Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello trasladará ante a Consellería de Educación as demandas de coidadores para os CEIP Fogar e Xesús San Luís Romero

AS ANPAS SOLICITAN MANTER E AMPLIAR O SERVIZO NOS CENTROS

O Concello trasladará ante a Consellería de Educación as demandas de coidadores para os CEIP Fogar e Xesús San Luís Romero

Xoves 19 de decembro do 2013

O Concello de Carballo trasladará ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria as demandas realizadas polas nais e pais do CEIP Xesús San Luís Romero e o CEIP Fogar sobre o número de coidadores de nenos e nenas con necesidades especiais asignados aos centros. Así, representantes da ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos) "A Milagrosa" e da ANPA "Pedras Blancas" veñen de entrevistarse con representantes dos grupos políticos da corporación (Miguel Ferreiro, polo PP; Manuel Andrade, por TEGA; e José Antonio Viña polo PSOE), así como co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e coa Concelleira de Educación, Mar Eirís, para explicarlles a súa situación. Así, consideran que o número de coidadores que está asignado nestes momentos para os dous centros, que comparten por horas un dos catro existentes, non é suficiente para atender as demandas de todos os nenos e nenas con problemas tanto motores como psíquicos matriculados nestes colexios. Esta situación estase prolongando dende o pasado mes de novembro, e as ANPAs solicitan que se asigne un coidador máis para que o CEIP Fogar poida contar con tres e o CEIP Xesús San Luís Romero manteña os dous cos que contaba até o de agora e que son necesarios para atender as demandas do alumnado.

Carballo promove o respecto para as prazas de estacionamento de discapacitados coa instalación de 78 novos sinais

O CONCELLO CONTINUARÁ ELIMINANDO BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS

Carballo promove o respecto para as prazas de estacionamento de discapacitados coa instalación de 78 novos sinais

Mércores 18 de decembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira, está instalando estes días un total de 78 novos sinais co lema "Ponte no meu lugar. NON no meu sitio" para concienciar á poboación da importancia de respectar as prazas de estacionamento que están destinadas exclusivamente para uso de persoas discapacitadas ou con minusvalías. Cada un dos novos sinais estará situado acompañando aos xa existentes que marcan os estacionamentos reservados para discapacitados, e nestes momentos xa se ten comezado cos sinais situados máis preto do centro do caso urbano, como por exemplo na rúa Martín Herrera (na imaxe), para logo irse estendendo a toda a capital municipal. O obxectivo é evitar que estas prazas reservadas sexan ocupadas por persoas non autorizadas a empregalas, así como tentar lograr a convivencia entre todos os veciños e veciñas, contribuíndo a que se respecten os dereitos de todas as persoas que habitualmente circulan polas rúas da vila. Así mesmo, a Policía Local velará aínda con máis empeño polo cumprimento das normas, sancionando a quen non as cumpra. Por último, está previsto que o Concello tome proximamente novas medidas para seguir eliminando as barreiras arquitectónicas que aínda existan nas rúas carballesas.

Adxudicado en Xunta de Goberno o proxecto para a "Reforma da sala de caldeiras da casa consistorial do Concello de Carballo"

CONCESIÓN DAS BOLSAS DE ESTUDO E TRANSPORTE 2013-2014

Adxudicado en Xunta de Goberno o proxecto para a "Reforma da sala de caldeiras da casa consistorial do Concello de Carballo"

Luns 16 de decembro do 2013

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar -fóra da orde do día- o contrato para a realización das obras de "Reforma da sala de caldeiras da casa consistorial do Concello de Carballo". A empresa encargada dos traballos será Protec SL, por un importe de 99.919,02 euros e cun prazo de execución previsto de catro semanas. Así mesmo, dentro do apartado de contratación, acordouse prorrogar un ano máis, tal e como o permiten as condicións, o contrato administrativo de servizo da "Asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo". Dentro da orde do día, outro dos asuntos dignos de mención é a concesión de axudas e bolsas de estudo e transporte e do Conservatorio Profesional de Música 2013-2014. O acordo supón o reparto de bolsas a alumnado por un importe de 33.380,07 euros. En total, presentáronse 356 solicitudes, das que 20 eran para o Conservatorio; 3 para Conservatorio e estudos; 295 solicitaron bolsas de estudos e axudas; 3 solicitaron axudas e bolsas de transporte; e 27 solicitaron ambas. Resultaron excluídas 44 peticións por diversos motivos, como falta de empadroamento en Carballo, presentar a solicitude fóra de prazo, ter ingresos superiores aos requiridos, por non cursar os estudos aos que vai dirixida a convocatoria, etc. En total, concedéronse 312 bolsas e axudas para o curso 2013-2014.

Admitidas máis da metade das 1.935 alegacións recibidas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo

ESTIMÁRONSE UN TOTAL DE 1.007 E QUEDAN 3 PENDENTES DE RESOLUCIÓN

Admitidas máis da metade das 1.935 alegacións recibidas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo

Venres 13 de decembro do 2013

Unha vez rematado o proceso de revisión das alegacións presentadas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM), o resultado da proposta de resolución reflicte que teñen sido estimadas un total de 1.007 das 1.935 reclamacións presentadas. Destas 1.007, 538 foron estimadas na súa totalidade, contando con todos os seus contidos favorables; e 468 foron estimadas parcialmente, nun ou máis dos seus contidos, pero non en todos. Foron desestimadas, pola contra, un total de 925 alegacións e quedan tres pendentes de resolución. Estes tres casos están supeditados a outros tantos informes e a expensas das súas conclusións. Así consta nun documento elaborado polo equipo redactor responsable da elaboración do novo PXOM de Carballo, no que se recollen as conclusións das 33 xuntanzas da Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural dedicadas ao estudo das alegacións nas que, ademais do equipo redactor e os técnicos municipais, están representados todos os grupos políticos da corporación. Hai que lembrar que as alegacións ao PXOM foron presentadas por 2.489 alegantes e divididas en 2.134 contidos que recollen 3.015 rexistros ou parcelas. E atendendo por parcelas, un total de 1.739 das peticións solicitaron o cambio de clasificación do solo, a ampla maioría.

Finalizan no Fórum tres cursos para desempregados de Cociña, Soldadura e Electricidade nos que teñen participado 45 persoas

SUPUXERON MÁIS DE 2.000 HORAS DE FORMACIÓN

Finalizan no Fórum tres cursos para desempregados de Cociña, Soldadura e Electricidade nos que teñen participado 45 persoas

Venres 13 de decembro do 2013

O Fórum Carballo acolleu o xoves 12 de decembro o acto de peche de tres cursos da programación AFD (Accións Formativas para Desempregados) que se viñan impartindo dende o pasado verán nas instalacións da Praza dos Bombeiros Voluntarios na Milagrosa. Están desenvolvidos polo Concello e subvencionados pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. Trátase dun curso de Cociña de 828 horas de duración, doutro de Soldadura con electrodo revestido e TIG (na imaxe) de 758 horas, e finalmente outro de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas. Entre os tres suman un total de 2044 horas de formación para desempregados que se teñen desenvolvido nos talleres de hostalería, soldadura e electricidade do Fórum durante preto de cinco meses. Teñen participado un total de 45 alumnos e alumnas (15 en cada curso) que ademais de asistir a clases teóricas teñen realizado 80 horas de prácticas non laborais en empresas no caso do curso de Cociña: 40 horas no caso do curso de Soldadura; e outras 80 horas de prácticas no caso do curso de Electricidade. No acto de peche das actividades formativas estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, Os dous desexaron que o ano 2014 que está a piques de comezar traia debaixo do brazo moito traballo.

Os pilotos do Calvo Team, Maverick Viñales e Ana Carrasco, festexaron o título de Moto3 en Carballo

RECIBIRON O SEU PESO EN ATÚN E ASINARON AUTÓGRAFOS

Os pilotos do Calvo Team, Maverick Viñales e Ana Carrasco, festexaron o título de Moto3 en Carballo

Venres 13 de decembro do 2013

A Casa do Concello de Carballo vestiuse coas cores do Calvo Team para recibir aos pilotos Maverick Viñales, Campión do Mundo de Motociclismo 2013 na categoría de Moto3, e Ana Carrasco, a muller máis nova en competir nunha proba do Mundial de Motociclismo. Visitaron Carballo da man do Grupo Calvo, o seu patrocinador na pasada tempada e aproveitaron para festexar o seu éxito como campións mundiais. Viñales, nunha breve intervención, quixo agradecerlle ao equipo "que apostase por min" como piloto, xa que "non o tiveron nada fácil" e tamén a Grupo Calvo e a todo o equipo deportivo "porque sen eles o título non tería sido posible". Por último, tivo unhas verbas para o Concello carballés, polo seu caloroso recibimento, e para os fans que se achegaron ao salón de plenos da casa consistorial para poder tirar unha foto con el, pedir un autógrafo ou intercambiar unhas poucas verbas. Do mesmo xeito, Ana Carrasco expresou o seu agradecemento ao Concello, ao patrocinador e ao equipo "polo apoio recibido durante a tempada". O director deportivo do equipo, Pablo Nieto, manifestou a súa intención de "seguir ofrecendo grandes éxitos no futuro" polo que espera "vir moitos anos máis" para poder celebralos en Carballo. E Jaime Fernández, construtor do equipo, subliñou o ambicioso da proposta e o éxito dun proxecto tan novo.

O teatro, a maxia ou a danza son protagonistas nun Nadal Cultural no que tampouco faltan os Reis Magos ou a música

ACTIVIDADES ATÉ O 6 DE XANEIRO DE 2014

O teatro, a maxia ou a danza son protagonistas nun Nadal Cultural no que tampouco faltan os Reis Magos ou a música

Xoves 12 de decembro do 2013

Como cada ano, Carballo festexa as datas de Nadal cun programa de actividades para todos os públicos, aínda que centrado especialmente nos máis cativos e cativas. O programa do Nadal Cultural 2013 intégrano tanto actividades organizadas directamente polo Concello como por asociacións, centros educativos, agrupacións musicais, etc., e teñen lugar en escenarios variados como con as sedes das entidades, as igrexas parroquiais, o Pazo da Cultura ou a Ludoteca. Unha das actividades máis esperadas do programa é sempre o Nadal Pequespectacular que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que este ano inclúe tres excelentes propostas nas que atopar teatro, danza, monicreques e maxia. O xoves 26 de decembro a compañía madrileña Luna Teatro y Danza presenta "Cenicienta y las zapatillas de cristal"; o venres 27 é a quenda do Mago Luís Boyano co espectáculo "25 anos de maxia e humor", un show dinámico, divertido e con moitas sorpresas; e a última cita é o sábado 28, em que finaliza esta programación coa compañía galega Baobab Teatro e o espectáculo "O soldadiño de chumbo". Os interesados e interesadas poden reservar as entradas a partir do martes 17 de decembro e ata o día 27 nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas cun máximo de 4 localidades por persoa. Todas as representacións son ás 18.00 horas.

Asinados dous contratos para a creación de saneamentos en Vilela e mellorar o abastecemento en Goiáns e Ardaña

AS ACTUACIÓNS ESTÁN INCLUÍDAS NO POS 2013

Asinados dous contratos para a creación de saneamentos en Vilela e mellorar o abastecemento en Goiáns e Ardaña

Xoves 12 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes de Viaqua veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo para a realización das obras de "Mellora de abastecemento en Xoane (parroquia de Goians) e Carracedo (parroquia de Ardaña), Concello de Carballo (A Coruña)", que foi adxudicado por 91.925,55 euros; e o contrato administrativo para a dotación dunha "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela, Concello de Carballo (A Coruña)", un proxecto que ten un prezo de adxudicación de 112.827,65 euros. As dúas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013, que inclúen un terceiro proxecto de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns, Carballo, no Concello de Carballo", que será levado a cabo por Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un prezo de 84.458 euros (IVE incluído) e cun prazo de execución de 90 días. A empresa subscribiu esta mesma semana o contrato na Alcaldía. O importe conxunto das melloras incluídas no POS de 2013 acada os 289.211,2 euros. Ademais, nestes momentos estase estudando a posibilidade de realizar o Plan Complementario coas baixas derivadas da contratación das actuacións do POS 2013, que incluiría un proxecto de rebacheo de camiños.

Xiria Volei irrompe nas novas tecnoloxías cunha páxina web e emprende unha venda de almanaques para recadar fondos

<WWW.XIRIAVOLEI.COM>

Xiria Volei irrompe nas novas tecnoloxías cunha páxina web e emprende unha venda de almanaques para recadar fondos

Mércores 11 de decembro do 2013

O club Xiria Volei emprende unha nova etapa coa creación dunha páxina web <www.xiriavolei.com> coa que os afeccionados e afeccionadas poderán estar ao día de todo o que ocorre na entidade, incluíndo os resultados dos partidos, as clasificacións ou as variacións nos equipos co obxectivo de "seguir medrando", en verbas de Rosalino Mariño, máximo responsable da entidade. Mariño quixo agradecer a colaboración do Concello, así como de Don Clic Carballo, que contribuíu de forma altruísta na creación do novo web, no que constan, ademais, todos os patrocinadores que colaboran de xeito habitual co club, todas entidades e empresas carballesas. Así mesmo, con motivo do Nadal, Xiria Volei vén de editar un almanaque para o ano 2014 no que aparecen todos os integrantes dos equipos, cun póster central no que aparecen máis de 80 persoas e coa colaboración dos distintos patrocinadores para cada un dos meses do ano. O almanaque poderá adquirise por un prezo de 5 €, que se destinarán ao financiamento dunha tirada de 1.000 exemplares -superando a do ano pasado que fora de 600-, e tamén para recadar fondos para a entidade. Poderá mercarse a través dos xogadores e xogadoras do club, así como nos establecementos colaboradores e tamén, nos próximos días, distribuirase nalgunha das librarías da vila.

Asinado o contrato para realizar traballos de "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano"

O IMPORTE DA ACTUACIÓN SUPERA OS 190.000 EUROS

Asinado o contrato para realizar traballos de "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano"

Martes 10 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representantes de Construcciones López Cao SL veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo para a realización das obras de "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo". Esta actuación realízase grazas á incorporación de aproximadamente un millón de euros do remanente de tesourería para a realización de varios proxectos, entre os que están, ademais do mencionado. a mellora da capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a dotación dunha capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; labores xerais de mellora da seguridade viaria; a substitución da caldeira do Concello; o acondicionamento da rúa Valle Inclán, actualmente en marcha. A actuación incluída no contrato asinado hoxe, martes 10 de decembro, implica a realización de traballos de mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo con máis de mil metros cadrados de superficie. O prezo de adxudicación ascende a un total de 194.741,03 euros, mentres que o prazo de execución previsto é de 25 días naturais a partir do día seguinte á sinatura da acta de replantexamento.

Os Novos Intérpretes do Conservatorio de Carballo ofrecen no Pazo da Cultura o tradicional Concerto de Nadal

MÉRCORES 11 DE DECEMBRO ÁS 19.30 HORAS

Os Novos Intérpretes do Conservatorio de Carballo ofrecen no Pazo da Cultura o tradicional Concerto de Nadal

Martes 10 de decembro do 2013

O Pazo da Cultura acolle o mércores 11 de decembro a partir das 19.30 horas a cita anual dos Novos Intérpretes co Concerto de Nadal, unha actuación musical que leva a cabo o alumnado do Grao Elemental e Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, e que se inclúe no ciclo de Novos Intérpretes, no que anualmente os alumnos do centro ofrecen varias interpretacións. Preto de corenta rapaces e rapazas e dúas das formacións musicais do conservatorio, a Orquestra de Corda e a Orquestra de Cámara, realizarán 21 intervencións nas que interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo destes dous primeiros meses do curso. Como é costume, as intervencións realizaranse ben como solistas, ben como pequenas formacións, que abranguen desde os dúos, tríos ou cuartetos ata outras meirandes, como as xa sinaladas orquestras. Con estes concertos, o profesorado do Conservatorio pretende introducir ao alumnado no espazo escénico do auditorio, para afrontar en moitos casos, o seu primeiro concerto e deste xeito, desafiar o famoso "pánico escénico" e axudar aos intérpretes a familiarizarse coa interpretación para todos os asistentes, saíndo así das aulas de ensaio.

Asinados na Alcaldía os contratos de obras de rebacheo e mellora de camiños en doce parroquias do municipio

O IMPORTE DOS TRABALLOS SUPERA OS 270.000 EUROS

Asinados na Alcaldía os contratos de obras de rebacheo e mellora de camiños en doce parroquias do municipio

Luns 9 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Diego Vázquez, director xerente de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar na Casa do Concello dous contratos para a realización de traballos de rebacheo e mellora de camiños en ata doce parroquias do municipio por un importe total de 273.613 euros. Así, o primeiro contrato que se subscribiu está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013 e trátase do "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo no Concello de Carballo". O prezo de adxudicación é de 84.458 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de 90 días. Hai que lembrar que o POS 2013 inclúe tres proxectos, sendo os outros dous a "Mellora de abastecemento en Xoane (Goians) e Carracedo (Ardaña)"; e a creación dunha "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela". O segundo contrato asinado hoxe, luns 9 de decembro, na Alcaldía, trátase do "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo". Neste caso as obras están financiadas con cargo ao remanente de tesourería das arcas municipais. O prezo de adxudicación é de 188.155 euros (IVE incluído) e o prazo de execución estipulado de 45 días.

Compartir: