Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno aborda a concesión dunha bonificación no ICIO para tres empresas que proxectan instalarse no polígono de Bértoa

EMPREGARÁN ALOMENOS A UNHA PERSOA DURANTE DOUS ANOS

O pleno aborda a concesión dunha bonificación no ICIO para tres empresas que proxectan instalarse no polígono de Bértoa

Venres 27 de xaneiro do 2012

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro inclúe na orde do día o visto e prace para a concesión dunha bonificación no ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) a tres empresas con proxectos no Parque Empresarial de Carballo. Unha vez cubertos por parte de Xestur Coruña, entidade responsable do desenvolvemento do parque, os trámites para sacar adiante o proxecto sectorial e escriturar as parcelas, Concello e empresarios están xestionando agora os proxectos das naves que serán sede das novas iniciativas empresariais. As solicitantes da bonificación son Productos Químicos Bergantiños (Proquiber), a construtora Revestimientos Rama SL e a compañía de adaptación de vehículos para discapacitados Transformaciones Bergantiños SL, que contan con proxectos que teñen un custo de investimento total que supera os 200.000, 300.000 e 400.000 euros, dependendo do caso. Para poder acadar unha redución dun 95 por cento no ICIO deben acreditar a empregabilidade dunha persoa de Carballo por un período de alomenos dous anos. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a importancia de que saian adiante iniciativas empresariais para que o polígono industrial chegue a ser un elemento normalizador da situación económica na conxuntura actual.

O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de Alimentación Saudable para público infantil centrado na dieta atlántica

DOMINGO 29 DE XANEIRO ENTRE AS 10.00 E AS 13.00 HORAS

O Feirón de Inverno ofrece un Obradoiro de Alimentación Saudable para público infantil centrado na dieta atlántica

Mércores 25 de xaneiro do 2012

Carballo acolle o domingo 29 de xaneiro unha nova cita dos Feiróns de Tempada, neste caso coa celebración do Feirón de Inverno. Desta volta, o obxectivo é seguir afondando no programa Merca-do-Bo, que reflexiona sobre os beneficios que reporta para a saúde o manter unha dieta equilibrada na que estean presentes produtos frescos da horta, sempre presentes nas feiras carballesas. Para subliñar esta idea está previsto celebrar no Mercado Municipal un Obradoiro de Alimentación Saudable entre as 10.00 e as 13.00 horas. Durante esta iniciativa traballarase cos rapaces e rapazas ao redor dos produtos que compoñen a dieta atlántica, baseada en produtos autóctonos, entre os que podemos atopar tanto verduras como hortalizas, froitas de temporada, peixe e carnes do país, todos eles produtos que se poden atopar tanto no Mercado Municipal coma no Feirón. Os Feiróns de Tempada puxéronse en marcha por vez primeira no verán de 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras e mercados tradicionais. Apostouse polos catro feiróns que se celebran no ano, coincidindo cos quintos domingos de mes.

O Concello elaborará un convenio para facilitar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación e de Medio Rural ao Fórum

A CESIÓN, GRATUÍTA, SERÍA POR UN PRAZO DE 20 ANOS

O Concello elaborará un convenio para facilitar o traslado das oficinas do Servizo Galego de Colocación e de Medio Rural ao Fórum

Mércores 25 de xaneiro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero vén de manter unha xuntanza coa Delegada da Xunta na Coruña Belén do Campo, na que estivo acompañado polo Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo e polo director do Centro de Formación, Juan Lorenzo. Durante a reunión, os representantes carballeses manifestaron a necesidade de axilizar o traslado das oficinas do Centro de Formación ao recinto do Fórum Carballo para poder iniciar canto antes a actividade na Milagrosa e centralizar os labores formativos e administrativos do organismo nas novas instalacións. Para iso, a Xunta debe dar unha resposta á oferta de cesión gratuíta por parte do Concello dun espazo nas instalacións do Fórum para acoller as oficinas do Servizo Galego de Colocación e da Consellería de Medio Rural e Sanidade Animal, unha proposta que leva varios anos enriba da mesa. Do Campo comprometeuse a estudar a oferta e a coordinar unha solución cos departamentos implicados. "Solicitaranse os informes oportunos para analizar a viabilidade da proposta e adoptar a mellor decisión", manifestou. Á súa vez, o Concello carballés comprometeuse a elaborar canto antes unha proposta de convenio na que se plasmen as condicións do acordo.

A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o centro de día carballés, que xa conta con 14 usuarios e usuarias

A XUNTA LICITA O EQUIPAMENTO PARA A NOVA ESCOLA INFANTIL

A Conselleira de Traballo e Benestar inaugura o centro de día carballés, que xa conta con 14 usuarios e usuarias

Martes 24 de xaneiro do 2012

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, vén de presidir acompañada do Alcalde, Evencio Ferrero, a inauguración oficial do novo Centro de Día de Carballo, situado na Praza de Vigo da capital municipal e que entrou en funcionamento o pasado 2 de xaneiro. As instalacións contan nestes momentos cun total de 14 usuarios e usuarias, aínda que está previsto que a próxima semana se formalicen catro novas incorporacións, manténdose un incremento paulatino de prazas ata cubrir as 45 para as que está deseñado o servizo. O edificio do Centro de Día de Carballo comezou a construírse no mes de setembro de 2008 nunha parcela cedida polo Concello, e levaba máis de dous anos rematado, á espera de que a Administración Autonómica formalizara os trámites necesarios para a súa posta en marcha. O proxecto construtivo do Centro de Día de Carballo custou 763.000 euros e foi executado pola empresa Mouzo&Souto. O servizo estará xestionado polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e cofinanciado polo organismo autonómico e a administración local, que achegará arredor de 96.000 euros ao ano para contribuír ao seu mantemento.

Rematados os trámites para pechar o informe que rexerá os criterios urbanísticos xerais no municipio trala anulación do PXOM

CONVOCARASE UNHA NOVA XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO

Rematados os trámites para pechar o informe que rexerá os criterios urbanísticos xerais no municipio trala anulación do PXOM

Martes 24 de xaneiro do 2012

A Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, vén de manter en Santiago de Compostela unha xuntanza coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, así como con outros técnicos tanto da Xunta como do Concello co obxecto de contrastar impresións para pechar o informe no que se basearán os criterios urbanísticos xerais no ámbito municipal trala anulación do PXOM. Segundo informa Lantes, o Arquitecto Municipal e o Asesor Xurídico do Concello expuxeron as súas previsións, que coinciden plenamente coas valoracións tanto da Secretaria Xeral como da Xefa de servizo. Con esta última consulta rematan os trámites emprendidos dende a anulación do PXOM de 2003 o pasado mes de decembro para a elaboración dun informe que defina os criterios xerais para a aplicación das normas subsidiarias no ámbito municipal e poder así regular a concesión de licenzas, as zonas de suspensión de licenzas, etc. tanto no medio urbano, como rural ou costeiro.

Cándido Pazo abre o ciclo de teatro dos Venres Culturais con "Memorias das memorias dun neno labrego"

VENRES 27 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Cándido Pazo abre o ciclo de teatro dos Venres Culturais con "Memorias das memorias dun neno labrego"

Luns 23 de xaneiro do 2012

Despois de principiar cunha proposta para os máis cativos e cativas, os Venres Culturais 2012 estrean a programación de teatro de sala con Abracadabra Creacións e Cándido Pazó e as súas "Memorias das memorias dun neno labrego". Hai 50 anos publicouse o libro máis editado, lido e traducido da literatura galega, "Memorias dun neno labrego". Un libro capital para as letras, o que todo o mundo leu, do que todos gardamos algunha vivencia propia ou herdada. Partindo do libro de Xosé Neira Vilas, Cándido Pazó crea un espectáculo froito do seu percorrido como autor, actor, director, contador de historias ou monologuista, incorporando a videocreación e unha sonoridade propia, e creando un espectáculo emotivo e divertido no que se mistura a historia de Balbino coa tradición oral e a memoria colectiva. Hai que subliñar que o espectáculo conta coa colaboración do carballés Alberto Gente, encargado do deseño gráfico. A cita ten unha duración prevista de 90 minutos. O prezo da entrada é de 2,5 € (2 € co desconto especial para estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos). Esta produción está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Remata a campaña "Este inverno presume de praceiro/a" co sorteo de 150 euros en vales de compra no mercado

A VALIDEZ DOS CUPÓNS REMATA O 28 DE FEBREIRO

Remata a campaña "Este inverno presume de praceiro/a" co sorteo de 150 euros en vales de compra no mercado

Venres 20 de xaneiro do 2012

O Mercado Municipal vén de acoller o segundo e útimo dos sorteos incluídos dentro da campaña "Este inverno presume de praceiro/a. Escolle o teu preferido/a túa preferida", posta en marcha entre o 12 de decembro de 2011 e o 20 de xaneiro de 2012 pola Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas que mercaron nos últimos días nos postos da praza e depositaron as papeletas acadadas coas súas compras nunhas furnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do seu praceiro/a favorito no mercado. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; o Xefe Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña; e Nuria Zaché, de Panadería Nuria, encargada de ser a "man inocente" que seleccionou as papeletas premiadas. Finalmente, resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: María del Mar Felípez Lafuente; 2º Premio, vale de 50 euros: Sr. Pena; 3º Premio, vale de 25 euros: Nieves España Rodríguez.

Os voceiros dos grupos municipais estudan a documentación que rexerá a concesión do servizo de recollida de lixo

PRÓXIMA XUNTANZA: O MARTES 31 DE XANEIRO

Os voceiros dos grupos municipais estudan a documentación que rexerá a concesión do servizo de recollida de lixo

Xoves 19 de xaneiro do 2012

A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza entre os voceiros dos grupos políticos municipais na que se valoraron e estudaron os documentos que rexerán o Concurso para a Concesión do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo. A documentación está dividida en catro epígrafes (Regulamento de Servizos, Estudo Económico-financeiro, Prego de cláusulas técnicas e Prego de cláusulas administrativas particulares) e conta cun total de 231 páxinas que foron analizadas coa axuda do asesor José Antonio González Ferreira e de varios técnicos municipais ante a presenza do Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o voceiro do grupo do BNG e Concelleiro de Xestión Municipal, Xosé Regueira; o voceiro do PP, Alberto Sueiro; o de TEGA, Manuel Andrade; e o do PSOE, José Antonio Viña. Segundo explica a Concelleira de Contratación foi unha xuntanza de traballo na que se expuxeron as principais claves do prego de condicións. Porén, será preciso celebrar unha nova reunión -marcada para o martes 31 de xaneiro- polo que finalmente a aprobación do prego non se incluirá nos asuntos da sesión plenaria ordinaria de xaneiro.

O programa dos Venres Culturais principia co ciclo En Familia e "Pío", de Caramuxo Teatro

DOMINGO 22 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS

O programa dos Venres Culturais principia co ciclo En Familia e "Pío", de Caramuxo Teatro

Mércores 18 de xaneiro do 2012

O programa dos Venres Culturais 2012 principia o domingo 22 de xaneiro cunha aposta do ciclo En Familia, dirixida especialmente aos máis cativos e cativas. Trátase de "Pío", de Caramuxo Teatro, unha historia chea de humor e tenrura sobre un pequeno paxaro que nace só, na fraga, sen ninguén a quen seguir. O cativo Pío coñecerá na súa aventura a unha morea de animais que viven no bosque e descubrirá que non é un peixe, nin un coelliño, nin tampouco unha toupa. Caramuxo é unha compañía de teatro infantil que naceu na Coruña no ano 2003. Desta volta presenta un espectáculo para toda a familia (especialmente para nenos e nenas maiores de tres anos) que mistura o teatro de actor e de monicreques cunha coidada estética e uns bonecos deseñados polo Premio Nacional de Ilustración, Óscar Villán, que farán as delicias do público e nos que está presente o carácter poético que pretenden plasmar nas súas producións. O auditorio do Pazo da Cultura acolle este espectáculo -incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios- ás 18.00 horas. A duración prevista é de 45 minutos e o prezo da entrada para os espectadores que non conten co Bono En Familia, é de 2,5 € (2 € con desconto).

Un total de once establecementos participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo

O CONCURSO CELEBRARASE DURANTE A TEMPADA DE PRIMAVERA

Un total de once establecementos participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo

Martes 17 de xaneiro do 2012

Un total de once establecementos carballeses -os once que se presentaron á convocatoria- participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Súmanse aos 25 que aproveitaron a primeira fase deste plan desenvolvida en 2011 e que ten o obxectivo final de mellorar a imaxe comercial destes establecementos. Así, cada un dos locais participantes poderá contar cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elaborará un dossier no que se analizarán a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto. Os representantes dos negocios que forman parte desta segunda fase mantiveron o pasado 12 de xaneiro unha xuntanza cos responsables da consultora encargada de realizar os estudos, que nestes momentos xa está traballando na análise de situación, a diagnose e as visitas personalizadas a cada local. Unha vez rematados os estudos, os 36 establecementos (os da primeira fase e a segunda) participarán nun Concurso de Escaparatismo que se desenvolverá para potenciar a tempada de primavera, a partir de marzo.

Novo paso nos trámites para poñer en marcha o Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

LUZ VERDE PARA A PROGRAMACIÓN DOS VENRES CULTURAIS

Novo paso nos trámites para poñer en marcha o Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

Luns 16 de xaneiro do 2012

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria o expediente de contratación para a "Redacción do proxecto de mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O procedemento empregado é o de negociado con publicidade cun número mínimo de cinco candidatos aos que se invitará a presentar unha oferta. O prezo do contrato de servizos ascende a 94.362,24 euros e teranse en conta aspectos como a oferta económica ou a redución do prazo. O "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" ten un orzamento global de 4.145.796,5 euros, dos cales 2.902.057,59 euros serán achegados por fondos Feder. Supón o desenvolvemento de actuacións para repartir a presión da auga entre os ríos Anllóns e Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. Esta iniciativa mellorará considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais da protección do Anllóns en situacións de seca.

Unha vintena de espectáculos e actividades de música, arte, fotografía ou teatro conforman os Venres Culturais 2012

ENTRE O 22 DE XANEIRO E O 30 DE ABRIL

Unha vintena de espectáculos e actividades de música, arte, fotografía ou teatro conforman os Venres Culturais 2012

Venres 13 de xaneiro do 2012

Música, arte, fotografía, documentais ou teatro son algúns dos contidos das preto de 20 actividades que conforman o programa dos Venres Culturais 2012, que se distribúen entre o 22 de xaneiro e o 30 de abril. Como é habitual, boa parte dos espectáculos están dedicados aos máis cativos e cativas co ciclo En Familia que conta con catro citas nas que os monicreques, o teatro e a sempre demandada maxia son protagonistas. As funcións principian o 22 de xaneiro ás 18.00 horas con Caramuxo Teatro e "Pío", unha historia chea de humor e de tenrura sobre un pequeno paxaro que nace só na fraga, sen ninguén a quen seguir. En Familia continúa o domingo 12 de febreiro coa "Nana para un soldado" de Ghazafelhos Teatro, tamén ás 18.00 horas. Na obra, dous soldados inimigos coinciden na fronte e deberán deixar de lado as súas diferenzas para facerse cargo do nacemento dun neno. A maxia é a protagonista o domingo 4 de marzo co Mago Xacobe e os seus "13 anos de maxia". E o 25 de marzo En Familia pecha con Baobab Teatro e os seus "Fíos", monicreques para viaxar, soñar e namorarse. Para este ciclo está dispoñible un bono de 8 € (6 € con prezo reducido). Máis información no 981 704 300 ou nas oficinas do 1º andar do Pazo da Cultura.

Compartir: