Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello realiza traballos de mellora de vías en Berdillo, Sísamo e Sofán despois de terse rematado as obras da rúa Sol

NOS PRÓXIMOS DÍAS REALIZARASE O REPINTADO DA VÍA

O Concello realiza traballos de mellora de vías en Berdillo, Sísamo e Sofán despois de terse rematado as obras da rúa Sol

Mércores 28 de maio do 2014

O Concello de Carballo está realizando estes días traballos de mellora de vías en distintas parroquias. É o caso da Feira de Berdillo ou de Figueiroa en Sísamo. Son melloras incluídas no proxecto de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Rus, Artes, Bértoa, Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo no Concello de Carballo", recollidas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña e que teñen un orzamento de 91.001 euros (IVE incluído). Despois de actuar en Sísamo e Berdillo, nos próximos días tamén se actuará en Sofán, no treito que transcorre entre a igrexa e a escola da Gándara. Tamén hai que mencionar que nestes días téñense realizado traballos de mellora do firme na rúa Sol da capital municipal, co frisado do pavimento e a reposición do aglomerado no treito situado entre a glorieta da rúa Vila de Negreira e o Museo de Bergantiños (na imaxe, as obras durante unha visita realizada polo Alcalde, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Obras, Luís Lamas). Nestes momentos están pendentes os traballos de repintado, que se levarán a cabo tan pronto melloren as condicións meteorolóxicas. Por último, tamén hai que mencionar que seguen en marcha os traballos de soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña, en Sofán, en colaboración do Concello da Laracha. O orzamento é de 109.262,21 euros e o proxecto está financiado na súa maior parte con fondos europeos Feder de desenvolvemento rural.

Carballo acolle catro cursos de formación para o emprego de cociña, restaurante, soldadura e instalacións electrotécnicas

ESTÁ PREVISTO QUE OS PRIMEIROS COMECEN A FINAIS DE XUÑO

Carballo acolle catro cursos de formación para o emprego de cociña, restaurante, soldadura e instalacións electrotécnicas

Martes 27 de maio do 2014

O Concello de Carballo acolle a partir do mes de xuño catro cursos de formación para o emprego para o exercicio do ano 2014 dirixidos a persoas desempregadas. Os cursos están incluídos no plan AFD da Consellería de Traballo e Benestar. As accións formativas que oferta Carballo son: de Cociña de 848 horas de duración; de Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG de 678 horas; de Servizos de restaurante, de 618 horas; e finalmente de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, de 458 horas. Todos os cursos impartiranse no Forum Carballo e está previsto que o primeiro deles, o de Cociña, dea comezo a partir do 20 de xuño, mentres que os seguintes iranse poñendo en marcha a partir dese momento de forma escalonada. Os interesados e interesadas en participar deben estar inscritos como demandantes de emprego na Oficina de Emprego e contar coa titulación en ESO (excepto para o curso de instalacións electrotécnicas que non se precisa título académico). Cada un dos cursos ten unha capacidade para 15 alumnos e alumnas. Hai que subliñar que as persoas que aproben todos os módulos formativos dos cursos poderán optar aos certificados de profesionalidade da Xunta. Os interesados e interesadas en obter máis información ou en inscribirse, deben acudir o o antes posible ao Fórum Carballo ou chamar aos teléfonos 981 709 010 ou 981 709 011.

Luz verde no pleno ordinario de maio á modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxas do Conservatorio Municipal de Música

MOCIÓN PARA CREAR UN ACCESO A RAZO-BALDAIO DENDE A AG-55

Luz verde no pleno ordinario de maio á modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxas do Conservatorio Municipal de Música

Martes 27 de maio do 2014

O pleno da corporación, reunido en sesión plenaria ordinaria, vén de aprobar cos votos a favor do BNG e a abstención dos demais grupos, a modificación da Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2014-2015. Este cambio na normativa supón un incremento dun 5 por cento nas taxas co obxectivo de reducir o déficit do servizo. Nestes momentos o custo do mantemento do Conservatorio é de 269.065,94 euros, dos que 70.900,68 son ingresos recollidos a través das taxas e da achega da Deputación da Coruña, de 9.894,06 euros, sendo nula a achega da Xunta de Galicia. Polo tanto, o déficit sería dun total de 198.165,26 euros, unha cantidade asumida na súa totalidade polas arcas municipais. En todo caso, o Concello manterá a liña de axudas que ten en marcha para os veciños e veciñas de Carballo que cursan estudos no Conservatorio, unhas bolsas que están en marcha dende hai dous anos. Así mesmo, en virtude na Lei de Réxime Local de 31 de decembro de 2013 -que determina que as administracións locais carecen de competencias para prestar servizos educativos como o do Conservatorio, xa que estes deberían estar xestionados pola comunidade autónoma-, o Concello solicita á Xunta un informe que permita a delegación de competencias e a continuidade do servizo. Esta autorización da Xunta é necesaria para poder actualizar a ordenanza.

Aspaber continuará un ano máis co servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo" despois de terse asinado a prórroga

A UTE LEVA XA DEZ ANOS COMO ADXUDICATARIA

Aspaber continuará un ano máis co servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo" despois de terse asinado a prórroga

Luns 26 de maio do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura dunha prórroga para o contrato administrativo de servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo", sendo a adxudicataria Aspaber-UTE. Así, o 29 de marzo de 2004 formalizouse a adxudicación deste contrato, establecéndose que despois do período de dez anos do mesmo, Aspaber podería solicitar unha prórroga. Unha vez determinado que se cumpren os requisitos necesarios, o pleno de marzo de 2014 ratificou a concesión desta prórroga, polo que Aspaber-UTE será un ano máis a entidade encargada do servizo. No acto de sinatura estiveron presentes Dolores Fernández, directora de Aspaber, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Dende que en 2004 Aspaber-UTE se convertera da adxudicataria, téñense ido ampliando algúns dos servizos ofrecidos, de tal xeito que hoxe en día encárgase, ademais da limpeza viaria en todo o municipio, do lavado de colectores no medio rural; do mantemento e limpeza a presión das prazas do Concello; da colocación de sinais en rúas; da colocación de papeleiras; da reparación de colectores; da colocación de espellos; ou da reparación e pintado de mobiliario urbano, entre outras accións de limpeza e mantemento. Tamén hai que lembrar que dende primeiros de 2014 Aspaber-UTE encárgase da limpeza dos centros de ensino do municipio despois de gañar o concurso convocado polo Concello.

O pleno aborda unha suba do 5 por cen nas taxas do Conservatorio e pide a autorización da Xunta para seguir prestando o servizo

O OBXECTIVO É REDUCIR UN DÉFICIT DE PRETO DE 200.000 EUROS

O pleno aborda unha suba do 5 por cen nas taxas do Conservatorio e pide a autorización da Xunta para seguir prestando o servizo

Venres 23 de maio do 2014

O pleno da corporación celebra o luns 26 de maio unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación inicial da modificación da Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2014-2015. Así mesmo, en virtude na Lei de Réxime Local de 31 de decembro de 2013 -que determina que as administracións locais carecen de competencias para prestar servizos educativos como o do Conservatorio, xa que estes deberían estar xestionados pola comunidade autónoma-, o Concello solicita á Xunta un informe que permita a delegación de competencias e a continuidade do servizo. Esta autorización por parte da Xunta é necesaria para poder actualizar a ordenanza. Respecto da modificación da normativa, suporía un incremento dun 5 por cento nas taxas co obxectivo, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, de "reducir o déficit do servizo". Así, nestes momentos o custo do mantemento do Conservatorio é de 269.065,94 euros, dos que 70.900,68 serían ingresos recollidos a través das taxas e da achega da Deputación da Coruña, de 9.894,06 euros, sendo nula a achega da Xunta de Galicia. Polo tanto, o déficit sería dun total de 198.165,26 euros, unha cantidade asumida polas arcas municipais. Esta suba iría destinada a "limar algo deste déficit", en verbas de Ferrero, para poder continuar cun servizo que no presente curso conta con 233 matriculados.

O Trofeo Concello de Carballo cumpre preto de 20 anos congregando a 250 ciclistas nas rúas e estradas do municipio

SÁBADO 24 DE MAIO A PARTIR DAS 15.00 HORAS

O Trofeo Concello de Carballo cumpre preto de 20 anos congregando a 250 ciclistas nas rúas e estradas do municipio

Xoves 22 de maio do 2014

Máis de 250 participantes de toda Galicia e incluso chegados de fóra correrán o sábado 24 de maio no Trofeo Ciclista Concello de Carballo, que completa unha andaina de case 20 anos celebrando esta proba de ciclismo en estrada. Organizado polo Club Ciclista Carballo-Placasa coa colaboración do Concello, está previsto que compitan ciclistas de categorías escolas (principiante, alevín e infantil) júnior, cadetes e femias repartidos en diferentes lugares, horarios e percorridos. A proba conta este ano con algunha novidade. Unha delas é que desta volta colabora, ademais de Federación Galega, a Federación Española de Ciclismo no caso da categoría júnior, polo que o trofeo sae das fronteiras galegas. Nestes momentos xa está confirmada a presenza dun club de León. Ademais, este ano a carreira súmase á Copa Federación Galega, creada para potenciar as probas de ciclismo en estrada. Polo demais, a proba conta co mesmo percorrido que en anos anteriores, con saída, meta e zona de quecemento na Gran Vía á altura do Mercado Municipal e co incio da proba coa categoría de femias a partir das 15.00 horas. O remate das carreiras e a entrega de trofeos está prevista para as 20.00 horas, aproximadamente. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron transmitir os seus parabéns ao Club Ciclista Carballo polo seu labor, con especial atención aos máis cativos e cativas.

"Carballo por etapas" arrinca o 23 de maio coa mellor oferta gastronómica local e da comarca con tapas a un euro

PARTICIPAN UN TOTAL DE 21 LOCAIS HOSTALEIROS

"Carballo por etapas" arrinca o 23 de maio coa mellor oferta gastronómica local e da comarca con tapas a un euro

Xoves 22 de maio do 2014

O tren de "Carballo por etapas" xa está preparado para iniciar o seu percorrido polos 21 establecementos que se sumaron este ano a esta proposta de Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños) que está patrocinada polo Concello de Carballo dentro do programa #QuedamosenCarballo, pola Deputación Provincial da Coruña e polo Grupo Calvo. A promoción da hostalería local e dos produtos autóctonos son os grandes obxectivos desta ruta gastronómica, que acada a súa segunda edición con moitas novidades e unha ampla oferta de actividades. O punto de partida é o venres 23 de maio, ás 19.30 horas, na Praza do Concello. O tren cedido polo Concello de Cabana para facer o percorrido polos locais, marca a inauguración da cita, na que participan A Barra Bar, A Cervexería de Luís, Bodegón O Pescador, Cafetería Abastos, Café-Bar Embajador, Café-Bar Ginebra, Cervexería Ágora, Cervexería Beos Coruña, Cervexería A Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Restaurante Brasería Caracola, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante O Xabarín, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón, Tasca O Casino e Trattoría Pizzería Vesuvio. Ademais, para dar a coñecer a iniciativa, Axober levará a cabo os xoves 22 e 29 cadanseu reparto de folletos no mercado semanal e nos establecementos participantes (na imaxe).

O Concello anima aos veciños e veciñas a que adopten cans na Canceira Municipal e á responsabilidade ante o abandono

ONCE ANIMAIS ESTÁN HOXE Á ESPERA DUN FOGAR

O Concello anima aos veciños e veciñas a que adopten cans na Canceira Municipal e á responsabilidade ante o abandono

Xoves 22 de maio do 2014

O Concello de Carballo, a través de Carballo Limpo e tamén en nome de Servigal, a empresa que xestiona a Canceira Municipal, quere lanzar un chamamento aos veciños e veciñas respecto da responsabilidade que a sociedade debe de ter cos nosos cans e cadelas. Tal e como se pode ver en <www.carballolimpo.com>, hoxe en día son 11 os cans e cadelas que están á espera dun fogar. Entre outros Deisi é unha fermosa cadeliña de caza moi tranquila a pesar de que só ten 3 meses; Pocholo é un fermoso can mestizo da mesma idade e cun pelo negro precioso (na imaxe, esquerda); Roi é un beagle de 9 meses que ten pinta de ter xa moito monte recorrido; Villa é unha cadeliña grifón de cor beige moi alegre; Ron é un boxer bonachón de cor marrón de xa 3 anos que de seguro quedaría encantado de atopar unha casa para el ou para calquera dos seus compañeiros; e Sheila é unha femia mestiza de pastor alemán de apenas dous anos de idade (na imaxe, dereita). Un dos obxectivos principais da Canceira é a consecución de adopcións dos cans non identificados e que non son recollidos, estes cans poderán ser adoptados dentro de todas as normas legais e sanitarias establecidas e a concesionaria entregará o animal desparasitado, vacinado, con microchip, e realizará todas as tarefas administrativas, incluíndo o rexistro no REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña) por tan só 50 euros.

O Volei Xiria opta a contar cun equipo na Liga masculina Galega Infantil de quedar finalista na fase do 24 de maio en Carballo

ENCONTROS A PARTIR DAS 10.00 HORAS NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

O Volei Xiria opta a contar cun equipo na Liga masculina Galega Infantil de quedar finalista na fase do 24 de maio en Carballo

Xoves 22 de maio do 2014

As Mariñas Oleiros, o Club Vigo Voleibol, o CV Narón Volea, os Franciscanos, o Santa María del Mar e a AD Xiria Varela Urbieta son os equipos que o sábado 24 de maio pelexarán para conseguir as dúas prazas que dan dereito a optar a próxima tempada a contar cun equipo na Liga Galega Infantil de Voleibol en categoría masculina. Esta fase autonómica que se corresponde co Grupo B mixto-masculino ten ademais o aliciente de que ten lugar no Pavillón Carballo Calero da capital municipal, co obxectivo, segundo explica Rosalino Mariño, responsable deportivo da sección de voleibol de Xiria, "de enganchar a cada vez a máis nenos e nenas" da vila neste deporte. Neste momento, a AD Xiria conta cun equipo infantil mixto, formado por nenos e nenas e, de chegar á final desta fase, tería a opción de participar na Liga Galega cun equipo totalmente masculino. Así, en caso de clasificarse, Mariño explica que espera poder atraer aos suficientes nenos para poder completar o equipo e competir a nivel galego. Pero antes o equipo mixto debe chegar á final da fase, disputando encontros no Pavillón a partir das 10.00 horas e enfrontándose ao Club Vigo Voleibol e ao equipo As Mariñas Oleiros (tamén mixto). Xa pola tarde ás 16.30 son as semifinais; ás 18.00 horas a loita polo 3º e 4º posto; e a continuación a final, que con só chegar a disputala xa dá dereito a ascender de categoría.

As Escolas de Verán de Balonmán Xiria cumpren 21 anos fomentando a convivencia e o deporte entre os máis cativos

ANOTACIÓNS ATÉ O 31 DE MAIO NAS OFICINAS CARBALLO DEPORTE

As Escolas de Verán de Balonmán Xiria cumpren 21 anos fomentando a convivencia e o deporte entre os máis cativos

Xoves 22 de maio do 2014

Balonmán Xiria oferta un ano máis as súas Escolas de Verán con 250 prazas para nenos e nenas de Infantil e Primaria co obxectivo de fomentar a convivencia, o deporte e as actividades culturais entre o 1 de xullo e o 29 de agosto. De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas (con opción de incrementar o horario de 7.00 a 10.00 horas, con ou sen almorzo en Xolda) os cativos e cativas que se anoten poderán realizar obradoiros de deporte, en primeiro lugar, pero tamén de lectura, de informática, de teatro, de baile, de audiovisual ou de globoflexia, entre outros moitos, para pasar unhas mañás de verán entretidas e diferentes. Tamén está previsto celebrar actividades puntuais como excursións (non incluídas no prezo), xogos de auga ou unha Festa Pirata. Segundo explica Marcos Rodríguez, coordinador da actividade, ademais de fomentar o deporte en idades temperás, o obxectivo das Escolas de Verán e tamén o de "axudar ás familias a enfocar o tempo de lecer dos nenos e nenas", ademais de educalos "en normas e valores". As actividades terán lugar no Pavillón Vila de Noia da capital municipal e nas instalacións do CEIP Fogar e os interesados e interesadas en anotar aos seus fillos e fillas poden facelo até o 31 de maio nas oficinas Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión; ou no Pavillón Vila de Noia de 17.00 a 21.30 horas.

A escudaría Máis Motor inaugura a tempada no Circuíto de Bértoa coa celebración do 1º Autocross Carballo

SÁBADO 24 DE MAIO COS ADESTRAMENTOS A PARTIR DAS 12.00 HORAS

A escudaría Máis Motor inaugura a tempada no Circuíto de Bértoa coa celebración do 1º Autocross Carballo

Mércores 21 de maio do 2014

O 1º Autocross Carballo, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross, inaugura a tempada de motor do ano 2014 no Circuíto de Bértoa. Trátase tamén da primeira proba que organiza a escudaría Máis Motor (+ motor), que comezou a súa andaina a primeiros de maio e que con este autocross afronta a súa primeira cita deportiva. O sábado 24 de maio está previsto que arredor de 70 pilotos comproben a efectividade das actuacións realizadas nos últimos tempos no circuíto carballés, que van dende a mellora dos espazos e a seguridade do público, ata a creación do abastecemento de auga para os vestiarios ou a mellora dos valados e do podio. Segundo o vicepresidente de Máis Motor, Iván René Barreiro, "é a primeira vez que o circuíto está tan perfecto", permitindo que se lle tire o máximo partido ás instalacións. Respecto dos horarios da cita, o sábado 24 ás 9.00 e ás 9.15 horas serán as verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.00 horas, e despois da comprobación da listaxe de pilotos, xa dan comezo os primeiros adestramentos en categoría 1.600 cc, Kart-Cross e 4x4. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, disputaranse as semifinais, coas finais previstas a partir das 17.15 horas e a entrega de trofeos para as 19.30 horas.

Éxito de convocatoria nos obradoiros do Horto Infantil Municipal, a primeira iniciativa deste tipo en toda a comarca

ESTÁN PRACTICAMENTE CUBERTAS TODAS AS PRAZAS OFERTADAS

Éxito de convocatoria nos obradoiros do Horto Infantil Municipal, a primeira iniciativa deste tipo en toda a comarca

Martes 20 de maio do 2014

O luns 19 de maio botou a andar a actividade no Horto Infantil Municipal, unha iniciativa na que os cativos e cativas de Infantil e Primaria de Carballo poderán reflexionar de forma lúdica acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe a través de numerosas actividades. Nestes momentos xa están practicamente cubertas as prazas para participar nos primeiros cinco obradoiros (con entre 15 e 20 prazas dispoñibles en cada un) que terán lugar no Horto Ecolóxico da Rúa Nardos da capital municipal. Os talleres (un deles na imaxe) son gratuítos e os interesados e interesadas poden obter máis información sobre as actividades e as prazas que queden dispoñibles ben no propio Horto ou a través do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org>. Respecto das temáticas dos obradoiros que comezan, dous deles realizados polo Concello, outro pola asociación ecoloxista Adega, e outros dous pola Asociación Ambiental Senda Nova, abranguen desde como crear un xardín ornamental, ata aprender a facer compostaxe, a creación dunha horta ou a realización de actividades de achegamento á natureza. Ademais, tamén está previsto que os nenos e nenas creen no futuro unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebren Pequefeiras nas que venderán o obtido do seu traballo. Entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, ao mesmo tempo sementando neles o espíritu de iniciativa e de emprendemento, cooperación e xestión.

Compartir: