Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobado por unanimidade do pleno o repintado das prazas de estacionamento da rúa Fábrica

MODIFICARASE O CARRIL BICI NA TRAVESÍA DE MALPICA

Aprobado por unanimidade do pleno o repintado das prazas de estacionamento da rúa Fábrica

Martes 27 de decembro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de decembro supuxo a aprobación, por unanimidade de todos os membros da corporación, da creación de prazas de estacionamento en batería na Rúa Fábrica -en lugar dos aparcadoiros en liña existentes- naqueles lugares onde non sexa necesaria a realización de obra algunha para suprimir o carril bici. Así, a modificación realizarase a través do repintado da calzada, xa que o desenvolvemento de traballos ulteriores podería prexudicar ás canalizacións existentes. Así mesmo, na avenida de Malpica, no treito que transcorre entre a glorieta de Ponte da Pedra e ata a gasolineira, realizaranse modificacións no carril bici. Neste caso, as prazas de estacionamento pasarán a estar situadas a carón das beirarrúas, mentres que o carril bici pasará a estar emprazado á beira do carril de circulación de vehículos, ao contrario de como está nestes momentos. Refrendouse así un acordo adoptado nunha xuntanza de voceiros dos grupos municipais celebrada o 15 de decembro, un asunto que se presentou no pleno a través dunha moción de TEGA, moción que non chegou a ser votada na súa literalidade e que foi substituída pola proposta xa acordada na reunión. O Concello xa mantivo conversacións coa empresa responsable para que se realicen os cambios tan pronto sexa posible.

O Nadal Pequespectacular remata coa maxia de Cayetano Lledó e a tenra historia de Konrad

XOVES 29 E VENRES 30 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

O Nadal Pequespectacular remata coa maxia de Cayetano Lledó e a tenra historia de Konrad

Martes 27 de decembro do 2011

A compañía galega Sarabela Teatro é a encargada de poñerlle fin ao Nadal Pequespectacular, e case ao ano, o venres 30 de decembro ás 18.00 horas. Presentan "Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas" (na imaxe), unha proposta que pon de manifesto as contradiccións e a hipocrisía da contorna social, nunha fantasía marabillosa que explora se é mellor ou non facer o que se espera de un. Imaxinas vivir cun neno que diga sempre "si" a todo e que ademais non saiba xogar? Que aburrimento! Claro que esa clase de mozos tan só poden ser feitos nunha fábrica ou por un ordenador. Pois iso ocorreulle en certa ocasión a unha pobre muller maior, a quen todo o mundo cría un pouco tola e que aseguraba ter recibido un neno na mesmísima porta da súa casa. Non o podes crer? Pero se ata din que se chama Konrad, un cativo "feito a medida". A cita, no auditorio do Pazo da Cultura, custa 3,5 € (2,5 € con desconto). Pero antes do peche, hai que lembrar que o xoves 29 chega o Mago Cayetano Lledó para deixar abraiados aos cativos e cativas cos seus números de ilusionismo. A cita tamén é ás 18.00 horas e custa 2,5 € (2 con desconto).

Os trogloditas de Tanxarina e o escritor Máximo Toxo de Talía únense na programación do Nadal Pequespectacular

MARTES 27 E MÉRCORES 28 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

Os trogloditas de Tanxarina e o escritor Máximo Toxo de Talía únense na programación do Nadal Pequespectacular

Luns 26 de decembro do 2011

Despois da estrea o luns 26 do Nadal Pequespectacular con "Zapatos", unha cita de Caramuxo Teatro dirixida a cativos e cativas de 1 a 4 anos, a programación continúa o martes 27 e o mércores 28 cos monicreques da compañía Tanxarina e cunha comedia de Talía Teatro, ambas para nenos e nenas maiores de 4 anos. A primeira proposta son os "Trogloditas" da compañía de Redondela Tanxarina Títeres. Durante 50 minutos dous lanzadores de menhires, un levantador de pedras ou un faquir que atravesa o seu corpo cun tronco, fan a delicia do público asistente, divertindo a grandes e pequenos, e mesturando os monicreques coa intervención actoral dos tres personaxes condutores da representación. O auditorio coñece a través do humor e dos monicreques o modo de vida dos homes e mulleres das cavernas, pero cun visión moi particular. O espectáculo está dirixido a un auditorio limitado de 250 espectadores. A cita é a partires das 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e o prezo é de 2,5 € (2 € con desconto). Máis información, no 1º andar do Pazo da Cultura de 11.00 a 13.00 horas ou no teléfono 981 704 300.

Tres premiadas con vales de 150 euros no sorteo da campaña "Este inverno presume de praceiro/a"

HABERÁ UNHA NOVA RIFA O 20 DE XANEIRO DE 2012

Tres premiadas con vales de 150 euros no sorteo da campaña "Este inverno presume de praceiro/a"

Venres 23 de decembro do 2011

O Mercado Municipal vén de acoller un dos dous sorteos que se levarán a cabo dentro da campaña "Este inverno presume de praceiro/a. Escolle o teu preferido/a túa preferida", posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas furnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; o Xefe Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña; e Jesús Manuel Costa Cabeza, de Carnicería Costa, elixido como "mellor praceiro" polos clientes do mercado na anterior campaña celebrada en 2010 e encargado de ser a "man inocente" que seleccionou as papeletas premiadas. Finalmente, resultaron elixidas 3 gañadoras: 1º Premio, vale de 75 euros: María Dolores Rodríguez Varela; 2º Premio, vale de 50 euros: Marta Mariño Louzao; 3º Premio, vale de 25 euros: María Pallas López.

Un "Caleidoscopio" escultórico que reflicte "a realidade visible e a invisible": en forma de exposición no Pazo da Cultura

DE 18.00 A 21.00 HORAS ATÉ O 23 DE XANEIRO

Un "Caleidoscopio" escultórico que reflicte "a realidade visible e a invisible": en forma de exposición no Pazo da Cultura

Venres 23 de decembro do 2011

A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 23 de xaneiro a mostra "Caleidoscopio", na cal os alumnos e alumnas do Ciclo de Escultura da Escola de Artes Mestre Mateo propoñen miradas variadas ao material escultórico, sexa a pedra, a madeira, o metal, o barro, o xeso, ou o poliespan. O resultado desta mirada caleidoscópica é unha variedade de obras que, aínda que partindo dos mesmos materiais e coas mesmas orientacións docentes, ofrécennos interpretacións volumétricas totalmente distintas entre si. A artista carballesa Chiña Costa Valiña é unha das autoras desta exposición colectiva, na que traballaron tamén Beatriz Suárez Saá, Dai dos Santos, Francisco Porto Paredes, Hadrián Rei García, Jesús Pérez Paz, Manuel López Vázquez e Óscar Bonigno Santa Cruz. Segundo Chiña, a mostra é froito do traballo realizado en común por este colectivo durante dou anos, tendo como nexo común "a realidade visible e invisible á que pertencemos". Durante a inauguración da exposición, os propios artistas levaron a cabo unha performance poético musical da que desfrutaron os asistentes. Tamén estiveron na cita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e outros membros da corporación.

Os traballos para a creación dunha praza pública en Sofán comezarán a primeiros de 2012

DEBATE SOBRE NOVAS MODIFICACIÓNS PARA A TRAVESÍA DE MALPICA

Os traballos para a creación dunha praza pública en Sofán comezarán a primeiros de 2012

Venres 23 de decembro do 2011

A corporación carballesa celebra o luns 26 de decembro ás 20.30 horas unha sesión plenaria -a número 15 do ano 2011- na que está previsto que compareza o Concelleiro delegado de Obras e Servizos, Luís Lamas, para presentar o informe trimestral sobre os traballos contratados ou en execución neste período. Nesta relación hai que subliñar que o pasado 15 de decembro asinouse o contrato para a construción dunha praza pública en Sofán, polo que está previsto que os traballos comecen a primeiros de 2012. Este proxecto está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) de 2011 e é unha actuación que xorde a raíz dunha iniciativa veciñal presentada ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá pola Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. O prezo de adxudicación é de 160.219,37 euros. Tamén hai que dar conta do remate da Escola Infantil Municipal de "A Braña", situada na contorna da estrada de Razo e que está previsto que entre en funcionamento no primeiro trimestre de 2012. Tan só resta nestes momentos o equipamento de parte do mobiliario das aulas que corre a cargo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O Nadal Pequespectacular principia cos "Zapatos" da compañía Caramuxo Teatro

LUNS 26 DE DECEMBRO ÁS 17.30 E 18.30 HORAS

O Nadal Pequespectacular principia cos "Zapatos" da compañía Caramuxo Teatro

Venres 23 de decembro do 2011

O xa consolidado programa de actuacións Nadal Pequespectacular que ten lugar no Pazo da Cultura, reúne propostas de diversos formatos e estilos e para todos os públicos. Este ano comeza logo da fin de semana de Noiteboa e o Nadal, atendendo especialmente aos cativos e cativas como protagonistas, e culminando coa tradicional Chocolatada o día 30 a partir das 19.30 horas, na Ludoteca Municipal (con convite previo), nunha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos. Pero o programa de actuacións comeza o luns 26 cunha proposta de Caramuxo Teatro titulada "Zapatos". Trátase dun espectáculo destinado ao público máis novo, de 1 a 4 anos, e narra as historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono, de todos os tamaños e cores. Así, unha moza é a encargada de coidalos e darlles a benvida ao lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde compartir emocións con esa bela bailarina, Pequecho e os seus irmáns, cos namorados, co Sol e coa Nube, e con centos de compañeiros. Este espectáculo ten dúas funcións, unha ás 17.30 e outra ás 18.30 horas, cun aforo limitado de 80 persoas por cada función. O prezo é de 2,5 € (2 € con desconto).

Varios lugares de Lema, Rebordelos, Noicela e Razo contan cunha nova infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G

INTERESADOS/AS: CONTACTAR CON TELEFÓNICA-MOVISTAR

Varios lugares de Lema, Rebordelos, Noicela e Razo contan cunha nova infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G

Xoves 22 de decembro do 2011

Os núcleos de poboación da Vespilleira (parroquia de Noicela), Borrazás (Noicela), Carballedo (Rebordelos), O Outeiro (Lema), O Seixo (Lema), Santa Mariña (Razo) e Pardiñas (situado entre as parroquias de Lema e Razo), xa contan co servizo dunha nova infraestrutura de telefonía e banda ampla móbil 3G. Esta actuación foi realizada por Telefónica-Movistar dentro do Plan de Banda Ampla 2010-2013 da Xunta de Galicia e ofrece acceso inmediato a un amplo conxunto de servizos en liña que permiten navegar por Internet e efectuar accións como solicitar cita médica, executar trámites administrativos, ou mercar a través do comercio electrónico, así como poñer en marcha novas formas de comunicación e novas alternativas de lecer e entretemento. Así mesmo, o servizo tamén poderá servir para acometer a modernización empresarial dos negocios da zona e mellorar as súas plataformas tecnolóxicas. Os interesados e interesadas en contratar o servizo, poden facelo en calquera punto de venda de Telefónica_Movistar de Carballo onde poderán obter información polo miúdo sobre a conexión e resolver calquera dúbida que poidan ter.

O Tribunal Supremo desestima o recurso de casación presentado polo Concello e ratifica a anulación do PXOM de 2003

VOLVEN REXER AS NORMAS URBANÍSTICAS SUBSIDIARIAS DOS ANOS 80

O Tribunal Supremo desestima o recurso de casación presentado polo Concello e ratifica a anulación do PXOM de 2003

Martes 20 de decembro do 2011

Acaba de facerse público que o Tribunal Supremo desestima o recurso de casación presentado polo Concello de Carballo contra a sentenza emitida en 2007 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) referente ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado en 2003. Así, naquel momento o TSXG resolvera a anulación do planeamento, unha anulación que ratifica agora o Supremo mantendo como principal argumento que, aínda que a por entón Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda (CPTOPV) emitira un informe denominado como "favorable" para o PXOM de 2003, "as observacións contidas en dito informe son de tal amplitude e relevancia que non parecen corresponderse cun informe favorable", subsistindo no PXOM "severos defectos que deberían impedir a súa aprobación". Como consecuencia deste argumento, o Tribunal Supremo resolve que a sentenza do TSXG "non incorre en incongruencia algunha e está debidamente motivada", polo tanto determina que "existe un defecto procedimental que acarrea a nulidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana". Coa ratificación da anulación volverán rexer no municipio carballés as normas subsidiarias aprobadas nos anos 80, aplicándose no casco urbano as de 1980 e no resto do termo municipal as de 1984.

Aprobado por unanimidade do pleno o contrato para a concesión de once novos postos do mercado municipal

LUZ VERDE PARA A ORDENANZA FISCAL DE RECOLLIDA DE LIXO

Aprobado por unanimidade do pleno o contrato para a concesión de once novos postos do mercado municipal

Martes 20 de decembro do 2011

O pleno vén de dar luz verde por unanimidade de todos os membros da corporación ao contrato administrativo especial para a 'Concesión dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo'. Mediante a celebración dun concurso aberto establecerase a adxudicación do dominio e uso público municipal para a explotación de: once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propio; seis almacéns con cámaras de frío; e cinco almacéns para outros postos, todos eles situados no mercado municipal. Aos almacéns poderán optar tanto os postos exteriores como os interiores. O prazo da concesión será de vinte anos para os once postos destinados á venda ao público e no caso dos almacéns o prazo será o mesmo que o estipulado na concesión do posto de venda ao que sexa vinculado. Non hai posibilidade de prórroga en ningún dos casos. A valoración da adxudicación inclúe, ademais do criterio económico, que supón 90 puntos, a valoración do proxecto de actividade económica que se presente, que supón 10.

Luz verde ao expediente para contratar a "Coordinación, xestión e seguimento do 'Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos'"

ADXUDICADAS AS BOLSAS DE ESTUDO E TRANSPORTE DO CURSO 2011-2012

Luz verde ao expediente para contratar a "Coordinación, xestión e seguimento do 'Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos'"

Luns 19 de decembro do 2011

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente do contrato de servizos para a "Coordinación, xestión e seguimento do 'Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos'". Os criterios de valoración das proposicións son a maior capacidade do equipo técnico e a oferta económica. O prezo do contrato é de 58.996,13 euros. Con este trámite dase un paso máis de cara á posta en marcha desta iniciativa que conta cun orzamento global de 4.145.796,5 euros e que recibirá financiamento europeo a través dos fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) cunha achega de 2.902.057,59 euros. As axudas europeas estipulan que os traballos deben comezar no ano 2012. O obxectivo do proxecto é a ampliación e mellora do subministro de auga potable de Carballo repartindo a presión da auga entre os ríos Anllóns e Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Está prevista a creación dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e da rúa Vila de Corcubión da capital municipal. O proxecto mellorará o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais do caudal ecolóxico e a protección do Anllóns en situacións de seca.

O Ministerio de Educación concede ao IES Parga Pondal unha agrupación ARCE para desenvolver o seu proxecto de convivencia

ÚNICO OUTORGADO EN GALICIA NO SEU ÁMBITO

O Ministerio de Educación concede ao IES Parga Pondal unha agrupación ARCE para desenvolver o seu proxecto de convivencia

Sábado 17 de decembro do 2011

O Ministerio de Educación vén de conceder unha axuda ao IES Isidro Parga Pondal de Carballo para a realización dunha agrupación ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos), según consta no BOE (Boletín Oficial do Estado) publicado o luns 28 de novembro de 2011. Este proxecto leva o título "Redes para convivir en positivo" e foi o único concedido en toda Galicia na temática de Convivencia nos Centros Educativos. Esta agrupación implica traballar en colaboración con centros doutras comunidade autónomas, o que suporá que durante os cursos 2011-2012 e 2012-2013 o IES Parga Pondal colaborará con centros de ensino de Tordesillas (Valladolid), Huete (Cuenca), Hornachos (Badajoz), Puçol (Valencia), Jandía (Fuerteventura) para desenvolver aspectos relacionados coa convivencia. Uns 20 alumnos/as exercerán de mediadores/as e visitarán nestes dous anos, acompañados de profesorado, cada un dos centros incluídos no proxecto, e, asemade, en Carballo acollerase a nenos e nenas dos outros centros da Agrupación. Estas mobilidades son posibilidades de enriquecemento cultural e persoal, ademais dunha oportunidade para o centro, para o profesorado e para o alumnado de coñecer realidades educativas distintas ás súas.

Compartir: