Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo mellora a sinalización turística no casco urbano e remata coa colocación dos Códigos QR nos principais puntos de interese

O OBXECTIVO É FACER A VILA MÁIS ALCANZABLE PARA OS VISITANTES

Carballo mellora a sinalización turística no casco urbano e remata coa colocación dos Códigos QR nos principais puntos de interese

Martes 8 de outubro do 2013

O Concello de Carballo vén de instalar nas últimas semanas sinais direccionais para tráfico rodado nos principais cruzamentos e recursos turísticos do municipio. O obxectivo é facilitar e mellorar a accesibilidade aos puntos de interese, especialmente para os visitantes e turistas, pero tamén para os propios veciños e veciñas. As principais localizacións sinaladas son a Ruta das Férvedas, o Dolmen de A Pedra Moura, a Ponte Lubiáns, a praia e lagoa de Baldaio, etc. Tamén se empezou coa instalación de indicadores na capital municipal co fin de mellorar a sinalización dos principais recursos urbanos (Pazo da Cultura, Fórum, Museo de Bergantiños, Mercado, instalacións deportivas, etc.) así como para informar sobre as direccións de saída cara a outros lugares como A Coruña, Santiago, Fisterra ou Ordes. Esta actuación forma parte dunha iniciativa para promocionar o Concello de Carballo a nivel turístico que conta co financiamento da Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e que se engloba dentro da campaña máis ampla "Carballo un paso" que persegue crear unha marca turística a través de numerosas actuacións, entre as que tamén se atopa o emprego das novas tecnoloxías. Así, durante o pasado verán téñense colocado en diferentes puntos de interese os chamados Códigos QR, que ofrecen información detallada de forma instantánea.

A primeira fin de semana do FIOT arrincou con público e gargalladas grazas á XV edición da Rúa dos Contos

CATRO NOVAS ACTUACIÓNS OS DÍAS 10, 11 E 12 DE OUTUBRO

A primeira fin de semana do FIOT arrincou con público e gargalladas grazas á XV edición da Rúa dos Contos

Luns 7 de outubro do 2013

O FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) 2013 comeza a sua andaina con paso firme grazas á Rúa dos Contos, unha cita que xa é case un festival con vida propia dentro da programación e que sempre conta cuns seguidores fieis. Na súa primeira fin de semana os espectáculos con máis poder de convocatoria foron os de Paula Carballeira (xoves 3), Illanes (Venres 4) e Avelino González (sábado 5), aínda que todas as actuacións espertaron o interese do público carballés. E como non podía ser doutro xeito, a proposta máis novidosa desta Rúa dos Contos congregou a arredor de 200 persoas no segundo andar do Mercado Municipal, transformado para a ocasión nun café-teatro. Foi a "Ultranoite" de Grupo Chévere (na imaxe), na que o público puido gozar da música, do humor máis canalla, dunhas cañas e dun ambiente intimista e acolledor creado con mesas e velas. A crítica política e social é o principal fío condutor dun espectáculo no que a única norma é que non hai regras e no que os artistas de Chévere son quen de transformarse en mascotas como Curro, Naranjito ou Pelegrín ou en políticos como Ana Botella ou Mariano Rajoy. A música tampouco faltou en forma de rap, cabaré ou "canción protesta" pero sobre todo, falou a través do pop para crear as sátiras que contentaron a un público que fartou a aplaudir.

Continúa no Fórum a oferta formativa para o sector turístico: aínda está aberto o prazo para participar en Impactic Carballo

ARRINCA O MARTES 8 DE OUTUBRO O CURSO DE CALIDADE TURÍSTICA

Continúa no Fórum a oferta formativa para o sector turístico: aínda está aberto o prazo para participar en Impactic Carballo

Luns 7 de outubro do 2013

O Concello de Carballo continúa coa oferta de formación dirixida ao sector turístico do Concello. O martes 8 de outubro comeza o curso de Aproximación á calidade turística no que se pretende dar as claves para unha xestión en calidade, xa que a súa implantación no sector facilita que mellore a súa viabilidade económica, acade unha maior satisfacción do cliente e contribúa a proporcionar unha imaxe máis atractiva do territorio. Tamén hai que lembrar que xa ten comezado o curso de Impactic Turismo, no que se busca proporcionarlles aos asistentes os coñecementos necesarios para que xestionen e dinamicen os seus espazos sociais co dobre obxectivo de difundir as súas actividades e axudar a promover as empresas. Aínda é posible incorporarse a este curso do que as próximas sesións presenciais están previstas para os días 14 e 28 de outubro. Hai que lembrar que estas iniciativas forman parte da campaña global "Carballo a un paso" que ten como obxectivo estruturar un proxecto turístico arredor do Concello e que inclúe medidas como a creación dun stand de información (na imaxe) a mellora da sinalización, a creación de códigos QR nos principais puntos de interese do municipio ou a creación do web <www.turismocarballo.com>.

Carballo fai público o marco orzamentario para o período 2013-2016 cunha previsión presupostaria para 2014 de 23,2 millóns

A CIFRA PARA INVESTIMENTOS REAIS MEDRARÍA UN 53 POR CENTO

Carballo fai público o marco orzamentario para o período 2013-2016 cunha previsión presupostaria para 2014 de 23,2 millóns

Venres 4 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, veñen de presentar o marco orzamentario do Concello para o período 2013-2016. Trátase dun documento orientativo que recolle as previsións para os próximos tres anos, ademais da execución orzamentaria de 2013. A elaboración deste informe é un requisito esixido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas co que deben cumprir todas as administracións locais e un documento do que xa se dou conta ante todos os grupos da corporación na sesión plenaria ordinaria do mes de setembro. Segundo as previsións, elaboradas polos servizos económicos municipais, o orzamento para 2014 sería de 23.224.289,91 euros nos capítulos de gastos e ingresos e cun desequilibrio non financeiro de 1.006.538 euros. O incremento no capítulo de gastos respecto do ano 2013 plasmaríase nunha taxa de variación positiva do 5,2 por cento, mentres que no de ingresos sería dun 9,59 por cento. O goberno atribúe parte deste cambio á incorporación aos orzamentos das contas do Padroado Deportivo Municipal, que en 2014 deixará de ser un organismo autónomo, así como á incorporación nos investimentos reais do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do abastecemento de auga, que ten un orzamento global de máis de catro millóns de euros dos que unha boa parte se executarán o próximo exercicio. Con esta e outras actuacións previstas para o próximo ano, o capítulo de investimentos reais incrementaríase nun 53 por cento en 2014.

Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia nocturna do teatro a través do campamento infantil "Unha noite de farándula"

DO VENRES 4 AO SÁBADO 5 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia nocturna do teatro a través do campamento infantil "Unha noite de farándula"

Xoves 3 de outubro do 2013

Arredor de trinta nenos e nenas de entre 6 e 12 anos participarán desde o venres 4 de outubro ás 19.00 horas até o sábado 5 ás 11.00 horas no campamento nocturno "Unha noite de farándula" que se desenvolverá no recinto teatral do Pazo da Cultura de Carballo (na imaxe). A acollida desta actividade, enmarcada dentro das accións infantís do FIOT denominadas "Fiotiño", superou as expectativas iniciais xa que incluso houbo que habilitar algunha praza máis das contempladas. Cando as butacas queden baleiras e as luces do escenario se apaguen, o equipo de monitores que acompañará ao grupo durante case 20 horas aproveitará a fascinación da noite para envolver aos nenos e nenas na maxia do teatro. Tras a recepción (19.00 horas), comezarán (19.15 - 20.00 horas) facendo un percorrido pola evolución da historia teatral e mostraráselles aos cativos e cativas os segredos que se agochan tras as bambolinas, á vez que xogan e, sobre todo, se divirten, mentres se introducen nas distintas disciplinas das artes escénicas. Logo (20.00 -2 1.30 horas), os nenos e nenas desenvolverán unha serie de dinámicas e exercicios teatrais que os axudarán a afacerse ao escenario, converténdoo nun espazo de xogo.

Carballo leva a súa campaña turística a Expocidades, a primeira edición da Mostra de Turismo do Eixo Atlántico

EN LUGO ENTRE O XOVES 3 E O DOMINGO 6 DE OUTUBRO

Carballo leva a súa campaña turística a Expocidades, a primeira edición da Mostra de Turismo do Eixo Atlántico

Xoves 3 de outubro do 2013

Carballo participa, xunto con outras 24 cidades de Galicia e do Norte de Portugal na primeira edición de Expocidades, a feira de turismo na que participan as poboacións pertencentes ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, e que se celebra en Lugo, desde o xoves 3 de outubro e até o domingo 6, coincidindo coa gran afluencia de público que acode á cidade das murallas estes días con motivo do San Froilán. O Concello participa coa presentación da campaña de promoción turística que se inaugurou a principios de verán, "Carballo a un paso". Quen se acerque ao stand presente nesta feira poderá coñecer así os recursos turísticos do municipio, consultar os novos folletos turísticos de Carballo (a Guía Xeral, a Guía da Costa e a guía da Ruta das Férvedas) e ter acceso, así mesmo, ao novo web (). Expocidades ten como fin promover o turismo de proximidade entre as cidades que conforman o Eixo Atlántico, unha asociación nacida en 1992 que integra até un total de 34 concellos de Galicia e do Norte de Portugal. A feira estará aberta en horario de doce do mediodía a nove da noite, na zona de aparcamento do Seminario Menor de Lugo, un céntrico edificio da cidade.

Grupo Chévere achega a Carballo "Ultranoite", un cabaré distinto que se converte nunha "revista satírica de actualidade"

A COMPAÑÍA TAMÉN PRESENTA "EUROZONE" NA PROGRAMACIÓN DE SALA

Grupo Chévere achega a Carballo "Ultranoite", un cabaré distinto que se converte nunha "revista satírica de actualidade"

Xoves 3 de outubro do 2013

Grupo Chévere, unha das compañías máis veteranas do teatro galego presenta en Carballo no marco do FIOT dous espectáculos de moi diferente formato pero igualmente atractivos para o espectador. No marco da XV Rúa dos Contos traen "Ultranoite", un cabaré distinto feito en Galicia que, segundo explica un dos seus integrantes, Miguel de Lira, acaba sendo "unha revista satírica de actualidade" na que collen unha ampla variedade de formatos que van dende o teatro, o monólogo, o music-hall, o café teatro, o vodevil, a performance ou incluso produtos audiovisuais para "facer escarnio da realidade", en verdas de De Lira. Outra das características de esta "Ultranoite" que leva máis de 20 anos de traxectoria é que, tamén segundo De Lira, derruba "a cuarta parede" e o público achégase ao feito teatral participando no espectáculo ademais de gozando del. Neste caso, Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, subliña a presenza como patrocinador de Estrella Galicia, precisamente por ese aire máis informal e distendido que permite ao público meterse nun "ambiente cabareteiro" moi peculiar e tomar algo mentres observa o espectáculo. As entradas para "Ultranoite" poden mercarse por 6 € máis gastos de xestión a través das canles habituais do FIOT en ou no 902 504 500.

Paula Carballeira abre a XV Rúa dos Contos, nunha edición que ofrece un total de 14 espectáculos durante dúas fins de semana

ENTRADAS: NOS LOCAIS DE CADA CITA EXCEPTO PARA "ULTRANOITE"

Paula Carballeira abre a XV Rúa dos Contos, nunha edición que ofrece un total de 14 espectáculos durante dúas fins de semana

Mércores 2 de outubro do 2013

A Rúa dos Contos, o programa máis noctámbulo do Festival Internacional Outono de Teatro, cumpre 15 anos cunha intensa proposta de sorprendentes espectáculos e compañías que encherán as noites das dúas primeiras fins de semana de outubro. O obxectivo, achegar o teatro a todos os tipos de público en escenarios pouco habituais, pero que despois de tantos anos son xa unha das citas máis esperadas do FIOT. "É un festival dentro do festival", asegura o presidente da AC Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Como vén sendo habitual, a Rúa dos Contos é a antesala da Programación de Sala e do Ciclo OTNI do FIOT. Esta edición dá un paso máis propoñendo clásicos na narración como Paula Carballeira, Avelino González, José Campanari ou Xosé Touriñán. Contadores emerxentes como María da Pontragha ou Ricardo Barreiro e o máis tradicional da nosa cultura como o duelo dialéctico dos regueifeiros de Xornes (Ponteceso). Tanxarina, unha das compañías de títeres máis importantes de Galicia, trae a Carballo o conto acompañado de monicreques. A variedade da oferta compleméntase con outras opcións que integran a música e a canción, como no espectáculo do polifacético showman Illanes ou o das poetisas Aldaolado; contacontos para nenos con Santi Prego; maxia con Cayetano Lledó ou incluso microcabaret con Nelson Quintero.

Aprobada por unanimidade a solicitude de transferencia de propiedade para poder derrubar o edificio da antiga Cámara Agraria

LUZ VERDE PARA A LICITACIÓN DE ONCE POSTOS DO MERCADO MUNICIPAL

Aprobada por unanimidade a solicitude de transferencia de propiedade para poder derrubar o edificio da antiga Cámara Agraria

Martes 1 de outubro do 2013

O pleno da corporación reunido en sesión ordinaria o luns 30 de setembro aprobou por unanimidade a Solicitude de transferencia da propiedade do edificio da Cámara Agraria, situado na contorna da Milagrosa, en desuso dende hai décadas e nestes momentos pertencente á Xunta de Galicia. En 2008, a Consellería de Medio Rural tentara rehabilitalo, mais finalmente un estudo revelou que o arranxo do inmoble non resultaba rendible, tanto polos custos derivados como pola súa escasa superficie útil. Por tanto, con esta resolución plenaria o Concello solicita á Consellería de Presidencia que se transfira a propiedade do edificio ao Concello para que poida ser derrubado e aproveitar o espazo para gañar praza pública no barrio da Milagrosa. A sesión tamén supuxo luz verde, aínda que non por unanimidade, para o Contrato administrativo especial para as "Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Nestes momentos hai varios espazos libres, polo que está previsto sacar a licitación un total de once postos e cinco almacéns do Mercado. Porén, as condicións varían respecto de licitacións anteriores, xa que, até o de agora, o prazo estipulado era sempre de 20 anos. Desta volta os interesados e interesadas deciden a oferta económica anual e puxan polos anos que queren manter a concesión, que pode ir dende un ata os 20 de máximo.

Carballo acolle a oitava edición de Berocasión cunha exposición de máis de 300 vehículos á venda no Rego da Balsa

SÁBADO 31 DE AGOSTO E DOMINGO 1 DE SETEMBRO

Carballo acolle a oitava edición de Berocasión cunha exposición de máis de 300 vehículos á venda no Rego da Balsa

Luns 30 de setembro do 2013

O núcleo urbano de Carballo acolle o sábado 31 de agosto e domingo 1 de setembro a oitava edición de Berocasión, que abre as súas portas o sábado a partir das 10.00 horas coa visita de Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A feira do vehículo de ocasión, que dispón dunha exposición de máis de 300 vehículos, ten como participantes nesta nova edición a Automóviles Dimolk, Automóviles Caeiro, Gonzacar, Breogán Motor, Automóviles Vilas Rama, Motor Carballo e Talleres J. Lema. O lugar elixido para a celebración da feira é un ano máis a zona do Parque Rego da Balsa (rúas Anxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos), e o horario de apertura previsto é de 10.00 a 22.00 horas. Os visitantes atoparan gran variedade de vehículos de ocasión, seminovos e kilómetro cero, e os participantes ofertarán promocións especiais para os compradores ao longo de toda a fin de semana. Esta cita supera cada ano as expectativas en canto a número de visitantes e vendas realizadas. Para facilitar a instalación e o funcionamento da feira, o Concello de Carballo cortará o acceso e reservará o aparcamento das rúas colindantes ao Parque do Rego da Balsa dende o venres 30.

Agotados o Minibono B e as entradas para as funcións de Juan Diego Botto e Malena Alterio da XXII edición do FIOT

TICKETS E MINIBONO A Á VENDA EN SERVINOVA.COM E NO 902 504 500

Agotados o Minibono B e as entradas para as funcións de Juan Diego Botto e Malena Alterio da XXII edición do FIOT

Luns 30 de setembro do 2013

A organización do FIOT 2013 informa de que están agotados tanto o Minibono B -para as obras dos días 25 ("Distancia siete minutos" - Titzina Teatre), 26 ("Criaturas" - Teatro do Aquí), 27 ("Las cosas también tienen mamá" - La Mona Ilustre), 29 ("Maridos y Mujeres" - Teatro de la Abadía) e 31 de outubro ("Emilia" - Prod. Teatrales Contemporáneas)- como as entradas soltas para os espectáculos "Un trozo invisible de este mundo" de Producciones Cristina Rota e Teatro Español, con Juan Diego Botto (domingo 20 de outubro) que deixaron de estar dispoñibles media hora despois de poñerse á venda hoxe, luns 30 de setembro; e para "Emilia", de Produccións Teatrales Contemporáneas, con Malena Alterio (xoves 31 de outubro, última función do FIOT 2013). Ás 15.00 horas do luns 30 de setembro quedan moi poucas entradas para "Eurozone" do Grupo Chévere (tan só 2 localidades), "Siglo de Oro, Siglo de Ahora (Folía)" de Ron Lalá (13 entradas) e para "Maridos y Mujeres" de Teatro de la Abadía (18 entradas). Telón e Aparte cualifica este ritmo de venda de "éxito rotundo" xa que tan só cinco horas despois de que os tickets estiveran dispoñibles na plataforma de Servinova as entradas están a punto de agotarse para a maioría das funcións de sala. Ademais, tan só quedan 14 Minibonos A dispoñibles.

Vendidos en pouco máis dunha hora todos os bonos para os espectáculos de sala da 22 edición do FIOT

A PARTIR DO LUNS 30: MINIBONOS E ENTRADAS SOLTAS

Vendidos en pouco máis dunha hora todos os bonos para os espectáculos de sala da 22 edición do FIOT

Sábado 28 de setembro do 2013

Hoxe sábado 28 de setembro ás 10.16 horas rematou a venda dos 175 bonos da 22ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) o que supón que máis do 50 por cento do aforo do Pazo da Cultura de Carballo, que conta con 338 localidades, estará ocupado durante a Programación de Sala. A venda de bonos para o público en xeral comezou hoxe ás 9.00 horas a través do sistema de televenda de Servinova mentres que para os socios, estivo aberta os pasados xoves 26 e venres 27. En cifras globais, a adquisición dos bonos en pouco máis de dous días, por teléfono ou web, suporía a venta directa de 1.575 entradas para as nove funcións centrais do Festival. O prezo dos bonos para o público en xeral foi de 62 € e 55 € o reducido (estudantes, parados e maiores de 65 anos) considerándose esta unha cantidade moi axustada en relación á calidade e ao interese das funcións. A boa acollida dos abonamentos é unha proba máis de que os espectadores respaldan co seu interese e ilusión o FIOT que, tal e como sinalou o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o día da presentación, neste 2013 se consolida como un dos mellores festivais de teatro do noroeste peninsular e un referente nas artes escénicas pola magnitude e calidade das propostas presentadas.

Compartir: