Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Oito centros de ensino participaron na Carreira da fase local de Campo a través no Parque empresarial de Bértoa

MÁIS DE 750 RAPACES E RAPAZAS

Oito centros de ensino participaron na Carreira da fase local de Campo a través no Parque empresarial de Bértoa

Mércores 30 de novembro do 2011

Os rapaces e rapazas dos centros de ensino IES Parga Pondal e CEIP A Cristina coparon os primeiros postos da Carreira da fase local de campo a través que vén de celebrarse no circuíto situado no Parque Empresarial de Bértoa, con oito e sete podios respectivamente. O Colexio Artai e o CEIP Bergantiños colocaron a catro e tres dos seus corredores entre os tres primeiros postos, mentres que o CEIP Fogar e o Xesús San Luís Romero acadaron un podio cada centro. En total contabilizáronse 752 participantes, un 25 por cento mais dos 602 que correron na proba na edición de 2010. Os atletas son alumnos e alumnas de oito centros de ensino carballeses: os CEIP A Cristina (con 89 corredores), Bergantiños (con 133), Fogar (con 72), Gándara-Sofán (con 47), Nétoma-Razo (con 39) e Xesús San Luis Romero (con 32 corredores); o IES Parga Pondal (con 185) e o Centro Artai (con 133 corredores). A proba foi organizada polo Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo dentro do programa DXT na Escola, coa colaboración co Servizo Provincial de Deportes e da Federación Galega de Atletismo. Contribuíron á celebración da cita a Deputación da Coruña e as empresas Begano e CCB Haley.

Luz verde no pleno ao Plan de Obras e Servizos (POS) para 2012 por un importe que supera os 670.000 euros

QUEDA SOBRE DA MESA O CONTRATO DOS POSTOS DO MERCADO

Luz verde no pleno ao Plan de Obras e Servizos (POS) para 2012 por un importe que supera os 670.000 euros

Martes 29 de novembro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro supuxo a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012, que ten un importe de 672.191,75 euros. As bases deste plan da Deputación permiten que o 60 por cento da achega se destine a gasto corrente e precisamente a este último apartado destinaranse 392.456 euros do total, reservándose 279.735,75 a investimentos. Os proxectos incluídos no POS 2012 refírense á dotación de saneamentos e a melloras viarias. Así, os proxectos incluídos son: rede de saneamento na parroquia de Rus por 96.590,27 euros; rede de saneamento na parroquia de Artes por 68.312,67 euros; e o rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Berdillo, Rúa e Entrecruces por 114.832,81 euros. O acordo inclúe tamén a aprobación do Plan Complementario, que se realizaría coas posibles baixas derivadas da adxudicación dos traballos do POS. Neste caso, destinaríase a unha Rede de saneamento en Pedra Furada por 38.527,37 euros. A maioría da corporación tamén acordou na sesión plenaria o visto e prace definitivo para a modificación da Ordenanza fiscal número 11 reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos, despois de terse cumprido o período de alegacións.

Máis de 750 rapaces e rapazas participan na carreira de campo a través que ten lugar no Parque Empresarial de Bértoa

MÉRCORES 30 DE NOVEMBRO A PARTIRES DAS 10.00 HORAS

Máis de 750 rapaces e rapazas participan na carreira de campo a través que ten lugar no Parque Empresarial de Bértoa

Luns 28 de novembro do 2011

O mércores 30 de novembro a partires das 10.00 horas o Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo, dentro do programa DXT na Escola e en colaboración co Servizo Provincial de Deportes da Coruña, e da Federación Galega de Atletismo organizan unha proba da fase local de Campo a través no circuíto situado no Parque Empresarial de Bértoa. Está previsto que tomen parte un total de oito centros de ensino do Concello de Carballo: os CEIP A Cristina (con 89 corredores), Bergantiños (con 133), Fogar (con 72), Gándara-Sofán (con 47), Nétoma-Razo (con 39) e Xesús San Luis Romero (con 32 corredores); o IES Parga Pondal (con 185) e o Centro Artai (con 133 corredores), que fan un total de 752 participantes, un 25 por cento mais dos 602 que correron na proba na edición de 2010, o que é unha boa mostra do éxito desta actividade. Está previsto que participen atletas das seguintes categorías, masculina e feminina: Benxamín, nados nos anos 2004-2003; Alevín, nados nos anos 2002-2001; Infantil, nados nos anos 2000-1999; e Cadetes, nados nos anos 1998-1997. Esta cita tamén conta coa colaboración da Deputación da Coruña, ademais das empresas Begano e CC Bergantiños Haley.

Carballo acolle o Feirón de Outono o domingo 30 de outubro coa celebración do IV Concurso de Produtos do Agro

A EXPOSICIÓN "CARBALLO 1836-2011": NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Carballo acolle o Feirón de Outono o domingo 30 de outubro coa celebración do IV Concurso de Produtos do Agro

Sábado 26 de novembro do 2011

O Concello de Carballo acolle o domingo 30 de outubro a celebración do Feirón de Outono, unha cita enmarcada dentro do programa de Feiróns de Tempada que se puxo en marcha no verán de 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras e mercados tradicionais. Desta volta, o atractivo principal da cita é a celebración do IV Concurso de Produtos do Agro, que terá lugar nunha carpa situada na Praza do Concello en horario de 9.30 a 14.00 horas. Como en edicións anteriores, o obxectivo é dar a coñecer e poñer en valor os produtos de tempada, así como apostar polo seu consumo e pola súa produción e elaboración tradicional. O concurso inclúe tres categorías de premios: ao produto máis chamativo, á mellor cesta de produtos hortofrutícolas e á mellor cesta de produtos elaborados. Cada unha delas está premiada coa adquisición de produtos por valor de 100 euros que posteriormente se doarán a comedores de entidades benéficas locais. Así mesmo, no programa dos Feiróns de Tempada sempre está presente a oferta de 'Merca-do bo', unha iniciativa na que se potencian os hábitos de vida saudable co consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica.

O pleno aborda a aprobación do contrato para tramitar a concesión de once novos postos do mercado municipal

A ACHEGA PREVISTA PARA O POS É DE 672.000 EUROS

O pleno aborda a aprobación do contrato para tramitar a concesión de once novos postos do mercado municipal

Venres 25 de novembro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro conta entre os asuntos da orde do día coa aprobación do contrato administrativo especial para a 'Concesión administrativa dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo'. Así, mediante concurso aberto establecerase a adxudicación do dominio e uso público municipal para a explotación de: once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propio; seis almacéns con cámaras de frío; e cinco almacéns para outros postos, todos eles situados no mercado municipal. Aos almacéns poderán optar tanto os postos exteriores como os interiores. O prazo da concesión será de vinte anos (sen posibilidade de prórroga) para os once postos destinados á venda ao público de produtos de consumo propios; en cambio, no caso dos almacéns o prazo será o mesmo que o estipulado na concesión do posto de venda ao que sexa vinculado, tamén sen posibilidade de prórroga. No mesmo pleno está previsto, así mesmo, abordar a aprobación da modificación da Ordenanza fiscal número 11 reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos. No seu momento presentouse unha única alegación que foi desestimada, polo que a corporación pode agora acordar o seu visto e prace definitivo.

A Feira das Asociacións congrega a 20 entidades para defender a eliminación da violencia contra as mulleres

DOMINGO 27 DE NOVEMBRO NO SEGUNDO ANDAR DO MERCADO

A Feira das Asociacións congrega a 20 entidades para defender a eliminación da violencia contra as mulleres

Xoves 24 de novembro do 2011

Ademais da exposición "Anónimas", presente no Pazo da Cultura até o 30 de novembro, e da celebración de obradoiros entre os mozos e mozas do Concello, a Concellaría de Igualdade organiza o domingo 27 unha cita xa tradicional no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de novembro), como é a Feira das Asociacións. Esta actividade vénse realizando desde 2004 co obxectivo de sensibilizar á poboación acerca da violencia de xénero e do labor que desempeñan as asociacións que traballan a prol da igualdade da muller. Este ano participan na feira arredor de 20 entidades, destacando as que traballan pola igualdade de xénero, como Mulleralia ou o propio Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo. A cita conta, ademais, cunha novidade, xa que esta edición desenvólvese no segundo andar do mercado municipal. A feira estará aberta de 11.00 a 14.00 horas, aínda que a inauguración está prevista para as 12.00, e contará coa presenza de Pilar González, Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno. Estará arroupada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; pola Concelleira de Igualdade, Silvana Castro; e por representantes das forzas de seguridade: Garda Civil e Policía Local. Está prevista, así mesmo, a lectura da Declaración institucional con motivo do 25 de novembro de 2011.

O Concerto do Conservatorio carballés, a música de autor, as corais e o ciclo En Familia: no Novembro con música

ENTRE O XOVES 24 E O DOMINGO 27 NO PAZO DA CULTURA

O Concerto do Conservatorio carballés, a música de autor, as corais e o ciclo En Familia: no Novembro con música

Mércores 23 de novembro do 2011

O xoves 24 de novembro continúan as actividades do programa Novembro con Música 2011 cun Concerto extraordinario do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, unha oportunidade única de gozar co traballo que os alumnos e profesores desenvolven neste centro educativo musical ao longo do curso académico. Esta cita, que comeza ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura (con entrada libre), contará coa participación da solista Julia Arca, da Orquestra Xuvenil de Corda e da Big Band do Conservatorio de Carballo. O espectáculo principa coa intervención de Julia Arca, unha alumna de 6º de Grao Profesional de violín. Esta estradense e coruñesa de adopción, asiste ás clases de violín co mestre Eduardo Coma (violinista de Luar na Lubre) e rematará este ano os seus estudos en Carballo. Logo da actuación de Julia Arca é a quenda da Orquestra Xuvenil de Corda do Conservatorio, dirixida polo mestre Juan Otero, que interpretará unha serie de temas de distintas épocas e estilos musicais. O remate pono unha das formacións máis veteranas do conservatorio, a Big Band, unha formación clásica con inspiracións da música dos anos 40, 50 e 60, cun estilo musical moi definido que tira cara a sons bailables e moi ligados aos EE.UU.

Técnicos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar inspeccionan a nova Escola Infantil para a súa futura posta en funcionamento

TAN SÓ FALTA PARTE DO EQUIPAMENTO E A DOTACIÓN DE PERSOAL

Técnicos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar inspeccionan a nova Escola Infantil para a súa futura posta en funcionamento

Martes 22 de novembro do 2011

Varios técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar inspeccionaron o luns 21 de novembro pola tarde as instalacións da nova Escola Infantil Municipal para avanzar na súa futura posta en funcionamento. Así, comprobaron a recepción das obras, e que o edificio xa está dotado con todos os equipos sanitarios, de cociña e incluso de mobiliario necesarios, incluíndo taquillas, baños, cámaras de frío, etc. Tamén están instaladas as medidas necesarias para garantir o benestar dos cativos e cativas da escola infantil, como son os dispositivos de seguridade das portas. Así, tan só resta que por parte do Consorcio de Igualdade e Benestar se achegue o mobiliario correspondente ás aulas e salas de profesores, así como o material didáctico necesario para abrir as instalacións. Así mesmo, o Consorcio tamén é o organismo responsable de realizar a selección de persoal. Nestes momentos, o Concello carballés xa ten cumprido con todos os requisitos para a posta en marcha do servizo, e a partir de agora os prazos de apertura dependen do organismo autonómico. Hai que lembrar que esta segunda Escola Infantil Municipal está situada na contorna da urbanización de Riotorto na estrada de Razo, nunha parcela de 2.500 metros cadrados, e que terá capacidade para 102 prazas.

Avanzan os trámites para poder contratar as actuacións do proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

ADXUDICADAS AS OBRAS PARA CREAR UNHA PRAZA PÚBLICA EN SOFÁN

Avanzan os trámites para poder contratar as actuacións do proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable

Luns 21 de novembro do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o traslado da solicitude e da documentación do "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos", ao servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para poder proceder á tramitación do informe ambiental e avanzar así na contratación dos traballos desta actuación, que ten como obxectivo a ampliación e mellora do subministro de auga potable de Carballo. Esta iniciativa conta cunha axuda de 2.902.057,59 euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e ten un orzamento global de 4.145.796,5 euros. O proxecto, elaborado por Valora Consultaría e Innovación, suporía repartir a presión da auga entre o río Anllóns e o Bardoso, facendo a captación dende dúas canles. Estaría prevista a creación dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable) no río Bardoso e a construción dun depósito regulador intermedio entre o actual depósito do Paraíso (en Berdillo) e o situado na rúa Vila de Corcubión da capital municipal. Está previsto que esta iniciativa mellore considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais do caudal ecolóxico e a protección do Anllóns en situacións de seca, e que achegue aos veciños e veciñas información dos sistemas fluviais e proporcione educación ambiental en materia do ciclo da auga.

Os alumnos de 1º de Bacharelato de Carballo participan nos obradoiros "Ops! (o português simple)"

22, 23 E 29 DE NOVEMBRO EN HORARIO LECTIVO

Os alumnos de 1º de Bacharelato de Carballo participan nos obradoiros "Ops! (o português simple)"

Luns 21 de novembro do 2011

Os días 22, 23 e 29 de novembro, o alumnado de 1º de Bacharelato dos institutos Alfredo Brañas e Parga Pondal de Carballo participarán nos obradoiro "Ops! (O português simple)", unha actividade que ten por obxectivo principal mostrarlles aos alumnos e ás alumnas participantes que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués. O martes 22 haberá tres sesións no IES Isidro Parga Pondal, con tres grupos diferentes de 1º de Bacharelato. A primeira sesión ten lugar ás 10.40 hoiras, a segunda ás 12.50 e a terceira, xa pola tarde, ás 16.40 horas. Cada unha das sesións dura 100 minutos. O mércores 23 ten lugar a primeira das sesións no IES Alfredo Brañas (na imaxe), ás 12.50 horas Posteriormente, o martes 29, desenvolverase o último dos obradoiros en Carballo, tamén no Alfredo Brañas, e ás 9.00 horas. Estes obradoiros, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, serán desenvoltos por monitorado da Asociación Galega da Lingua (Agal). As diferentes sesións serán dinámicas, divertidas e participativas.

A Brigada de Medio Ambiente limpa o Paseo do Anllóns e leva a cabo a poda de varias árbores

RETIRADOS CATRO NOVOS VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente limpa o Paseo do Anllóns e leva a cabo a poda de varias árbores

Venres 18 de novembro do 2011

A Brigada de Medio Ambiente de Carballo está realizando traballos de limpeza no Paseo do Anllóns, retirando a herba e a maleza para evitar que invada o firme. Así mesmo, veñen de rematar os labores para limpar as marxes do río ao seu paso polo Parque do Anllóns, especialmente a maleza que xorde entre as pedras que cubren a canle, ou árbores como salgueiros ou ameneiros que medran de xeito incontrolado. Así mesmo, nos últimos días levouse a cabo a poda de varias árbores, ben para que non invadiran propiedades privadas, ben por motivos de seguridade. No marco destas actuacións téñense podado os umeiros situados no patio do CEIP Bergantiños da capital municipal, que tiñan 25 metros de altura e que podían causar problemas ao medrar por riba do pavillón municipal anexo ao centro escolar. Coa axuda do camión, limpáronse as ramas e rebaixouse a súa altura a 6 metros. Tamén se podaron dous castiñeiros e unha nogueira en Entrecruces xa que estaban invadindo a rede do alumeado público co conseguinte perigo, especialmente en inverno polo risco de temporais. Por último, podáronse dous carballos na parroquia de Bértoa, nos arredores das instalacións de Cafés Lúa, para evitar que invadiran unha propiedade privada.

As agrupacións corais cobran protagonismo na segunda fin de semana do Novembro con Música

SÁBADO 19 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS

As agrupacións corais cobran protagonismo na segunda fin de semana do Novembro con Música

Venres 18 de novembro do 2011

O programa do Novembro con Música 2011 dedica a súa segunda fin de semana á música coral co tradicional festival que ten lugar o sábado 19 de novembro. Xa é un clásico desta cita, no que participan tres das agrupación vogais máis importantes de Carballo e, no caso dalgunha como a Coral Polifónica de Bergantiños, a súa fama traspasa, desde hai anos, as fronteiras de Galicia e incluso de España. Este mes, dedicado á música e a actividades vinculadas a ela, organízase desde o Concello de Carballo -a través da Concellería de Cultura- coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña. As tres agrupacións participantes neste festival son a Agrupación Polifónica de Carballo, o Coro Aires de Bergantiños e a Coral Polifónica de Bergantiños (na imaxe). A cita é de balde ata completar o aforo a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Así mesmo, hai que lembrar que o xoves 24 de novembro ten lugar o Concerto extraordinario do Conservatorio Profesional de Música de Carballo no que intervirán a violinista-solista Julia Arca -alumna de 6º GP de violín-, a Orquestra Xuvenil de Corda e a Big Band do Conservatorio. A cita é tamén no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas e a entrada é libre.

Compartir: