Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno inclúe a incorporación dun millón de euros do remanente para emprender melloras viarias en rúas e estradas do municipio

CONVENIO PARA A CESIÓN Á XUNTA DE ESPAZOS NO FÓRUM

O pleno inclúe a incorporación dun millón de euros do remanente para emprender melloras viarias en rúas e estradas do municipio

Venres 26 de xullo do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo que se celebra o luns 29 a partir das 20.30 horas inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación dun expediente de suplemento de crédito para incorporar un millón de euros do remanente de tesourería e destinalo a investimento en obras de mellora en estradas e rúas do municipio. Así, o Concello conta un remanente de máis de cinco millóns de euros, dos que, descontando o crédito con entidades financieiras, restan 1,7 millóns de euros. Desa cantidade, para respectar os criterios de investimento sostible e límite de gasto que establece a normativa, o Concello propón a incorporación de aproximadamente un millón de euros do remanente cos que se mellorará a capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; realizarase o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; ou emprenderase a mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo de máis de mil metros cadrados de superficie. Así mesmo, realizaranse actuacións de mellora da seguridade viaria, de substitución da caldeira do Concello e de acondicionamento da rúa Valle Inclán.

A Comisión de Urbanismo termina de revisar as alegacións de rangos 1 e 4 do medio rural en todas as parroquias excepto Razo

PRÓXIMA XUNTANZA O MARTES 30 DE XULLO

A Comisión de Urbanismo termina de revisar as alegacións de rangos 1 e 4 do medio rural en todas as parroquias excepto Razo

Martes 23 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, martes 23 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, os técnicos e representantes dos grupos políticos da corporación remataron co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo de valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 - parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. Tan só quedan por aclarar algunhas dúbidas e situacións relativas a dous ou tres núcleos e revisar a parroquia de Razo, xa que é a que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e tamén a de maior complexidade nas reclamacións. Así, está previsto dedicarlle unha xuntanza en exclusiva. A Comisión de Urbanismo manterá unha nova reunión o martes 30 de xullo na que se abordarán os casos relativos ás alegacións clasificadas polo equipo redactor como de rango 2 -parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -parcelas incluídas en actuacións integrais-, así como as relativas a casos de ampliacións e aliñacións, segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes. O obxectivo é comezar a pechar pouco a pouco a resolución definitiva das alegacións para avanzar no proceso.

Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas e Piratas que transforma Razo coa música e o deporte

SÁBADO 27 DE XULLO

Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas e Piratas que transforma Razo coa música e o deporte

Venres 19 de xullo do 2013

O Festival Sereas e Piratas cumpre oito anos na praia de Razo sendo "un dos pequenos grandes festivais de Galicia", segundo José Antonio Deus, da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita, e "mantendo a súa identidade propia", que é a de "servir de plataforma para grupos galegos e de Carballo", buscando bandas "emerxentes" que, en moitas ocasións, despois de visitaren o Sereas e Piratas, téñense convertido en referentes como é o caso de Triángulo de amor bizarro ou Delorean. Como en anos anteriores, a VIII edición, prevista para o sábado 27 de xullo, divídese en "festival de día", gratuíto e centrado na música, o deporte, un mercadillo e unha terraza con sesión vermú; e no "festival de noite", con actuacións a partir das 21.30 horas con acceso a través de entrada e que desta volta conta con Chucho como cabeza de cartel, un grupo que volve aos escenarios despois de oito anos e que ofrece en Razo o seu único concerto en Galicia. Pero antes de Chucho o escenario contará cos carballeses Holycrab; co grupo feminino vigués Wild Balbina; e co xa consagrado grupo carballés Franc3s, banda moi próxima ao festival, xa que é a súa terceira vez. Despois de Chucho, a música electrónica dos pontevedreses Músculo! animará o festival que pecha con Lagartija DJ. As entradas custan 5 € en venda anticipada e 8 € no festival o día da cita.

A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con 655 altas e ten ofertado 32 postos de traballo dende a súa posta en marcha

A BAIXA FORMACIÓN ACADÉMICA: PRINCIPAL EIVA DOS DEMANDANTES

A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con 655 altas e ten ofertado 32 postos de traballo dende a súa posta en marcha

Venres 19 de xullo do 2013

Un total de 812 persoas teñen demandado a súa inclusión na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo dende a súa posta en marcha, hai oito meses. Desta cantitade, un total de 655 persoas xa están inscritas e dadas de alta, ademais de que neste intervalo xa se teñen realizado 120 modificacións nos currículum vitae. Respecto do número de empresas que teñen solicitado este servizo para cubrir un posto de traballo, son 17, con 9 de Carballo pero con outras de Cerceda, A Coruña, Ames, A Laracha ou Ponteceso. En canto ao número de postos de traballo ofertados dende a Bolsa dende a súa creación en novembro de 2012 ata o 16 de xullo de 2013, son un total de 32, con 11 ofertas tramitadas e cubertas con traballadores da Bolsa Municipal. Tamén hai que sinalar que nestes momentos hai 10 postos pendentes de cubrir por estar aínda aberto o proceso de selección. Os perfís profesionais máis demandados nas ofertas que están abertas son: axente comercial ou vendedor técnico, cociñeira, operadora de máquina de brazo inglés e profesor de carretillas. Tamén hai que resaltar que o Concello ten posto en marcha dous cursos de formación destinados aos demandantes inscritos na Bolsa de Traballo durante o mes de xullo dirixidos á mellora da empregabilidade do alumnado en novas tecnoloxías da información e comunicación.

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística pechou falando sobre democracia participativa no cambio social

ARREDOR DE 40 PERSOAS PARTICIPARON NA INICIATIVA DA UDC

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística pechou falando sobre democracia participativa no cambio social

Venres 19 de xullo do 2013

O IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: participación, implicación e traballo colaborativo" pechou as súas portas o venres 19 de xullo despois de tres días intensos nos que Carballo foi punto de referencia de lingüistas e técnicas e técnicos de normalización de moi diversos puntos de Galicia. Da conferencia de clausura encargouse a catalá Marta Martorell -acompañada polo catedrático de Filoloxía Galega e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Ramón Freixeiro Mato-, que falou sobre a democracia implicativa para os procesos de cambio social. Marta Martorell é licenciada en Ciencias Políticas e experta en comunicación e estratexia política. En 2001 formou a consultora Civis, especializada en xestión pública, participación cidadá e comunicación electoral. Desde entón elaborou proxectos diversos de inclusión social, democracia participativa e traballo comunitario. Apoiándose nas experiencias dalgúns destes proxectos, Martorell subliñou varias claves sobre este proceso.

Catro nenos e nenas saharauís pasan o verán en Carballo grazas ao programa "Vacacións en paz" e aos Servizos Sociais

RECEPCIÓN NA ALCALDÍA DO CONCELLO

Catro nenos e nenas saharauís pasan o verán en Carballo grazas ao programa "Vacacións en paz" e aos Servizos Sociais

Xoves 18 de xullo do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, recibiu na Casa do Concello a un grupo de catro nenos e nenas saharauís e ás súas familias de acollida no municipio. Os rapaces e rapazas están pasando os meses de xullo e agosto con veciños e veciñas carballeses a través do programa "Vacacións en paz". A iniciativa desenvólvese a través dun convenio entre a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e o Concello de Carballo, que desde hai anos mantén un acordo coa entidade polo que se subvenciona a contía dos billetes de avión para estes nenos e nenas. Así, a administración local selecciona as casas de acollida entre quen o solicite a través do departamento de Servizos Sociais e abona o billete de ida e volta a Santiago de Compostela, así como o traslado dende o aeroporto e o seguro de responsabilidade civil, colectivo e de repatriación de tres dos cativos e cativas. O convenio establece que de haber máis beneficiarios -como neste caso, con un máis- é a ONG quen asume os seus gastos. As crianzas proceden todas elas de campamentos de refuxiados saharauís situados en Alxeria (a maioría de Tindouf) e son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975.

A Comisión de Urbanismo abordou a repercusión da nova Lei de Protección do litoral no documento para aprobación inicial do PXOM

AVANZOUSE NA REVISIÓN DE ALEGACIÓNS ATA REBORDELOS

A Comisión de Urbanismo abordou a repercusión da nova Lei de Protección do litoral no documento para aprobación inicial do PXOM

Xoves 18 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, xoves 18 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, abordáronse as posibles repercusións que terá no novo planeamento a aprobación da Lei 2/2013, do 29 de maio, de Protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988 de Costas, do 28 de xullo. Así, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes e o Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, xa mantiveron unha xuntanza co Xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, para abordar o asunto. En principio, o único núcleo rural delimitado no novo PXOM de Carballo que está afectado pola servidume dos 100 metros de costa sería o do Pinar, en Baldaio (parroquia de Lema). Segundo unha disposición transitoria da Lei 2/2013 sería posible -unha vez que a lei entre en vigor- que a servidume desa zona se reduza de 100 a 20 metros, sempre que se cumpriran certos requisitos de servizos e/ou consolidación. Esta medida podería afectar a varias edificacións e parcelas do Pinar, mais a normativa non deixa completamente claras as repercusións para o núcleo, polo que o Concello vai seguir a recomendación da Demarcación de Costas e realizará unha consulta formal ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para solucionar as dúbidas.

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística arrinca coa arela de avanzar na normalización coa implicación da cidadanía

ATÉ O VENRES 19 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística arrinca coa arela de avanzar na normalización coa implicación da cidadanía

Mércores 17 de xullo do 2013

"A normalización lingüística é un proceso social e para que avance debe ser protagonizado pola cidadanía". Así resumiu Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) o obxectivo principal do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: participación, implicación e traballo colaborativo" na inauguración desta iniciativa, na que tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o catedrático de Filoloxía Galega e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Ramón Freixeiro Mato. Este último expresou a súa satisfacción por que a UDC, organizadora do curso coa CTNL, o Concello carballés e a Xunta, chegue a ver a novena edición desta proposta, especialmente nun momento en que é moi necesario "dinamizar o uso da lingua galega na sociedade" xa que o idioma "está a perder falantes e a sufrir medidas desprotectoras". Valentín García, pola súa banda, gabou o feito de que o curso aborde "un aspecto fundamental á hora de socializar a lingua galega", como é a implicación, e que o faga "estudando o que se está facendo noutros ámbitos como o cooperativismo e a loita pola igualdade" co obxectivo final de "acadar un cambio social".

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da UDC procura unha maior implicación social na normalización

DO MÉRCORES 17 AO VENRES 19 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da UDC procura unha maior implicación social na normalización

Martes 16 de xullo do 2013

Como acadar a implicación en procesos e proxectos sociais? Ese é un dos principais obxectivos do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: participación, implicación e traballo colaborativo". Un curso pensado para responsables ou persoas implicadas en asociacións diversas, servizos e equipos de normalización, entidades varias, colectivos sociais, culturais, xuvenís, etc., e persoas interesadas en xeral que poden aplicar as dinámicas de participación e implicación a diversos ámbitos alén do sociolingüístico. De "as portas están abertas" a "este proxecto é teu"; a importancia da democracia implicativa; experiencias de implicación desde a base ou desde entidades; a participación na dinamización en Euskal Herria; as potencialidades do xogo serio para a implicación en proxectos; a comunicación implicativa; etc. Estes son algúns dos temas nos que as arredor de corenta persoas participantes no curso traballarán no Fórum Carballo nesta iniciativa que a Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a Xunta e o Concello de Carballo, organiza do mércores 17 ao venres 19 de xullo.

Aprobado un convenio coa Deputación para financiar un Plan de Acción de Promoción Económica para o Concello

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado un convenio coa Deputación para financiar un Plan de Acción de Promoción Económica para o Concello

Luns 15 de xullo do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar un Convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo para financiar o proxecto "Plan de Acción de Promoción Económica", unha iniciativa que inclúe accións formativas para empresarios e emprendedores, un proxecto de emprendemento infantil, a creación dunha plataforma online e para smartphones e proporcionar asistencia e asesoramento para emprendedores e empresarios. O orzamento total da actividade é de 87.500 euros dos que está previsto que a Deputación provincial achegue un máximo de 70.000. O convenio ten vixencia até o 30 de novembro de 2013, aínda que é posible prórroga. Entre os conceptos que abrangue o convenio hai que subliñar a creación dun plan de módulos de formación multidisciplinar en cinco bloques ou o desenvolvemento de actividades de estímulo para a infancia. No apartado de promoción económica, hai que mencionar que a Xunta de Goberno Local atendeu dúas solicitudes incluídas no programa Carballo Activa, unha liña de apoio directo ás empresas como medida para reducir os índices de desemprego locais e comarcais favorecendo a inserción do alumnado do Centro Municipal de Formación. Neste caso son dúas empresas locais as que contratan a dous alumnos e reciben axudas por un importe de 300,51 euros para un contrato dun mínimo de tres meses.

O Fórum acolle actividades formativas para desempregados relacionadas coa hostalería, a informática ou a soldadura

O ALCALDE E O CONCELLEIRO DE EMPREGO VISITARON AS INSTALACIÓNS

O Fórum acolle actividades formativas para desempregados relacionadas coa hostalería, a informática ou a soldadura

Venres 12 de xullo do 2013

O Fórum Carballo acolle estes días varias accións formativas destinadas a desempregados e enmarcadas en diferentes programas e iniciativas co obxecto de combater o paro e proporcionar ferramentas que axuden aos veciños e veciñas a atopar postos de traballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, visitaron as instalacións e coñeceron de primeira man estes cursos, entre os que se atopan dous cursos do plan AFD (Accións Formativas para Desempregados), un de Cociña de 828 horas de duración (na imaxe) e outro de Soldadura con eléctrodo revestido e TIG de 758 horas; actividades formativas do proxecto Rede Xiana2 como son obradoiros sobre informática ou accións específicas como manexo de maquinaria industrial; e un curso programado polo Concello destinado a proporcionar ferramentas en Internet para atopar traballo a través de portais de emprego, das redes sociais, etc. Dentro do plan AFD tamén está previsto que a primeiros de agosto comece un terceiro curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas de duración.

Mamá Cabra volve a Carballo para presentar na Praza do Concello o seu novo traballo "Bicos de Música"

VENRES 12 DE XULLO ÁS 22.00 HORAS

Mamá Cabra volve a Carballo para presentar na Praza do Concello o seu novo traballo "Bicos de Música"

Xoves 11 de xullo do 2013

O Verán Cultural 2013 continúa esta fin de semana cun espectáculo para toda a familia do grupo Mamá Cabra, que xa ten visitado Carballo en varias ocasións e que desta volta presentan o seu novo traballo "Bicos de Música", pensado para bailar, cantar, viaxar, escoitar poesía e, sobre todo, pasalo moi moi ben. A partir dunha historia cómica, na que cada músico interpreta a un personaxe diferente, elaboran un exercicio de música, bailes e humor para que todos gocemos dun concerto único, sempre alegre e participativo, no que se mesturan poesía, pezas do folclore tradicional e temas propios. A cita é na Praza do Concello a partir das 22.00 horas. A entrada é gratuíta. "Bicos de música" tamén é un libro-CD para bailar, para choutar, para cantar, para aprender a cruzar, para viaxar, para chuchar mel e vivir mil aventuras. Mamá Cabra é un grupo de música infantil composto por Pablo Dalama (frautas, gaita, saxofón), Paco Cerdeira (guitarra eléctrica), Diego Maceiras (acordeón, acordina), Rodrigo López (batería e percusión), Tomi López (baixo eléctrico e guitarras), Paula e Sandra Romero (coros), Montse Rivera (coro), Merchy Rozas (coro), Miguel Flores (coro), e Gloria Mosquera (voz).

Compartir: