Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A compañía Teatro de Marionetas do Porto presenta no FIOT unha versión de "Alicia no país das marabillas"

VENRES 21 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A compañía Teatro de Marionetas do Porto presenta no FIOT unha versión de "Alicia no país das marabillas"

Luns 19 de setembro do 2011

A organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) continúa traballando na próxima edición deta cita na que se conmemora o seu vinte aniversario. A programación de sala, como xa se avanzou, comeza o 14 de outubro e remata o día 31, e sempre se quere asegurar a presenza de compañías importantes tanto galegas, como do resto do territorio español sen esquecer, por suposto, ás compañías estranxeiras. Este é o caso da compañía Teatro de Marionetas do Porto que estará presente no festival co espectáculo "Wonderland", unha nova versión do clásico da literatura universal "As aventuras de Alicia no país das marabillas" de Lewis Carroll. Esta nova visión do clásico é sinxelamente espectacular, nunha Alicia para adultos chea de alucinacións e simbolismos e que destila sensualidade, sensibilidade e que incluso provoca medo. Esta compañía que nos visita por primeira vez é unha das máis importantes do mundo no seu campo, de aí a innumerable cantidade de premios e recoñecementos que posúen desde a súa creación de 1988. A cita está prevista para o venres 21 de outubro ás 21.00 horas.

A Comisión de Urbanismo acorda axilizar os trámites para acadar o antes posible a aprobación inicial do PXOM

O NOVO PLAN REDUCE A CAPACIDADE RESIDENCIAL DO MUNICIPIO

A Comisión de Urbanismo acorda axilizar os trámites para acadar o antes posible a aprobación inicial do PXOM

Venres 16 de setembro do 2011

A Comisión de Urbanismo e Medio Rural vén de manter unha xuntanza pola que todos os implicados na elaboración e aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) acordaron axilizar os trámites para acadar o antes posible a aprobación inicial do documento. Así, tanto o técnico como o asesor responsables da elaboración dos informes relativos ao PXOM manifestaron a súa vontade de outorgarlle prioridade a este labor. Unha vez estes informes estean listos, convocarase unha nova xuntanza da Comisión de Urbanismo para poder acelerar a remisión do documento á Xunta, que en última instancia é a responsable de darlle o visto e prace. Durante a xuntanza, o equipo redator tamén deu conta dos cambios que se teñen realizado no PXOM dende a súa adaptación á nova Lei do Solo, ao Plan de Ordenación do Litoral (POL) e ao informe emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta. Entre estas modificacións hai que subliñar que, respecto ao PXOM de 2003 e aos primeiros traballos de revisión rematados en 2009, redúcese notablemente o número de viviendas e a capacidade residencial do municipio seguindo as directrices do informe autonómico.

Carballo acolle a chegada da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia o sábado 17 de setembro

A SAÍDA É NO CONCELLO DE CAMARIÑAS

Carballo acolle a chegada da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia o sábado 17 de setembro

Xoves 15 de setembro do 2011

A Volta Ciclista a Galicia pasa por Carballo o sábado 17 de setembro. Así, a capital municipal converterase no punto de chegada da segunta etapa, cando o pelotón parte do Concello de Camariñas percorrendo os núcleos de Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica e co final en Carballo. Así, nesta edición a Volta discorrerá polos concellos de Ferrolterra e Bergantiños, na provincia da Coruña, e Umia, en Pontevedra O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a Federación Galega de Ciclismo así o anunciaron durante a presentación esta semana da X edición da Volta a Galicia 2011 que contará con 15 equipos participantes, 5 deles galegos. No deseño da Volta fíxose especial fincapé na busca dun percorrido que combinase a beleza das paisaxes co aliciente de ofrecer un gran espectáculo deportivo, polo que a ampla visita de máis de 400 quilómetros discorrerá por algunhas das paraxes naturais máis emblemáticas de Galicia. Agárdase, ademais, para os concellos que reciban a visita da Volta a Galicia, un importante retorno publicitario. No sector hostaleiro espérase un aumento da actividade xa que a Volta require a mobilización de máis de 200 persoas con necesidades de aloxamento e manutención. Máis información sobre o itinerario da segunda etapa, premendo aquí.

A Xunta Local de Seguridade transmitiulle á Delegación do Goberno as preocupacións veciñais rexistradas nos últimos meses

REUNIÓN CELEBRADA O MÉRCORES 14 DE SETEMBRO

A Xunta Local de Seguridade transmitiulle á Delegación do Goberno as preocupacións veciñais rexistradas nos últimos meses

Mércores 14 de setembro do 2011

Representantes do Concello carballés, da Subdelegación do Goberno, da Xunta e das forzas de seguridade provinciais e locais veñen de manter unha reunión da Xunta Local de Seguridade de Carballo onde, segundo o Concelleiro de Réxime Interior, Policía e Seguridade, Xosé Regueira, tiráronse conclusións moi similares ás acadadas na Comisión Especial de Seguridade Cidadá celebrada a principios de mes. Así, despois de realizar unha análise dos informes presentados pola Policía Local, Protección Civil a Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico, unha das principais preocupacións dos últimos tempos é a proliferación de lumes forestais que se teñen producido este verán na contorna da capital municipal. A maioría destes incendios son provocados especialmente por menores e as consecuencias son preocupantes, non só polos danos rexistrados nos montes, senón tamén porque os incendios prodúcense na contorna de grupos de vivendas e núcleos. Outra das preocupacións e o lixeiro incremento dos pequenos furtos, e tamén se abordaron as pelexas rexistradas nalguna festa popular. A principal conclusión é a de seguir unindo esforzos para mellorar a seguridade cidadá e contribuír a diminuír as incidencias.

O Xiria acada o 2º e 3º posto en categorías xuvenil e cadete nun VIII Torneo Internacional de Balonmán que gañou o Ademar

A CITA FOI O SÁBADO 10 E DOMINGO 11 DE SETEMBRO

O Xiria acada o 2º e 3º posto en categorías xuvenil e cadete nun VIII Torneo Internacional de Balonmán que gañou o Ademar

Martes 13 de setembro do 2011

O Ademar de León vénse de proclamar gañador absoluto do VIII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo no que participaban, ademais dos leoneses, o ABC de Braga, o Grupo Astur BM e o Ada de Maia-Ismai que se deron cita cos locais Vipecón Xiria e o Ifecgás Pereira Xiria. O Ademar gañou tanto en categoría xuvenil como en cadete, amosando un gran nivel de xogo ao gañar todos os seus partidos. No caso dos xuvenís, os leoneses disputaron a final co Ifecgás Pereira Xiria, que puido quedar en segundo lugar pero que acusou a superioridade dos rivais sendo o resultado do último partido de 39-18. En categoría cadete o Ademar gañou na final ao Ada de Maia-Ismai portugués cun resultado de 41-29. O club leonés ten un convenio coas Escolas de Balonmán Xiria polo que se comprometen a participar cada ano neste torneo, do mesmo xeito que os carballeses viaxan a León para disputar o torneo organizado polo Ademar. A pesares da hexemonía dos leoneses, os xuvenís do Xiria puideron amosar o seu nivel ante o público sendo subcampións, e os cadetes do Vipecón Xiria quedaron en terceira posición.

O festival Xiria Pop cumpre 14 anos de vida cun cartel formado por oito grupos e dúas exposicións

VENRES 16 E SÁBADO 17 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O festival Xiria Pop cumpre 14 anos de vida cun cartel formado por oito grupos e dúas exposicións

Martes 13 de setembro do 2011

O Xiria Pop, un festival que se ten convertido nun referente a nivel galego e nacional, chega á súa edición número XIV cun cartel formado por oito grupos de diferentes estilos e procedencias e apostando polas actividades paralelas coa presenza de dúas exposicións. Un dos maiores atractivos da cita é a actuación o venres 16 de setembro de Barrence Whitfield coa súa banda, The Savages. Whitfield xa visitou Carballo no festival Rockin Praza do ano 2010, naquela ocasión acompañado dos vascos Petti & The Bloodyhotsak. É un cantante de Boston con raíces soul e rockabillys que lembra o ton de lendas como James Brown ou Little Richard, ademais de contar cunha voz característica, desta volta unida á calidade dos seus músicos. Completan a proposta do venres Las Ruedas, un grupo lembrado por ter participado na "movida" madrileña dos 80. De Cantabria e coas súas letras en inglés chegan Soul Gestapo e abren as actuacións do venres The Flaming Guays, co seu cool soul. O sábado 17 é a quenda de Los Imposibles, The Wellingtons, Feedbacks e Wolrus. A apertura de portas na Sala Dublín está prevista para as 22.30 horas e o prezo da entrada é de 15 euros o bono para os dous días e de 10 euros a entrada diaria.

Aprobado o expediente de contratación para a construción dunha praza pública en Sofán

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para a construción dunha praza pública en Sofán

Luns 12 de setembro do 2011

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación das obras para a construción dunha praza pública en Sofán, unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) de 2011. Hai que lembrar que este proxecto xorde a raíz dunha iniciativa veciñal presentada ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá pola Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, que neste caso ten o obxectivo de adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e ampliar o espazo público do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o proxecto finánciase ao 50 por cento entre o Concello e os veciños e que a Administración Local asume, así mesmo, a redación do proxecto. A actuación foi aprobada polo pleno do 29 de novembro de 2010 e incluída no POS. O prezo de licitación é de 184.160,20 euros e os criterios de adxudicación son a oferta económica, o programa de control interno de calidade, o programa de traballo e protección medioambiental e o plan de seguridade e saúde.

Os complexos deportivos municipais de Carballo xa están equipados con desfibriladores para o inicio do novo curso

AS INSTALACIÓNS CONTAN CON MAIS DE 7.000 USUARIOS

Os complexos deportivos municipais de Carballo xa están equipados con desfibriladores para o inicio do novo curso

Xoves 8 de setembro do 2011

Para o inicio deste novo curso os complexos deportivos municipais Carballo Calero, Vila de Noia e os Campos de Fútbol das Eiroas van contar con desfibriladores semiautomáticos (DESA) (na imaxe o da piscina Vila de Noia), tal e como estaba previsto nos orzamentos do Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo para o ano 2011. Esto significa mellorar a calidade do servizo e a seguridade dos máis de 7.000 veciños e veciñas que utilizan os complexos deportivos municipais, sexan abonados, cursistas, xogadores das entidades e clubs deportivos ou público en xeral. O persoal das instalacións xa recibiu a correspondente formación, algo que é indispensable para coñecer o correcto funcionamento do aparato. Na secuencia da "cadea de supervivencia" a desfibrilación precoz poder ser clave. O despregue do DESA en establecementos públicos, como os centros deportivos, é recomendable segundo indican varias organizacións internacionais acreditadas (como a American Heart Association e a European Resuscitation Council), por ser lugares onde existe un risco evidente de que se presenten paradas cardíacas, debido a que nelas se concentra un número moi elevado de persoas.

O VIII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo aglutina a equipos de referencia de España e Portugal

SÁBADO 10 E DOMINGO 11 DE SETEMBRO

O VIII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo aglutina a equipos de referencia de España e Portugal

Mércores 7 de setembro do 2011

Os pavillóns Carballo Calero e Vila de Noia da capital municipal son o escenario o sábado 10 e o domingo 11 de setembro do VIII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, no que participan "equipos de base de referencia de España e Portugal", segundo subliña o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. O ABC de Braga, o Ademar de León, o Grupo Astur BM ou o Ada de Maia-Ismai danse cita en categorías xuvenil e cadete co Vipecón Xiria e o Ifecgás Pereira Xiria nun torneo que pretende "seguir fortalecéndose" e "mantendo o nivel" a pesares das circunstancias económicas, en verbas de Fernando Vázquez, adestrador dos dous equipos locais que participan na cita. Os encontros disputaranse entre as 9.00 e as 14.00 e as 16.00 e as 21.00 horas durante toda a fin de semana alternando os dous pavillóns, reservándose as finais para o domingo ás 16.00 e ás 18.30 horas e coa entrega de trofeos prevista para as 19.30 horas no Pavillón Vila de Noia. A organización quere agradecer o apoio e a colaboración do Concello de Carballo no torneo, ademais da Deputación, a Fundación Deporte Galego e a Federación Galega de Balonmán. De igual xeito, agradece a presenza dos patrocinadores: Calvo, Feiraco, Ifecgás Pereira e Casa Francisco.

O XX Festival Internacional Outono de Teatro contará co espectáculo "O florido pénsil" da produtora galega Eme2

A PROGRAMACIÓN DE SALA SERÁ ENTRE O 14 E O 31 DE OUTUBRO

O XX Festival Internacional Outono de Teatro contará co espectáculo "O florido pénsil" da produtora galega Eme2

Mércores 7 de setembro do 2011

A vindeira edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo que terá lugar o próximo mes de outubro celebra o vinte aniversario do evento cultural máis relevantes de Bergantiños e Costa da Morte e dun dos festivais de artes escénicas máis importantes de Galicia. A programación de sala comeza o 14 de outubro e rematará o 31 de outubro, e, como vén sendo habitual, e seguindo coa a liña de traballo de anteriores edicións, inténtase, por un lado, asegurar a presencia das compañías máis notables do panorama escénico español e galego da actualidade. Eme2, produtora e distribuidora de produtos e servizos vinculados ao sector da artes escénicas e culturais galegas, participa nesta XX edicición do FIOT co espectáculo "O forido pénsil", unha das estreas máis esperadas do teatro galego este ano. que estará nas salas dende este mes de setembro. O público poderá desfrutar da adaptación ao galego da obra de Andrés Sopeña, que foi realizada pola compañía Tanttaka e que está dirixida polos directores vinculados a esta compañía vasca Fernando Bernúes e Mireia Gabilondo. Esta representación está prevista para o sábado 15 de outubro ás 21.00 horas.

Luz verde no pleno para a modificación da ordenanza reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal

A SALA DE FITNESS DA PISCINA ABRIRÁ MEDIA HORA ANTES

Luz verde no pleno para a modificación da ordenanza reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal

Martes 6 de setembro do 2011

A sesión plenaria celebrada o luns 5 de setembro supuxo a aprobación da modificación da ordenanza fiscal número 11, reguladora das taxas pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos, con motivo da recente reforma da praza. En novembro de 2010, o pleno tiña sacado adiante a aprobación inicial desta modificación, na que se acordaba a aplicación nas taxas do IPC acumulado dende o anterior axuste dos prezos. Finalmente, a corporación acordou a suspensión da aprobación da modificación da ordenanza para encargar formalmente a elaboración dun estudo financeiro. Segundo este informe, producirase un incremento das taxas nunha media de aproximadamente un 6 por cento respecto ao estipulado anteriormente, aínda que o índice non será o mesmo para todos os postos. Despois da aprobación inicial no pleno, a ordenanza someterase a exposición pública durante 30 días. No que respecta ao mercado, a sesión tamén deu luz verde á desafectación parcial de dous locais. Trataríase da cafetería situada no primeiro andar, na esquina entre o Xardín e a Gran Vía, e de todo o segundo andar do mercado, aínda baleiro. Así, nestes momentos están considerados locais de dominio público, pero pasarán a ser patrimonio público. O motivo é permitir que poidan ser obxecto dunha concesión.

O Concello chega a un acordo para acondicionar un novo aparcadoiro público  na contorna da rúa Perú

O NOVO ESPAZO CONTARÁ CON ARREDOR DE 150 PRAZAS

O Concello chega a un acordo para acondicionar un novo aparcadoiro público na contorna da rúa Perú

Luns 5 de setembro do 2011

O Concello de Carballo vén de chegar a un acordo cos propietarios de dous solares que suman unha superficie de 3.500 metros cadrados para acondicionar unha nova área de estacionamento no centro da capital municipal. Os terreos están situados na confluencia da rúa Perú coas rúas Pontevedra e Ecuador, a ambas marxes da vía, e permitirán a creación, unha vez acondicionados, de arredor de 150 novas prazas de estacionamento libre, sen limitación de tempo. Esta nova área vén a complementar o aparcadoiro de Rego da Balsa e súmase aos espazos que xa están dispoñibles noutros puntos da capital municipal, como a Horta do Casino, o parque do San Martiño, o Pazo da Cultura, a Vila de Negreira, a concluencia das rúas Río e Xirona, a contorna do CEIP A Cristina ou a contorna do IES Alfredo Brañas. Hoxe pola mañá os concelleiros de Xestión Municipal, Xosé Regueira; e de Obras e Servizos, Luís Lamas, visitaron este espazo e ultimaron detalles cos propietarios -que ceden o espazo gratuitamente para o seu uso público- de cara ao comezo dos labores de acondicionamento. Coas últimas incorporacións, a capital municipal contará xa con preto de 2.700 prazas de estacionamento libre en solares privados.

Compartir: