Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Desastronauts presenta "Losing grip", un espectáculo que reflicte a arriscada relación de dúas persoas enriba dun trapecio

ESTREA EN ESPAÑA: DOMINGO 23 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Desastronauts presenta "Losing grip", un espectáculo que reflicte a arriscada relación de dúas persoas enriba dun trapecio

Xoves 20 de outubro do 2011

O ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) é o espazo do FIOT que aposta pola vangarda e a innovación no que teñen cabida proxectos que empregan novas dramaturxias e linguaxes teatrais menos convencionais. Dentro deste marco, a organización do festival quixo centrarse este ano no Novo Circo, unha corrente emerxente en Galicia que pouco a pouco vai enchendo os escenarios con apostas arriscadas e orixinais e que copa dúas das tres propostas do OTNI. Unha delas é "Losing grip" da compañía galega, pero tamén internacional, Desastronauts. Formada por Raquel Veganzones (de Valladolid) e Girisho Gordon (Reino Unido), propón unha viaxe enriba do trapecio "despois de moitos anos de investigación", segundo subliña Gordon. A roupa é outro dos elementos fundamentais do espectáculo, pensado tamén para interactuar cos elementos arquitectónicos dos edificios e, neste caso, coa baixocuberta do salón de actos do Pazo da Cultura, que de seguro contribuirá á espectacularidade dos movementos, ás veces incluso de danza aérea, que inclúe o espectáculo. Todo nunha viaxe pensada para reflectir "a relación entre dúas persoas" a través "do risco entre a vida e a morte" que supón o trapecio, segundo Raquel Veganzones. A cita é o domingo 23 ás 21.00 horas e as entradas, aínda dispoñibles, custan 3 euros.

O Xograr de Outono desta 20 edición do FIOT recae na figura do polifacético artista Marcelino de Santiago, Kukas

ENTREGA DO GALARDÓN: SÁBADO 22 ÁS 21.00 HORAS

O Xograr de Outono desta 20 edición do FIOT recae na figura do polifacético artista Marcelino de Santiago, Kukas

Mércores 19 de outubro do 2011

O Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT) premia a traxectoria do polifacético artista Kukas (Marcelino de Santiago Viqueira) co recoñecemento 'Xograr de Outono' desta edición. A entrega deste galardónestá prevista para o sábado 22 de outubro ás 21.00 horas. A actividade de Kukas abrangue dende a pintura ou a fotografía ata a literatura, artes escénicas ou a música. Graduado en Fotografía Artística, na súa traxectoria profesional abondan os recoñecementos e premios entre os que destacan o Premio Compostela á mellor escenografía pola obra "Saxo Tenor" de Roberto Vidal Bolaño (1993); a mención de Honra polo seu labor no Teatro de Bonecos do Centro Municipal das Artes dos Títeres de Bilbao (1997); a homenaxe do festival TitiriCuenca polos 30 anos dedicado ao mundo dos monicreques (2009); e o Premio María Casares á mellor escenografía pola obra "Un cranio furado" dirixida por Quico Cadaval (2011). O premio 'Xograr de Outono' é un nomeamento honorífico entregado pola organización do festival a unha persoa ou entidade que destaque pola súa promoción do teatro en Galicia. En anteriores edicións do FIOT foron merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó e Paula Carballeira.

Asinado un convenio de colaboración coa Deputación para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo

A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA NO ACORDO É DE 45.000 EUROS

Asinado un convenio de colaboración coa Deputación para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo

Martes 18 de outubro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Deputación da Coruña co presidente do organismo provincial, Diego Calvo, un convenio de colaboración para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O obxecto do acordo é establecer as bases de colaboración para manter un Grumir que teña capacidade para ter inmediata resposta a situacións de emerxencia en incendios forestais e urbanos, accidentes de tráfico, inundacións, primeiros auxilios, asistencias domiciliarias, apoio en materia de seguridade vial, actividades medioambientais, cooperación en axudas humanitarias e cantas outras supoñan dar resposta a emerxencias no municipio. O Grumir do Concello de Carballo está composto por: un responsable encargado da coordinación técnica; una xefe de grupo encargado da coordinación dos operativos do grupo; dous capataces, coordinadores das distintas quendas -podendo exercer un dos capataces de xefe de grupo; e dez peóns. O persoal organízase en quendas de mañá e noite, de tal xeito que poidan estar localizables as 24 horas do día para actuar en calquera emerxencia nas áreas da súa contorna. A Deputación participa mediante unha subvención polos gastos de mantemento do Grupo por unha achega máxima de 45.000 euros.

Yllana recolle o Premio do Público entre aplausos e gargalladas nunha fin de semana de cheo absoluto no FIOT

O XOVES 20 ARRINCA O CICLO OTNI

Yllana recolle o Premio do Público entre aplausos e gargalladas nunha fin de semana de cheo absoluto no FIOT

Luns 17 de outubro do 2011

Yllana celebrou enriba do escenario do FIOT os seus 20 anos de vida entre aplausos e gargalladas, e, coma sempre, sen dicir unha palabra. Dous dos voluntarios que colaboran na organización entregáronlles o Premio do Público de 2008 por "Brokers" mentres o auditorio, sen ganas de renunciar ao seu humor, aplaudía ao son da música reclamando aínda máis da compañía preferida polos espectadores ao longo da historia do festival. A súa parodia do mundo taurino, "Muu! 2", trunfou coas súas bromas xestuais, a complicidade do público e unha música pegadiza. Foi o remate para unha primeira fin de semana de festival na que o público encheu ata a bandeira o auditorio do Pazo da Cultura os tres días, e na que a traxicomedia e o humor mais descarado foron protagonistas. O venres 14 o FIOT abriu con "Torvaldo furioso", un drama ás veces disfrazado de comedia que estendeu a súa atmosfera polas bancadas. Julio Cortázar e Inma Nieto foron dando forma pouco a pouco a uns personaxes que, ao igual que as cebolas, desprendéronse ao final de todas as súas capas. E o sábado 15, de novo cun cheo absoluto, o auditorio non deixou de rir lembrando a educación franquista grazas a "O florido pénsil", unha obra que, detrás dos sorrisos, esconde unha realidade moito máis próxima no tempo do que pode parecer.

Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de EME2 pechan co cartel de "non hai billetes" a primeira fin de semana do FIOT

PRINCIPIA O CICLO "CAFE CON..." O SÁBADO 15 ÁS 19.30 HORAS

Os touros de Yllana e os colexios de posguerra de EME2 pechan co cartel de "non hai billetes" a primeira fin de semana do FIOT

Venres 14 de outubro do 2011

Despois da representación o venres do "Torvaldo furioso" de El Óbolo Producciones, a primeira fin de semana do FIOT péchase con dúas propostas ben distintas pero que reflicten o fío conductor do 20 aniversario do Festival, o paso do tempo. A compañía galega EME2 realiza o sábado 15 unha viaxe pola época da posguerra con "O Florido Pénsil", a través da mirada dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo da España franquista, cunha especial mirada sobre a escola, centro principal de operacións para a propaganda do ideario fascista. O domingo 16, Yllana volve ao pasado dun xeito ben distinto, xa que recupera o seu primeiro espectáculo, "¡Muu!" (na imaxe), facendo unha revisión 20 anos despois do nacemento desta compañía que ten gañado ata en 4 ocasións o premio do público do FIOT e que precisamente recolle este ano o de 2008, cando o conseguiron con "Brokers". En "¡Muu! 2" catro toureiros e un touro prepáranse para atoparse na praza. Sangue, suor e area. Soa o desfile e comeza a faena, a "festa nacional". Ámbalas dúas citas, para as que as entradas xa están esgotadas, son ás 21.00 horas. A duración dos espectáculos é de 100 e 60 minutos respectivamente.

Carballo celebra a segunda edición da Oktoberfest con cervexa, concertos, concursos e comida típica

XOVES 20, VENRES 21 E SÁBADO 22 DE OUTUBRO

Carballo celebra a segunda edición da Oktoberfest con cervexa, concertos, concursos e comida típica

Venres 14 de outubro do 2011

Carballo acolle un ano máis unha Oktoberfest, unha Festa da cervexa que tivo a súa primeira edición en 2010 no marco do Festival Panxea e que agora adquire entidade propia nesta segunda andaina. A cita ten lugar o xoves 20, venres 21 e sábado 22 de outubro nunha carpa climatizada situada detrás da antiga estación de autobuses. O recinto estará aberto cada día a partires das 18.00 horas e contará con grifos de cervexa rubia, tostada e trigo, principalmente da marca Paulaner, e cunha variedade de comida típica alemana, como salchichas, costelas ou lomedro. Ademais, a Oktoberfest estará animada por actuacións musicais e concursos. Neste último caso, haberá lanzamento de barrís, tiro da corda e un concurso para amosar a habilidade dos participantes para comer salchichas. Así mesmo, está prevista a celebración de actuacións musicais mentres dure a cita: o venres 21 co concerto dos grupos carballeses Versión imposible e The Cerne; e o sábado 22 cos santiagueses Black Mammy. Tamén está previsto que dende o xoves ata o sábado haxa animación musical con DJs. A cita está organizada por GCM Grupo Corte Musical coa colaboración do Concello de Carballo e o patrocinio de Paulaner.

O FIOT abre a súa programación de sala no Pazo da Cultura coa produción madrileña "Torvaldo Furioso"

VENRES 14 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT abre a súa programación de sala no Pazo da Cultura coa produción madrileña "Torvaldo Furioso"

Xoves 13 de outubro do 2011

Despois da exitosa andaina da Rúa dos Contos, que encheu de público os principais pubs, tascas e bares do centro carballés con artistas como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Cándido Pazó ou Luís Zahera, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) prepara xa o comezo da programación de sala no auditorio do Pazo da Cultura. A encargada de abrir o FIOT no seu 20 aniversario é a compañía madrileña El Óbolo Producciones coa súa proposta "Torvaldo furioso". Este drama conta unha hora, só unha hora na vida do matrimonio de Torvaldo e Angélica. Unha hora crítica e determinante na súa relación. Descóbrese un segredo, un segredo aparentemente ben gardado e que revelará Reinaldo -o irmán xemelgo-, desencadeando unha serie de acontecementos que destruirán o ficticio mundo que Torvaldo creara para o seu matrimonio. Unha apaixonada historia de rexistros cómicos e dramáticos sentimentos interpretada por Julio Cortázar e Inma Nieto baixo a dirección de Lino Ferreira e baseada nun texto de Lucía Vilanova. A cita é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, o prezo da entrada é de 6 euros e a duración do espectáculo é de 80 minutos.

A licitación dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños está prevista para primeiros de 2012

O PROXECTO ESTÁ EN FASE DE REVISIÓN

A licitación dos traballos de ampliación do CEIP Bergantiños está prevista para primeiros de 2012

Xoves 13 de outubro do 2011

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria espera que a licitación das obras de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal carballesa se produza a primeiros de 2012, probablemente no mes de xaneiro. Así o comunicou o responsable da Secretaría Xeral Técnica de Educación, Jesús Oitavén Barcala, nunha xuntanza mantida hoxe en Santiago de Compostela co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e coa Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís. Segundo Oitavén, o proxecto está rematado e en proceso de revisión, un trámite que se ten prolongado debido a que será necesario realizar algúns cambios para que o equipo redator poida subsanar certas deficiencias atopadas no citado proxecto. A actuación no CEIP Bergantiños é especialmente necesaria e urxente polos problemas de escolarización experimentados nos centros de ensino do casco urbano previstos para os próximos anos. Así, xa para o presente curso foi preciso incluír nas aulas a arredor de 300 nenos e nenas nacidos en 2008, unha cifra moi elevada. Hai que lembrar que estaba previsto que os traballos puideran comezar no segundo trimestre deste ano, aínda que finalmente a revisión atrasará o proceso. O Concello carballés espera que os trámites da Consellería de Educación que permitirán que a ampliación sexa unha realidade se axilicen para poder cubrir esta necesidade o antes posible.

A Rúa dos Contos entra na súa recta final con Carmen Conde, Patricia Vázquez, Isabel Risco e Luís Zahera

NO PATACÓN, BOMBONERA, BAÑOS VELLOS E DUBLÍN

A Rúa dos Contos entra na súa recta final con Carmen Conde, Patricia Vázquez, Isabel Risco e Luís Zahera

Luns 10 de outubro do 2011

A Rúa dos Contos, a cita do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) cos monólogos, os narradores, as historias, o humor e incluso a música, entra na súa recta final despois de ter contado con numeroso público nas actuacións da fin de semana. Artistas destacados como Paula Carballeira, Cándido Pazó ou Quico Cadaval (os tres Xograres de Outono) xa teñen ofrecido os seus espectáculos entre as gargalladas dos espectadores. Porén, esta escolma do "teatro de taberna" está a piques de rematar. O martes 11 e o mércores 12 é o momento de pechar esta actividade paralela do FIOT, que xa se ten convertido nun festival en si mesmo. Carmen Conde (na imaxe) representa "Trinidad" o martes 11 de outubro ás 21.30 horas no pub O Patacón. Este espectáculo da monologuista lucense -que visita o FIOT por primeira vez- é un show bizarro que nos permitirá ver no mesmo escenario a Lady Gaga, Madonna ou Kurt Cobain. Neste caso, a entrada é de balde. A seguinte cita do día é ás 23.30 horas na Bombonera con Patricia Vázquez e a súa habilidade para contar contos. A entrada custa 2,5 euros con consumición.

A Brigada de Medio Ambiente vén de recoller un total de 79 residuos voluminosos a través de avisos do mes de setembro

RETIRÁNROSE CATRO VERTEDOIROS INCONTROLADOS

A Brigada de Medio Ambiente vén de recoller un total de 79 residuos voluminosos a través de avisos do mes de setembro

Venres 7 de outubro do 2011

A Brigada de Medio Ambiente de Carballo recolleu, a través do Punto Limpo Móbil, un total de 79 residuos voluminosos no servizo do primeiro martes do mes de outubro. Así, rexistráronse 30 peticións a través do aviso telefónico durante o mes de setembro, xa que a retirada debe solicitarse con alomenos 24 horas de antelación no teléfono 981 701 642. Ademais, outros 14 avisos foron realizados polos propios condutores do servizo de recollida, que vixían os restos depositados de xeito non regulamentario polos veciños e veciñas a carón dos colectores. Por último, os técnicos municipais tamén limparon un total de 35 puntos de restos de voluminosos atopados sen que se producise aviso algún. Hai que lembrar que o Punto Limpo Móbil permite que os carballeses e carballesas que o desexen soliciten a recollida a domicilio de residuos voluminosos. Considéranse como "voluminosos" aqueles restos que polas súas dimensións non poden ser xestionados como o resto de residuos urbanos e teñen que ser obxecto dunha recollida e tratamento especial. Habitualmente son electrodomésticos, mobles e enseres domésticos. Estes restos tamén poden levarse voluntariamente ata o Punto Limpo do polígono de Bértoa, aberto os martes, xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Arredor de trescentos rapaces e rapazas de seis clubes participan no VII Torneo Festas do Pilar de Baloncesto

MÉRCORES 12 DE OUTUBRO DE 9.00 A 20.00 HORAS

Arredor de trescentos rapaces e rapazas de seis clubes participan no VII Torneo Festas do Pilar de Baloncesto

Venres 7 de outubro do 2011

Carballo celebra un ano máis o VII Torneo Festas do Pilar de baloncesto, unha cita que xa se ten convertido nun clásico. A sétima edición chega con dúas novidades, xa que este ano duplícase o número de clubes participantes e vén un club de fora da Coruña. Así, ademais de contar cos equipos da organización, as Escolas de Básket Xiria e o Club Baloncesto Artai, estarán o Club Baloncesto Culleredo, o Obradoiro de Santiago, o Club Baloncesto Baio -que presenta ao seu equipo feminino- e o Club Baloncesto Vilagarcía, sendo a primeira vez que participa un equipo pontevedrés no torneo. Joaquín Moreira, presidente do Artai, subliña o salto de calidade que supón a participación do Obradoiro, un club que milita na ACB. A celebración do torneo supón a presenza de máis de 29 equipos, a disputa de 31 partidos e a ocupación o día 12 de outubro tanto do Pavillón Carballo Calero como do Vila de Noia durante todo o día -en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Trátase da edición máis numerosa dende os comezos do torneo. Moreira calcula que esta cita supón a mobilización de arredor dun milleiro de persoas, entre xogadores, acompañantes, árbitros, organización e público. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo festexar unha cita que supón unha boa oportunidade "para desfrutar das futuras promesas do baloncesto en Carballo e a provincia".

O FIOT arrinca co "teatro de taberna" da  Rúa dos Contos, que ofrece 14 espectáculos nas cafeterías, pubs e tascas de Carballo

DO XOVES 6 AO MÉRCORES 12 DE OUTUBRO

O FIOT arrinca co "teatro de taberna" da Rúa dos Contos, que ofrece 14 espectáculos nas cafeterías, pubs e tascas de Carballo

Mércores 5 de outubro do 2011

No XX aniversario do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), a Rúa dos Contos, que xa se ten convertido nunha cita de referencia e nun festival dentro do propio festival, quere tamén participar desta celebración coa presenza dalgúns dos mellores contadores de historias, especialmente os máis relevantes narradores galegos. N¡n están todos os que son, nin son todos os que están, pero o programa ten a honra de contar con tres dos últimos Xograres de Outono do FIOT, un galardón outorgado pola organización a unha persoa ou entidade que destaque, pola súa traxectoria, na promoción do teatro en Galicia. Neste caso estarán nos bares, pubs, tascas e cafeterías de Carballo os xograres Quico Cadaval, Cándido Pazó e Paula Carballeira. En canto aos xéneros dos espectáculos, hai clown, música, cabaré, teatro xestual ou incluso circo. Pero sobre todo, e por enriba de todo, hai diversión. Son un total de 14 citas repartidas entre o xoves 6 e o mércores 12 de outubro e coa colaboración dos seguintes establecementos: Mesón A Cabaña, Pub O Silfo, Cafetería Valle Inclán, Cafetería Colón, Pub A Reserva, Pub O Patacón, Pub Cósmic, Restaurante La de Bur, Bodegón O Pescador, Cervexería A Bombonera, Cervexería Dublín e Cafetería Baños Vellos.

Compartir: