Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da Fase I de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso"

AXIÑA REALIZARÁ AS ACTIVIDADES DE VERÁN DO PROGRAMA CONCILIA

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da Fase I de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso"

Luns 3 de xuño do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do contrato de obra da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", uns traballos que están cofinanciados con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). A Mesa de Contratación, nunha sesión celebrada o 30 de abil de 2012, tiña formulado a proposta de adxudicación para a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada abreviadamente "UTE Abastecemento a Carballo". A Xunta de Goberno ratifica a proposta cun prezo de adxudicación de 1.024.648,57 euros (IVE incluído), mentres que o prazo de execución das obras é de oito meses. O contratista propón a realización de melloras de índole técnica relacionadas coa execución das obras e melloras en obra sen custo adicional valoradas en 112.453,05 euros. Hai que lembrar que un total de 32 empresas optaron a realizar este proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- que inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso. Así mesmo, suporía a instalación dunha nova condución de 1.630 metros de lonxitude dende este novo depósito ata o lugar de A Ponte de Bértoa sobre o Río Anllóns.

Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPAN NA I QUEDADA DIXITAL

Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

Venres 31 de maio do 2013

O Fórum Carballo acolle entre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño o I Foro da Formación e Empresa, unha iniciativa pensada para ofrecer ao alumnado de Secundaria e Bacharelato do municipio unha visión integral acerca das oportunidades laborais e formativas máis vantaxosas que se abren diante deles, especialmente nestes tempos de crise. Dende a organización informan de que entre catrocentos e cincocentos rapaces e rapazas visitarán o Fórum para participar en obradoiros, conferencias, seminarios e ponencias informativas, pero tamén para gozar de citas lúdicas como o espectáculo de maxia ofrecido polo Departamento de Linguas Estranxeiras do IES Monte Neme, que cuns panos, moito humor e a través do idioma francés serviu para pechar o acto inaugural do Foro; ou como a I Quedada Dixital, unha iniciativa para xogar e compartir experiencias dixitais con xogos, música ou programas informáticos durante as dúas xornadas do Foro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a inauguración que se trata do primeiro evento organizado polos tres institutos de Carballo, os IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas. E tamén é a primeira vez que se poñen de acordo con administracións e empresariado para divulgar o seu traballo. Segundo Ferrero, esta cita é un paso máis no obxectivo de que "Carballo sexa un referente formativo e teña cada vez máis e mellor formación".

O Independiente de Carballo festexa na Casa do Concello coa recepción do trofeo a vitoria en 3ª Autonómica

FORON FELICITADOS POLO ALCALDE E ASINARON NO LIBRO DE HONRA

O Independiente de Carballo festexa na Casa do Concello coa recepción do trofeo a vitoria en 3ª Autonómica

Venres 31 de maio do 2013

O Club Independiente de Carballo CF vén de recibir na Alcaldía da Casa do Concello o trofeo que acredita aos xogadores como vencedores do Grupo Cuarto da 3ª Autonómica da Costa, levantando o seu primeiro título como equipo federado despois de tan só tres anos na 3ª da Costa e tras sete anos de traxectoria no fútbol de peñas. O próximo ano xogarán na 2ª Autonómica xunto a outros equipos carballeses como o SD Sofán ou o SD San Lorenzo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero recibiu aos xogadores do equipo acompañado do xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e do Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez. Ferrero manifestou a súa satisfacción por ver "como un equipo que comezou na Liga de Peñas con tanto esforzo acadou este éxito". Así mesmo, subliñou a función dos xogadores como "embaixadores de Carballo" polos campos nos que xogan e tamén desexou "que non sexa a última vez que visitades esta Alcaldía", o que significará que conseguen novos éxitos no futuro. O acto tamén serviu para que o club recibira de mans da Federación Galega de Fútbol o trofeo que os acredita como campións.

A Praza do Concello convértese un ano máis nun espazo de lecer, deporte e diversión na 22 edición de Xogar na Rúa

SÁBADO 8 DE XUÑO DE 17.00 A 19.30 HORAS

A Praza do Concello convértese un ano máis nun espazo de lecer, deporte e diversión na 22 edición de Xogar na Rúa

Xoves 30 de maio do 2013

Xogar na Rúa cumpre xa 22 anos intentando mellorar e innovar na súa oferta pero mantendo o obxectivo de fomentar a práctica do deporte entre os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio, servindo como peche ao programa Deporte na Escola, que inclúe as actividades de deporte municipal en idade escolar do curso 2012-2013 que se desenvolveron nos CEIP Fogar, A Cristina, Bergantiños, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán e na ANPA A Braña de Rus. Arredor de 800 nenos e nenas participan decotío neste programa, ao que hai que sumar outros 500 rapaces e rapazas que competiron na fase local da carreira Campo a Través 2013. Moitos deles achegaranse á Praza do Concello o sábado 8 de xuño, entre as 17.00 as 19.30 horas, para participar nalgunha das 16 actividades que ofrece Xogar na Rúa, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, atletismo ou capoeira. Neste último caso, tamén está prevista a celebración dunha pequena exhibición. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que a Praza do Concello é "un espazo moi vivo, con moito dinamismo, o que pode comprobarse día a día". Para o rexedor, Xogar na Rúa é unha mostra de que Carballo "é un Concello intenso en actividade deportiva" e de que "o deporte sempre conta co apoio da administración".

Un total de 26 nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP A Cristina coñecen de primeira man as dependencias da Casa do Concello

PERCORRERON A CASA CONSISTORIAL E FALARON CO ALCALDE

Un total de 26 nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP A Cristina coñecen de primeira man as dependencias da Casa do Concello

Mércores 29 de maio do 2013

Un grupo de 26 nenos e nenas de 6º curso de Primaria do CEIP A Cristina da capital municipal veñen de visitar as dependencias da Casa consistorial, ademais de manter un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a quen lle puideron preguntar as súas dúbidas acerca de temas tan variados como o rueiro, a historia da vila, o número de alcaldes do Concello ou o número de habitantes do municipio. Ferrero estivo cos nenos e nenas durante preto dunha hora no salón de plenos e despois o alumnado tivo a oportunidade de visitar o Rexistro Municipal, a comisaría da Policía Local e as dependencias de Servizos Sociais para achegarse un pouco ao funcionamento dos servizos do Concello. O maior número de preguntas dos rapaces e rapazas referiuse ao rueiro municipal e ao proceso polo que se lle da nome ás diferentes vías e prazas do casco urbano. Así, por exemplo interesáronse moito polos motivos para elixir os nomes de certas vías ou conxuntos de vías, como as agrupadas por barrios segundo a súa denominación como ríos (Miño, Sil, Eume, Lérez, Ulla, Anllóns ou Xallas), flores (Papoulas, Camelias, Caravel, Xasmíns, Violetas ou Mimosas), santos (Santa María, San Ramón, Santo Antonio, San Paio, San Xosé ou San Pedro) ou planetas (Xúpiter, Saturno ou Marte).

Medio centenar de pilotos compiten no XII Motocross Concello de Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego

DOMINGO 2 DE XUÑO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Medio centenar de pilotos compiten no XII Motocross Concello de Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego

Mércores 29 de maio do 2013

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o domingo 2 de xuño o XII Motocross Concello de Carballo, V Memorial Manuel Rega Morales e proba puntuable para o Campionato Galego de Motocross. Trátase dunha cita na que xa hai inscritos máis de 50 pilotos, unha cantidade nada pequena tendo en conta a situación de crise económica, que "fai cada vez máis complicado que os pilotos poidan seguir os campionatos", en verbas de Juan Fernández Puga, de Moto Club Motor Bergantiños, responsable da organización dunha proba coa que colabora o Concello de Carballo. A carreira (aprazada ao domingo debido ás condicións meteorolóxicas adversas do día marcado en principio, o 17 de maio) conta coa presenza de pilotos como Rubén Fernández, Campión de España Promesas 2012; e en categorías superiores de nomes como os irmáns Abel e Moisés Bernárdez, varias veces campións de España de Motocross; Adrián Garrido, piloto de renome que corre na actualidade en competicións en Brasil; ou Román Pérez, varias veces Campión de España de SuperCross. Da Escudaría Motor Bergantiños participan Marco Pérez en MX85; e Miguel García, José María Auñon, Iván Moscoso e Jonathan Vázquez en MX Afeccionados. A organización quixo agradecer o patrocinio do CCB- Gadis e de Creativa Dixital, así como de todos os patrocinadores e do propio Concello, un apoio para unha proba que esperan que sexa espectacular.

A Carreira Popular 10 Km cumpre tres anos incorporando aos benxamíns e aspirando a contar con mil participantes

DOMINGO 16 DE XUÑO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

A Carreira Popular 10 Km cumpre tres anos incorporando aos benxamíns e aspirando a contar con mil participantes

Martes 28 de maio do 2013

A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo aspira nesta a súa terceira edición a contar cun milleiro de corredores e incrementa a participación das categorías inferiores coa incorporación dos benxamíns (ademais dos xa presentes alevín, infantil, cadete e xuvenil), que contarán co seu propio percorrido de 1.000 metros de lonxitude. O Concello, a través do organismo autónomo Padroado Deportivo Municipal, organiza esta proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013 cunha distancia homologada de 10.000 metros (repartidos en dúas voltas de 5.000). Ademais, é a carreira que abre I Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación. Até o de agora xa hai inscritos máis de 300 adultos, unha cifra moi elevada tendo en conta que neste tipo de eventos a maioría das anotacións se formalizan a última hora. Así, mentres que o prazo de inscrición para os centros de ensino remata o 29 de maio, para o resto de categorías (absoluta e Veteranos 1, 2, 3 e 4) aínda está aberto até o 10 de xuño. Moncho Ríos, da Asociación Deportiva Media Ducia, entidade que colabora na carreira xunto co Club Ciclista Carballo, a FGA, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, a Policía Local e Protección Civil, subliña o interese da organización de incluír varios percorridos para que poidan participar con garantías dende os máis cativos ata os máis veteranos.

O I Foro da Formación e Empresa: punto de encontro de empresarios, alumnado e familias para abrir portas profesionais

VENRES 31 DE MAIO E SÁBADO 1 DE XUÑO NO FÓRUM CARBALLO

O I Foro da Formación e Empresa: punto de encontro de empresarios, alumnado e familias para abrir portas profesionais

Martes 28 de maio do 2013

Unha iniciativa para congregar a todos os sectores relacionados coa formación e o emprego; unha xuntanza participativa con seminarios, conferencias, obradoiros e coa presenza de universidades, institutos, concellos e profesionais; unha oportunidade para que empresarios, alumnado, profesores e familias intercambien impresións para abrir novas portas laborais. Estas son só algunhas das claves do I Foro da Formación e Empresa que o Fórum Carballo acolle o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño. Os principais protagonistas da cita son rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato que neste foro poden atopar información sobre as diferentes opcións que teñen para acadar unha saída profesional: bolsas, axudas, ofertas de cursos, apoios a empresas e emprendedores, información sobre sindicatos ou sobre oportunidades laborais e formativas en dous días de intercambios destinados a abrir novas oportunidades. A iniciativa xorde a través dos tres centros de Secundaria de Carballo: os IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme. Pero tamén organiza, ademais do Concello, a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober); e colabora a a Cámara de Comercio entre outras empresas e entidades do municipio. Todo en dous días intensos que pretenden constituír un interesante foro que evolucione co tempo ata consolidarse nunha cita anual estable.

Aprobada por unanimidade do pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

LUZ VERDE PARA A ORDENANZA DE CONTROL ANIMAL

Aprobada por unanimidade do pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

Martes 28 de maio do 2013

A corporación municipal carballesa vén de aprobar por unanimidade do pleno na sesión ordinaria de maio -de menos de media hora de duración- a sexta fase de ampliación de aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés. Nesta ocasión a medida supón a creación de 41 novos espazos de estacionamento regulado en tres rúas da vila: 15 deles estarían situados na rúa Compostela; outros 15 en toda a rúa Jacinto Amigo Lera (na imaxe), que adoita contar cun elevado número de vehículos 'ventosa' estacionados durante todo o día; e os 11 últimos estarán situados na marxe dereita da rúa Poñente en sentido Santiago-Malpica, xa que así o teñen solicitado varios establecementos da zona. A Zona Azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de Zona Azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. Ademais de limitar a duración do tempo en cada praza, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento a hora de inicio do estacionamento. A ausencia desta sinalización é motivo de infracción. O horario de limitación comprende de 9.00 a 20.00 horas, agás os domingos, os festivos e a tarde dos sábados. O casco urbano contará, con estes novos 41 espazos, con preto de 600 prazas de estacionamento de Zona Azul nas principais rúas do centro.

Os participantes nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores recolleron os seus diplomas no Fórum

HABERÁ UN SEGUNDO BLOQUE DE CURSOS DESPOIS DO VERÁN

Os participantes nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores recolleron os seus diplomas no Fórum

Luns 27 de maio do 2013

Un total de trece persoas das quince que teñen participado nos módulos formativos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo veñen de recoller os seus diplomas nas instalacións situadas no barrio da Milagrosa da man do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Os dous expresaron o seu desexo de que os negocios e empresas resultantes dos plans elaborados polos emprendedores cheguen a bo porto e sirvan para crear postos de traballo, ademais de estar "encantados de poder contribuír a que esta formación sexa útil", en verbas do Alcalde. Cada un dos catro módulos dispoñibles contou cunha oferta máxima de 15 prazas, e hai que subliñar que nove dos participantes na iniciativa asistiron a todos eles, polo que puideron levar á casa varios diplomas. Regueira quixo subliñar durante o acto que o apoio do Concello aos emprendedores non remata con estes cursos, e animou aos futuros empresarios a que aproveiten os recursos municipais para informarse dos beneficios e exencións fiscais que ofrece o Concello para a creación de novas empresas. Así mesmo, lembroulles que o Plan de Formación continúa durante todo o 2013, polo que haberá nova oferta de cursos e módulos despois do verán.

Os monólogos de Rober Bodegas, Fede Pérez e Pepo Suevos: propostas teatrais para o programa do San Xoán 2013

DÍAS 14 E 15 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO E PAZO DA CULTURA

Os monólogos de Rober Bodegas, Fede Pérez e Pepo Suevos: propostas teatrais para o programa do San Xoán 2013

Luns 27 de maio do 2013

O programa das Festas de San Xoán 2013 ademais das actividades musicais relevantes, como o concerto de El sueño de Morfeo, os concertos do festival Rockin' e as diferentes actuacións das orquestras, tamén inclúe espectáculos teatrais que a Comisión de festas programa en colaboración con outras entidades. Neste caso, a proposta céntrase no humor da man do espectáculo "Monólogos R" con Fede Pérez e Pepo Suevos; e de "O umbral da estupidez", de Rober Bodegas (na imaxe). O primeiro deles ten lugar o venres 14 de xuño. Fede Pérez e Pepo Suevos poñen en escena o seu mellor repertorio para espertar as gargalladas do público. Esta proposta, que xa leva varios meses rodando por diferentes cidades galegas, está organizada por R Cable. O espectáculo comeza ás 21.30 horas na Praza do Concello de Carballo. O segundo ten lugar o sábado 15 de xuño e nel Rober Bodegas reflexiona con humor sobre se nos estamos volvendo máis imbéciles cada día na nosa vida cotiá. Esta cita comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A venda de entradas comeza o martes 28 de maio a través do servizo de televenda de ou no teléfono 902 43 44 43. O prezo das entradas é de 8 € venda anticipada e de 10 € en taquilla.

A corporación debate no pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DE CONTROL ANIMAL

A corporación debate no pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

Venres 24 de maio do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de maio, que se celebra o luns 27 a partir das 20.30 horas, inclúe entre os dous únicos asuntos recollidos na orde do día a aprobación inicial da sexta fase de ampliación de aparcamento regulado con Zona Azul no centro carballés. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, este sistema ten amplamente probada a súa "eficiencia para a eliminación dos vehículos 'ventosa'" no casco urbano, polo que "cada vez son máis os veciños e veciñas, especialmente do sector comercial, que solicitan a ampliación do número de prazas". Nesta ocasión a medida supón a creación de 41 novos espazos de estacionamento regulado en tres rúas da vila: 15 deles estarían situados na rúa Compostela; outros 15 en toda a rúa Jacinto Amigo Lera, que adoita contar cun elevado número de vehículos 'ventosa' estacionados; e os 11 últimos estarán situados na marxe dereita da rúa Poñente en sentido Santiago Malpica, xa que así o teñen solicitado varios establecementos da zona, incluída unha escola infantil. A Zona Azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de Zona Azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. O casco urbano contará, con estas novas 41, con preto de 600 prazas de aparcamento de Zona Azul.

Compartir: