tipo de categorías, con nenos e nenas tan novos, sempre hai un espazo maior para o factor sorpresa, ben polas baixas ou pola emoción coa que viven os encontros, e calquera cousa pode pasar.

Os Novos Intérpretes do Conservatorio de Carballo ofrecen os tradicionais concertos de fin de curso entre o 4 e o 6 de xuño

AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA A PARTIR DAS 20.00 HORAS

Os Novos Intérpretes do Conservatorio de Carballo ofrecen os tradicionais concertos de fin de curso entre o 4 e o 6 de xuño

Martes 3 de xuño do 2014

O Pazo da Cultura de Carballo acolle entre o mércores 4 e o venres 6 de xuño os Concertos de fin de curso que ofrece o alumnado de Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e que se inclúe no ciclo de Novos Intérpretes, que anualmente se celebra neste centro, e cuxo primeiro ciclo de concertos (na imaxe) xa tivo lugar os pasados 9 e 10 de abril de 2014 co alumnado de Grao Elemental como protagonista. Cerca de setenta rapaces e rapazas, de primeiro a sexto de Grao Profesional, interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos), estilos e xéneros que foron estudando ao longo do curso académico. As intervencións realizaranse ben como solistas, ben como pequenas formacións como os dúos; con diferentes instrumentos como a gaita galega, o saxofón, a percusión, o piano, a frauta traveseira ou a trompeta, entre outros. Hai que salientar que o remate de todos os concertos será a cargo dunha agrupación con máis integrantes. Así, o mércores 4 porá fin á mostra o Grupo de Violíns. O xoves 5 farano o Grupo de Violíns e o Coro de Grao Profesional, que dirixen o profesor piano e corda, Juan José Otero e Gloria Pardines Rojo, respectivamente. E, finalmente, o venres 6, será a Orquestra de Corda a encargada de pechar esta serie de concertos cos que celebra a fin de curso.

O espectáculo "Cantando a Galicia" chega ao San Xoán 2014 para realizar unha homenaxe ás orquestras de sempre

ACTUACIÓN O 24 DE XUÑO, DÍA DO PATRÓN, NA PRAZA DO CONCELLO

O espectáculo "Cantando a Galicia" chega ao San Xoán 2014 para realizar unha homenaxe ás orquestras de sempre

Luns 2 de xuño do 2014

A Asociación Cultural San Xoán fai unha aposta moi forte polas verbenas. Este ano pasarán pola Praza do Concello algunhas das mellores orquestras do momento, pero, ademais, o 24 de xuño, un dos días centrais das festas, actuará o trío formado por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Sito Sedes, tres voces claves da música galega que se unen no espectáculo "Cantando a Galicia" para ofrecer a súa particular homenaxe aos músicos galegos e ás orquestras de sempre. "Cantando a Galicia" fai un repaso pola historia musical recente da comunidade autónoma. Entre os seus integrantes destaca Sito Sedes, que forma parte desa historia porque durante 13 anos foi a voz de Los Satélites, unha orquestra histórica e moi querida en Carballo, onde toca todos os anos. Nesta proposta musical, Paco Lodeiro non só canta, senón que ademais é o encargado de conducir o espectáculo, amosando as dotes de presentador das que fai gala a diario na TVG. Por último, a voz feminina de Rosa Cedrón, a cantante galega máis internacional de todos os tempos, supón todo un luxo e unha garantía de éxito. O día 24 de xuño soarán en Carballo cancións de Fuxan os Ventos, Los Tamara, Ana Kiro ou Los Satélites, entre outros moitos grupos e orquestras que xa forman parte da banda sonora da historia recente de Galicia e que agora traen Sedes, Cedrón e Lodeiro.

Xogar na rúa pecha o programa de Deporte en Idade Escolar rexistrando preto de 1900 sesións de actividades deportivas

A CITA É O SÁBADO 7 DE XUÑO A PARTIR DAS 17.00 HORAS

Xogar na rúa pecha o programa de Deporte en Idade Escolar rexistrando preto de 1900 sesións de actividades deportivas

Luns 2 de xuño do 2014

Un ano máis, e cumprindo 23 anos, Xogar na rúa convértese no perfecto peche para o programa de Deporte en Idade Escolar, que inclúe as actividades deportivas que se desenvolveron durante o curso 2013-2014 nos CEIP Fogar, A Cristina, Bergantiños, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán e na ANPA A Braña de Rus. Un total de 839 nenos e nenas participaron entre outubro e maio nun total de 1896 sesións de actividades a través de 44 grupos e tocando todas as modalidades deportivas que se practican en Carballo. Segundo Francisco García Bello, do Servizo Municipal de Deportes, isto foi posible grazas á novidade este curso de contar coa colaboración de todas as entidades deportivas do municipio, que se coordinaron coas ANPAs e Carballo Deporte para dinamizar aínda máis o programa de Deporte en Idade Escolar. Xogar na Rúa pecha este programa o sábado 7 de xuño, na Praza do Concello entre as 17.00 as 19.30 horas, a través de 16 actividades, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, inchable de Pocoyó, casiña de bolas, atletismo ou capoeira. Esta última unha proposta que se consolida no programa e que xa ten un espazo propio entre o alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero.

O concurso "Na busca do tesouro" pretende potenciar o comercio a través dunha actividade lúdica que regala unha viaxe a Eurodisney

SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN Á SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE

O concurso "Na busca do tesouro" pretende potenciar o comercio a través dunha actividade lúdica que regala unha viaxe a Eurodisney

Luns 2 de xuño do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar as bases de participación no concurso "Na busca do tesouro", incluído dentro do programa #QuedamosEnCarballo de dinamización do comercio e a hostalería locais. Nesta proposta, os participantes deben visitar os diferentes establecementos adheridos á iniciativa para ir descubrindo as pistas e atopar o tesouro escondido. A busca do tesouro está prevista para o sábado 14 de xuño entre as 11.00 e as 14.00 horas e está dirixida a adultos maiores de idade acompañados por un neno ou nena de entre 6 e 11 anos que, de querer tomar parte, deben inscribirse do 4 ao 11 de xuño no Fórum Carballo. Durante a xornada da busca, os participantes realizarán unha serie de probas de preguntas e de habilidade para acumular puntos, recoller as pistas ocultas dos comercios e acadar o obxectivo de atopar o tesouro. O concursante que chegue primeiro ao punto de encontro con toda a tarxeta cuberta cos selos ou firmas dos establecementos da ruta acreditando ter superado todas as preguntas e probas de habilidade esixidas en cada tenda gañará unha viaxe a Eurodisney para dúas persoas. O obxectivo do concurso "Na busca do tesouro" é o de potenciar o comercio local a través da participación cidadá en dinámicas innovadoras co fin de acurtar distancias entre clientes e comerciantes.

Carballo Limpo e Ecovidro promoven a reciclaxe de vidro coa colaboración de preto de 70 establecementos de hostalería

REPARTIRANSE CUBOS ADAPTADOS PARA OS LOCAIS QUE O SOLICITEN

Carballo Limpo e Ecovidro promoven a reciclaxe de vidro coa colaboración de preto de 70 establecementos de hostalería

Sábado 31 de maio do 2014

Carballo Limpo e Ecovidro, a asociación sen ánimo de lucro que xestiona o reciclado dos envases de vidro depositados nos colectores de toda España, colaborarán conxuntamente nunha innovadora campaña para facilitar a recollida e reciclado dos residuos de envases de vidro en locais hostaleiros da localidade. A iniciativa foi presentada, durante estes días ante as Concellarías de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, e de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, por Luis Vecino, responsable de Urbaser en Carballo, e Germán Fernández Freire, Xerente de zona de Ecovidro en Galicia, todos eles pertencentes ás liñas de traballo enmarcadas no programa de coidado do medio ambiente Carballo Limpo. A devandita campaña arrincará en breve e nunha primeira fase, tras un traballo de campo previo xa realizado para detectar obxectivos, procederase á realización de enquisas a preto de 70 establecementos por parte de técnicos de Ecovidro, co obxectivo de informar desta iniciativa, e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles o reciclado dos envases de vidro. Logo, nos próximos días, os locais participantes na campaña que previamente o solicitasen, dispoñerán dun cubo con rodas de gran capacidade, para o traslado dos residuos de envases de vidro ata o colector adaptado ao sistema. En total entregaranse preto de 70 cubos con rodas e serán instalados 11 colectores tipo VACRI.

O FIOT outorgará o Xograr de Outono 2014 ao titiriteiro e actor con máis de 30 anos de traxectoria Eduardo Rodríguez "Tatán"

A ENTREGA DO GALARDÓN TERÁ LUGAR DURANTE O FESTIVAL

O FIOT outorgará o Xograr de Outono 2014 ao titiriteiro e actor con máis de 30 anos de traxectoria Eduardo Rodríguez "Tatán"

Sábado 31 de maio do 2014

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará na XXIII edición o Xograr de Outono 2014 a Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", titiriteiro e actor, que ten unha longa traxectoria de máis de 30 anos na escena galega sendo un dos pioneiros do teatro de títeres en Galicia. A entrega do galardón terá lugar ao longo da XXIII edición do festival no mes de outubro. Nunha reunión celebrada no mes de abril cos anteriores galardoados co Xograr de Outono decidiron conceder o premio a "Tatán", fundador da compañía Tanxarina Títeres hai máis de 30 anos e que, desde entón, se converteu nunca das formacións máis recoñecidas e prestixiosas de teatro de títeres, tanto dentro coma fóra de Galicia. Este galardón quere recoñecer o mérito e labor teatral de Eduardo Rodríguez "Tatán" como titiriteiro e actor e como dinamizador na difusión na manipulación e na creación de títeres no teatro galego. Ao longo da súa traxectoria profesional é o impulsor dos primeiros festivais de títeres en Galicia, un dos máis importantes é o Festival Internacional de Títeres de Redondela, no que asumiu a dirección artística durante varios anos e que, na actualidade, acaba de cumprir a XV edición. Eduardo Rodríguez "Tatán" é un referente na escena galega, xa que ademais de dignificar a profesión de titiriteiro, sendo un dos primeiros que creou a primeira asociación de títeres de Galicia, realiza o seu traballo para cativos e adultos.

Alumnado da Bretaña francesa visita Carballo e a contorna a través dun intercambio con rapaces e rapazas do IES Monte Neme

A VISITA ENMÁRCASE DENTRO DO PROGRAMA EUROPEO COMENIUS REGIO

Alumnado da Bretaña francesa visita Carballo e a contorna a través dun intercambio con rapaces e rapazas do IES Monte Neme

Venres 30 de maio do 2014

Preto dunha quincena de alumnos e alumnas do Collège Skolaj Diwan ar Mor-bihan, da localidade bretoa de Vannes, en Francia, tiveron a oportunidade durante os últimos días de coñecer a vila de Carballo e a súa contorna, ademais de diversos puntos de Galicia, grazas a un intercambio realizado co IES Monte Neme da capital municipal. Trátase dunha actividade do Proxecto Comenius Regio na que tamén participa o IES Neira Vilas de Oleiros. No caso de Carballo, os rapaces e rapazas de Vannes puideron visitar A Coruña, Santiago e as Rías Baixas, ademais de poder compartir as aulas durante uns días cos rapaces e rapazas carballeses, así como os seus fogares. Hai que subliñar que é o segundo e último ano do programa Comenius Regio, e aínda que o curso pasado alumnado de Vannes xa estivo na vila, hai que subliñar que desta volta trátase dun instituto no que as clases se imparten en bretón, ademais de en francés, polo que o alumnado carballés tivo a oportunidade de coñecer tamén esta lingua, ademais de "ter outra mirada sobre Carballo ensinándollo aos demais", en verbas da profesora de Lingua Francesa do IES Monte Neme, Sandra Rodríguez. Hai que mencionar que o centro carballés conta con tres seccións bilingües, dúas en inglés e unha en francés, polo que se ensinan materias como matemáticas noutros idiomas na busca da integración doutras linguas.

A Bolsa de Traballo Municipal mantén abertas catro ofertas de emprego, tres delas dirixidas ao sector da hostalería

PRAZAS DISPOÑIBLES NUN CURSO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA

A Bolsa de Traballo Municipal mantén abertas catro ofertas de emprego, tres delas dirixidas ao sector da hostalería

Venres 30 de maio do 2014

A Bolsa de Traballo Municipal (BDT) conta nestes momentos con catro ofertas de emprego abertas, tres delas chegadas dende o sector da hostalería. Así, segundo informan as técnicas municipais, solicítase un posto de camareira a xornada completa para cubrir por unha persoa con experiencia no sector e de entre 20 e 30 anos de idade; un posto de cociñeiro ou cociñeira; e un posto de recepcionista nun local hostaleiro que teña, como requisito indispensable, dominio da expresión oral alomenos en inglés, francés ou alemán. O cuarto posto ofertado na BDT correspóndese cun posto de comercial no que non se esixe experiencia previa. Neste último caso, os interesados e interesadas deben presentarse no Fórum Carballo en horario de mañá o luns 2 ou o martes 3 de xuño. A BDT acumula, dende a súa creación en novembro de 2012, un total de 1.215 demandantes de emprego inscritos, dos que 580 son homes e 635 son mulleres. A maioría dos solicitantes son de Carballo, con 882, e 333 de fóra da vila. Respecto da formación, a maior parte dos demandantes teñen un nivel de estudos básico, xa que 146 tan só contan co Graduado Escolar ou a EXB. Un total de 105 carecen de estudos, 113 teñen cursado a ESO, 187 contan con ciclos formativos ou formación profesional, 77 teñen BUP, 34 son diplomados e 59 contan con titulación superior universitaria.

Xa está dispoñible no Museo de Bergantiños a encadernación para quen completou a colección de "Contos de Taberna"

A CAIXA ESTÁ ILUSTRADA POR JACOBO VEIGA

Xa está dispoñible no Museo de Bergantiños a encadernación para quen completou a colección de "Contos de Taberna"

Xoves 29 de maio do 2014

Entre os pasados 23 de marzo e 17 de maio os bares, tascas e cafetarías de Carballo repartiron os relatos da iniciativa "Contos de Taberna". Locais como Kasa Klandestino, Café Abastos, Viñoteca Ánfora, Café Cervantes, Mesón do Pulpo, A Cova, A de Pako, Cervexaría Ágora, Café Valle Inclán, A Cabaña, A Pedra, A Bombonera, Bodegón O Pescador ou O Mexillón participaron nesta proposta que contou con gran éxito de público. E é que as tabernas sempre foron lugares de historias, de palabras, de interacción e comunicación. De creatividade e de contos. Por iso, creadoras e creadores de Carballo decidiron plasmar esas historias, contos, palabras e creatividade taberneira en textos e imaxes que se repartiron polos bares. Neste caso, ao igual que pasa con cada relato, a caixa que sirve de encadernación para toda a obra está ilustrada por un artista local, Jacobo Veiga, o que lle dá un valor extra ao conxunto da obra. Todas aquelas persoas que teñan completada a colección dos catorce relatos de Contos de Taberna poden pasar a recoller esta última ilustración que serve para arquivar todos os relatos no Museo de Bergantiños no seu horario habitual. Hai que lembrar que "Contos de Taberna" é unha das iniciativas do programa #QuedamosenCarballo, que ao longo deste ano, e da man da Concellaría de Promoción Económica, estanse a levar a cabo botando man da cultura e da creatividade para darlle pulo ao comercio e aos negocios de hostalería locais.

Alumnado da EFA Fonteboa de Coristanco coñece o funcionamento do Concello a través dunha xuntanza co Alcalde no salón de plenos

OS RAPACES DE 1º DA ESO PERCORRERON AS INSTALACIÓNS

Alumnado da EFA Fonteboa de Coristanco coñece o funcionamento do Concello a través dunha xuntanza co Alcalde no salón de plenos

Xoves 29 de maio do 2014

Un total de 12 alumnos do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco visitaron o Concello de Carballo para coñecer de primeira man o funcionamento da administración local. Trátase de rapaces de 12 anos de 1º de ESO do centro de ensino do municipio veciño, que estiveron acompañados de tres docentes co obxectivo de coñecer datos básicos do municipio carballés e a organización cotiá da xestión municipal. Durante a visita, tiveron a oportunidade de reunirse co Alcalde, Evencio Ferrero, no salón de plenos da casa consistorial, e alí puideron satisfacer a súa curiosidade con numerosas preguntas. Moitas delas xiraron arredor do oficio de Alcalde, querendo saber que supón o traballo diario, canta formación se precisa para ser rexedor ou se Evencio Ferrero tivo o apoio dos seus á hora de asumir o cargo. Tamén se falou do financiamento municipal, cos impostos en primeiro plano, así como cos gastos. Moitos amosaron o seu asombro ao saber que o gasto enerxético anual en electricidade do Concello chega a preto dun millón de euros. Ao tratarse dun centro de promoción rural, tampouco faltaron as preguntas sobre a feira de Carballo, lugar onde moitos agricultores dan saída aos seus produtos. Despois da xuntanza co Alcalde, os alumnos tiveron a oportunidade de percorrer as dependencias municipais, e de falar con outros concelleiros, como Luís Lamas, responsable de Obras e Servizos, que puido ensinarlles as claves da reutilización e a reciclaxe.

O X curso de verán sobre normalizacion lingüística reflexiona sobre a transmisión do galego ás xeracións máis novas

A CITA TERÁ LUGAR DO 9 AO 11 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O X curso de verán sobre normalizacion lingüística reflexiona sobre a transmisión do galego ás xeracións máis novas

Xoves 29 de maio do 2014

Que facermos para lles transmitirmos o galego ás xeracións máis novas? Esta é a gran pregunta que se intentará responder no curso que a Universidade da Coruña e a CTNL organizan no mes de xullo en Carballo, e para o que o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, asinaron na mañá de hoxe, xoves 29 de maio, un convenio de colaboración. Ademais, intentarase responder a esta cuestión dun xeito fundamentalmente práctico, coa análise, avaliación e proposta de medidas de intervención. E é que o futuro da lingua está, como é lóxico, nas vindeiras xeracións. Durante o acto de sinatura o reitor manifestou a súa satisfacción coa subscrición deste acordo que permite chegar á décima edición do "Curso de verán de dinamización lingüística. Traballando en lingua" que terá lugar no Fórum Carballo os días 9, 10 e 11 de xullo. O Alcalde destacou o éxito de anteriores convocatorias, así como doutros cursos organizados en Carballo por parte da UDC. Así, comentou que froito dun seminario sobre urbanismo o Concello adoptou unha idea moi necesaria de mellora dos muros da vila a través do pintado de medianeiras, unha iniciativa que está tendo lugar na actualidade a través da proposta "Derrubando muros con pintura". Ferrero subliñou, ademais, o papel de "dirección intelectual da Universidade e a súa influencia nas vilas e no conxunto da sociedade".

Compartir: