Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O FIOT pon á venda os bonos a partires do 5 de outubro e as entradas e minibonos a partires do día 10

O PREZO PARA OS 8 ESPECTÁCULOS DE SALA É DE 50 EUROS

O FIOT pon á venda os bonos a partires do 5 de outubro e as entradas e minibonos a partires do día 10

Martes 4 de outubro do 2011

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo informa de que pon á venda os bonos para asistir aos 8 espectáculos de sala que se representarán no auditorio do Pazo da Cultura entre o 14 e o 31 de outubro. Estarán a disposición do público a partires do mércores 5 de outubro (excepto os días 8, 9 e 12 de outubro) a un prezo de 50 euros. Segundo explica o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, "as entradas son algo máis caras que en anos anteriores". Así, a crise non perdoa en tempos difíciles e "temos moitos menos recursos", subliña Sueiro. Porén, a organización pide o "esforzo" do público, especialmente porque "o cen por cen do que se ingresa no festival vai destinado á propia programación do FIOT". Así mesmo, a organización fai fincapé en que, aínda que os prezos suben lixeiramente, tamén é certo que as entradas seguen sendo baratas respecto ao importe de espectáculos como o de Nuria Espert, xa que ver tan só "La violación de Lucrecia" no Festival de Almagro este ano chegou a custar 24 euros. Por iso, Alberto Sueiro afirma, neste cumpreanos do FIOT que "se 20 anos non son nada, 50 euros tampouco". As entradas soltas e os minibonos poñeranse á venda a partires do luns 10 de outubro.

O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co público con 28 espectáculos e co paso do tempo como leitmotiv

O FESTIVAL PRESENTA UNHA ESTREA EN ESPAÑA E TRES EN GALICIA

O FIOT celebra os seus 20 anos de idilio co público con 28 espectáculos e co paso do tempo como leitmotiv

Venres 30 de setembro do 2011

"20 anos non é nada". Con esta frase comezaba o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, a presentación da XX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, e mantendo a arela de que queden "outros vinte como mínimo". Para celebrar esta data tan sinalada e seguir co obxectivo de conquistar ao público -que nas últimas tres edicións encheu o auditorio do Pazo da Cultura esgotando as entradas para todas as funcións- o FIOT 2011 presenta 28 espectáculos repartidos entre a Rúa dos Contos -14-, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) -3-, animación de rúa -3- e as funcións de sala -8-. O obxectivo é honrar o lema do festival de 2011: "20 anos queréndote". Una estrea en España e tres en Galicia conforman un programa en que Yllana, "pola súa relación emotiva con Carballo", en verbas de Sueiro; e Nuria Espert, porque constitúe "o gran premio" para o público do FIOT, son dous dos protagonistas do teatro de sala. Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Paula Carballeira (todos Xograres de Outono) son algúns dos protagonistas da Rúa dos Contos. O teatro galego máis experimental e tamén chegado de Cataluña ten o seu espazo no OTNI; e continúa o Concurso de Teatro Lido "a canteira que nutre de público ao festival", segundo Sueiro. Todo para unha cita que conta cun público potencial de 9.000 espectadores e cunha "extraordinaria programación ao alcance de moi poucas cidades", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Principian os traballos para a dotación de redes de saneamento e abastecemento en Ardaña e Goiáns

O IMPORTE DAS MELLORAS ROLDA OS 120.000 EUROS

Principian os traballos para a dotación de redes de saneamento e abastecemento en Ardaña e Goiáns

Xoves 29 de setembro do 2011

O Concello de Carballo informa de que esta semana veñen de principiar os traballos para a construción dunha "Rede de saneamento e rede de abastecemento de auga en San Lois, parroquia de Ardaña" (na imaxe). Os traballos están sendo realizados pola empresa Construcciones en Piedra Sigrás, cun prazo de execución de cinco meses. Esta mellora está incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación de 2011. O prezo de adxudicación é de 51.382,27 euros e o prazo de execución de cinco meses. Así mesmo, neste caso a semana pasada, principiaron as obras da "Rede de traída de auga e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns", por un importe de 65.947,67 euros. As obras están sendo levadas a cabo por Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, cun prazo de execución acordado de catro meses. Esta actuación está incluída no plan adicional ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2010. Hai que lembrar que dentro do POS de 2011, que ten un importe de 657.317,07 euros, están incluídas outras actuacións, como a creación dunha Praza pública en Sofán, por 184.160,20 euros; a "Mellora de capa de rodadura no lugar de O Añón, na parroquia de Berdillo", por 136.509,81 euros; ou a "Mellora de capa de rodadura no lugar de Xoane, na parroquia de Goiáns" por 113.059,93 euros.

Arredor de 75 pilotos participan o 1 de outubro no X Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

COMPITEN SEIS CORREDORES DO CLUB MOTOR BERGANTIÑOS

Arredor de 75 pilotos participan o 1 de outubro no X Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

Mércores 28 de setembro do 2011

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o sábado 1 de outubro o X Motocross Concello de Carballo - III Memorial Manuel Rega Morales, unha proba incluída no Campionato Galego de Motocross na que está previsto que participen arredor de 75 pilotos. Deles, seis compiten co club Motor Bergantiños, organizador da cita coa colaboración da Federación Galega de Motociclismo e do Concello. Trátase de Beltrán García Pérez, Miguel García Cancela, Óscar Martínez Díaz, Jonathan Vázquez Lema, Pablo Calvo Periscal e Serafín Lema Varela, todos en categoría Promoción. Así mesmo, tamén haberá competición en categorías Alevín, Promesas, Junior, Sénior e Veteranos. De entre os corredores que se darán cita en Bértoa, hai que subliñar a presenza de Jonathan Barragán, Campión de España 2011; de Rubén Fernández García, que a falta dunha carreira para rematar a competición lidera o Campionato de España de Promesas; e Jorge Prado, un piloto galego de tan só 10 anos que xa é Campión de Europa e Campión do Mundo Alevín 2011. A organización quere agradecer aos patrocinadores a súa colaboración para poder celebrar esta proba que ten rexistrado o índice de inscrición máis elevado de todo o Campionato Galego.

O pleno saca adiante unha moción para a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello

LUZ VERDE PARA A DESAFECTACIÓN DA ESCOLA DA PRAZA DE SOFÁN

O pleno saca adiante unha moción para a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello

Martes 27 de setembro do 2011

O pleno de Carballo vén de aprobar unha moción, presentada polo PP, pola que se establece que o Concello "acometerá, directamente ou mediante empresa pública, ou someterá a licitación, á maior brevedade dentro deste mandato, a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello. Simultaneamente, e para manter un tratamento urbanístico homoxéneo na zona, executaranse as obras de mellora das rúas Cervantes e Colón". O texto da proposta do PP subliña a perda de prazas de estacionamento que se producirán cando se execute o proxecto para mellorar a contorna do mercado municipal -financiado polo Ministerio de Fomento con 500.000 euros e que supón o acondicionamento da Rúa Desiderio Varela e da Gran Vía dende o cruce coa Rúa Sol ata a rúa Cervantes- e os problemas de aparcamento existentes no centro urbano. O Goberno afirma que nos últimos anos se teñen creado máis de 1.500 estacionamentos de balde na contorna do centro carballés e que o proxecto non é viable debido ao seu custo, de aproximadamente 10 millóns de euros. Finalmente, a moción saíu adiante co apoio dos concelleiros do PP, TEGA e PSOE, mentres que o BNG votou en contra.

Nuria Espert será a encargada de pechar a XX edición do FIOT con "La violación de Lucrecia"

O FESTIVAL REMATA O LUNS 31 DE OUTUBRO

Nuria Espert será a encargada de pechar a XX edición do FIOT con "La violación de Lucrecia"

Luns 26 de setembro do 2011

A actriz e directora Nuria Espert presentará na XX edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) unha das súas máis arriscadas propostas teatrais, a representación dun poema narrativo de William Shakespeare: "La violación de Lucrecia". Trátase dun desgarrador poema que narra unha extraordinaria e emocionante historia dun crime que terminou cos reis en Roma e que, polo tanto, supuxo a instauración da república. O reto de creación e de interpretación de Nuria Espert para dar vida a todos os personaxes presentes no texto, fan do traballo interpretativo desta actriz catalana un dos mellores na súa importante e prestixiosa traxectoria profesional no teatro. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo está rematando a organización da edición de 2011 do festival no que se conmemora o seu XX aniversario. Está previsto que a programación de sala comece o 14 de outubro e remate o luns 31 de outubro. Ata o momento, ademais da presenza da grande dama do teatro español, tamén está confirmada a compañía portuguesa Teatro de Marionetas do Porto, coa sua versión de "As aventuras de Alicia no país das marabillas". Así mesmo, a produtora galega Eme2 encherá o escenario do Pazo da Cultura coa súa versión de "O florido pénsil".

Aprobados dous convenios de colaboración coa Universidade da Coruña para a realización de prácticas de Arquitectura e Paisaxismo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobados dous convenios de colaboración coa Universidade da Coruña para a realización de prácticas de Arquitectura e Paisaxismo

Luns 26 de setembro do 2011

O Concello de Carballo vén de aprobar na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local un Convenio de colaboración educativa coa Universidade da Coruña (UDC) para a realización de prácticas dirixidas aos estudantes da asignatura Proxectos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura (na imaxe). O acordo ten por obxecto que os alumnos e alumnas de terceiro curso que estudan esta asignatura realicen traballos de carácter práctico en emprazamentos urbanos de Carballo para poder obter un coñecemento máis amplo das realidades construtivas e arquitectónicas dos concellos e das técnicas e metodoloxías que se desenvolven nas administracións públicas, o que lles permitirá unha mellor inserción no mercado laboral. Este programa vai dirixido a aqueles estudantes que teñan superado o 50 por cento da titulación. O Concello deberá asignar un titor que coa colaboración do profesorado da UDC velará pola formación dos alumnos e alumnas. O Concello comprométese, así mesmo a poñer a disposición dos estudantes a información urbanística e arquitectónica necesaria para realizar o seu labor. A duración do convenio é dun ano natural.

O pleno debate unha moción sobre a construción dun aparcamento soterrado na Praza do Concello

A SESIÓN INCLÚE A DEPURACIÓN DE VARIAS PARCELAS DO POLÍGONO

O pleno debate unha moción sobre a construción dun aparcamento soterrado na Praza do Concello

Venres 23 de setembro do 2011

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro conta entre os asuntos da orde do día cunha moción presentada polo PP na que se propón que a corporación acorde que o Concello acometa, "directamente ou mediante empresa pública, ou someta a licitación, á maior brevedade dentro deste mandato, a construción e explotación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello". A moción inclúe que "simultaneamente, e para manter un tratamento urbanístico homoxéneo na zona, executaranse as obras de mellora das rúas Cervantes e Colón", situadas no ámbito do futuro parking. Así mesmo, e tamén no apartado de mocións, o PP solicitará durante a sesión un acordo para que o Goberno traslade "ao pleno da corporación con caracter trimestral a relación de obras e servizos contratados ou en execución durante ese período, expresando as datas, os importes, os emprazamentos, as empresas contratadas, a delegación responsable do gasto e o custo previsto". Na comisión informativa celebrada esta semana esta última proposta recibiu o apoio unánime dos grupos da corporación. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a vontade de "transparencia" do Goberno ao subscribir esta iniciativa.

A Unidade de Salvamento Acuático rexistrou seis rescates durante a tempada de verán nas praias de Razo e As Saíñas

SOCORRISTAS E PROTECCIÓN CIVIL ATENDERON 428 CASOS DE BOTIQUÍN

A Unidade de Salvamento Acuático rexistrou seis rescates durante a tempada de verán nas praias de Razo e As Saíñas

Xoves 22 de setembro do 2011

A Unidade de Salvamento Acuático do Concello de Carballo tivo que participar en seis salvamentos nos areais de Razo e As Saíñas (tres en cada praia) durante a tempada de verán, que abrangue os meses de xullo e agosto e a maioría dos meses de xuño e setembro. Porén, o responsable de Protección Civil de Carballo, Francisco Javier Souto Facal, subliña que estas actuacións non revestiron "riscos" ou "perigo", xa que consistiron fundamentalmente en pequenas axudas para saír de correntes ou para sacar a algún bañista de zonas de fondo irregular. Ademais, a agrupación de Protección Civil e os 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal rexistraron durante o período estival un total de 428 atencións de botiquín, o que supón unha diminución dun 30 por cento respecto de 2010. Este descenso pode ser atribuído á inestabilidade meteorolóxica presente durante todo o verán, con tan só 24 días despexados. Tanto Souto Facal, como o Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Réxime Interior e Seguridade, Xosé Regueira, quixeron agradecer o labor da Unidade de Salvamento, "que fan que as incidencias graves nos areais carballeses teñan practicamente desaparecido", en verbas de Regueira.

Aldemunde, Entrecruces e Rus completan a súa oferta de TDT coa incorporación de trece novas canles de televisión

A PARTIRES DO VENRES 23 DE SETEMBRO

Aldemunde, Entrecruces e Rus completan a súa oferta de TDT coa incorporación de trece novas canles de televisión

Mércores 21 de setembro do 2011

A Oficina Técnica da TDT (Televisión Dixital Terrestre) da Xunta de Galicia vén de informar de que a partires do venres 23 de setembro entrarán en funcionamento os novos múltiplex de TDT no centro emisor de televisión de Val do Dubra, o que permitirá achegar a oferta completa da Televisión Dixital Terrestre a preto de 9.000 persoas dos concellos de Carballo, Mazaricos, Santa Comba ou Val do Dubra na provincia de A Coruña, así como a outras en concellos limítrofes. Os núcleos de poboación de Carballo que se verán beneficiados por esta ampliación no sinal son, na parroquia de Aldemunde, Aldemunde de Arriba; na de Entrecruces, O Cotaro, O Pereiro Vello e Vilachán; e, en Rus, Alborín e Alborís. Os veciños e veciñas beneficiados poderán disfrutar das novas canles da TDT distribuídas do seguinte xeito:

  • Canle 46: Cuatro, Canal+Dos, LaSexta2, LaSexta3, LaSextaHD
  • Canle 38: Boing, TelecincoHD, MTV, La 10
  • Canle 28: Nitro, Antena3HD, MarcaTV, 13TV

Carballo ofrece de novo á Xunta o traslado das oficinas locais de Traballo e Medio Rural ao complexo do Fórum

PRESIDENCIA ESTUDARÁ A PROPOSTA DO ALCALDE

Carballo ofrece de novo á Xunta o traslado das oficinas locais de Traballo e Medio Rural ao complexo do Fórum

Mércores 21 de setembro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo o martes 20 de setembro unha xuntanza co Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que lle reiterou ao organismo autonómico a súa oferta para trasladar as oficinas que as Consellerías de Traballo e Medio Rural manteñen na capital municipal ás instalacións do proxecto Fórum Carballo no barrio da Milagrosa. Deste xeito, servizos como a cámara agraria ou o de colocación ocuparían un andar na nave 2 do complexo, aproveitando arredor de 500 metros cadrados. A Xunta non debería pagar ningún aluguer por este traslado, ao contrario que está facendo nestes momentos en dous locais do centro da vila, e contaría cun espazo completamente novo perfectamente equipado, con máis capacidade operativa e cunha ampla zona de estacionamento de vehículos. Así mesmo, servizos como os de Formación ocupacional e Emprego estarían completamente centralizados no Fórum. A cambio de ocupar as instalacións do Fórum, a administración autonómica tería que facerse cargo dos gastos de mantemento e de realizar a distribución das oficinas. Alfonso Rueda manifestou a súa vontade de falar cos secretarios da Consellería de Traballo e Benestar e da de Medio Rural, respectivamente, para que estuden esta oferta.

Xullo e agosto rexistran un total de 195 incidencias atendidas pola Brigada de Obras municipal

TÉÑENSE COMPUTADO PRETO DE 900 AVISOS NO QUE VAI DE 2011

Xullo e agosto rexistran un total de 195 incidencias atendidas pola Brigada de Obras municipal

Martes 20 de setembro do 2011

Os meses de verán de xullo e agosto teñen rexistrado un total de 195 demandas de arranxos e melloras por parte dos veciños de veciñas do municipio, unhas incidencias que teñen sido atendidas e solucionadas pola Brigada de Obras, que xestiona este tipo de avisos. A cifra de agosto practicamente duplica as peticións computadas en xullo, en que só se atenderon 68. Porén, en ámbolos dous casos a maioría dos avisos refírense ao alumeado público, xa que o Concello de Carballo conta en todo o territorio municipal con más de 8.000 puntos de luz. Así, entre xullo e agosto rexistráronse 120 peticións sobre o alumeado (94 no mes pasado). Hai que subliñar, así mesmo, que no que vai de 2011, as peticións veciñais suman un total de 860. Os cidadáns poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como o programa Carballo Limpo, a limpeza de espazos públicos, a reparación de mobiliario urbano, o mantemento de edificios e instalacións deportivas, problemas cos servizos de auga, luz ou saneamentos ou a reparación e substitución de sinais de tráfico e indicadores ou arranxo de baches. Calquera veciño ou veciña pode formalizar as súas peticións a través do 981 704 700 ou ben no correo <infocarballo@carballo.org>.

Compartir: