Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Máis de 500 mozos e mozas de Primaria e Secundaria participan en obradoiros de sensibilización contra a violencia de xénero

DO 17 A 29 DE NOVEMBRO NOS CEIP E IES DE CARBALLO

Máis de 500 mozos e mozas de Primaria e Secundaria participan en obradoiros de sensibilización contra a violencia de xénero

Mércores 16 de novembro do 2011

Máis de 500 rapaces e rapazas de Primaria e Secundaria dos centros de ensino de Carballo realizarán actividades entre o xoves 17 e o martes 29 de novembro para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro desde que no ano 1999 a Asemblea Xeral da ONU escollera este día como o propio para a celebración de actividades dirixidas a sensibilizar á sociedade sobre esta problemática. A iniciativa, titulada "Medios visuais e prevención da violencia de xénero", consiste na realización de obradoiros de sensibilización e reflexión ao redor da violencia de xénero e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a través de elementos audiovisuais (vídeos, música, videoxogos, anuncios de tv, etc.) que servirán para que os rapaces e rapazas sexan capaces de analizar desde a perspectiva de xénero todos estes estímulos que día a día vemos e escoitamos en medios de comunicación ou en calquera outro elemento publicitario dirixido especificamente a mozos e mozas. Os obradoiros están dirixidos aos alumnos/as de 5º de Primaria dos CEIP e aos alumnos/as de 4º da ESO dos IES de Carballo. Tamén participan dúas asociacións sen ánimo de lucro do Concello que traballan con discapacitados e discapacitadas.

Aberto o prazo para participar no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo do Plan de Reactivación Empresarial

INSCRICIÓNS ATÉ O 2 DE DECEMBRO

Aberto o prazo para participar no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo do Plan de Reactivación Empresarial

Martes 15 de novembro do 2011

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, abre o prazo a partires do 16 de novembro e até o venres 2 de decembro para participar no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Segundo esta iniciativa, os establecementos de Carballo que sexan admitidos na proposta -ata un máximo de 25- poderán contar cun informe especializado realizado por unha consultora no que cada un dos locais participantes será obxecto dun estudo individual a partir do que se elaborará un dossier no que se analizarán a faciana, o escaparate e o interior do local, así como a colocación do produto co obxectivo de mellorar a imaxe comercial do establecemento. Os comercios seleccionaranse mediante un proceso no que primarán aspectos como a antigüidade do negocio e do titular ou a contratación de persoas con minusvalías. Os establecementos seleccionados terán tamén a opción de participar nun concurso de escaparatismo, que posibilitará aos premiados a montaxe dos seus escaparates por profesionais especializados. Para consultar as bases, premer aquí.

Xestur Coruña vén de escriturar as parcelas da ampliación do Parque Empresarial de Bértoa

XA PODE TRAMITARSE A OCUPACIÓN DOS TERREOS

Xestur Coruña vén de escriturar as parcelas da ampliación do Parque Empresarial de Bértoa

Luns 14 de novembro do 2011

Xestur Coruña (Xestión Urbanística de A Coruña), entidade responsable do desenvolvemento da ampliación do Parque Empresarial de Bértoa, vén de escriturar as parcelas do polígono, polo que os terreos están por fin a disposición dos empresarios e emprendedores que queiran instalar as súas naves. Así, agora xa é posible comezar a ocupar as 146 parcelas dispoñibles para uso empresarial e pedir hipotecas sobre elas; en definitiva, principiar o aproveitamento do parque. A finais do pasado mes de outubro, o Concello e Xestur daban outro paso fundamental de cara á posta en marcha do polígono coa sinatura da acta de recepción das obras de urbanización, o que permite que as parcelas sexan empregadas para os usos e servizos correspondentes. Pero non é até o de agora, coa formalización da escritura, cando o parque empresarial pasa a estar realmente a disposición das empresas. Nestes momentos, o Concello carballés está xestionando cinco proxectos que poderían culminar na implantación doutras tantas empresas no polígono industrial, aínda que nalgúns casos aínda resta realizar varios trámites. Hai que lembrar que esta ampliación do polígono carballés foi inaugurada hai máis dun ano e supón a incorporación á superficie actual dun total de 718.482 metros cadrados.

A exposición "No Time" de Peter Kramer e Nils Viga Hausken, reflexiona "conceptualmente" sobre o paso do tempo

ATA O 16 DE DECEMBRO NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA

A exposición "No Time" de Peter Kramer e Nils Viga Hausken, reflexiona "conceptualmente" sobre o paso do tempo

Venres 11 de novembro do 2011

"No time", unha mostra artística multidisciplinar creada por Peter Kramer (Copenhague, 1959) e Nils Viga Hausken (Stavanger, 1960), completa a programación do Novembro con Música na sala da baixocuberta (3º andar) do Pazo da Cultura. Esta exposición, que poderá visitarse en horario de 18.00 a 21.00 horas até o 16 de decembro, suxire no espectador un reaxuste da súa mirada co propósito de continuar cunha busca que comezou hai 20 anos, cando expuxeron xuntos por primeira vez nunha galería de arte de Valencia. O propio Kramer explicou na inauguración da mostra que naquel entón a diverxencia dos estilos dos dous artistas fixo que tiveran que traballar de forma conxunta. Porén, agora "traballamos por separado sen saber o que facía o outro" pero "atopamos un fío condutor", subliña Kramer. Así, exploran en dous grandes paneis enfrontados o concepto do tempo. Ambas propostas compleméntanse para converterse nunha única obra poñendo a proba a capacidade do espectador de ler entre liñas e a información que hai que descifrar, quedando só un concepto claro: o paso do tempo. "Unha proposta de arte contemporáneo", pero "en certo modo artesanal", segundo asegura Beatriz Fernández, que reflicte "o tempo como simple momento que pasa, como un pensamento, como unha historia, como unha época".

Máis de trinta agrupacións e nove concertos de todos os estilos conforman o programa do Novembro con Música 2011

O FESTIVAL DE ROCK LIVE IN CANCES ABRE AS ACTIVIDADES O VENRES 11

Máis de trinta agrupacións e nove concertos de todos os estilos conforman o programa do Novembro con Música 2011

Xoves 10 de novembro do 2011

"A cultura é unha roda interminable que ano tras ano mantén unhas determinadas citas co público", segundo afirma o Alcalde carballés, Evencio Ferrero. E na nova volta desa roda chega a quenda do Novembro con Música 2011, que ofrece nove concertos -seis organizados polo Concello e tres por diferentes entidades culturais do municipio- coa participación dun total de 31 agrupacións aglutinando unha ampla variedade de estilos que van dende a música clásica, folk, rock, coral ou de autor e que se completa don dúas exposicións. As actividades desenvólvense entre o venres 11 de novembro e o sábado 3 de decembro e os concertos son de entrada libre ata completar o aforo no Pazo da Cultura. Neste mes da música que honra a Santa Cecilia, o programa inclúe citas xa consolidadas como o 'Live in Cances' -festival rock que abre o programa o venres 11- , o concerto 'Sons de aquí', o concerto do Conservatorio Profesional de Música, o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o Concerto da Banda Municipal ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas. Hai que subliñar, así mesmo, o Concerto de Luis Pastor e Miro Casabella, coa colaboración de Uxía que serve para conmemorar os 35 anos da Asociación Lumieira e que tamén supón unha lembranza para Xosé Manuel Eirís. A cita conta coa colaboración da Deputación.

Carballo acolle o domingo 13 de novembro a I Marcha Cicloturista BTT Ruta das Férvedas

XA ESTÁN INSCRITAS ARREDOR DE 60 PERSOAS

Carballo acolle o domingo 13 de novembro a I Marcha Cicloturista BTT Ruta das Férvedas

Mércores 9 de novembro do 2011

O Club Ciclista Carballo, en colaboración co Concello de Carballo e contando coa aprobación da Federación Galega de Ciclismo organiza a I Marcha Cicloturista BTT (Bicicleta Todo Terreo) Ruta das Férvedas. O obxectivo desta actividade, segundo subliñan dende o club, é o de potenciar os recursos naturais e paisaxísticos do Concello e fomentar o ciclismo como forma de ocio. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, cre que a iniciativa axuda a "poñer énfase nun aspecto moi singular do Concello, como son as férvedas de Rus e Entrecruces". A cita é o domingo 13 de novembro coa saída prevista no Pavillón Vila de Noia da capital municipal ás 9.00 horas e coa entrega de dorsais entre as 7.30 e as 8.30 horas. A organización espera que a chegada se produza entre as 14.30 e 15.00 horas no mesmo pavillón. O percorrido, en parte por estrada (treito inicial) e en parte pola ruta de sendeirismo homologada, conta con 50 quilómetros de lonxitude, aínda que están habilitados e sinalizados dous atallos (un de 44 e outro de 38 quilómetros) para quen queira facer unha ruta máis curta. Haberá dous avituallamentos: un líquido no quilómetro 10, e outro sólido-líquido no 25. A organización informa de que xa están inscritas 60 persoas, e anima aos veciños e veciñas de Carballo e concellos veciños a que participen. A inscrición remata o xoves 10.

O Balneario de Carballo convértese por un día no centro da hidroloxía médica de Galicia

ESTUDANTES DE MEDICINA APRENDEN AS CLAVES DESTA TERAPIA

O Balneario de Carballo convértese por un día no centro da hidroloxía médica de Galicia

Martes 8 de novembro do 2011

O Balneario de Carballo convértese durante a xornada do martes 8 de novembro nun importante punto neurálxico da hidroloxía médica galega coa celebración dunhas xornadas dirixidas case en exclusiva a estudantes de Medicina nas que se reflexiona sobre as claves desta disciplina que, segundo José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia -organizadora da cita coa colaboración co Balneario- "conta cunha tradición de máis de 2.000 anos de historia". O obxectivo desta sesión monográfica, que se prolonga durante todo o día e que inclúe sesións teóricas e prácticas, é o de "abrir os balnearios aos estudantes" para que teñan contacto con eles e poidan experimentar a súa eficacia. Carro Otero subliñou durante a sesión inaugural que "a balneoterapia volve rexurdir" e que centros termais como o de Carballo "curan, pero tamén son puntos de dinamización socioeconómica nas súas zonas respectivas". O Alcalde, Evencio Ferrero, que participou no acto de apertura, afirmou que "a puxanza que ten a vila de Carballo non sería posible sen a aparición e optimización deste balneario", que deu pulo ao centro carballés. Ferrero agradeceu "a confianza depositada en Carballo" para celebrar esta cita a nivel galego e desexou aos asistentes que desfruten das instalacións e que volvan no futuro.

A Comisión de Urbanismo decide non adiantar modificacións do PXOM ata que non chegue o informe previo da Xunta

COMEZARASE COS TRABALLOS DE RECATALOGACIÓN ARQUEOLÓXICA

A Comisión de Urbanismo decide non adiantar modificacións do PXOM ata que non chegue o informe previo da Xunta

Martes 8 de novembro do 2011

A Comisión de Urbanismo e Medio Ambiente de Carballo decidiu por consenso de todos os grupos politicos da corporación -nunha xuntaza celebrada o luns 7 de novembro- non traballar en ningunha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) enviado á Xunta hai preto de dúas semanas. Nestes momentos, a administración autonómica debe emitir antes de dous meses un informe no que poden achegarse observacións ou sinalarse defectos que haxa que subsanar no documento. No momento de enviarse o PXOM, propúxose a posibilidade de adiantarse a estas posibles modificacións e avanzar na Comisión de Urbanismo de cara á aprobación inicial do planeamento. Así, as principais discrepancias entre o documento enviado e os criterios da Xunta refírense especialmente ao chan residencial ou ao desenvolvemento urbanístico en áreas afectadas polo POL (Plan de Ordenación do Litoral). Porén, na xuntanza celebrada o luns os representantes do BNG, PP, TEGA e PSOE decidiron que ata que non chegue o informe previo da administración autonómica coas súas directrices non se realizará ningunha revisión do planeamento. En todo caso, si pode avanzarse na realización doutros trámites como a recatalogación arqueolóxica, que implica o estudo exhaustivo do patrimonio municipal.

O espectáculo "Plecs" da compañía Enfila't gaña o Premio do Público do XX Festival Internacional Outono de Teatro

A PUNTUACIÓN GLOBAL DOS ESPECTADORES É DE 4,10 SOBRE 5

O espectáculo "Plecs" da compañía Enfila't gaña o Premio do Público do XX Festival Internacional Outono de Teatro

Luns 7 de novembro do 2011

O espectáculo "Plecs" (na imaxe) da compañía catalana Enfila't foi o mellor valorado polos espectadores do FIOT que tiveron a oportunidade de velo cunha puntuación de 4,56 puntos sobre 5, a máis alta das emitidas durante o festival, o que fai que esta función sexa a merecedora do Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro 2011. Ademais do recoñecemento, este premio supón que esta compañía será invitada a participar nunha vindeira edición do festival, unha vez que estree nova obra. "Plecs" é un espectáculo de teatro, circo, música e papel que a compañía de nova creación Enfila't estreou en maio de 2010 e que presentaba por primeira vez en Galicia no marco do FIOT. O espectáculo viña avalado polo seu éxito en diversos festivais celebrados en España ademais de distincións como o Premio ao mellor espectáculo de Circo de Cataluña no ano 2010. A moi curta distancia de "Plecs" situáronse os espectáculos "O florido pénsil" de Eme2/Tantakka Teatroa e "TIME al tiempo" de Ron Lalá, con 4,54 e 4,53 puntos respectivamente, sendo este último espectáculo o que foi puntuado máis alto entre quen compran un bono para todo o festival, e que seguen un sistema de puntuación independente.

Luz verde para o programa "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local"

O SERVIZO DA ANTENA LOCAL DA CÁMARA DE COMERCIO: ATA 2012

Luz verde para o programa "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local"

Luns 7 de novembro do 2011

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o contrato de subvención para sacar a diante o proxecto "Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local" incluído no programa europeo Leonardo da Vinci de aprendizaxe permanente. A concesión desta axuda, financiada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (Agencia Nacional) foi confirmada o pasado mes outubro e, cumprido este trámite na Xunta de Goberno, está previsto que a convocatoria se formalice nas próximas semanas. O obxectivo desta iniciativa é o de ofrecer prácticas profesionais no estranxeiro de 12 semanas de duración durante o ano 2012 a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, con titulación en FP ou universitaria, dispoñibles no mercado laboral carballés, con priorización daqueles que están en situación de desemprego e sen experiencia previa, así como ás mulleres e a persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, por ser os colectivos con maior problema de empregabilidade. O obxectivo desta proposta é o de mellorar os perfís e a cualificación profesional dos beneficiarios, capacitándoos para facer fronte aos novos retos laborais e ás necesidades dun mercado de traballo cada vez máis esixente no que a formación e experiencia se refire.

Asinada a acta de recepción dos traballos da nova Escola Infantil Municipal, situada na contorna da estrada de Razo

AS INSTALACIÓNS TEÑEN CAPACIDADE PARA 102 NENOS E NENAS

Asinada a acta de recepción dos traballos da nova Escola Infantil Municipal, situada na contorna da estrada de Razo

Venres 4 de novembro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar a acta de recepción das obras para a construción dunha segunda Escola Infantil Municipal na contorna da urbanización de Riotorto na estrada de Razo, nunha parcela de 2.500 metros cadrados. A nova escola infantil foi financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña polo que o organismo provincial realizou unha achega de 550.000 euros, mentres que o resto do importe foi asumido polo Concello. Os traballos foron realizados por unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supuxo no seu momento unha baixa sobre o prezo de licitación de 160.512,40 euros. O proxecto foi elaborado polo arquitecto José Villacé e seleccionado a través dun concurso de ideas. Esta nova escola intantil terá capacidade para 102 prazas e contará con dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Con este servizo complétase o ofrecido por As Landras, a escola infantil municipal que xa está en servizo e que conta con 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O Museo de Bergantiños acolle até o 31 de xaneiro a exposición "Carballo. 1836-2011", no 175 aniversario do municipio

INCLÚE A MUSEALIZACION DO RELOXO DO ANTIGO CONCELLO

O Museo de Bergantiños acolle até o 31 de xaneiro a exposición "Carballo. 1836-2011", no 175 aniversario do municipio

Venres 4 de novembro do 2011

O Museo de Bergantiños e Centro de Interpretación Turística da Costa da Morte acolle dende hoxe e até o 31 de xaneiro de 2012 a exposición "Carballo. 1836-2011". Trátase dunha mostra que presenta unha comparativa dos cambios da paisaxe e da demografía que ten vivido o Concello carballés dende a súa fundación no ano do seu 175 aniversario. Esta exposición inclúe a musealización do reloxo do antigo edificio da casa consistorial, que ao remate do período da exposición pasará a formar parte da oferta permanente do Museo de Bergantiños. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica e Xestión Municipal, Xose Regueira, fixeron un percorrido pola mostra, formada fundamentalmente, ademais de pola maquinaria do reloxo do Concello e por unha das súas antigas campás, por fotografías e documentación relacionadas coa evolución do municipio dende o seu nacemento. O material está repartido en dúas salas. Unha, dedicada a imaxes de construcións xa desaparecidas, como a antiga casa consistorial e a antiga igrexa, e que tamén conta con utensilios rescatados do antigo concello, ademais do reloxo. Outra, recolle fotografías e mapas relacionados coa evolución demográfica e urbanística da vila e do municipio.

Compartir: