Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Un total de 10 concertos nos que participan 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con música 2013

FOLK, ROCK, CORAIS OU O CICLO EN FAMILIA DURANTE TODO O MES

Un total de 10 concertos nos que participan 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con música 2013

Mércores 6 de novembro do 2013

Carballo honra un ano máis a Santa Cecilia co programa Novembro con Música (NCM) que reúne a un total de 25 agrupacións que ofrecen dez concertos ao longo de todo o mes. Moitas das actividades constitúen citas xa consolidadas como o concerto de música tradicional 'Sons de aquí' -que abre o programa o sábado 9 de novembro-, o festival de rock 'Live in Cances', o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o concerto da Banda Municipal que adoita pechar o programa ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas. Unha decena de actividades organizadas polo Concello e por moitas das asociacións culturais e agrupacións musicais do municipio, coas que colaboran organismos como a Deputación da Coruña. Este ano, ademais, o programa conta co patrocinio, por segundo ano consecutivo de Primera Persona Editorial. A maioría das citas, que se complementan cunha exposición e cos actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, teñen lugar nas instalacións do Pazo da Cultura, e todas son de balde ata completar o aforo dos espazos nos que se celebran. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, foi a encargada de presentar un programa que é "unha oportunidade para todos os amantes da música" e que tamén contribúe a mostrar o traballo realizado polas agrupacións musicais do municipio.

Senda Nova emprende por segundo ano consecutivo o obradoiro ambiental para nenos e nenas de Primaria Sendas Carballo

PARTICIPAN RAPACES E RAPAZAS DOS COLEXIOS DE CARBALLO

Senda Nova emprende por segundo ano consecutivo o obradoiro ambiental para nenos e nenas de Primaria Sendas Carballo

Martes 5 de novembro do 2013

O sábado 2 de novembro o Fórum Carballo acolleu o punto de partida da segunda edición do Obradoiro Ambiental Sendas Carballo organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello carballés. Ao acto asistiron pais e nais dos nenos e nenas participantes que acompañaron aos seus fillos á que sería tamén a primeira sesión de ecoloxía do obradoiro. Tamén asistiron monitoras e monitores da asociación así como o Concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira. O obxectivo primordial de Sendas Carballo é o achegamento ao patrimonio das 18 parroquias do municipio e que os rapaces e rapazas acaden uns coñecementos necesarios que lles permitan ter condutas de respecto pola súa contorna máis próxima. Tamén, que tomen constancia dos equipos, normas e utensilios básicos para un maior respecto e aproveitamento nas saídas ao medio natural, e gozar del dunha forma axeitada. O obradoiro dura dende novembro ata finais do mes de marzo e nel participan un máximo de 25 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria dos diferentes centros de ensino de Carballo. Nesta primeira sesión explicáronse as premisas que rexerán o obradoiro durante os seus cinco meses de duración e repartiuse a cronoloxía para as vindeiras xornadas, que inclúe actividades teóricas e prácticas.

Reave pón en marcha a segunda edición do Concurso "Carballo tamén en botella" para fomentar a reciclaxe de aceite usado

PARTICIPAN 12 CENTROS DE ENSINO DE CATRO MUNICIPIOS

Reave pón en marcha a segunda edición do Concurso "Carballo tamén en botella" para fomentar a reciclaxe de aceite usado

Martes 5 de novembro do 2013

A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, que ten en marcha no Concello de Carballo un servizo de recollida de aceite de cociña usado para a súa reciclaxe, propón por segundo ano consecutivo o Concurso "Carballo tamén en botella", que ten como obxectivo principal fomentar nos/as nenos/as criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Máis en concreto, a iniciativa tamén pretende conseguir que aprendan a correcta separación do aceite usado para o seu posterior reciclado e motivar aos cativos e cativas no compromiso e a responsabilidade na correcta xestión de residuos e as consecuencias de non a levar a cabo. Nesta a súa segunda andaina o certame está destinado a todo o alumnado dos Centros de Educación Primaria da comarca de Bergantiños e finalmente participan 12 colexios dos municipios de Carballo (todos excepto o Artai), Coristanco (CEIP Canosa-Rus), A Laracha (CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión e CEIP Otero Pedrayo) e Malpica (CEIP de Buño e CEIP Milladoiro). Os nenos e nenas recollerán aceite de cociña usado até o 31 de maio, cando se realizará o reconto a través do que se coñecerá o centro gañador, aquel que posúa a maior ratio de quilos recollidos por alumno/a.

Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta coa colaboración do artista Manuel Facal nas instalacións do Fórum

AS INSCRICIÓNS PODEN FORMALIZARSE ENTRE O 5 E O 11 DE NOVEMBRO

Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta coa colaboración do artista Manuel Facal nas instalacións do Fórum

Luns 4 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís e grazas á iniciativa do artista Manuel Facal Ponte, pon en marcha a partir do mes de novembro unha Aula Municipal de Gravado dirixida a artistas profesionais ou semi profesionais e situada no Fórum Carballo. O obxectivo, segundo explica Manuel Facal, é que "xente nova, con ganas de iniciar un proceso creativo" teñan a oportunidade de formarse nunha técnica como o gravado, á que "é moi difícil de acceder" e que tan só está dispoñible en Galicia nas escolas de Belas Artes ou no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos. Segundo Facal Ponte, a súa intención é que, baixo a súa supervisión, se emprendan entre un e dous meses de formación para "xente que teña unha base artística" coa arela de que, unha vez que Facal Ponte abandone o proxecto, poida xurdir o interese de que alguén tome o relevo, continuando co uso das instalacións do Fórum e o taller de gravado. Segundo Mar Eirís, con este obradoiro preténdese apoiar non só a difusión, mais tamén a creación cultural especialmente entre os artistas locais. Hai que subliñar que a actividade é gratuíta, que o material necesario será achegado polo Concello e que a inscrición está aberta entre o martes 5 e o luns 11 de novembro no Pazo da Cultura.

Aprobados en Xunta de Goberno os expedientes de contratación para as actuacións do Plan de Obras e Servizos 2013

ADXUDICADO O SOTERRAMENTO DE LIÑAS ELÉCTRICAS NA PIÑA

Aprobados en Xunta de Goberno os expedientes de contratación para as actuacións do Plan de Obras e Servizos 2013

Luns 4 de novembro do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar os expedientes de contratación correspondentes cos tres proxectos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2013. Así, trátase do contrato administrativo da obra "Rede de saneamento en Castelo, 2º fase, parroquia de Vilela" (na imaxe a igrexa parroquial); do contrato de obra de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo, no Concello de Carballo"; e do contrato de obra de "Mellora do abastecemento en Xoane (parroquia de Goiáns) e Carracedo (parroquia de Ardaña)". Os presupostos de execución por contrata recollidos no prezo de licitación son, respectivamente, 129.044,62 euros (IVE incluído); 93.037,71 euros (IVE incluído); e 107.355,80 euros (IVE incluído). Os criterios de adxudicación son os mesmos para cada unha das tres licitacións, sendo a oferta económica o máis valorado, cun máximo de 40 puntos, seguido do programa de traballo (máx. 17), o plan de control de calidade (máx. 13), o esquema do plan de seguridade e saúde (máx. 12), e o programa de actuación medioambiental (máx. 8). As actuacións do POS 2013 foron aprobadas en sesión plenaria ordinaria celebrada en novembro de 2012.

Seis grupos de afeccionados ao teatro radiofónico defenden as súas interpretacións na final do Concurso Xosé Manuel Eirís

FINAL: DOMINGO 3 DE NOVEMBRO ÁS 18.00 HORAS

Seis grupos de afeccionados ao teatro radiofónico defenden as súas interpretacións na final do Concurso Xosé Manuel Eirís

Xoves 31 de outubro do 2013

Na reunión mantida polo xurado do XIII Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís", o pasado luns 28 de outubro seleccionouse aos seis grupos finalistas, formados por un total de 39 nenos e nenas, que defenderán as súas pezas na final prevista para o domingo 3 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura. Nesta edición, participaron uns 150 mozos e mozas de colexios e asociacións da comarca de Bergantiños divididos en 20 grupos de afeccionados ao teatro radiofónico. A gala estará presentada pola compañía de clown "Os 7 Magníficos máis 1", que tamén amenizarán o evento cun espectáculo destinado ao público familiar. As interpretacións de todos os participantes poden escoitarse todas as mañás en RadioVoz Bergantiños. Na primeira categoría, integrada por grupos nenos e nenas de ata 10 anos, as pezas radiofónicas elixidas polo xurado foron "A noite das mudanzas" do grupo Cances, do CRA Ponte da Pedra; "Nin ouro, nin prata, nin rabo de gata do grupo", de A Esmorga do CEIP Canosa-Rus; "A visita do inspector" do grupo Os Pillabáns do CEIP Xesús San Luis Romero; e "Puchiño vermello" do grupo Os Revoltiños do CPI As Revoltas. Na segunda categoría, grupos de nenos e nenas a partir de 11 anos, as escenificacións que pasan á final son "A inspectora preguntona", do grupo Os Respondóns do CEIP Bergantiños; e "O auto do labrego" do grupo Escola Municipal de Teatro de Cabana de Bergantiños.

Asinado na Alcaldía o contrato de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

OS TRABALLOS COMEZARÁN O ANTES POSIBLE

Asinado na Alcaldía o contrato de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

Xoves 31 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representantes da empresa Construcciones López Cao veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)". A adxudicación realizouse por un importe de 102.971 euros, IVE incluído e o prazo de execución estipulado é de 45 días naturais contados a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de replantexamento. Hai que subliñar que a empresa ofertou melloras sen custo adicional valoradas en máis de 15.000 euros, como son melloras en seguridade, a saída de residuos de construción, o recrecido de pozos e arquetas, e a colocación da sinalización viaria horizontal e vertical. Tanto o Alcalde de Carballo como o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, presentes na sinatura, interesáronse pola data de comezo dos traballos. Dende a empresa explican que o obxectivo é comezar o antes posible, especialmente para prever as variacións meteorolóxicas propias da estación. Se os trámites avanzan segundo o previsto, as máquinas poderían estar traballando a próxima semana. Hai que lembrar que o financiamento desta e outras actuacións de mellora da rodadura en varias vías do municipio vén a través dun suplemento de crédito ao que se incorporou arredor dun millón de euros do remanente de tesourería.

Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o compromiso "Galeg@s para sempre" para poder ser lembrados en galego

O OBXECTIVO É VISIBILIZAR O IDIOMA NO MOMENTO DO PASAMENTO

Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o compromiso "Galeg@s para sempre" para poder ser lembrados en galego

Xoves 31 de outubro do 2013

O Salón de Plenos do Concello de Carballo vén de acoller o mércores 30 de outubro, en vésperas do día de Todos os Santos, un acto para visibilizar que a nosa lingua propia, o galego, de uso maioritario nas relacións persoais en vida, tamén pode servir para sermos lembrados despois da morte, para que, despois do noso pasamento, non quede borrado, invisibilizado, esquecido. Deste xeito, diversas persoas a nivel individual asinaron a declaración Galeg@ para sempre, coa que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que queren que se use para seren lembradas. Ademais, no acto público manifestáronse os compromisos adquiridos pola parroquia carballesa e polas cinco funerarias que operan no municipio (San Antonio, Santa Marta, Bergantiños, San José e A Milagrosa), mediante os cales se comprometen a preguntarlles a familiares ou persoas achegadas, en cada caso, que lingua queren que se use na lápida, recordatorio, necrolóxica, flores, actos, etc. En nome das funerarias leu a declaración Roberto Carlos Vasco, de Tanatorio Bergantiños.

Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido

LUZ VERDE PARA A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE DEPURACIÓN

Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido

Martes 29 de outubro do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro supuxo a formalización da renuncia ao seu cargo do concelleiro e voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Alberto Sueiro Pastoriza despois de 10 anos como líder local do PP (na imaxe no centro, a carón do que será o número 1 do partido a partir de agora ao ser o seguinte na listaxe, Miguel Ferreiro -dereita-; e do concelleiro Juan Carlos Castro). Nunha intervención breve, quixo agradecer a colaboración "dos que se aventuraron comigo" xa que "tiven moito apoio e moita crítica cando fixo falta". Manifestou que na súa traxectoria municipal defendeu un "modo de entender a política en Carballo" coa intención "de ser honesto e de facelo o mellor posible". Desexoulle "sorte aos compañeiros corporativos porque non é fácil administrar Carballo" e pediu que traballen "na defensa do interese común dos carballeses, conscientes de que somos un gran pobo". Nun ambiente distendido e no que non faltaron as bromas, os voceiros dos distintos partidos tiveron tamén verbas de despedida. O último en falar o Alcalde, Evencio Ferrero, quen defendeu a "lealdade e defensa de Carballo" por parte dos corporativos xa que "todos desexamos o mellor para o propio". Lembrou a "longa historia" vivida "na que tivemos ocasión de compartir proxectos e ilusións" e de buscar "o mellor para Carballo". E para rematar referiuse ao "amigo Alberto" para desexarlle "longa vida e moitos éxitos".

O Xograr de Outono Roberto Vidal Bolaño pasa a formar parte do rueiro carballés nun acto no que a súa viúva descubriu a placa

A VÍA, QUE SERÁ PEONIL, ESTÁ SITUADA NA CONTORNA DA RÚA PERÚ

O Xograr de Outono Roberto Vidal Bolaño pasa a formar parte do rueiro carballés nun acto no que a súa viúva descubriu a placa

Luns 28 de outubro do 2013

Dende o sábado 26 de outubro Carballo conta coa rúa Roberto Vidal Bolaño, unha homenaxe ao desaparecido dramaturgo, primeiro Xograr de Outono do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en 2002 e autor lembrado no Día das Letras 2013. O Concello quixo aproveitar o ano dedicado a este autor compostelán para organizar este acto simbólico no marco do Festival e sumarse así aos actos de lembranza e recuperación do seu legado realizados por institucións e cidadáns de Galicia. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante o acto de inauguración a figura desta "persoa clave na modernización e profesionalización do teatro galego". Ferrero espera que con esta nova rúa, que está previsto que no futuro sexa peonil e que está situada na contorna do Parque de Rego da Balsa e da rúa Perú, os carballeses e carballesas "gocemos da compañía de Roberto entre nós". Rematou pedindo o "recoñecemento" para Vidal Bolaño, sendo "unha honra incorporar o seu nome ao noso rueiro". O acto contoU coa presenza da viúva do autor, Belén Constenla, que nunha breve intervención, e contendo a emoción, subliñou a "honra" e a "emoción" que supón que o recordo do autor permaneza en Carballo "e máis sabendo que a decisión foi previa a coñecerse a homenaxe do Día das Letras". O acto rematou coa interpretación á gaita do himno galego.

O compromiso "Galeg@ para sempre" fomenta o uso do idioma para podermos ser lembrados en galego

MÉRCORES 30 DE OUTUBRO NO SALÓN DE PLENOS

O compromiso "Galeg@ para sempre" fomenta o uso do idioma para podermos ser lembrados en galego

Luns 28 de outubro do 2013

Este mércores, día 30 de outubro, en vésperas do Día de Defuntos, diversas persoas a nivel individual asinarán a declaración "Galeg@ para sempre", na que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que lles gustaría que se usase para seren lembradas. As persoas que queiran participar e asinar esta declaración deben enviar o seu nome e número de documento de identidade ao enderezo de correo electrónico do Servizo de Normalización Lingüística () ata o martes 29. Ademais, nese acto público, visibilizaranse os compromisos adquiridos en relación con isto por funerarias e pola parroquia xa o ano pasado, e servirá tamén como adhesión simbólica do Concello á declaración da restitución da memoria Lingüística, recentemente aprobada e asinada por todas as organizacións políticas e sindicais galegas. O obxectivo é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua e procurando que persoas que con frecuencia usan, viven, queren e/ou se identifican coa lingua galega, poidan ser lembradas tamén en galego despois do seu pasamento.

O FIOT prepara as súas dúas últimas funcións despois dun dos momentos máis emotivos coa entrega do Xograr de Outono

XA NON HAI ENTRADAS PARA "MARIDOS Y MUJERES" E "EMILIA"

O FIOT prepara as súas dúas últimas funcións despois dun dos momentos máis emotivos coa entrega do Xograr de Outono

Luns 28 de outubro do 2013

O sábado 26 de outubro vivíronse dous dos momentos máis emocionantes do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Pola tarde, coa inauguración por parte da viúva do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, Belén Constenla, da nova rúa que leva o nome do autor. E pola noite, coa entrega do Xograr de Outono 2013 a Xosé Manuel Olveira 'Pico' (Muros, 1955 - Santiago, 13 de xuño de 2013) a título póstumo. O FIOT conxugou no mesmo día a lembranza para o primeiro e o último dos Xograres de Outono. O galardón para 'Pico' foi recollido polo seu fillo, Pablo Olveira, que visiblemente emocionado, nunhas poucas verbas foi quen de agradecer o premio en nome do seu pai e de resaltar que o sábado "tería sido un día moi especial para el, porque el amaba o teatro e o recoñecemento dos seus compañeiros". Recibiu o Xograr da man de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, acompañado no escenario polo presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e por outro Xograr de Outono, Vítor Mosqueira, que foi recoñecido en 2006. Para el foi a tarefa de facer pequena unha lembranza de 'Pico'. Salientou que os xograres anteriores, xurado do premio, "xa estabamos fartos e que estiveses sempre de finalista nas votacións" cando "todos os anos había moitos argumentos a favor da túa candidatura".

Compartir: