Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os voceiros municipais comezan unha serie de xuntanzas para falar da Ordenanza de sumidoiros e depuración de augas

PRÓXIMA REUNIÓN: LUNS 16 DE DECEMBRO

Os voceiros municipais comezan unha serie de xuntanzas para falar da Ordenanza de sumidoiros e depuración de augas

Luns 9 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polos voceiros dos grupos municipais do PP, TEGA e PSOE -Miguel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña, respectivamente- vén de manter unha xuntanza na que se deron os primeiros pasos para chegar a un acordo sobre a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais. Así, durante a sesión plenaria ordinaria do pasado mes de outubro saíron adiante varios cambios nesta normativa, mais despois dunha moción presentada no pleno de novembro polo grupo municipal do PP, chegouse a un acordo para que todos os grupos municipais debatan a ordenanza e se chegue a un texto de consenso. En toco caso, as modificacións xa introducidas continúan polo de agora o seu curso e hai que lembrar que supuxeron unha suba nas cotas dun 0,3 por cento e a modificación do artigo 7 relativo ao devengo. Na primeira reunión, celebrada na Alcaldía hoxe, luns 9 de decembro, realizouse a primeira toma de contacto e, a petición do voceiro do PSOE, José Antonio Viña, facilitouse unha copia do regulamento aprobado no Concello da Coruña en xullo deste mesmo ano respecto a este mesmo servizo. O obxectivo, ao tratarse dunha das normativas máis recentes e actualizadas, é estudar o texto para inspirarse nalgún dos seus puntos. A próxima xuntanza está prevista para o luns 16 de decembro.

Carballo Limpo visita a feira o domingo 8 de decembro para continuar coa divulgación da reciclaxe entre os veciños e veciñas

NUNHA CARPA NA RÚA CORUÑA A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Carballo Limpo visita a feira o domingo 8 de decembro para continuar coa divulgación da reciclaxe entre os veciños e veciñas

Xoves 5 de decembro do 2013

Carballo Limpo segue coas accións de animación á reciclaxe entre a cidadanía e desta vez vai estar presente na feira dominical. Así, instalarase unha carpa na rúa Coruña, xusto sobre os colectores soterrados da vía, na que se realizará a partir das 10.00 horas unha acción de reparto dos novos folletos de información sobre os servizos de Carballo Limpo, que serán distribuídos tanto na feira do centro a través da carpa, como na zona da Milagrosa. Neste reparto está previsto que colaboren diferentes persoas relacionadas con Carballo Limpo e que participan na iniciativa tanto en nome do Concello como da UTE Carballo-Urbaser ou de Aspaber, concesionaria da limpeza viaria e da limpeza nos colexios. Tampouco podían faltar os protagonistas da campaña, Uxía e Antón, que tamén estarán pola rúa Coruña, despois do éxito acadado co seu labor de divulgación por todos os centros educativos do municipio. Este domingo colaboran co reparto de información do servizo e, se o tempo o permite ás 12.00 horas, na mesma carpa instalada na rúa Coruña, repetiran a acción teatral que realizaron para os nenos e nenas nos colexios carballeses (na imaxe a realizada no CEIP San Luís Romero) e da que poderán disfrutar de novo os mais cativos e cativas ese día, así como os non tan cativos.

O Alcalde asina dous convenios de colaboración: un coa Asociación Antidroga Vieiro e outro coa ANPA A Braña do CEIP Canosa-Rus

A ACHEGA MUNICIPAL É DE 6.000 EUROS EN CADA CASO

O Alcalde asina dous convenios de colaboración: un coa Asociación Antidroga Vieiro e outro coa ANPA A Braña do CEIP Canosa-Rus

Xoves 5 de decembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Casa do Concello dous convenios de colaboración con dúas entidades do municipio. Así, en primeiro lugar, e xunto co presidente da Asociación Antidroga Vieiro, José Manuel Vázquez Gómez, subscribiu un acordo que ten por obxecto a realización de programas de prevención en drogodependencias, adiccións e atención da protección da saúde. Isto inclúe levar a cabo a planificación, establecemento de criterios, guías, programas e procedementos establecidos nos programas de trastornos aditivos en Galicia. Así mesmo, a través das axudas establecidas no convenio, Vieiro emprenderá accións de prevención, información e educación para a saúde e en materia de adiccións no ámbito de actuación do Concello de Carballo, ademais de realizar as prestacións socio sanitarias que correspondan en coordinación coas concellarías de Sanidade e de Benestar do Concello de Carballo e tendo en conta a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). Estas accións respectarán os criterios de universalidade, anonimato, voluntariedade, equidade e gratuidade para os beneficiarios ou beneficiarias. A achega municipal, que tamén contribuirá ao mantemento dos gastos correntes da sede da Asociación Vieiro, de titularidade municipal, ascende a 6.000 euros dos orzamentos xerais do Concello para 2013.

A exposición colectiva "Miradas 2", na que participan 32 creadores, permanece no Pazo da Cultura até o 5 de xaneiro

NA SALA DA BAIXOCUBERTA EN HORARIO DE 17.00 A 20.30 HORAS

A exposición colectiva "Miradas 2", na que participan 32 creadores, permanece no Pazo da Cultura até o 5 de xaneiro

Xoves 5 de decembro do 2013

O Pazo da Cultura acolle ata o 5 de xaneiro a exposición colectiva de artistas vinculados ou vinculadas a Muxía e Carballo "Miradas 2". O obxectivo da proposta é dar a coñecer os traballos que este grupo de creadores tan dispares, pero que teñen en común a súa relación coa comarca, están a desenvolver. Este grupo aglutina a autores e autoras de traxectorias moi distintas e de modalidades artísticas que abarcan a pintura, a escultura, a fotografía ou o gravado. A orixe desta iniciativa tivo lugar cando no ano 2011 a poetisa muxiana-carballesa Rosalía Fernández Rial xuntou nun proxecto poético a seis creadores con diferente traxectoria artística para a creación dun libro chamado "Átonos". Deste libro xurdiu a complicidade entre varios destes artistas que intentaron levar a cabo un proxecto maior en forma dunha exposición colectiva. Nela, creadores vinculados a Muxía e Carballo, así como aqueles de adopción por amor a un dos dous lugares, pretenden amosar as diferentes inquedanzas e técnicas que existen na zona, así como poder dar a coñecer artistas que, aínda que teñen no seu haber unha grande traxectoria no mundo artístico, poden chegar a pasar desapercibidos na comarca.

A mesa de contratación propón á UTE Ferroser-Ferrovial como adxudicataria dos servizos enerxéticos e mantemento do alumeado

SERÍAN 9,3 MILLÓNS DE EUROS POR ONCE ANOS E NOVE MESES DE XESTIÓN

A mesa de contratación propón á UTE Ferroser-Ferrovial como adxudicataria dos servizos enerxéticos e mantemento do alumeado

Xoves 5 de decembro do 2013

A mesa de contratación encargada da adxudicación do "Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo" propón que a empresa adxudicataria sexa a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ferroser e Ferrovial. O importe sería de 796.800 euros ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que faría un custo total de 9.362.400 euros. A UTE Ferroser-Ferrovial asumiría, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo. Hai que subliñar, así mesmo, que a adxudicataria ten ofrecido ata 19 melloras sen custo adicional destinadas a incrementar a eficiencia do servizo, tanto no seu funcionamento interno como no que respecta á atención cidadá. Así mesmo, o obxectivo deste novo contrato é que o Concello poida aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. Hai que mencionar que ao procedemento concorreron dúas empresas e que a proposta da mesa da contratación deberá ser ratificada polo pleno da corporación. Está previsto que este asunto estea incluído na sesión ordinaria do 30 de decembro.

Máis de 1.100 nenos e nenas teñen participado no Concurso de Cartel e Postal de Nadal do Concello de Carballo

REPARTIU PRETO DE 600 EUROS EN PREMIOS

Máis de 1.100 nenos e nenas teñen participado no Concurso de Cartel e Postal de Nadal do Concello de Carballo

Mércores 4 de decembro do 2013

O martes 3 de decembro, tivo lugar no Pazo de Cultura a reunión do xurado (na imaxe) que fallou o Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2013, convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo. Logo das oportunas deliberacións, resulta elexida como 1º Premio e gañadora da Postal de Nadal a presentada por Alberto Calleja Varela de 5 anos do CEIP Bergantiños, outorgándoselle un premio de 175 euros en libros, xoguetes educativos e diploma. Tal e como se recolle nas bases, o centro educativo ao que pertence o gañador deste galardón, correspóndelle un premio por un valor de 150 euros en material didáctico e que este ano recae, por tanto no CEIP Bergantiños. O xurado estivo constituído por alumnado dos centros de ensino, representados, neste caso por Lucia Porteiro Viña e Roque Chao Rama, do CEIP Canosa-Rus e Joel García González e Diego De La Iglesia Cruz, alumnos do CEIP San Luis Romero. Tamén participou como xurado un representante dunha asociación cultural, Manuela Rodríguez Castro, da A. C. San Cristovo, un artista local que ten gran experiencia no mundo da arte plástica, Mon Lendoiro Esmorís e en nome do Concello de Carballo a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e desenvolmento urbano, Milagros Lantes.

Carballo inspírase nas políticas de mobilidade e tráfico de Vitoria-Gasteiz para mellorar na humanización da capital municipal

O OBXECTIVO É APRENDER DE EXPERIENCIAS NA CIDADE VASCA

Carballo inspírase nas políticas de mobilidade e tráfico de Vitoria-Gasteiz para mellorar na humanización da capital municipal

Martes 3 de decembro do 2013

Os pasados días 21 e 22 de novembro levouse a cabo unha xornada de traballo sobre temas de mobilidade e tráfico na cidade de Vitoria-Gasteiz (na imaxe), á que asistiron funcionarios deste municipio vasco e do Concello de Carballo. Por parte da administración local carballesa asistiron o Arquitecto Xefe da Área de Urbanismo, Alfredo Garrote, o Xefe do Servizo de Proxectos e Obras, José Facal e o Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera. O motivo concreto da visita consistiu na análise dos avances producidos na cidade de Vitoria-Gasteiz en materia de mobilidade sostible e mellora do espazo público a partir da aprobación do "Plan de mobilidade sostible e espazo público" no ano 2008, que contou cun amplo respaldo político e social. Estas melloras están a xerar unha cidade moito máis accesible, humanizada e sostible dende o punto de vista ambiental, calidades recoñecidas por medio de varios galardóns internacionais entre os que compre destacar o nomeamento de Vitoria-Gasteiz como Green Capital 2012, o Premio Europeo de Excelencia en Política de Ciudades para la Construcción Verde en 2013 ou a súa inclusión no proxecto CIVITAS promovido pola Unión Europea. No futuro, é de esperar que a visita e o labor realizado se traduzan en propostas concretas que contribúan á mellora da contorna urbana de Carballo.

O establecemento Mar de Encontros e Taberna O Mexillón, gañadores dos concursos de Escaparates e Terrazas de Nadal

REPARTÍRONSE 3.500 EUROS EN PREMIOS

O establecemento Mar de Encontros e Taberna O Mexillón, gañadores dos concursos de Escaparates e Terrazas de Nadal

Martes 3 de decembro do 2013

O xoves 2 de xaneiro falláronse os premios do Concurso de Escaparates de Nadal e Concurso de Terrazas de Nadal 2013. Estes certames, enmarcados dentro do Programa "Quedamos en Carballo" -xestionado pola Concellaría de Promoción Económica- buscan incentivar o comercio e a hostalería local e destacaron por mostrar propostas moi variadas e coidadas. O xurado, formado pola axente de Emprego e Desenvolvemento Local e pola técnica de Turismo -por parte do Concello-, ademais de por un representante do CCA, de Axober e de Hostalber e por un experto en deseño de interiores, valorou os distintos establecementos participantes. O Concurso de Escaparates busca premiar o esforzo no coidado da imaxe comercial nestas datas do Nadal e participaron no certame un total de 18 comercios nos que destacou a implicación dos promotores e a alta calidade das propostas presentadas. Logo das deliberacións e tendo en conta criterios como a calidade artística, a composición, a iluminación, a utilización de elementos tradicionais do Nadal, a orixinalidade, o esforzo e dedicación do promotor e o uso do galego o xurado decidiu outorgar o primeiro premio valorado en 1.000 € a Mar de Encontros, o segundo premio de 500 € a Deva Floristería, o terceiro premio por un valor de 250 € a Zocas e o cuarto premio tamén de 250 € para A Fragua de Mo.

Comeza unha segunda edición do curso "Plan Xeral Contable" da BDT ante a elevada demanda por parte dos usuari@s

BENEFÍCIANSE DA INICIATIVA OUTROS 20 ALUMNOS E ALUMNAS

Comeza unha segunda edición do curso "Plan Xeral Contable" da BDT ante a elevada demanda por parte dos usuari@s

Luns 2 de decembro do 2013

Hoxe, luns 2 de decembro, vén de comezar unha segunda edición do curso "Plan Xeral Contable" da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e do que se benefician outros 20 usuarios e usuarias do servizo de busca de emprego local. Dende a BDT considerouse oportuno realizar unha segunda volta desta acción formativa ante a elevada demanda por parte dos integrantes da Bolsa de Traballo, xa que na primeira convocatoria tan só puideron beneficiarse da iniciativa a metade dos interesados e interesadas. Con esta segunda parte, espérase dar resposta ao grande interese espertado polo curso entre os demandantes de emprego. A actividade conta coas mesmas características que a anterior, polo que está previsto que teña 60 horas de duración repartidas en tres semanas en horario de mañá de 9.00 a 13.30 horas. Accederon a el de forma gratuíta persoas rexistradas na BDT con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.). Trátase dunha acción formativa baseada sobre todo nos aspectos prácticos en Contabilidade que permita comprender cómo se realizan e formulan os estados financeiros a partir das anotacións contables e dominar a normativa na que se apoia.

A Xunta de Goberno Local aproba as bases do Concurso de Terrazas de Nadal 2013 que repartirá dous mil euros en premios

CONTRATACIÓN PARA A ANÁLISE DA REDE DE ABASTECEMENTO

A Xunta de Goberno Local aproba as bases do Concurso de Terrazas de Nadal 2013 que repartirá dous mil euros en premios

Luns 2 de decembro do 2013

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, fóra da orde do día, as bases para convocar un Concurso de Terrazas de Nadal 2013. A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, pretende, con esta iniciativa, promover actuacións que dinamicen o sector hostaleiro local e incentivar a mellora da imaxe dos establecementos do termo municipal. Con este obxecto, está previsto repartir 2.000 euros en premios, con 1.000 euros para o primeiro clasificado; 500 euros para o segundo; e dous terceiros premios de 250 euros cada un. Poderán participar no certame os/as titulares dun establecemento hostaleiro no termo municipal de Carballo e as terrazas deberán estar preparadas ás 19.00 horas do luns 17 de decembro, cando comezarán as visitas do xurado para valorar cada unha das propostas. As terrazas non deberán desmontarse antes do 7 de xaneiro, co obxecto de que os veciños e veciñas e visitantes poidan gozar delas durante todas as festas de Nadal. Os interesados e interesadas poderán presentar as solicitudes entre o martes 3 e o xoves 12 de decembro, ambos inclusive, no Rexistro Xeral do Concello, onde tamén estarán dispoñibles os impresos de solicitude, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres; e de 9.30 a 13.30 horas os sábados.

A Bolsa de Traballo celebra o seu primeiro aniversario con máis de 800 demandantes de emprego e a implicación de 30 empresas

O SERVIZO TEN OFERTADO UN TOTAL DE 60 POSTOS DE TRABALLO

A Bolsa de Traballo celebra o seu primeiro aniversario con máis de 800 demandantes de emprego e a implicación de 30 empresas

Sábado 30 de novembro do 2013

A Bolsa de Traballo Municipal (BDT) acaba de cumprir neste mes de novembro o seu primeiro ano de vida e, despois de doce meses de andaina conta con 808 persoas inscritas e dadas de alta no servizo e con 1.018 solicitudes de demandantes de emprego. Durante este período un total de 30 empresas se teñen posto en contacto co servizo para cubrir postos de traballo. Delas, a maioría son de Carballo, pero téñense rexistrado casos de empresas de procedencias tan dispares como Ames, A Coruña ou Xil (Pontevedra). A maioría son pequenas empresas, basicamente familiares, ás que o servizo prestado desde a BDT lles serve de moita axuda á hora de contratar un posto determinado que precisan nun momento determinado, mais tamén hai grandes empresas de distintos sectores distribuídas por todo o territorio nacional. No último ano, a BDT ten ofertado ata 60 postos de traballo, para os que se remitiron 192 currículos e cun total de 16 ofertas tramitadas e cubertas con traballadores e traballadoras da BDT, o que supón o 39 por cento do total das ofertas xestionadas. Respecto dos perfís máis manexados pola BDT, os empregos máis solicitados polos demandantes de emprego durante este ano son os relacionados co sector do comercio, servizos de administración na empresa, servizos á comunidade, transporte e loxística e, finalmente, construción.

O espectáculo "Siglo de oro, siglo de ahora (Folía)", da compañía Ron Lalá, gaña o Premio do Público do FIOT 2013

A XXII EDICIÓN: CONSIDERADA A MELLOR DA HISTORIA

O espectáculo "Siglo de oro, siglo de ahora (Folía)", da compañía Ron Lalá, gaña o Premio do Público do FIOT 2013

Sábado 30 de novembro do 2013

Unha vez recontados os votos do público asistente ao FIOT 2013, que nesta a súa XXII edición rexistrou máis de 6.000 espectadores, segundo explica Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte -co organizadora do FIOT xunto do Concello- a compañía madrileña Ron Lalá é a gañadora do Premio do Público 2013. O espectáculo "Siglo de Oro, Siglo de Ahora (Folía)" foi a montaxe mellor valorada polos espectadores do FIOT cunha puntuación de 4,662 puntos sobre 5. A compañía madrileña participou no FIOT con esta obra orixinal e única coa que colleitou éxitos nos teatros de toda España. Entre outros premios, valeulles ser finalistas ao Mellor Espectáculo Musical nos Premios Max ou recibir o Max 2013 á Mellor Produtora Privada de Artes Escénicas. Esta é a terceira vez que Ron Lalá, que se caracteriza por unha linguaxe escénica propia e polo seu humor intelixente, crítico e cítrico, participou no Outono de Teatro (en 2009 con "Mundo y final" e en 2011 con "Time al tiempo"). "André y Dorine", de Kulunka Teatro, foi a segunda obra mellor valorada con 4,649 puntos, moi preto da gañadora; e a terceira, "Sé de un lugar", da Compañía Prisamata, pertencente ao OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), con 4,333, sendo a primeira vez que un espectáculo do ciclo máis alternativo do FIOT chega ao "podio" do festival.

Compartir: