Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
As rúas Montevideo, Río Sil, Luís Seoane, Río Ulla e Lirios pasarán a ser de sentido único a partir do sábado 7 de setembro

CONVOCATORIA DA COMISIÓN ESPECIAL DE SEGURIDADE

As rúas Montevideo, Río Sil, Luís Seoane, Río Ulla e Lirios pasarán a ser de sentido único a partir do sábado 7 de setembro

Venres 6 de setembro do 2013

A Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira informa de que, de acordo coa política de mellorar a seguridade viaria no ámbito urbano do Concello de Carballo, o sábado 7 de setembro procederase a habilitar de sentido único un total de cinco rúas da capital municipal. Trátase da rúa Montevideo (na imaxe), sentido Alfredo Brañas e Emilia Pardo Bazán; da rúa Río Sil, sentido Río Anllóns e Río Deza; da rúa Luís Seoane, á que só se poderá acceder dende a rúa Doutor Fleming e na que xa está colocado o sinal de dirección prohibida na esquina coa rúa Rosalía de Castro; da rúa Río Ulla, en sentido Río Mahón; e da Rúa Lirios, sentido Salgueiros. Trátase, segundo explica a Concellaría de Tráfico, de rúas demasiado estreitas, pouco aptas para a circulación en dobre sentido e que impiden un tránsito seguro tanto para persoas a pé como en automóbiles, e nas que se teñen rexistrado numerosas incidencias por estes motivos. En todo caso, a Policía Local seguirá avanzando no futuro informes e propostas que abonden en solucións satisfactorias tanto para o tránsito rodado como para a humanización dos espazos urbanos, non descartándose medidas similares, así como a reordenación da sinalización en outras vías da capital municipal.

Homenaxe na Alcaldía do Concello con motivo da xubilación de Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local

DESEMPEÑOU O CARGO DURANTE MÁIS DE 38 ANOS

Homenaxe na Alcaldía do Concello con motivo da xubilación de Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local

Venres 6 de setembro do 2013

A Alcaldía de Carballo vén de acoller un acto de homenaxe por parte tanto dos traballadores municipais como dos membros da corporación en agradecemento ao traballo realizado até o de agora, momento da súa xubilación, por Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local. Retírase despois de máis de 38 anos "de dedicación á seguridade pública", tal e como consta na escultura de Sargadelos con forma de carballo que recibiu de parte do Concello e de mans do Alcalde, Evencio Ferrero. Tamén por parte da administración local recibiu un pin conmemorativo, mentres que de parte dos traballadores, representados por José Facal, presidente da Xunta de Persoal do Concello, recolleu un reloxo así como un xogo de copas e escanciador de viño. Estiveron presentes no acto, ademais do propio homenaxeado, Ferrero e Facal, a maioría dos concelleiros de Carballo que no seu momento asumiron as funcións de velar pola seguridade e o tráfico, como Ricardo Vilas, José Manuel Vázquez Gómez, Basilio Fraga, Carlos Puga, Ramón Eirís, Benedito Viña ou o concelleiro actual, Xosé Regueira.

Os novos socios de Telón e Aparte contarán, por 20 euros, con descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT

CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE ALTAS: DO 9 AO 16 DE SETEMBRO

Os novos socios de Telón e Aparte contarán, por 20 euros, con descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT

Venres 6 de setembro do 2013

A Asociación Cultural Telón e Aparte, encargada da organización cada mes de outubro do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), emprende a partir do 9 de setembro unha campaña de captación de socios para a entidade. O obxectivo é o de ofrecer novas alternativas para paliar na medida do posible os problemas derivados do aforo limitado das funcións do festival, segundo explica o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e de seguir atendendo as necesidades dos "fioteiros", os seguidores máis fieis desta cita anual co teatro. Dende o luns 9 e até o luns 16 de setembro, quen o desexe debe cubrir un impreso de solicitude de alta de socio, que xa está dispoñible no web do FIOT , e entregalo nas oficinas da Concellaría de Cultura situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura. A cota é de 20 euros e a condición de asociado será por período dun ano (de setembro a agosto). Os socios terán dereito á compra anticipada do bono do FIOT nun prazo exclusivo e previo á venda para o público en xeral, así como a un desconto do 20 por cento na adquisición do mesmo. Ademais, os primeiros 50 asociados terán dereito a adquirir un segundo bono, tamén en prazo anticipado. O número máximo de socios admitidos corresponderase co número máximo de bonos que se poñen á venda cada festival, un total de 175.

Continúa o traballo de revisión de alegacións ao PXOM da comisión de urbanismo nas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns

NOVA XUNTANZA O VENRES 6 DE SETEMBRO

Continúa o traballo de revisión de alegacións ao PXOM da comisión de urbanismo nas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns

Mércores 4 de setembro do 2013

A Comisión de Urbanismo mantivo o martes 3 de setembro unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Despois de que se estudaran todas as alegacións correspondentes aos rangos 1 - parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- en todas as parroquias excepto Razo (área que se estudará máis adiante debido á complexidade e á elevada cantidade de reclamacións), desta volta revisáronse as alegacións de rango 2 -de parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -de parcelas incluídas en actuacións integrais- correspondentes coas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns. Continúase así co proceso para os rangos 2 e 3 que se realiza por orde alfabética e que xa está rematado nas parroquias de Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo e Bértoa, nun proceso destinado a concluír coa resolución das alegacións encadradas no medio rural o antes posible. Os técnicos e representantes dos catro grupos políticos da corporación manterán unha nova reunión o venres 6 de setembro a partir das 10.00 horas, xa que o obxectivo é manter a partir de agora dúas xuntanzas á semana para axilizar o proceso. O venres reanudarase a revisión na parroquia de Lema e seguintes.

Luz verde no pleno á adxudicación do servizo de limpeza dos colexios públicos ao Centro Especial de Emprego de Aspaber

SOBRE DA MESA A PROPOSTA DA ORDENANZA REGULADORA DE PRAIAS

Luz verde no pleno á adxudicación do servizo de limpeza dos colexios públicos ao Centro Especial de Emprego de Aspaber

Martes 3 de setembro do 2013

A corporación municipal carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou por unanimidade a adxudicación do contrato administrativo de servizo de "Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo". O Centro Especial de Emprego de Aspaber, entidade gañadora do concurso, será o encargado de asumir estas tarefas por un prazo de catro anos prorrogables outros dous e por un prezo anual de 63.508,23 euros. A adxudicataria asume, así mesmo, mil horas de limpeza extraordinaria sen custo adicional. Este contrato afecta aos CEIP Bergantiños, Fogar, Razo, a varias escolas unitarias e á sede do CRA (Colexio Rural Agrupado) e supón a concentración nunha única empresa dun servizo que antes realizaban varias, o que supón un aforro aproximado de 10.000 euros para as arcas municipais. Nunha sesión que non chegou á hora de duración, tamén saíu adiante por unanimidade a modificación do Contrato administrativo de xestión do servizo público de abastecemento e saneamento do Concello de Carballo mediante a incorporación de novas instalacións. A través do acordo, a empresa Aquagest, concesionaria do servizo, asumirá a xestión doutras 44 instalacións da rede carballesa ata o final da concesión, o 31 de decembro do próximo ano.

A programación do Verán Cultural 2013 pecha coa celebración do Festival de Música e Baile Tradicional

VENRES 30 DE AGOSTO A PARTIR DAS 22.00 HORAS

A programación do Verán Cultural 2013 pecha coa celebración do Festival de Música e Baile Tradicional

Mércores 28 de agosto do 2013

A programación do Verán Cultural 2013 chega a súa recta final esta fin de semana cunha das actividades máis arraigada no tempo e encamiñada a todos os públicos que gusten da música e do baile tradicional galego, o Festival de Música e Baile Tradicional. Esta cita é un espectáculo convertido xa nun referente na programación do verán e leva moitos anos sendo unha proposta que adoita pechar o ciclo de actos que se organizan no Verán Cultural desde a Concellaría de Cultura. Un ano máis, a Banda Muncipal de Gaitas e dúas das agrupacións carballesas de máis prestixo e experiencia encargaranse de traer o mellor do noso folclore amosándonos os bailes a música e o vestiario do noso patrimonio etnográfico. Así pois, o venres 30 de agosto péchase o telón do Verán Cultural 2013 coa Banda Municipal de Gaitas e cos grupos de música e baile tradicional das Asociacións Cultural e Xuvenil de Arume de Berdillo e da Asociación Cultural Nemeth de Carballo. O acto está previsto para as 22.00 horas na Praza do Concello. No mesmo escenario e a partir das 20.00 horas, a compañía Glup Glup Teatro presenta "Catalina Lino Lina", unha cita prevista para xullo que se suspendera por mor do accidente de tren de Santiago, e que agora se recupera para o público infantil.

Bos niveis de venda e alta participación na Praza dos Libros de Carballo cuns ingresos aproximados de 15.000 euros

MÁIS DE 1.500 PERSOAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES

Bos niveis de venda e alta participación na Praza dos Libros de Carballo cuns ingresos aproximados de 15.000 euros

Luns 26 de agosto do 2013

O Concello de Carballo fai unha valoración positiva da Praza dos Libros 2013, que tivo lugar entre o xoves 22 e o domingo 25 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, na que houbo unha moi alta participación de público e visitantes, e na que practicamente se mantiveron as vendas rexistradas en edicións anteriores. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e máis 1.500 participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura, actividades de animación, contacontos, concertos, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos aproximados por adquisición de libros de 15.000 euros. Esta cifra é similar ás das edicións de 2009, 2010 e 2012, e algo inferior á de 2011, cando se chegou aos 17.000 euros. Tamén hai que subliñar que durante a Praza dos Libros vendéronse uns 1.500 exemplares, o 60 por cento en galego e o 40 por cento en castelán. Por terceiro ano consecutivo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán. Os máis vendidos na lingua propia foron "Viaxe polo corazón de Bergantiños", de Xosé Pumar Gándara; "As voces baixas", de Manuel Rivas; o libro-disco "Rosalía Pequeniña", de Uxía; e "Aquel neno", de Xosé Neira Vilas.

Urbaser-UTE inviste máis de 1,5 millóns de euros no incremento de vehículos para a recollida de lixo e aumenta o número de colectores

A PLANTILLA AMPLIOUSE EN CATRO TRABALLADORES

Urbaser-UTE inviste máis de 1,5 millóns de euros no incremento de vehículos para a recollida de lixo e aumenta o número de colectores

Venres 23 de agosto do 2013

Urbaser-UTE, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo, vén de presentar na Praza do Concello os novos medios técnicos asignados á concesión, despois de ter incrementado a plantilla do servizo en catro traballadores. Durante os primeiros meses de traballo, a nova empresa estivo prestando o servizo con medios propios provisionais, mentres se fabricaban os novos. Así, a partir de agora pásase de dous camións recolectores a catro, dos cales un conta coa peculiaridade de ser o primeiro "bicompartimentado" de Galicia, esto quere dicir que este camión poderá recoller nunha mesma viaxe dúas fraccións de lixo sen mezclalas, por exemplo papel e envases lixeiros ou envases lixeiros e materia orgánica. Este novidoso sistema será usado sobre todo para as rutas fora do casco urbano, coa intención de mellorar a eficiencia da recollida e poder recoller os colectores verdes e os de envases lixeiros que se rematarán de colocar nos vindeiros meses. Ademais, dun camión lixeiro para a recollida de cartón pasouse a recoller o cartón con camións compactadores e a incorporar un camión grúa para a recollida do vidro, os voluminosos do Punto Limpo e do Punto Limpo Móbil, así como para recoller os colectores de cartón. Incorpórase tamén un furgón multiusos e unha furgoneta para uso da canceira municipal.

O mellor da literatura e da música do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo

CONCERTOS, ACTUACIÓNS E PRESENTACIÓNS NO XARDÍN MUNICIPAL

O mellor da literatura e da música do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo

Mércores 14 de agosto do 2013

O Concello de Carballo organiza un ano máis a Praza dos Libros, a festa das letras que ten lugar na capital bergantiñá do xoves 22 ao domingo 25 de agosto, unha feira que procura achegarlle á cidadanía a creatividade cultural galega a pé de rúa. Así, literatura, actividades lúdicas, concertos, presentacións, actuacións, música, lingua, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. A Praza dos Libros deste ano conta con dous dos autores de maior proxección e recoñecemento da literatura galega, e con dúas das cantantes máis internacionais e de maior proxección da música galega. Trátase de Manolo Rivas e Neira Vilas, e de Mercedes Peón e Uxía. O mellor das letras e o mellor da música tamén coa cantante galega-palestina Najla Shami, con María Canosa, Beatriz Fraga, Xosé Pumar, etc. Ademais, na Praza dos Libros terán presenza sete librarías que traerán a creatividade galega: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e A Tenda dos Libros (de Ponteceso). O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes.

O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase finalmente o sábado 31 de agosto mantendo o mesmo cartel

CONTARÁ COS MESMOS GRUPOS E ACTIVIDADES

O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase finalmente o sábado 31 de agosto mantendo o mesmo cartel

Venres 9 de agosto do 2013

Despois de que o VIII Festival Sereas e Piratas fora aprazado a causa do desgraciado accidente de tren ocorrido o 24 de xullo en Angrois (Santiago de Compostela) finalmente a organización, formada pola Asociación Cultural Rebeldía, vén de confirmar a nova data de celebración: o sábado 31 de agosto. As entradas seguen tendo validez, pero aqueles que non poidan achegarse ese día, poden devolvela no mesmo punto de venda onde a adquiriron. Así mesmo, é posible seguir mercado os tickets por 5 € en venda anticipada e por 8 € no festival o 31 de agosto. A programación permanece con todas as citas previstas, e, como en anos anteriores, divídese en "festival de día", gratuíto e centrado na música, o deporte, un mercadillo e unha terraza con sesión vermú; e no "festival de noite", con actuacións a partir das 21.30 horas con acceso a través de entrada e que desta volta conta con Chucho como cabeza de cartel, un grupo que volve aos escenarios despois de oito anos e que ofrece en Razo o seu único concerto en Galicia. Pero antes de Chucho o escenario contará cos carballeses Holycrab; co grupo feminino vigués Wild Balbina; e co xa consagrado grupo carballés Franc3s, banda moi próxima ao festival, xa que é a súa terceira vez. Despois de Chucho, a música electrónica dos pontevedreses Músculo! animará o festival que pecha con Lagartija DJ.

Cayetano Lledó presenta no Verán Cultural o seu "Very very Big International Magic Show"

VENRES 9 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Cayetano Lledó presenta no Verán Cultural o seu "Very very Big International Magic Show"

Mércores 7 de agosto do 2013

Todos os anos chega a Carballo durante o Verán Cultural un mago para enfeitizar ao público coas súas artes. Este ano o encargado é o ilusionista Cayetano Lledó co espectáculo "Very very Big International Magic Show". Minutos antes de saír a escena, o presentador deste espectáculo descobre aterrorizado que todos os artistas dimitiron debido á crise e aos non pagamentos. Só ante o perigo e para salvar o show, este mago disfrazarase dos diferentes personaxes e artistas que formaban o "maior espectáculo internacional de maxia". Pero, como adoita acontecer nestes casos, as complicacións non rematan aquí. O novo espectáculo do ilusionista e mago galego Cayetano Lledó -especialista en mentalismo e hipnose- combina o encanto e a seducción da maxia co ilusionismo teatral, a comedia e o humor. Música, danza, mentalismo, aparicións e desaparicións de obxectos, transformacións ou malabarismos complementan este show pensado para público de todas as idades e no que, como non podía ser doutro xeito, os espectadores tamén teñen a súa cota de protagonismo. A cita está prevista para o venres 9 de agosto ás 22.30 horas na Praza do Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Máis info sobre o Verán Cultural 2013, aquí.

Senda Nova organiza unhas Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación para axudar a desenvolverse ao aire libre

DENTRO DO PROGRAMA VERÁN AO NATURAL 2013

Senda Nova organiza unhas Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación para axudar a desenvolverse ao aire libre

Martes 6 de agosto do 2013

A Asociación Ambiental Senda Nova, dentro do seu programa Verán ao Natural 2013 -co que colabora o Concello de Carballo-, organiza as II Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación, un curso no que as persoas asistentes recibirán nocións básicas de como desenvolverse cun mapa cartográfico, así como orientarse ao aire libre. A cita ten lugar entre o mércores 7 e o sábado 10 de agosto, con sesións polas tardes no Pazo da Cultura de mércores a venres e cunha saída práctica o sábado pola mañá. Os interesados en obter máis información poden facelo no número de teléfono 696 155 232 ou no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com>. O prezo é de 5 €, aínda que a actividade é gratuíta para socios e menores. Estas xornadas constitúen só unha das citas que Senda Nova prepara ao longo do verán, xa, ademais dunha ruta nocturna que tivo lugar a mediados de xullo en Zas, en agosto e setembro está previsto celebrar a Actividade do Socio/a e A Berra, as dúas cunha viaxe a Asturias. Nestes momentos o web de Senda Nova está sendo reformada e non está dispoñible, pero é posible obter máis información no blog da entidade <sendanova.wordpress.com>.

Compartir: