Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A fin de semana combina o humor do país de Pepo Suevos e Fede Pérez co "umbral da estupidez" de Rober Bodegas

VENRES 14 NA PRAZA DO CONCELLO E SÁBADO 15 NO PAZO DA CULTURA

A fin de semana combina o humor do país de Pepo Suevos e Fede Pérez co "umbral da estupidez" de Rober Bodegas

Xoves 13 de xuño do 2013

O programa do San Xoán 2013 aposta, un ano máis, polo teatro e a cultura, ademais de polas verbenas, as cachelas ou a festa. Neste caso, ofrece dúas propostas humorísticas. A primeira, é o venres 14 de xuño e vén da man dos Monólogos R, unha serie de actuacións cheas de gargalladas organizadas pola compañía galega R Cable con algúns dos humoristas con máis sona de Galicia. Así, a Praza do Concello acolle a partir das 21.30 horas aos coñecidos actores e monologuistas Fede e Pepo Suevos cos seus espectáculos. O Concello de Carballo cede este espazo para a celebración do evento e pon as cadeiras a disposición do público, polo que o acceso é libre e gratuíto. A segunda proposta é o sábado 15 de xuño. Nela, o coñecido humorista carballés Rober Bodegas reflexiona sobre se nos estamos volvendo máis imbéciles cada día na nosa vida cotiá. Os atascos, os finos panos de mesa dos bares que non serven para nada ou mesmo o Tratado de Tordesillas están presentes na súa actuación. Esta cita, a penúltima actuación do cómico na súa xira, comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. As entradas poden mercarse a través do servizo de televenda de <novagaliciabanco.es> ou no teléfono 902 43 44 43. O prezo das entradas é de 8 euros venda anticipada e de 10 euros no despacho de billetes do Pazo.

O Concello renova os bancos de madeira dos parques e zonas verdes do municipio coa axuda de Aspaber

OS LABORES COMEZARON NA PRAZA DO CONCELLO

O Concello renova os bancos de madeira dos parques e zonas verdes do municipio coa axuda de Aspaber

Mércores 12 de xuño do 2013

A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que durante os últimos días usuarios e usuarias de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), supervisados por un dos monitores da entidade, están levando a cabo a renovación dos bancos situados nos parques, xardíns e zonas de lecer da capital municipal. Os traballos consisten no desmontado de cada unha das pezas, que se trasladan aos talleres cos que conta Aspaber nas instalacións da Brea, onde son repintados e vernizados. O último paso é volver á localización orixinal e montar cada unha das pezas de novo nos bancos, con moi bos resultados, segundo subliña Lamas. Os labores comezaron nos últimos días coas unidades situadas nos arredores da Praza do Concello e o Xardín Municipal, e iranse estendendo nas próximas semanas a outras áreas da capital municipal. Esta actuación está incluída nos traballos que se desenvolven dentro da campaña de mantemento de parques e xardíns que realiza de cotío a Concellaría de Obras e Servizos. Dende este departamento queren pedir desculpas aos veciños e veciñas polas posibles molestias ocasionadas, e espera que estas melloras rematen o antes posible.

O Fórum acolle a selección de candidatos/as para os cursos de formación de Cociña e de Soldador para desempregados

CADA CURSO CONTARÁ CON 15 ALUMNOS E ALUMNAS

O Fórum acolle a selección de candidatos/as para os cursos de formación de Cociña e de Soldador para desempregados

Mércores 12 de xuño do 2013

O xoves e venres, días 13 e 14 de xuño, a partir das 9.00 horas da mañá, ten lugar nas instalacións do Fórum Carballo a selección dos candidatos e candidatas para os cursos de formación de Cociña (828 horas) e Soldador con electrodo revestido e TIG (758 horas) dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas. Estas actividades formativas foron aprobadas pola Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio de 2013. A Oficina de Emprego de Carballo xa ten preseleccionado a un total de 30 candidatos e candidatas para o curso de Soldadura e a outros 31 para o de Cociña. Durante o transcurso destas dúas xornadas, o Centro Municipal de Formación dedicarase a realizar as probas necesarias para seleccionar a un número total de 15 alumnos e alumnas por cada acción formativa. Para o curso de soldadura está previsto realizar unha proba teórica, mediante un examen tipo test, e unha entrevista persoal. En cociña só se realizará unha entrevista persoal e individualizada onde os/as candidatos/as poidan demostrar a súa traxectoria curricular e a súa motivación para realizar esta actividade formativa.

A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo rexistra máis de 1.200 inscritos, a maior afluencia nos seus tres anos de vida

CELÉBRASE O DOMINGO 16 DE XUÑO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo rexistra máis de 1.200 inscritos, a maior afluencia nos seus tres anos de vida

Martes 11 de xuño do 2013

Despois de que o luns 10 de xuño se pechase o prazo de inscrición, a organización informa de que a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo rexistra un total de 1.226 inscritos, a maior afluencia rexistrada nos seus tres anos de vida. Desta cantidade, 332 partipantes pertencen ás categorías de base, un 27 por cento, e o resto a categorías absolutas, cun 73 por cento. Ademais, hai que subiñar que o 66 por cento dos inscritos son de fóra de Carballo (813), aínda que a maioría son da provincia da Coruña. Porén, hai corredores chegados do resto das provincias galegas ou de lugares como Asturias, Girona, León ou Madrid. Como curiosidade, hai que mencionar que a persoa de maior idade que competirá o domingo 16 de xuño, día de celebración da proba, é un home de 72 anos, mentres que a muller de maior idade ten 62. A porcentaxe de mulleres que participan é dun 20 por cento, fronte ao 80 por cento de homes. Un total de 214 rapaces e rapazas dos centros de ensino de Carballo compiten nas categorías inferiores, sendo a maioría, máis do 50 por cento, do CEIP Fogar. A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo inclúe as categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais da absoluta e ten unha distancia homologada de 10.000 metros.

O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

ENTRE O XOVES 20 E O DOMINGO 30 DE XUÑO

O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

Venres 7 de xuño do 2013

Co mes de xuño chegan a Carballo as celebracións de San Xoán, "a festa máis esperada polos carballeses e bergantiñáns", en verbas da Concelleira de Festexos, Belén Lendoiro. Neste ano 2013, ofrece un programa axustado aos tempos da crise, que conta cun orzamento de preto de 96.000 euros, dos que 60.000 invístense nas actuacións musicais, o 66 por cento do gasto total. Este ano, hai que subliñar que o Concello recada por primeira vez pola instalación das barracas arredor de 24.000 euros. O San Xoán identifícase cada edición cunha imaxe representativa, e a presentación do programa de festas comezou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2013 que este ano gañou Antón Lezcano González, deseñador gráfico e creativo publicitario que compaxina a súa actividade profesional no seu estudo de deseño cunha actividade docente na carreira de Publicidade no Centro Español de Nuevas Profesións. A isto engádeselle unha dilatada traxectoria xornalística en medios como Cuatro, TVE, Antena 3, TVG, Radiovoz ou Cadena Ser. É, ademáis, o propietario da marca "nicetrip" onde da saída a moitos dos seus deseños. Un dos seus "hits" é a mítica bandeira galega coa vaca, da que foi creador. O premio, de 450 €, foi entregado por Belén Enríquez, de Optical¡a Enríquez, patrocinadora deste concurso dende hai oito anos.

O CEIP Nétoma-Razo gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

RECOLLÉRONSE MÁIS DE 3.000 LITROS EN SETE COLEXIOS

O CEIP Nétoma-Razo gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

Venres 7 de xuño do 2013

Representantes dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria do municipio, agás o Artai e incluíndo o CEIP Canosa-Rus, veñen de recoller os diplomas acreditativos e os premios do concurso "Carballo tamén en botella". Esta iniciativa promovida por Reave (Recollidas de Aceite Vexetal ) SL, que tivo lugar entre o mes de xaneiro e o 31 de maio de 2013, ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Durante varios meses os alumnos e alumnas estiveron depositando botellas de aceite usado nos seus centros, e despois de ser contabilizadas, resultou gañador o centro que acadou a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña. O primeiro premio foi un lote de material escolar e lote de libros que recaeu no CEIP Nétoma-Razo con 460 litros recollidos e unha ratio de 4,1. O segundo premio foi un lote de libros que conseguiu o CEIP Gándara-Sofán con 373 litros e unha ratio de 3,8. Todos os participantes recolleron, ademais, un diploma acreditativo por colaborar coa iniciativa. En total a campaña supuxo recoller un total de 2.895 litros de aceite, superándose as expectativas de Reave, que esperaba que fosen arredor de 2.500. A empresa continuará cunha nova edición da cita o próximo curso.

A Xunta Local de Seguridade prepara a tempada de verán coordinando dispositivos conxuntos para praias e citas de lecer

CONSTATOUSE UNHA TENDENCIA POSITIVA NOS ÍNDICES RESPECTO DE 2012

A Xunta Local de Seguridade prepara a tempada de verán coordinando dispositivos conxuntos para praias e citas de lecer

Xoves 6 de xuño do 2013

A Xunta Local de Seguridade vén de manter na Casa do Concello de Carballo unha reunión ordinaria -copresidida polo Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero- na que un dos principais asuntos abordados foi a coordinación de dispositivos conxuntos para garantir a seguridade nas praias do municipio de cara á tempada de verán, así como nos diferentes festexos e citas lúdicas e de lecer que está previsto celebrar nas próximas semanas. Así mesmo, durante a xuntanza examináronse os índices de seguridade cidadá rexistrados nos últimos meses, que experimentan unha tendencia positiva respecto do mesmo período de 2012. A orde do día tamén incluíu a delimitación das vías sobre o control e vixilancia en materia sancionadora e instrución de atestados, así como un protocolo de actuación sobre vítimas de violencia de xénero. Ademais do Alcalde e o Subdelegado do Goberno, estiveron presentes na xuntanza a Vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, o Coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, o Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez, o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, o Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, e o Concelleiro do PP, José Lado.

Rexistrados preto de 800 inscritos na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que se celebra o 16 de xuño

ABERTO O PRAZO DE ANOTACIÓNS ATÉ O LUNS 10 DE XUÑO

Rexistrados preto de 800 inscritos na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que se celebra o 16 de xuño

Xoves 6 de xuño do 2013

Con datos actualizados a 6 de xuño de 2013 a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo ten rexistrado un total de 794 corredores inscritos a través de Internet, segundo consta no web . Os interesados e interesadas aínda poden anotarse neste web de forma gratuíta até o luns 10 de xuño de 2013, ademais de podelo facer tamén a través do web da Federación Galega de Atletismo, , na ligazón creada ao respecto; e tamén con inscrición presencial nas oficinas Carballo Deporte situadas na rúa Corcubión s/n mediante solicitude con Rexistro de Entrada. A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo aspira nesta a súa terceira edición a contar cun milleiro de corredores e incrementa a participación das categorías inferiores coa incorporación dos benxamíns (ademais dos xa presentes alevín, infantil, cadete e xuvenil), que contarán co seu propio percorrido de 1.000 metros de lonxitude. O Concello, a través do organismo autónomo Padroado Deportivo Municipal, organiza esta proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013 cunha distancia homologada de 10.000 metros (repartidos en dúas voltas de 5.000). Ademais, é a carreira que abre I Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación.

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño o IV Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

PAZO DA CULTURA, PAVILLÓN VILA DE NOIA E PRAZA DO CONCELLO

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño o IV Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

Mércores 5 de xuño do 2013

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño a celebración do IV Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira, unha festa na que se lle da un apelido (alcume) aos capoeiristas noveis, ademais de realizarse a troca de cordas: o cambio de graduación (cinto) dos capoeiristas. Os encargados de organizar esta cita, coa colaboración do Concello de Carballo, son África Alberti (Graduada África) e Alejandro Pensado (Graduado Patas), que levan dende 2009 impartindo clases en Don Ximnasio e que colaboran co Padroado Deportivo Municipal en varias citas ao longo do ano, nomeadamente en Xogar na Rúa. Está previsto que na celebración da fin de semana participen uns 70 capoeiristas, incrementándose notablemente o número respecto do ano pasado. Arredor de 30 destes capoeiristas veñen de fóra, tres de Río de Janeiro, pero tamén con xente chegada de Canarias, Cataluña, Madrid ou Asturias. Pensado quixo subliñar que, aínda que dende fóra poida parecer difícil, a actividade pode practicala quen o desexe e explicou que o obxectivo é consolidar a capoeira e seguir tentando difundila como unha alternativa deportiva. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo "desexar que siga habendo xente con tanta ilusión" como a de Abadá Capoeira e que se poida seguir vendo aos nenos e nenas practicar esta disciplina cun sorriso na cara.

Aberto o prazo para anotarse no programa de actividades de verán do Concilia, dispoñible por cuarto ano consecutivo

DO 1 DE XULLO AO 30 DE AGOSTO NO CEIP A CRISTINA

Aberto o prazo para anotarse no programa de actividades de verán do Concilia, dispoñible por cuarto ano consecutivo

Mércores 5 de xuño do 2013

O programa Concilia, unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria, ofrece por cuarto ano consecutivo a posibilidade durante os meses de xullo e agosto de que os rapaces e rapazas estean atendidos polas mañás, entre as 10.00 e as 14.00 horas, a través da empresa Axiña Servizos Deportivos. Así, do 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 30 de agosto de luns a venres (agás festivos), os cativos e cativas inscritos terán a posibilidade de realizar actividades físicas e deportivas e culturais, con xogos populares, de psicomotricidade, deportes alternativos, tiro con arco, pirámide multideportiva, actividades de orientación ou contacontos motores. Tamén poderán participar en obradoiros de debuxo ou de reciclaxe, así como afondar nas novas tecnoloxías e recibir nocións de inglés. As actividades terán lugar nas instalacións do CEIP A Cristina da capital municipal e o Concilia ofrece a posibilidade de que os cativos e cativas tamén estean atendidos entre as 7.30 e 10.00 horas como ocorre durante o transcurso do curso escolar. O prezo máximo estipulado por mes, que debe aboarse no momento da inscrición, é de 58 euros. As Actividades de Verán do programa Concilia están organizadas polo Concello, a través de Servizos Sociais, coa colaboración da Deputación.

Preto de medio millar de persoas teñen participado no curso 2012-2013 no "Programa de Exercicio Físico para Maiores"

O PECHE DA ACTIVIDADE TIVO LUGAR O SÁBADO 2 DE XUÑO

Preto de medio millar de persoas teñen participado no curso 2012-2013 no "Programa de Exercicio Físico para Maiores"

Martes 4 de xuño do 2013

Arredor de 350 das preto de 500 persoas que forman parte do "Programa de Exercicio Físico para Maiores" do Concello de Carballo veñen de pechar o curso 2012-2013 nunha sesión dirixida de exercicios físicos no Pavillón Vila de Noia da capital municipal que se desenvolveu o sábado 2 de xuño. Esta actividade está organizada polo Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade e conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través de programas de subvencións para proxectos de envellecemento activo. Ao longo do presente curso realizáronse dúas sesións semanais de entre 30 e 45 minutos de Exercicio Aeróbico, Acondicionamento Muscular e Flexibilidade de Baixo Impacto Osteoarticular, cun aumento progresivo de intensidade que vai de baixa a media ou de media a moderada. Os participantes estiveron repartidos nun total de 17 grupos de maiores distribuídos practicamente a medias entre o casco urbano e o medio rural. Os monitores do programa traballaron cos obxectivos xerais de influír na poboación maior, conseguindo estilos de vida activos e saudables e manter ou mellorar a calidade de vida dos maiores mediante a actividade física e a inserción social actuando para frear algúns dos efectos do proceso natural de envellecemento.

Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

DÍAS 17, 18 E 19 DE XULLO

Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

Martes 4 de xuño do 2013

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), unha cita que cumpre nove edicións e que desta volta está centrado na procura de maior participación e implicación no proceso social de normalización lingüística. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, veñen de asinar o convenio que fará posible o desenvolvemento desta actividade, nun acto no que tamén estiveron presentes o director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato; o concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira; e mais o director do curso, técnico de normalización de Carballo e presidente da CTNL, Nel Vidal. Armesto quixo subliñar a importancia da colaboración entre a UDC e o Concello, unha relación "que hai que manter e reforzar" para "seguir avanzando na posta en valor do noso idioma" e explorando novas vías de unión para "loitar polo dereito á educación, tamén á educación superior". Pola súa banda, Ferrero manifestou o interese do municipio "polo achegamento á universidade galega", nomeadamente á UDC pola súa proximidade coa vila, e desexou que actividades como este curso permitan "que a xente se identifique e se sinta orgullosa da súa actividade en galego".

Compartir: