Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo participa en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais galegas, coa presenza do novo stand turístico

A CITA INCLÚE O RECITAL POÉTICO "PAISAXES"

Carballo participa en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais galegas, coa presenza do novo stand turístico

Venres 29 de novembro do 2013

Carballo participa dende o venres 29 de novembro e até o domingo 1 de decembro en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais 2013 que ten lugar en Pontevedra. Nesta cita, o Concello acudirá co novo stand de turismo co fin de aproveitar esta oportunidade de dar a coñecer os proxectos e as distintas actividades culturais e deportivas que se desenvolven ao longo do ano no Concello como son o festival de teatro FIOT, os concertos e festivais musicais Sereas e Piratas, Pop Up ou Xiria Pop, ademais dos campionatos de surf, etc. Tamén se aproveitará este escaparate para dar a coñecer outros recursos de interese que ten o Concello de Carballo como as súas praias, a lagoa de Baldaio, a Ruta das Férvedas, a gastronomía local, o ocio activo, etc. Durante os tres días de feira, ademais, distribuirase merchandising e material divulgativo e realizaranse distintas accións concretas de promoción, como a programación para o venres 29 ás 18.00 horas dun Recital poético artístico titulado "Paisaxes" a cargo da poetisa local Rosalía Fernández Rial e coa colaboración dos pintores Mon Lendoiro e María José Costa Valiño (Chiña) na ilustración. Así mesmo, o domingo aproveitarase para dar a coñecer a gastronomía local coa distribución entre os asistentes á feira de moletes de pan de Carballo.

Asinado na Alcaldía o contrato de obras para o "Soterramento de infraestruturas eléctricas na Piña, parroquia de Sofán"

TRÁTASE DUNHA ACTUACIÓN CONXUNTA CO CONCELLO DA LARACHA

Asinado na Alcaldía o contrato de obras para o "Soterramento de infraestruturas eléctricas na Piña, parroquia de Sofán"

Venres 29 de novembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes de Hidroeléctrica de Laracha SL veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo para a realización das obras de "Soterramento de infraestruturas eléctricas na Piña, parroquia de Sofán", unha actuación co financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Trátase dun proxceto emprendido pola agrupación dos concellos de Carballo e A Laracha e que foi adxudicada por un importe de 108.344,03 euros, IVE incluído. A subvención concedida é de 100.000 euros, dos que 89.997,10 euros correspóndenlle ao Concello carballés e 10.002,90 ao Concello da Laracha. O prazo de execución do proxecto é de tres semanas a contar dende o sía seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replantexamento. Non é o único proxecto que emprenderon este exercicio de maneira conxunta os concellos de Carballo e A Laracha, xa que polo mesmo procedemento realizáronse os traballos de "Mellora dos accesos ao Parque Empresarial da Laracha desde a estrada provincial DP-1909". Nese caso, as obras consistiron na realización dunha mellora integral dos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica A Xesteira (A Laracha, no acceso ao parque empresarial) con Castelo (Carballo, parroquia de Vilela). No acto de sinatura tamén estivo presente o Concelleiro de Obras e Servizos Luís Lamas.

Entrega de diplomas do curso "Plan Xeral Contable", dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal

PARTICIPARON NA INICIATIVA 20 DEMANDANTES DE EMPREGO

Entrega de diplomas do curso "Plan Xeral Contable", dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal

Venres 29 de novembro do 2013

O Fórum Carballo vén de acoller o acto de entrega de diplomas do curso "Plan Xeral Contable" dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e que finalizaron con aproveitamento un total de 20 persoas. Presidiu a cita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que, ao igual que o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, desexoulles aos alumnos e alumnas "que haxa traballo" para poder aplicar os seus coñecementos o antes posible. Esta acción formativa tivo 60 horas de duración repartidas en tres semanas en horario de mañá de 9.00 a 13.00 horas. Accederon a el de forma gratuíta persoas rexistradas na BDT con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.). Trátase dunha acción formativa baseada sobre todo nos aspectos prácticos en Contabilidade que lles permita aos alumnos e alumnas comprender cómo se realizan e formulan os estados financieiros a partir das anotacións contables e dominar os fundamentos da contabilidade e a normativa na que se apoia. Para obter máis información sobre as actividades da Bolsa de Traballo Municipal, os interesados e interesadas poden dirixirse ao Fórum Carballo ou ao teléfono 981 709 010. Así mesmo, a BDT dispón dunha conta de Twitter @bdtcarballo.

O Concello, Cruz Vermella e dez entidades deportivas do municipio colaboran para que ningún neno se quede sen xoguete este Nadal

DOAZÓNS: DO 28 DE NOVEMBRO AO 22 DE DECEMBRO

O Concello, Cruz Vermella e dez entidades deportivas do municipio colaboran para que ningún neno se quede sen xoguete este Nadal

Xoves 28 de novembro do 2013

A Cruz Vermella, coa colaboración de dez entidades deportivas do municipio e a axuda do Concello de Carballo pon en marcha a iniciativa "Ningún neno sen xoguetes". Trátase dunha campaña de recollida co obxectivo de repartir os xoguetes que doen os veciños e veciñas de Carballo entre os nenos e nenas de familias con poucos recursos económicos. Os interesados e interesadas terán a oportunidade de realizar as doazóns a partir do 28 de novembro, e até o 22 de decembro. Poderán depositar os seus agasallos nos colectores que as entidades deportivas poñerán a disposición dos seus socios e socias, e do público en xeral, tanto durante os adestramentos como durante a celebración dos partidos. Dende a Asemblea Local de Cruz Vermella solicitan que os xoguetes non sexan de temática bélica, senón preferentemente educativos e didácticos e que estean en bo estado de uso. Así, Matilde Anido, presidente da Asemblea Local, subliña que "hai que respectar a dignidade das persoas que os reciben e pensar que todos somos iguais" e evitar que os nenos e nenas "reciban algo vello". Hai que destacar que Cruz Vermella desenvolve esta campaña cada ano a nivel estatal e que o ano pasado chegou a 187 cativos e cativas de familias carballesas en situación de necesidade, cantidade que se podería incrementar este ano ao ampliarse o ámbito da campaña.

Carballo cambia a faciana das paredes da súa contorna urbana grazas á proposta artística "Derrubando muros con pintura"

ROBERTA VENANZI E PAULA FRAILE COMEZAN CUN MURAL DA RÚA SOL

Carballo cambia a faciana das paredes da súa contorna urbana grazas á proposta artística "Derrubando muros con pintura"

Xoves 28 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, vén de poñer en marcha a iniciativa "Derrubando muros con pintura", unha proposta que pretende mellorar a faciana da contorna urbana da vila a través de murais artísticos pintados en distintas paredes e muros ca capital municipal. Esta semana veñen de principiar os labores no primeiro dos murais (na imaxe), situado na confluencia das rúas Vila de Negreira e Sol, preto da glorieta coa escultura "Artiluxio". As encargadas do traballo son as artistas Roberta Venanzi (Roma) e Paula Fraile (Guadalaxara), dúas licenciadas en Belas Artes, a primeira na capital italiana e a segunda na Complutense de Madrid, que xa teñen experiencia en traballos deste tipo, estando algunhas das súas obras en Roma, Berlín ou en varias cidades españolas. Encargaranse de tres murais de grandes dimensións nun proxecto que, nunha primeira etapa, ten prevista a creación de dez coa presenza doutros seis artistas. Esta proposta está incluída no programa "Quedamos en Carballo" unha iniciativa máis ampla da Concellaría de Promoción Económica pensada para dinamizar a hostalería e o pequeno comercio da vila. De feito, cando os murais estean rematados elaborarase un catálogo coas distintas obras destinado ao comercio e á hostalería cunha ficha sobre o mural e os autores e autoras.

A Comisión de Urbanismo remata co proceso de revisión das alegacións presentadas ao PXOM despois de 33 xuntanzas

ELABORARASE UN INFORME PARA ABORDAR A APROBACIÓN PROVISIONAL

A Comisión de Urbanismo remata co proceso de revisión das alegacións presentadas ao PXOM despois de 33 xuntanzas

Xoves 28 de novembro do 2013

Despois dun longo proceso de máis de 33 xuntanzas dunha media de tres horas de duración e logo de que técnicos e membros da corporación teñan estudado e ditaminado as 1.921 alegacións presentadas ao documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) dáse por finalizado o proceso de revisión. Nestes momentos, e despois dunha quenda de xuntanzas da Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que comezou o pasado mes de xuño, xa están revisadas todas as reclamacións correspondentes ao medio rural, así como as do casco urbano e a zona costeira e o equipo redactor comezará a elaborar un informe no que se recollerán as actas das 33 comisións e onde se recollerán, así mesmo, as propostas dos seus membros para cada unha das reclamacións. Unha vez estea elaborado, presentarase de novo ante a Comisión de Urbanismo, para revisalo e comprobar que cumpre fielmente co acordado e que despois das resolucións o documento respecta a legalidade e as características esixidas, como as relativas á capacidade residencial. Nese momento, o documento xa estaría listo para presentarse diante do pleno da corporación e ser aprobado provisionalmente para remitilo unha vez máis á Xunta de Galicia, que sería o organismo do que depende a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O Concello convoca un Concurso de Escaparatismo de Nadal que repartirá dous mil euros en premios

SOLICITUDES DO 28 DE NOVEMBRO AO 12 DE DECEMBRO

O Concello convoca un Concurso de Escaparatismo de Nadal que repartirá dous mil euros en premios

Mércores 27 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, informa da convocatoria dun Concurso de Escaparatismo de Nadal que ten como principal obxectivo premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. Poderán participar neste concurso os titulares dun establecemento comercial no termo municipal de Carballo. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do luns 17 de decembro de 2013, momento a partir do cal poderá realizarse a visita por parte do xurado. Os escaparates non poderán desmontarse antes do 25 de decembro, co obxecto de que poidan contemplarse durante as festas de Nadal. O tema a desenvolver será alegórico e relacionado co ambiente propio das Festas de Nadal e valoraranse as candidaturas tendo en conta especialmente os seguintes criterios: calidade artística; composición; iluminación; utilización de elementos tradicionais do Nadal na contorna dos escaparates; orixinalidade do escaparate; esforzo e dedicación do promotor no resultado. Os interesados e interesadas en participar poden presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello desde o día 28 de novembro ata o día 12 de decembro, ámbolos dous incluídos, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e sábados de 9.30 a 13.30 horas.

A Banda Municipal de Música, baixo a dirección de Vicente Pérez Planells, pecha oficialmente o Novembro con Música 2013

SÁBADO 30 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A Banda Municipal de Música, baixo a dirección de Vicente Pérez Planells, pecha oficialmente o Novembro con Música 2013

Mércores 27 de novembro do 2013

O sábado 30 de novembro remata o Novembro con Música 2013, o programa musical elaborado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña, co xa tradicional concerto da Banda Municipal de Música de Carballo. Este recital será o encargado de pechar oficialmente o programa deste ano, no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas , baixo a dirección de Vicente Pérez Planells. Está previsto que a Banda ofreza un variado programa no que non faltarán temas clásicos, contemporáneos, obras de autor e como non, os pasodobres. Dentro da cita deste ano, hai que subliñar dúas intervencións especiais. A do profesor de percusión do Conservatorio, Francisco Vecino, que intervirá como solista nun dos temas do repertorio e a do Coro do Conservatorio que cantará, xunto coa banda, un pequeno poema para as dúas formacións. A dirección da agrupación coral correspóndelle á profesora de canto Gloria Pardines. A entrada a este concerto é libre e gratuíta, ata completar aforo. Esta cita serve como colofón para un programa moi completo, que se desenvolveu durante todo o mes de novembro, e no que tiveron cabida todo tipo de estilos musicais: desde o pop rock ata a música clásica ou desde a música tradicional á música coral.

Adxudicados os traballos do Plan de Obras e Servizos 2013 e que inclúen obras de saneamento e abastecemento e de mellora de vías

SOTERRAMENTO DE COLECTORES NA CONTORNA DO MERCADO

Adxudicados os traballos do Plan de Obras e Servizos 2013 e que inclúen obras de saneamento e abastecemento e de mellora de vías

Mércores 27 de novembro do 2013

O Concello de Carballo vén de adxudicar os traballos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013, tres proxectos de saneamento e abastecemento de auga e de mellora de camiños que chegan a un importe conxunto de 289. 211,2 euros. O primeiro deles é a actuación para a "Mellora de abastecemento en Xoane (parroquia de Goians) e Carracedo (parroquia de Ardaña), Concello de Carballo (A Coruña)", que foi adxudicado por 91.925,55 euros e que será realizado por Viaqua (antiga Aquagest); o segundo é a "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela, Concello de Carballo (A Coruña)", un proxecto que tamén será levado a cabo por Viaqua e que ten un importe de 112.827,65 euros; por último, a empresa Ramón Vázquez y Reino realizará por un custo de 84.458 euros os traballos de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns, Carballo, no Concello de Carballo". Segundo explica a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, nestes momentos estase estudando a posibilidade de realizar o Plan Complementario coas baixas derivadas da contratación das actuacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos (POS 2013).

O Goberno saca adiante os orzamentos de 2014, que superan os 23 millóns de euros e destinan 4,8 millóns a investimentos

MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMOU POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP

O Goberno saca adiante os orzamentos de 2014, que superan os 23 millóns de euros e destinan 4,8 millóns a investimentos

Martes 26 de novembro do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, que se prolongou durante máis de tres horas e que rematou a falta de cinco minutos para a medianoite, supuxo a aprobación, cos votos a favor de BNG e PSOE, dos Presupostos xerais da corporación para 2014. Trátase dunhas contas con 23.284.114,41 euros no apartado de gastos -un 7,03 por cento máis que en 2013 con 1.530.104,27 euros máis-; e uns ingresos de 23.294.992,53 euros -cun incremento do 2,92 respecto do exercicio anterior con 662.301,01 euros máis-; e que destinan ao capítulo de investimentos reais 4.845.000 euros, o que supón o 20,81 por cento do total do orzamento. Precisamente dentro deste apartado un dos proxectos máis importantes é o de "Mellora do sistema xeral de abastecemento de auga en Carballo. Proxecto Anllóns-Bardoso", que neste pleno recibiu o visto e prace para o contrato de obra da Fase II co apoio de BNG e PSOE. Esta nova fase inclúe a execución dunha nova captación, unha ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso para complementar a actual do Anllóns e a creación dunha nova impulsión de conexión de 1.555 metros de lonxitude. O proxecto foi elaborado por Egis-Eyser SA, o prezo de adxudicación é de 2.678.034,74 euros (IVE engadido) e está cofinanciado por fondos europeos FEDER. O procedemento é aberto con varios criterios de adxudicación e o prazo de execución previsto é de 13 meses.

O Concello e a Asociación As Eiroas asinan un convenio para mellorar a vixilancia no Parque Empresarial de Bértoa

A ACHEGA MUNICIPAL É DE 7.500 EUROS

O Concello e a Asociación As Eiroas asinan un convenio para mellorar a vixilancia no Parque Empresarial de Bértoa

Luns 25 de novembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da Asociación As Eiroas de empresarios e propietarios do Polígono de Bértoa, Antonio Gómez Caamaño, veñen de asinar un convenio de colaboración co obxecto por parte da administración local de apoiar a actividade empresarial e industrial e contribuír no posible a mellorar as condicións de seguridade na contorna do Parque Empresarial de Bértoa. Así, a finalidade do acordo é establecer un marco de colaboración entre as entidades asinantes para a instalación dun sistema de vídeo vixilancia no Polígono co obxecto de mellorar a seguridade, reducir o número de incidencias e paliar o custo que supón para o sector empresarial o mantemento dun servizo de vixilancia privada. O Concello de Carballo comprométese a colaborar coa Asociación As Eiroas coa achega de 7.500 euros -o 80 por cento do custo total do equipamento e instalación, que ascende a 11.829,28 euros- para a ampliación do sistema de vídeo vixilancia, incluíndo a instalación de tres novas cámaras e un sistema de control a distancia que permita ver as imaxes dende calquera punto do polígono a través dunha tablet. Tanto dende a entidade como dende o Concello manifestaron a súa satisfacción pola subscrición deste acordo, o primeiro que se establece entre as dúas entidades, nunha colaboración que ambas partes esperan que poida continuar no futuro.

O pleno aborda a aprobación dos orzamentos de 2014, as obras do POS 2014 e o contrato da Fase II do proxecto Anllóns-Bardoso

MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP

O pleno aborda a aprobación dos orzamentos de 2014, as obras do POS 2014 e o contrato da Fase II do proxecto Anllóns-Bardoso

Venres 22 de novembro do 2013

A corporación carballesa celebra o luns 25 de novembro unha sesión plenaria ordinaria na que entre os asuntos da orde do día está a aprobación dos Presupostos xerais da corporación para 2014. Trátase dunhas contas con 23.284.114,41 euros no apartado de gastos -un 7,03 por cento máis que en 2013 con 1.530.104,27 euros máis-; e uns ingresos de 23.294.992,53 euros -cun incremento do 2,92 respecto do exercicio anterior con 662.301,01 euros máis-. O seu obxectivo é ser "realista" e garantir "a calidade dos servizos" dándolle prioridade "ao benestar das persoas", así como "á formación e o emprego e á dinamización económica", segundo a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro (máis información sobre os orzamentos, aquí). Nun pleno cheo de asuntos de importancia, inclúese na orde do día o Contrato de obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento de auga en Carballo. Fase II (FEDER convocatoria 2011 Proxecto Anllóns-Bardoso)". Esta fase inclúe a execución dunha nova captación, unha ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso para complementar a actual do Anllóns e a creación dunha nova impulsión de conexión de 1.555 metros de lonxitude. O proxecto foi elaborado por Egis-Eyser SA e o prezo de adxudicación é de 2.678.034,74 euros (IVE engadido) e está cofinanciado por fondos europeos. O procedemento será aberto con varios criterios de adxudicación e o prazo de execución previsto será de 13 meses.

Compartir: