Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A maxia de Dani García e os sons galegos de Roi Casal, protagonistas do programa do Verán Cultural

VENRES 19 DE AGOSTO ÁS 20.00 E ÁS 22.30 HORAS

A maxia de Dani García e os sons galegos de Roi Casal, protagonistas do programa do Verán Cultural

Martes 16 de agosto do 2011

O venres 19 de agosto o Xardín Municipal e a Praza do Concello de Carballo transformaranse en dous espazos ben diferentes. Así, a partires das 20.00 horas o Mago Martín Camiña fará que os máis cativos e cativas soñen con xeados, doces e co seu carriño, do que irán xurdindo as máis inesperadas sorpresas. Comedia máxica onde a risa tamén é a protagonista. E ás 22.30 horas a música do artista galego Roi Casal encherá a Praza do Concello. Nacido en 1980, Casal é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo, xa que dende os 14 anos toca a arpa céltica, a zanfona, o piano e o bouzoki. Formado na arpa céltica co reputado Mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte de Milladoiro, o grupo máis internacional da música galega, no ano 2000. Tras case unha década de carreira co grupo, co que grava seis discos, no ano 2008 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de "Lendas Douradas", un dos traballos máis vendidos durante o ano 2009 en Galicia. Agora presenta a súa última proposta, "Maxicamente vello", na que amosa a madurez dun artista sen complexos e coa ambición que o caracterizou dende os seus orixes, fusionando a música tradicional e a modernidade dunha forma natural e harmónica.

Os meses de xuño e xullo rexistran máis de 150 avisos e demandas veciñais atendidos pola Brigada de Obras

BAIXAN UN 12 POR CENTO RESPECTO DE 2010

Os meses de xuño e xullo rexistran máis de 150 avisos e demandas veciñais atendidos pola Brigada de Obras

Mércores 3 de agosto do 2011

O Concello de Carballo ten rexistrado un total de 168 avisos acerca de demandas cidadás de veciños e veciñas ao longo dos meses de xuño e xullo. Nesta ocasión, a maioría das peticións refírense a Carballo Limpo, cun total de 62, nun servizo que comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente e inclúe, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva ou do Punto Limpo. A segunda liña de demandas refírense aos arranxos no alumeado público, debido a focos fundidos ou en mal funcionamento, cun total de 47 avisos. En todo caso, o número total de demandas rexistradas nestes dous meses ten baixado un 12 por cento respecto ao mesmo período de 2010, e incluso nun 14 por cento respecto de 2009. Os interesados e interesadas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos, ademais de no alumeado e Carballo Limpo, en materias como os sinais informativos ou de tráfico; os servizos básicos de augas e electricidade; os equipamentos dos edificios municipais, o mobiliario urbano ou as instalacións deportivas; a limpeza de espazos públicos; ou a mellora da rede viaria. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que calquera carballés ou carballesa pode realizar a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.

O Mago Martín Camiña trae á Praza do Concello de Carballo o seu "Feitizo" no marco do Verán Cultural

VENRES 5 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

O Mago Martín Camiña trae á Praza do Concello de Carballo o seu "Feitizo" no marco do Verán Cultural

Martes 2 de agosto do 2011

O programa do Verán Cultural estrea o mes de agosto con maxia na forma da actuación, o venres 5, do Mago Martín Camiña. Presenta o seu espectáculo "Feitizo", unha fonte máxica da que lle sairán continuamente as cartas, no que as ataduras diarias dos nosos problemas reflectiranse no escape da camisa de forza, e no que a folla da guillotina descenderá para separar o real da ilusión. Todo isto e máis con humor, panos, cordas, xornais, billetes, espadas e a participación do público serán os ingredientes deste feitizo que trasladará a pequenos e grandes ao mundo máxico da emoción. A cita é de balde na Praza do Concello a partires das 22.30 horas e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Ademais, o Mago Martín Camiña, no seu afán de promocionar o seu espectáculo, estará o xoves 4 de agosto na feira de Carballo, a partir das 12.45 horas, entre os posto de venda alimentos; e na Praza de Abastos sorprendendo a compradores e vendedores. Ese mesmo día, pero algo máis cedo, estará cos rapaces e rapazas dos campamentos urbanos que se están realizando en Carballo: no colexio Artai, ás 11.00 horas; na Escola Lubiáns no Pavillón Bergantiños ás 11.30 horas e no Colexio Fogar co campamento de Xiria de balonmano ás 12.00 horas.

A empresa Ogmios inicia os traballos da Biblioteca co valado perimetral e a comprobación do replanteo

ESTIVERON PRESENTES MILAGROS LANTES E EVENCIO FERRERO

A empresa Ogmios inicia os traballos da Biblioteca co valado perimetral e a comprobación do replanteo

Luns 1 de agosto do 2011

Os técnicos da empresa coruñesa Ogmios Proxectos SL, acompañados do arquitecto encargado da elaboración do proxecto básico, Óscar Pedrós, comezaron hoxe os traballos previos para a construción da Biblioteca de Carballo coa realización do valado perimetral, a comprobación do replanteo e a colocación da caseta de obra. Tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes que falaron sobre algúns detalles da obra cos responsables de Ogmios, como os prazos de execución ou o abasto de materiais. O novo servizo estará situado nunha parcela de 1.500 metros cadrados situada na contorna das rúas Bos Aires e Pontevedra e terá soto, planta baixa e un andar. Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno Local do 6 de xuño. Un total de 42 compañías optaron á execución do proxecto, que finalmente levará a cabo Ogmios cun orzamento de adxudicación de 1.199.588 euros. A empresa adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. O financiamento necesario será achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura e prazo de execución marcado para rematar o proxecto finaliza o 31 de decembro de 2012.

Aprobadas as bases para a convocatoria das bolsas de estudo e transporte do Concello do curso 2011-2012

ADXUDICADAS AS AXUDAS PARA ACTIVIDADES DE SERVIZOS SOCIAIS

Aprobadas as bases para a convocatoria das bolsas de estudo e transporte do Concello do curso 2011-2012

Luns 1 de agosto do 2011

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar as bases da Convocatoria das bolsas de estudo e transporte para o curso 2011-2012 que teñen o obxectivo, segundo consta nas propias bases, de axudar a aquelas familias cunha situación socioeconómica máis desfavorable para afrontar os gastos derivados da escolarización dos seus fillos e fillas. As bolsas están dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de Educación infantil (130 bolsas de 95 €), Bacharelato ou Ciclos Formativos de Grao Medio ou Superior (18 bolsas de 155 €) e Estudos Universitarios de Grao Medio ou Superior (5 bolsas de 620 euros). Non se inclúe na convocatoria o alumnado de Educación Primaria e ESO por ser beneficiarios dos programas de axuda da Xunta de Galicia. Tamén está previsto conceder bolsas de transporte por un importe total de 2.000 euros para distancias superiores a dous quilómetros para as que non exista transporte público gratuíto. O prazo de solicitude comezará ao día seguinte da publicación das bases no taboleiro de anuncios do Concello e na prensa diaria. Concederanse bolsas e axudas por unha cantidade total de 20.240 euros, con cargo ao Orzamento Xeral do Concello.

Rematada a instalación do equipamento da Escola de Hostalería do complexo Fórum Carballo

AS INSTALACIÓNS ESTÁN SITUADAS NA NAVE 4

Rematada a instalación do equipamento da Escola de Hostalería do complexo Fórum Carballo

Sábado 30 de xullo do 2011

O acondicionamento da Escola de Hostalería do complexo do Fórum Carballo, situada na planta baixa da Nave 4 do recinto da Milagrosa, xa está rematado e son poucos os detalles que faltan para a súa posta a punto. Este centro de formación, que é ademais un dos aspectos máis destacados de Fórum Carballo por ser unha vella reivindicación do sector da comarca, conta cun equipamento de carácter industrial e nivel medio-alto esixido para obter a homologación conforme a normativa europea. Esta premisa tamén se cumpre no resto dos talleres do complexo. A infraestructura coa que está dotada a Escola de Hostalería permitirá impartir unha oferta formativa de gran calidade, de acordo coas últimas tendencias no sector, así como ser o escenario para cursos de iniciación, perfeccionamento ou reciclaxe dos profesionais da comarca. De cara a propiciar a mellora continua dos empresarios, o centro pode ser así mesmo un espazo idóneo para promover encontros especializados. Ademais da ampla zona de fogóns (distribuídos en illa) e fornos, a área da cociña divídese en almacén de productos con cámaras frigoríficas de gran tamaño, zona de preparacións, de lavado e un cuarto separado para o módulo de panadaría-repostaría. No exterior, haberá servicio de restaurante e de cafetaría. Esta última conta tamén cunha pequena cociña propia.

O marketing e o salto a outros mercados: algunhas das claves para a expansión e mellora das empresas de Carballo

PRIMEIRAS CONCLUSIÓNS DO PLAN DE DINAMIZACIÓN EMPRESARIAL

O marketing e o salto a outros mercados: algunhas das claves para a expansión e mellora das empresas de Carballo

Venres 29 de xullo do 2011

Os puntos fortes nos que se asentan as empresas carballesas son o seu bo posicionamento, a iniciativa dos seus responsables e a diferenciación dos seus productos. Porén, necesitan mellorar noutros aspectos que as debilitan, como a súa excesiva concentración no mercado local, o baixo investimento realizado en marketing e imaxe de marca e o acomodo no que están inmersas. Son algunhas das conclusións tiradas pola empresa EBC Consulting no marco das liñas de actuación do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial desenvolvido a través do proxecto Fórum Carballo. Un total de oito empresas teñen participado nesta iniciativa aproveitando a posta en marcha de cinco liñas de actuación dun total de seis: axuda á internacionalización, mellora da situación financieira, planificación estratéxica, mellora na xestión de cobros e morosidade e marketing. As empresas contaron cos servizos gratuítos dunha consultaría especializada para a elaboración dun diagnóstico ou informe personalizado sobre o seu negocio e tamén para obter algunhas das claves para mellorar a súa situación. A presentación das conclusións tivo lugar nunha sesión na que estiveron Eloy Silva e Alberto Payán, de EBC; así como o Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e representantes de Axober, o CCA e das empresas que participaron no programa.

Teatro infantil e folclore adulto, oferta do Verán Cultural para a última fin de semana de xullo

VENRES 29 DE XULLO ÁS 20.00 E 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Teatro infantil e folclore adulto, oferta do Verán Cultural para a última fin de semana de xullo

Xoves 28 de xullo do 2011

A oferta do Verán Cultural para rematar o mes de xullo aglutina espectáculos diversos para público tamén diferente. O venres 29 teñen lugar dúas propostas que van destinadas ao público máis infantil e ao adulto. A primeira das propostas é o espectáculo "Dous pallasos en apuros" a cargo da compañía Sete magníficos + 1, que, inspirados no clown, presentan unha trepidante tolemia de improvisación co público na que procurarán a risa e o divertimento, especialmente dos máis novos. Este espectáculo comeza ás 20.00 horas no Xardín municipal e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. A segunda das propostas é o concerto de SondeSeu, a primeira orquestra estable de Europa con repertorio folk. Fundada por Rodrigo Romaní, ex compoñente de Milladoiro, e Anxo Pintos, membro de Berrogüetto, entre outros, esta agrupación integrada por 40 músicos ofrece unha ampla variedade de instrumentos: arpas, zanfonas, gaitas, voces, requintas, percusións, violíns, etc. Os asistentes poderán participar dun concerto cheo de música tradicional e de novas composicións, tendo como filosofía un espírito aberto e un timbre principalmente acústico. A cita é ás 22.30 horas e conta coa colaboración de Xacobeo Galicia, Agadic, Xunta de Galicia e Ano da Música 2011.

O Concello pide a colaboración de Augas de Galicia para axilizar os trámites para a ampliación do abastecemento de auga

"PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO. POSTA EN VALOR DOS RÍOS"

O Concello pide a colaboración de Augas de Galicia para axilizar os trámites para a ampliación do abastecemento de auga

Xoves 28 de xullo do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, mantiveron o mércores 27 de xullo unha xuntanza en Santiago co Presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias, co obxecto de solicitarlle colaboración para a redacción dos informes favorables que permitirán a posta en marcha do "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos", que conta cun orzamento global de 4.145.796,5 euros e que recibirá financiamento europeo a través dos fondos FEDER cunha achega de 2.902.057,59 euros. As axudas europeas estipulan que os traballos deben comezar no ano 2012, e para o inicio das obras é preciso contar cos informes sectoriais e as autorizacións preceptivas, algunhas dependentes de Augas de Galicia. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo é "axilizar o procedemento o máis posible". Nestes momentos xa teñen comezado os trámites por parte do Concello, coa redacción do Documento de Inicio sobre consultas ambientais e coa elaboración da documentación necesaria que debe presentarse ante Augas de Galicia para obter a concesión para poder contar cunha nova captación de augas, un dos puntos principais da actuación. Así mesmo, a Administración Local está redactando o proxecto, e á espera da confirmación definitiva da concesión da subvención. A resolución respecto dos Fondos Europeos aparece recollida no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 1 de xullo.

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión fan un chamamento para que a xente participe na campaña de doazón

LUNS 1 E MARTES 2 DE AGOSTO NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión fan un chamamento para que a xente participe na campaña de doazón

Xoves 28 de xullo do 2011

"Facemos un chamamento para que os días 1 e 2 de agosto a xente se achegue ata a Unidade Móbil da Praza do Concello para facer as súas doazóns". Así solicitou a colaboración dos veciños e veciñas de Carballo o Alcalde, Evencio Ferrero, para que "Carballo sexa un Concello solidario" e volva acadar a taxa de doazón recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e que se perdeu en 2010. Así, o ano pasado Carballo sufriu un descenso dun 5 por cento no número de doazóns, rexistrándose un total de 1.125 e 36 doazóns por cada mil habitantes. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como o responsable de promoción do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Antonio Carcedo, cren que a actualización do padrón municipal, que chega en 2011 aos 31.373 habitantes; e as obras do mercado municipal, que provocaron o traslado da situación da Unidade Móbil durante os traballos, teñen contribuído ao descenso de 2010. Porén, subliñan que en 2011 os datos teñen sido máis "alentadores" e esperan que a vila recupere a ratio recomendada pola OMS, de entre 40 e 60 doazóns por cada mil habitantes e ano. Os interesados e interesadas en colaborar só teñen que achegarse á Praza do Concello os luns 1 e o martes 2 de agosto de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Máis de 250 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria

CONTAN COA COLABORACIÓN DO PROGRAMA CONCILIA

Máis de 250 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria

Mércores 27 de xullo do 2011

Un total de 253 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria, que ofrecen -durante os meses de xullo e agosto- actividades de lecer para os cativos e cativas do municipio nados entre 1999 e 2007 (inclusive). Deles, arredor de medio centenar tamén desfrutan da ampliación de horario do programa Concilia do Concello, que colabora coa iniciativa, e que permite que os rapaces e rapazas estean atendidos entre as 7.30 e as 14.00 horas. Así, a través do Concilia os nenos e nenas están coidados entre as 7.30 e 10.00 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo, que correría a cargo da empresa Xolda. E a partires das 10.00 ou das 11.00 horas e ata as 14.00 horas, segundo o horario elixido, os participantes nas Escolas desenvolven actividades deportivas e culturais no CEIP Fogar da capital municipal e no Pavillón Vila de Noia, nas que tamén se inclúen actividades alternativas como excursións, xogos populares, visitas á praia, ao monte ou ao parque acuático. O Acalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, visitaron hoxe as Escolas e falaron cos responsables da iniciativa, cos monitores e cos nenos e nenas que desfrutan do programa de actividades.

Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

DOTACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS CON DESFIBRILADORES

Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

Mércores 27 de xullo do 2011

A sesión plenaria ordinaria celebrada o martes 26 de xullo de 2011 supuxo a aprobación do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Carballo para o acondicionamento e mellora da accesibilidade na contorna do mercado municipal. O acordo recibiu o apoio dos once votos do BNG e o PSOE e contou coa abstención de PP e TEGA. Mediante este convenio, que supón unha achega ás arcas municipais de 500.000 euros, procederase ao acondicionamento da Rúa Desiderio Varela (na imaxe) dende o cruce coa Rúa Colón ata a Gran Vía, así como da Gran Vía dende o cruce coa Rúa Sol ata a Cervantes. A mellora non implica a transformación destas áreas en zonas exclusivamente peonís, xa que está previsto respectar os estacionamentos da rúa Desiderio Varela, aínda que se situarán na marxe do Xardín Municipal. Tamén, e na medida do posible dada a normativa de accesibilidade, respectaranse os aparcamentos da rúa Gran Vía. As dúas rúas cotarán con contenerización soterrada, ademais de que se renovarán os servizos, como o abastecemento de auga e saneamentos. Respecto dos acabados, no caso da Gran Vía serán similares aos da rúa San Xosé, mentres que no caso da Desiderio Varela, seguirase coa liña do treito que xa ten sido acondicionado. O convenio recolle un prazo de execución de 13 meses dende a sinatura do acordo, aínda que o Goberno calcula que a execución dos traballos podería durar uns 6 meses.

Compartir: