Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Padroado Deportivo Municipal pecha a súa andaina, despois de 30 anos, mellorando o nivel de autofinanciamento do servizo

EN MARCHA O REGULAMENTO DO NOVO CONSELLO DEPORTIVO MUNICIPAL

O Padroado Deportivo Municipal pecha a súa andaina, despois de 30 anos, mellorando o nivel de autofinanciamento do servizo

Sábado 4 de xaneiro do 2014

O Padroado Deportivo Municipal disolveuse o pasado 31 de decembro, despois de 30 anos de vida, e desde o 1 de xaneiro a actividade deportiva é xestionada directamente pola Concellaría de Deporte a través do Servizo Municipal de Deportes do Concello de Carballo. Por ese motivo, os pasados días 30 de decembro e 2 de xaneiro celebráronse unhas xornadas de portas abertas nas piscinas municipais. A disolución do Padroado Deportivo Municipal é un proceso destinado a simplificar a administración e a optimizar esforzos, pero que non suporá ningunha variación substancial na xestión deportiva municipal. O Padroado pechou o 2013 cun coeficiente de autofinanciación de arredor do 60 por cento, e cuns ingresos propios que superaron os 645.000 euros, os maiores da súa historia. Actualmente as instalacións deportivas municipais contan con 4.269 abonados e con 1.857 persoas inscritas nas súas actividades. Os accesos ás instalacións no último ano foron un total de 226.891. Ademais, mantense un compromiso co deporte de base e federado, buscando potenciar a colaboración coas entidades deportivas do Concello carballés, garantindo o seu acceso ás instalacións municipais, facilitando a celebración de torneos e ofertando mecanismos de apoio á súa xestión.

Teatro para público adulto e para bebés no programa dos Venres Culturais con Il Maquinario e Teatro da Semente

VENRES 6 E DOMINGO 8 DE FEBREIRO

Teatro para público adulto e para bebés no programa dos Venres Culturais con Il Maquinario e Teatro da Semente

Sábado 4 de xaneiro do 2014

Os Venres Culturais 2015 desafían a vaga de frío de febreiro con dúas propostas, unha para público adulto o venres 6 e outra "En familia" para o domingo 8. O venres visita o Pazo da Cultura a compañía Il Maquinario Teatro, creada no ano 2012 e que na súa curta existencia acadou recoñecementos importantes coa súa primeira montaxe, "O home almofada", que tamén estivo en Carballo hai dous anos. Nesta ocasión presentan a súa segunda produción, "Perplexo" (na imaxe), unha proposta que fala dun xeito extremadamente cómico de temas esenciais para o ser humano nun xogo teatral no que se dan cita referentes como Woody Allen e ata os Monty Python. Nesta obra a escenografía, o vestiario e o uso das novas tecnoloxías teñen un gran peso na posta en escena. Laura e Fernando volven á casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos e estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures e a luz está cortada por falta de pagamento, a pesar de que uns amigos da parella quedaron ao coidado da casa na súa ausencia. Cres que sabes perfectamente quen es. Cres que sabes perfectamente quen son as persoas que están ao teu carón. Cres que ti manexas a situación. Nesta obra escrita por un dos autores europeos de maior éxito na actualidade, Marius Von Mayenburg, sucédese un continuo xogo de intercambio de roles que arrastra ao espectador por unha realidade en constante cambio. O prezo das entradas é de 4€ e de 3€ reducido. A función: ás 21.00 horas.

Os Reis Magos preparan a súa chegada a Carballo nas tradicionais cabalgatas que percorren a vila e as parroquias

DOMINGO 5 DE XANEIRO NA CAPITAL MUNICIPAL

Os Reis Magos preparan a súa chegada a Carballo nas tradicionais cabalgatas que percorren a vila e as parroquias

Xoves 2 de xaneiro do 2014

O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorre o domingo 5 de xaneiro as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos dirixiranse á carpa situada na Praza do Concello, onde recibirán persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente. Haberá actividades de animación infantil e globoflexia na Praza do Concello dende as 18.00 horas e até a chegada dos Reis Magos. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Gonzacar e Alquileres Reneymar. Tampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o sábado 4 están en Ardaña e o domingo 5 en Berdillo, Baldaio, Sísamo, Bértoa, Oza e Entrecruces, mentres que o luns 6 visitan as parroquias de Sofán, Razo, Lema, Rus e Cances.

Silvana Castro formaliza a súa renuncia ao cargo de concelleira agradecendo a oportunidade de ter traballado por Carballo

UNANIMIDADE PARA A ADXUDICACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO

Silvana Castro formaliza a súa renuncia ao cargo de concelleira agradecendo a oportunidade de ter traballado por Carballo

Luns 30 de decembro do 2013

Silvana Castro, ata hoxe, 30 de decembro, Concelleira de Igualdade e Benestar, vén de formalizar no último pleno do ano a súa renuncia ao cargo por motivos persoais que lle impiden dedicarlle ao seu labor todo o tempo que desexaría. Na súa breve intervención de despedida, Castro quixo "en primeiro lugar pedir desculpas pola decisión tomada", non por meditada menos difícil, especialmente ás persoas que confiaron nela para desempeñar o cargo. Nun discurso cheo de agradecementos, quixo subliñar que "todos os que amamos este pobo deberiamos poder ter algunha vez a experiencia de traballar por el" formando parte da corporación. A súa gratitude dirixiuse a todos os membros do goberno, "que me acompañaron nesta singradura"; a Evencio Ferrero "persoa íntegra e próxima"; a todo o persoal do departamento de Servizos Sociais, "pola transcendencia enorme do seu traballo, especialmente nos tempos que corren"; e tamén a todos os membros da corporación, a quen desexou o mellor para o 2014. Os voceiros dos grupos municipais de PP, TEGA e PSOE, Miguel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña, transmitíronlle tamén os seus mellores desexos para o futuro, incluído o Alcalde, Evencio Ferrero, que espera "que teñamos a oportunidade de emprender novos proxectos xuntos". Castro será substituída pola seguinte persoa na listaxe do BNG, Inés Rodríguez Muíño, que tomará posesión no pleno de xaneiro.

O Concello compra a medias cos veciños de Ardaña un terreo de 2.500 metros cadrados para dotar a parroquia de novos servizos

O OBXECTIVO É CREAR NO FUTURO UN CENTRO SOCIAL

O Concello compra a medias cos veciños de Ardaña un terreo de 2.500 metros cadrados para dotar a parroquia de novos servizos

Venres 27 de decembro do 2013

O Concello de Carballo vén de tramitar a compra duns terreos en Ardaña asumindo o custe a medias cos veciños e veciñas co obxectivo de dotar de novos servizos á parroquia. Así, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de formalizar a compra cos propietarios na Notaría ante a presenza dunha representación da veciñanza da parroquia (na imaxe). Ao igual que ocorrera co proxecto para a creación dunha praza pública en Sofán, recorreuse ao Regulamento de Participación Cidadá para adoptar unha fórmula pola que o solar, valorado nun prezo de 70.000 euros, situado na contorna da igrexa parroquial e cunha superficie total de 2.556 metros cadrados, sexa adquirido a partes iguais cunha achega municipal de 35.000 euros e con outros 35.000 recadados polos veciños e veciñas. O obxectivo final é edificar un novo centro social nos terreos, aínda que, debido á clasificación actual do solo, haberá que esperar á aprobación final do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder realizar o proxecto. Mentres tanto, está previsto que se acondicione un aparcadoiro para facilitar o acceso dos veciños e veciñas ao templo parroquial. Hai que subliñar que noutras parroquias, como Artes ou Oza, a veciñanza está preparando fórmulas similares de colaboración co Concello para crear aparcadoiros ou ampliar os campos da festa.

Asinado o contrato para reformar a sala de caldeiras da Casa do Concello e substituíla por unha de biomasa

A ACTUACIÓN FINÁNCIASE CON CARGO AO REMANENTE POSITIVO

Asinado o contrato para reformar a sala de caldeiras da Casa do Concello e substituíla por unha de biomasa

Venres 27 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e responsables da empresa adxudicataria, Protec SL, veñen de asinar o contrato para a realización da "Reforma da sala de caldeiras da casa consistorial do Concello de Carballo". O importe de adxudicación é de 99.919,02 euros e o prazo de execución previsto de catro semanas. Esta actuación supón a substitución da caldeira por unha de biomasa co obxecto de mellorar o aforro e a eficiencia enerxética e favorecer o consumo sostible. Os traballos fináncianse con cargo á incorporación de aproximadamente un millón de euros do remanente de tesourería positivo, ao igual que outras moitas melloras que se están realizando nestes momentos en distintos puntos do municipio ou que se levarán a cabo en 2014. Entre elas, está a mellora da capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; ou a mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo. Así mesmo, realizaranse actuacións de mellora da seguridade viaria coa creación de varias glorietas e inclúense os traballos de mellora e peonalización da rúa Valle Inclán.

O pleno aborda a adxudicación do mantemento e subministro enerxético por 9,3 millóns á UTE formada por Ferroser-Ferrovial

SILVANA CASTRO RENUNCIA COMO CONCELLEIRA DE BENESTAR

O pleno aborda a adxudicación do mantemento e subministro enerxético por 9,3 millóns á UTE formada por Ferroser-Ferrovial

Venres 27 de decembro do 2013

A corporación carballesa celebra o luns 30 de decembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día é a aprobación da adxudicación do "Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo", que a mesa de contratación propón que asuma a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ferroser e Ferrovial e que se denominará Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE. O importe sería de 796.800 euros ao ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que faría un custo total de 9.362.400 euros. A cantidade supuxo unha rebaixa de 33.200 euros sobre o prezo de licitación, que era de 830.000 euros anuais. A UTE Ferroser-Ferrovial asumiría, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo. Hai que subliñar, así mesmo, que a adxudicataria ten ofrecido ata 19 melloras sen custo adicional destinadas a incrementar a eficiencia do servizo, como a implantación dun sistema de detección de roubo de cableado.

"Carballo na memoria" nace para implicar á sociedade na recuperación da historia fotográfica do municipio

VECIÑOS E VECIÑAS PODERÁN EMPRESTAR IMAXES E REVIVIR O PASADO

"Carballo na memoria" nace para implicar á sociedade na recuperación da historia fotográfica do municipio

Xoves 26 de decembro do 2013

"Carballo na memoria" é un proxecto do Concello que ten como obxectivo recuperar a historia fotográfica da vila coa colaboración de todos os veciños e veciñas, porque "é importante que os pobos manteñamos a nosa memoria", en verbas da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes. Así o expresou na presentación desta iniciativa transversal plasmada na páxina web creada por Abertal e que xira arredor de tres claves: o fomento da dixitalización das fotografías antigas de Carballo, tanto para facilitar a súa conservación, como para poder difundilas a través de Internet; engadir valor a esas imaxes mediante o uso da tecnoloxías de xeolocalización; e crear unha comunidade inter xeracional que aproveite o coñecemento da vila e do municipio co que contan as persoas maiores coa facilidade dos máis novos e novas no emprego das novas tecnoloxías. Lantes sinala que o proxecto xa leva funcionando un tempo, coa recompilación de moitas das fotos do Arquivo Municipal -arredor de 70- na nova web, imaxes cedidas na súa maioría polo historiador Xan Fraga e por Foto Gervasio e que forman parte do patrimonio do Concello. Mais a partir de agora, o obxectivo é que os veciños e veciñas que o desexen cedan as súas fotografías para que poidan ser dixitalizadas e subidas ao novo web, ou que poidan ser incorporadas directamente á nova páxina dende a casa.

A Rúa Valle Inclán abre ao tráfico de vehículos e á circulación de peóns durante as festas de Nadal coas obra case rematadas

OS TRABALLOS REANUDARANSE DESPOIS DE REIS

A Rúa Valle Inclán abre ao tráfico de vehículos e á circulación de peóns durante as festas de Nadal coas obra case rematadas

Luns 23 de decembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, informa de que a Rúa Valle Inclán estará aberta ao tráfico de vehículos e á circulación de peóns a partir do luns 23 de decembro ás 13.30 horas e durante todas as festas de Nadal. O obxectivo é facilitar o tránsito dos veciños e veciñas pola vía durante a campaña de compras de Nadal, especialmente debido a que se ten detectado un incremento na afluencia de peóns nos últimos días polo que se pretende facilitar tanto o desenvolvemento da actividade comercial como evitar calquera incidente. Está previsto que as obras comecen de novo o martes 7 de xaneiro de 2014, cando se rematarían os traballos acondicionando o treito entre a rúa Concepción Arenal e a Cervantes. Os traballos deberían estar rematados entre 7 e 10 días despois das festas de Nadal. As obras están sendo realizadas pola empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído. A rúa está recibindo o mesmo acabado que o treito da Rúa Desiderio Varela que transcorre entre a rúa Camiño Novo e a Rúa Colón, con calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel que a vía. O proxecto non inclúe a dotación do mobiliario urbano, aínda que está previsto realizar esta actuación cando rematen os traballos.

O Fórum ten acollido un total de 85 actividades ao longo do ano 2013, das que máis de 50 foron accións formativas

MÁIS DE 40 ENTIDADES TEÑEN EMPREGADO AS INSTALACIÓNS

O Fórum ten acollido un total de 85 actividades ao longo do ano 2013, das que máis de 50 foron accións formativas

Venres 20 de decembro do 2013

As instalacións do Fórum Carballo situadas no barrio da Milagrosa teñen acollido ao longo do ano 2013 un total de 85 actividades, entre elas varias accións formativas programadas por organismos como a Deputación da Coruña, Axober, a Universidade da Coruña ou o propio Concello de Carballo. Destas actividades, nas que teñen participado máis de 40 entidades, 52 correspóndense con accións formativas específicas, das que preto de 30 son cursos, obradoiros ou módulos de formación dirixidos a persoas sen emprego e/ou emprendedores e realizados polo Concello ben con fondos propios, da Xunta ou da Deputación. Entre eles, hai que subliñar o labor desenvolvido pola Bolsa de Traballo Municipal (BDT) no seu primeiro ano de vida, así como pola Oficina de Promoción Económica de Carballo (OPE). No primeiro caso, desenvolvéronse cinco cursos formativos dirixidos a desempregados e desempregadas usuarios da BDT nos que participaron un total de 112 persoas. Así mesmo, no marco da OPE téñense realizado 4 cursos formativos e 7 módulos dun Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial e de Formación Integral para Emprendedores. Restarían por desenvolver outros 3 módulos deste Plan que se desenvolverán a partir de xaneiro de 2014. Os dez módulos están deseñados para promover o desenvolvemento empresarial e comercial.

O CCA Carballo lanza unha tarxeta regalo de 20, 30 ou 50 euros para facilitar as compras da clientela nos comercios asociados

XA PODE ADQUIRIRSE EN CALQUERA ESTABLECEMENTO DA ENTIDADE

O CCA Carballo lanza unha tarxeta regalo de 20, 30 ou 50 euros para facilitar as compras da clientela nos comercios asociados

Venres 20 de decembro do 2013

O Centro Comercial Aberto Carballo presenta unha tarxeta regalo que dende hoxe xa está a disposición dos veciños e veciñas nos establecementos asociados á entidade. Trátase dun vale por valor de 20, 30 ou 50 euros para regalar como agasallo e que se pode cambiar por un ou varios artigos polo seu importe nos comercios que forman parte do CCA. Segundo explica María del Carmen Freire, xerente da entidade, "ás veces regalar é complicado e resulta difícil decidirse", por iso, con esta tarxeta preténdese facilitar este labor á clientela. As tarxetas son acumulables, sendo o mínimo que se pode regalar 20 euros, pero sen que exista un máximo, xa que poden regalarse catro tarxetas de 50 euros, dúas de 30 e unha de 20 euros, etc. Hai que subliñar que os vales non teñen data de caducidade e que, ademais, contan cun espazo para incluír unha dedicatoria. Freire sinala que "a idea é que se cree un circuíto no que calquera compre non establecemento que queira". Nesta primeira fase da iniciativa, que abrangue a campaña de Nadal, pero que pretende manterse ao longo de todo o ano para que os clientes aproveiten ocasións como aniversarios, vodas, etc., téñense editado 500 tarxetas de cada contía, ata chegar ás 1.500 por valor de 50.000 euros.

O CEIP Gándara Sofán recolle máis de 350 xoguetes e 160 quilos de comida para repartir entre os máis necesitados

CONTINÚA CON CAMPAÑAS SOLIDARIAS E DE RECICLAXE

O CEIP Gándara Sofán recolle máis de 350 xoguetes e 160 quilos de comida para repartir entre os máis necesitados

Venres 20 de decembro do 2013

O CEIP Gándara-Sofán continúa no 2013, e seguirá no 2014, desenvolvendo varias campañas de reciclaxe e recollida de alimentos e xoguetes con fins benéficos, así como con medidas para ensinar a coidar o medio ambiente co obxecto de inculcarlles ás nenas e nenos e indirectamente ás súas familias valores positivos, especialmente en tempos difíciles. Así, o centro ten recollido durante o pasado mes máis de 350 xoguetes e 160 quilos de comida para repartir entre os máis necesitados. Colaboran así con Cruz Vermella, a entidade encargada de facerlle chegar o recollido ás persoas que máis o precisen. Así mesmo, o centro colabora na campaña "Para que Lola consiga alcanzar ela soa o seu caramelo", que ten como obxecto axudar a unha cativa de catro anos con parálise cerebral. Coa axuda do colexio CEIP Bormoio-Agualada, de Coristanco, tense recadado máis dunha tonelada de solidariedade para Lola, á que se pode axudar doando tapóns, móbiles ou tóner. Ademais, como en anos anteriores, o centro carballés participa no concurso de Reave de recollida e reciclaxe de aceite usado. Na primeira edición do certame, celebrada no curso 2012-2013, o colexio de Sofán quedou en segunda posición despois de competir con todos os centros de Carballo. Por último, o centro ten a disposición de todos os veciños e veciñas colectores de pilas e tóner usados.

Compartir: