Carballo ofreceu unha emotiva homenaxe ás vítimas da COVID-19
Máis de 120 persoas participaron no acto, que coincidiu co segundo aniversario do inicio da pandemia
Sábado 12 de marzo do 2022
![Sofie Lage, Juan Carlos Pero, Sabela Perol, Evencio Ferrero e Maica Ures Sofie Lage, Juan Carlos Pero, Sabela Perol, Evencio Ferrero e Maica Ures](../media/img/covid_1.jpg)
Sofie Lage, Juan Carlos Pero, Sabela Perol, Evencio Ferrero e Maica Ures
O descubrimento dunha placa na que pode lerse unha estrofa do fermosísimo poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, pechou a emotiva homenaxe do pobo de Carballo ás vítimas da COVID-19. Un acto que reuniu este sábado a máis de 120 persoas na mesma praza que dende xullo do ano 2020 acolle a escultura Mágoa, símbolo do compromiso da sociedade carballesa de non esquecer nunca ás persoas falecidas durante a pandemia. No noso concello foron medio centenar.
![Máis de 120 persoas asistiron ao acto Máis de 120 persoas asistiron ao acto](../media/img/covid-3.jpg)
Máis de 120 persoas asistiron ao acto
A impresionante voz de Gloria Pardines, profesora de Canto no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, acompañada pola Orquestra de Corda do CMUS, que dirixe Emma Urango, deu a benvida ao acto a todas as persoas presentes: veciños e veciñas que acudiron a título individual, pero tamén representantes de todas as entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, dos servizos de emerxencias, das forzas e corpos de seguridade e dos distintos servizos municipais para os que non existiu confinamento, que permaneceron ao pé do canón durante toda a pandemia e que seguen estándoo. Para todas e todos eles foi o primeiro agradecemento da tarde, expresado pola concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures.
“Tal día coma onte, o 11 de marzo de 2002 –lembrou-, a OMS declaraba o coronavirus como pandemia mundial. Pasaron 730 días. Demasiado tempo xa”. Maica Ures falou da dor, da incerteza, das obrigadas ausencias que sufriron tantas familias, e por iso quixo facer extensiva a homenaxe ao seres queridos das vítimas. Un deles, o fillo dunha das persoas falecidas na residencia Domus Vi de Carballo, tomou a palabra de seguido. Juan Carlos Perol Uzal, que durante dez anos viaxou todas as semanas dende Padrón, onde reside, ata Carballo para visitar a súa nai, intentou explicar os seus sentimentos, pero a emoción case non lle permitiu falar.
Emocionado tamén, o alcalde de Carballo tomou a palabra para pechar as intervencións, lembrando ás vítimas e lembrando que a COVID-19, aínda que con moitísima menos virulencia, segue entre nós, como demostran os casos que se seguen a diagnosticar a diario. Evencio Ferrero reiterou o agradecemento a todas as persoas que puxeron o seu grao de area para que por fin poidamos ver a luz ao final do túnel, e insistiu na importancia de recuperar, a través de eventos como o de hoxe, o contacto e as relacións sociais, que tanta falta nos fan para o noso desenvolvemento como seres humanos.
Música, ofrenda floral e placa
![A voz de Gloria Pardines acompañou á Orquestra de Corda do CMUS A voz de Gloria Pardines acompañou á Orquestra de Corda do CMUS](../media/img/covid_4.jpg)
A voz de Gloria Pardines acompañou á Orquestra de Corda do CMUS
O acto continuou cun pequeno concerto da Orquestra de Corda do CMUS, que despois das impresionantes interpretacións de Lascia ch'io pitanga, de Haendel, Ave Verum Corpus, de Mozart, e Canto de berce, de Groba, despediuse co tema What a wonderful world, de Louis Armstrong, porque, como dixo a alumna que o presentou, a pesares de toda a dor que provocou a pandemia, “o mundo é marabilloso".
Sabela, neta dunha persoa falecida durante a pandemia, e Sofie, filla do escultor Fabián Lage, autor de Mágoa, foron as encargadas de realizar a ofrenda floral que, xunto co descubrimento da placa conmemorativa, puxo fin ao acto. Un xardín de azaleas e violas de flor branca, creado para a ocasión pola Brigada Municipal de Xardíns, acompaña dende hoxe a escultura e a placa que lembrarán para sempre ás vítimas da COVID-19 en Carballo.