Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle o V Campionato de España de Autocross coa participación do coñecido piloto de rallys Dani Sordo

VENRES 12, SÁBADO 13 E DOMINGO 14 DE XULLO NO CIRCUÍTO DE BÉRTOA

Carballo acolle o V Campionato de España de Autocross coa participación do coñecido piloto de rallys Dani Sordo

Xoves 11 de xullo do 2013

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle por quinto ano consecutivo unha proba do Campionato de España de Autocross, o V Autocross Carballo que se celebra o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de xullo. Nesta edición hai que destacar a presenza do piloto oficial de Citröen no Mundial de rallys Dani Sordo, que participa en dúas categorías: monoprazas 4×4 (División III) e Car Cross. Serán un total de 73 os pilotos que participen nas cinco divisións da proba, sendo a de Car Cross a que máis participantes congrega con 38 pilotos. Respecto dos favoritos, a participación galega está encabezada polo vixente campión de España en División I, Perfecto Calviño. En División II o piloto de Pontevedra Celestino Iglesias, na segunda posición do campionato, loita pola vitoria co piloto biscaíño Arkaitz Urganda que ocupa a primeira posición do campionato. A División II-A conta coa participación dos dous primeiros no campionato Iván Posado e Julio Sotelo. Na División III o mundialista Dani Sordo ten como rivais aos cinco que ocupan as primeiras posicións do campionato, encabezados polo burgalés Juan Carlos Barredo. E por último, en Car Cross, a disciplina máis espectacular, o piloto local Maikel Vilariño -terceiro no campionato- loita pola vitoria e por restarlle puntos ao actual líder Juan José Moll, ademais de enfrontarse a Dani Sordo.

A Comisión de urbanismo axiliza o proceso de revisión de alegacións e convoca unha nova xuntanza para o día 18

A REVISIÓN NOS RANGOS 1 E 4 DO RURAL CHEGOU ATA NOICELA

A Comisión de urbanismo axiliza o proceso de revisión de alegacións e convoca unha nova xuntanza para o día 18

Mércores 10 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, mércores 10 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Durante preto de tres horas os técnicos e representantes de todos os grupos políticos da corporación -BNG, PP, PSOE e TEGA- continuaron co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo e avanzaron na valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. O Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Así, se na anterior xuntanza se avanzara co estudo das reclamacións por orde alfabética ata Bértoa, nesta reunión chegouse ata Noicela, restando por analizar os casos de Oza, Razo, Rebordelos, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela. Polo de agora segue sen tomarse ningunha decisión definitiva, aínda que vanse definindo posturas e establecéndose criterios xerais, ademais de irse axilizando o proceso. Está previsto que a Comisión de Urbanismo manteña unha nova reunión o xoves 18 de xullo e que haxa xuntanzas semanais ata que conclúa o estudo e resolución das alegacións.

O Concello tramitou un total de 275 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas durante os anos 2012 e 2013

SEGUNDO A ORDENANZA MUNICIPAL E A LEI DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Concello tramitou un total de 275 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas durante os anos 2012 e 2013

Luns 8 de xullo do 2013

O Concello de Carballo leva tramitado durante os anos 2012 e 2013 un total de 275 expedientes de talas para a limpeza de soares urbanos e de parcelas rústicas en cumprimento da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal; así como da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Destes expedientes, 197 correspóndense con soares situados no casco urbano, de acordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e 78 correspóndense con parcelas rústicas, de acordo coa aplicación da Lei. De entre todos eles, un total de 106 xa están resoltos. No ano 2012 rexistráronse un total 233 expedientes, mentres que no que vai de 2013 téñense tramitado 42. No caso dos soares da capital municipal e segundo recolle a normativa, os propietarios teñen a obriga de manter as súas parcelas limpas e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas. A administración local pide a colaboración da veciñanza para poder evitar a proliferación de terreos baleiros no interior dos núcleos urbanos pouco adecuados á estética urbana, coidando dun mantemento aceptable que evite o deterioro da imaxe externa e que garanta a seguridade.

O Concello denuncia ante o Seprona a presenza reiterada dun vertedoiro incontrolado na recta de Entrecruces

A INFRACCIÓN PODE IMPLICAR SANCIÓNS DE ATA 500 EUROS

O Concello denuncia ante o Seprona a presenza reiterada dun vertedoiro incontrolado na recta de Entrecruces

Sábado 6 de xullo do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Marcos Trigo, e da de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, informa de que a Brigada de Medio Ambiente ten detectado un vertedoiro incontrolado de residuos entre os quilómetros seis e sete da estrada CP-1914 que une Carballo e Santiago de Compostela, no lugar de Pego á altura da recta de Entrecruces. Este vertedoiro, formado de cotío por lixos de obra, pneumáticos e outros residuos voluminosos, aparece regularmente, unha vez á semana, e debido á súa reiteración ten sido denunciado diante do Seprona, o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil. Así, estase investigando a posible autoría desta infracción continuada, e a administración local pide a colaboración dos veciños e veciñas para identificar aos autores, ademais de subliñar que os culpables serán sancionados segundo marque a normativa. Así, hai que lembrar que, segundo a Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo, depositar nos espazos públicos mobles, aparellos e obxectos inútiles para que sexan retirados polos camións colectores da recollida domiciliaria, en lugar de facelo a través do Punto Limpo e do Punto Limpo Móbil, supón unha sación de 500 euros, unha cantidade que pode verse incrementada no caso de que a conduta sexa reiterada, como é o caso.

O Concello convoca no Fórum Carballo un Curso de Introducción á calidade turística para profesionais do sector

INSCRICIÓNS A PARTIR DO LUNS 8 DE XULLO

O Concello convoca no Fórum Carballo un Curso de Introducción á calidade turística para profesionais do sector

Venres 5 de xullo do 2013

O Concello de Carballo informa da celebración dun Curso de Introducción á calidade turística dirixido ao colectivo de profesionais do sector do municipio que terá lugar nas instalacións do Fórum Carballo despois da tempada de verán. A actividade é gratuíta e para participar os interesados e interesadas tan só deben inscribirse na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños a través do teléfono 981 702 077 ou do enderezo electrónico <museo@carballo.org> a partir do luns 8 de xullo. Está previsto ofrecer entre 20 e 25 prazas, mais en caso de que haxa máis solicitantes que prazas dispoñibles, a admisión realizarase por estricta orde de inscrición. Os obxectivos desta acción formativa son achegar o concepto e a filosofía da Marca Q de Calidade Turística aos asistentes; informar sobre o procedemento e as implicacións da implantación da Marca Q nas súas empresas; e expoñer os beneficios e vantaxes competitivas da implantación da Marca Q de Calidade a través de exemplos teóricos e prácticos. Finalizado o curso, cunha asistencia do 80 por cento do total de horas lectivas, os asistentes terán dereito á expedición do oportuno certificado acreditativo.

O programa "Vacacións en paz" e o Concello facilitan a estadía de nenos e nenas saharauís en Carballo durante os meses de verán

RECEPCIÓN DO ALCALDE O XOVES 18 DE XULLO

O programa "Vacacións en paz" e o Concello facilitan a estadía de nenos e nenas saharauís en Carballo durante os meses de verán

Venres 5 de xullo do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Silvana Castro, informa de que dende a noite do venres 5 de xullo xa están na vila as crianzas procedentes do Sáhara que pasan o verán no municipio a través do programa "Vacacións en paz". Está previsto que o xoves 18 de xullo ás 12.00 horas o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado por Silvana Castro e por outros membros da corporación, dea a benvida na casa consistorial ás crianzas saharauís, así como ás familias carballesas que as acollen durante os dous meses que dura a súa estadía. Como cada verán, centos de nenos e nenas do Sáhara Occidental veñen pasar os meses de xullo e agosto con familias galegas que os acollen dentro do programa "Vacacións en paz" organizado pola ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e que conta coa colaboración de moitos concellos galegos, entre eles o de Carballo, que desde hai anos mantén un convenio coa entidade coa que subvenciona integramente a contía de tres billetes de avión para estes nenos e nenas. As crianzas proceden todas elas de campamentos de refuxiados saharauís situados en Tindouf (Alxeria), é dicir, son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975.

Música, maxia, monicreques, danza, cine, libros e exposicións conforman o programa do Verán Cultural 2013

FINS DE SEMANA DOS MESES DE XULLO E AGOSTO

Música, maxia, monicreques, danza, cine, libros e exposicións conforman o programa do Verán Cultural 2013

Venres 5 de xullo do 2013

Unha decena de citas de calidade para todos os públicos e con variedade de estilos e formatos compoñen o programa do Verán Cultural 2013, que volve un ano máis cando chegan os primeiros calores cunha ampla cantidade de ofertas musicais, pero tamén con propostas de maxia, monicreques, danza, cine, teatro, literatura ou exposicións. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliña que o seu departamento mantén a vontade de ofrecer un programa "de calidade" repartido en quince xornadas durante as fins de semana do verán "a pesar dos axustes económicos". As citas, todas gratuítas excepto os festivais musicais, desenvólvense entre o venres 4 de xullo e o venres 30 de agosto, agás as Noites de Cine, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias todos es martes, mércores e xoves entre o 11 de xullo e o 22 de agosto. O Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou a importancia de contar cun "programa cultural estable" que atraia á xente a Carballo e desexou que o tempo acompañe, xa que redundará no éxito das convocatorias. O Concello quere agradecer a colaboración dos patrocinadores como son Conservas Calvo e La Caixa, ou a colaboración da Deputación da Coruña.

A Comisión de Urbanismo comeza a revisión das alegacións presentadas ao documento para a aprobación inicial do PXOM

A XUNTANZA DUROU MÁIS DE TRES HORAS

A Comisión de Urbanismo comeza a revisión das alegacións presentadas ao documento para a aprobación inicial do PXOM

Xoves 4 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo mantivo o mércores 3 de xullo unha nova xuntanza na que principiou o proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Nunha reunión de máis de tres horas de duración, os técnicos e representantes de todos os grupos políticos da corporación -BNG, PP, PSOE e TEGA- realizaron unha primeira valoración das alegacións incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor. Hai que lembrar que o Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Estudáronse por orde alfabética as reclamacións respectivas ás parroquias de Aldemunde, Artes, Ardaña, Berdillo e Bértoa. Ademais, establecéronse algúns criterios provisionais que axudarán á hora de estimar ou rexeitar as reclamacións, pero que poden sufrir algunha variación. Así, esta primeira aproximación ás alegacións non supuxo aínda a toma de ningunha decisión definitiva. Está previsto que a Comisión de Urbanismo manteña unha nova reunión o mércores 10 de xullo e que a partir dese momento o proceso de revisión das alegacións progrese e vaia axilizándose.

Lori Meyers visita a praia de Razo da man do festival PopUp, unha cita que conecta a música, o deporte e a natureza

ENTRE O XOVES 4 E O SÁBADO 6 DE XULLO

Lori Meyers visita a praia de Razo da man do festival PopUp, unha cita que conecta a música, o deporte e a natureza

Xoves 4 de xullo do 2013

A Praia de Razo acolle o xoves 4, venres 5 e sábado 6 de xullo o Festival PopUp, unha cita que ten como cabeza de cartel a Lori Meyers pero que conta tamén coas actuacións de Dorian, Estereotypo, The Warriors, Pull my strings e Faber Estudio 3 DJs. Todas as actividades do festival até o sábado ás 20.00 horas son de balde. O xoves 4 e o venres 5 o público pode asistir á carpa, que estará a carón do parque infantil da praia de Razo, ás actuacións de Igloo, Disco Mordisco e Anton DJ o primeiro día; e de Grises, Grotèsque e Kill the Hipsters o venres. Para a cita do sábado as entradas están á venda a través de . A compra anticipada custa 15 euros, mentres que no despacho de billetes do propio festival o prezo é de 18 euros. Os interesados e interesadas en consultar os horarios polo miúdo, poden premer aquí. O PopUp pretende apostar pola cultura como un activo importante no que conflúen a música, o deporte, a natureza ou o turismo. Respecto das citas deportivas, dende o primeiro día haberá a posibilidade de desfrutar co volei praia, o balonmán na praia ou o surf. Tamén hai que subliñar que o festival contará coa colaboración de Cruz Vermella, que dará a coñecer o seu labor.

Carballo aborda as claves da planificación e xestión turística por terceiro ano consecutivo no Curso de Verán da UDC

UNHA VINTENA DE PERSOAS ASISTEN Á CITA NO FÓRUM CARBALLO

Carballo aborda as claves da planificación e xestión turística por terceiro ano consecutivo no Curso de Verán da UDC

Mércores 3 de xullo do 2013

O Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión" visita Carballo por terceiro ano consecutivo cos retos de analizar a transformación que está a sufrir o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias, oportunidades, retos e dificultades aos que se enfronta este sector. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do director do curso e membro da Facultade de Socioloxía da UDC, Antón Álvarez Sousa, foi o encargado de presidir o acto de apertura no Fórum. Álvarez Sousa quixo facer fincapé na importancia "da formación e dos recursos humanos do sector", ademais de agradecer a presenza dos alumnos e alumnas que poden contribuír a dinamizar o turismo e a especializarse cada vez máis en procurar a satisfacción dos viaxeiros e viaxeiras. Esta terceira edición do curso é a que rexistra unha maior participación, con preto dunha vintena de asistentes tanto da UDC como do sector turístico. Evencio Ferrero lembrou que esta actividade enmárcase na campaña "Carballo a un paso", que pretende fomentar a oferta turística do municipio, así como potenciar o seu atractivo como destino e desexou que o curso permita atopar "nichos e oportunidades para seguir fomentando o turismo".

O Concello e o CCA subscriben un ano máis un convenio de colaboración destinado a dinamizar a actividade comercial

ASINARON O ACORDO EVENCIO FERRERO E XAIME VIQUEIRA

O Concello e o CCA subscriben un ano máis un convenio de colaboración destinado a dinamizar a actividade comercial

Mércores 3 de xullo do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, Xaime Viqueira, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto desenvolver medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila e, como consecuencia, para a dinamización da actividade comercial. Trátase dun acordo que ten como finalidade establecer un marco de colaboración para a modernización do centro urbano de Carballo co obxecto de conseguir unha contorna de calidade na que o urbanismo, o comercio e a hostalería teñan a máxima importancia. Algúns dos obxectivos do convenio son a optimización das prazas de estacionamento; a peonalización e semi peonalización de rúas do centro de Carballo; a dotación de mobiliario urbano e sinalización coherente co proxecto Centro Comercial Aberto; ou a promoción e innovación en xeral do comercio local. Entre as actuacións concretas previstas no acordo, hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a celebración da Feira das Oportunidades, a realización de enquisas sobre a actividade comercial, o desenvolvemento de medidas que contribúan a mellorar o servizo ao cliente e a imaxe comercial, ou accións publicitarias e de promoción.

Axober e o Concello asinan un convenio de colaboración para fomentar a dinamización económica e a consolidación de empresas

A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA É DE 10.000 EUROS

Axober e o Concello asinan un convenio de colaboración para fomentar a dinamización económica e a consolidación de empresas

Martes 2 de xullo do 2013

O Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) veñen de formalizar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, o fomento da emprendeduría e a consolidación de empresas. Asinaron o acordo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente de Axober, Isidro Varela Bardanca, acompañados do tesoureiro da entidade, Raúl Cantorna, e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A finalidade do acordo é a de establecer un marco de colaboración entre as entidades para o desenvolvemento da cultura emprendedora; de accións comunicativas conxuntas; de accións de asesoramento, formación, información, organización e promoción; de dinamización da actividade asociativa, coa colaboración e cooperación empresarial así como de coordinación institucional e empresarial; e para a celebración de eventos dinamizadores. A vixencia do convenio é até o 31 de decembro de 2013, e entre as actividades concretas especificadas que se desenvolverán entre as dúas partes destaca a celebración das Xornadas de Enerxías Renovables, a organización de eventos dinamizadores e publicitarios ou a elaboración de guías, webs, sinalización e catálogos, cunha achega máxima por parte da administración local de 10.000 euros.

Compartir: