“Actívate no inverno” arrincou en Aldemunde con case 20 participantes no curso de manexo dos teléfonos móbiles
O programa, promovido polo Concello de Carballo en colaboración con entidades veciñais e consellos parroquiais, continuará en San Miguel de Vilela
Xoves 26 de xaneiro do 2023
![O alcalde asistiu a unha das sesións formativas O alcalde asistiu a unha das sesións formativas](../media/img/26012023_activate_aldemunde_(3).jpeg)
O alcalde asistiu a unha das sesións formativas
O programa Actívate viaxou dun extremo a outro do noso extenso concello, dende Noicela e Rebordelos ata Aldemunde, para seguir dinamizando as nosas parroquias coa colaboración das entidades veciñais e dos consellos parroquiais. O alcalde, Evencio Ferrero, quixo achegarse ata o centro social para compartir un anaco de tarde coa veciñanza.
Malia ser a parroquia máis pequena e menos poboada do concello, en Aldemunde están a participar no obradoiro de manexo dos teléfonos móbiles case vinte persoas (19 para ser exactos), proba do gran interese que espertou a iniciativa e da implicación da Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba para dala a coñecer entre a poboación.
Ademais de achegar unha formación moi útil ás persoas maiores, para o cal contamos de novo coa Cruz Vermella de Carballo, o curso de manexo do teléfono móbil tamén se converte na primeira actividade que acolle a antiga escola unitaria, reformada durante a pandemia para ser reconvertida en centro social e punto de encontro para toda a veciñanza.
O curso rematará o día 31, pero o programa Actívate no inverno continuará durante a primeira quincena de febreiro con tres talleres teórico-prácticos. O día 1, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 8, sobre compostaxe doméstica, e o 15, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas.
![No centro social poden verse fotografías de Antonio Fernández No centro social poden verse fotografías de Antonio Fernández](../media/img/WhatsApp_Image_2023-01-23_at_18.43.57.jpg)
No centro social poden verse fotografías de Antonio Fernández
De xeito paralelo, durante a celebración de todo o programa de actividades poderá verse no centro social unha exposición de fotografías de Antonio Fernández, entre elas unha do dolmen de Pedra Moura, situado na parroquia de Aldemunde, que é unha das xoias do patrimonio culltural da comarca de Bergantiños.
Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza de todo o concello, do mesmo xeito que dende calquera parroquia, ben a través do consello parroquial ou ben a través do movemento asociativo, pode solicitarse a organización de programas semellantes. Así veñen de facelo dende a asociación de veciños e o consello parroquial de Vilela, que será a próxima estación do programa Actívate.
Os días 14, 16 e 23 de febreiro, de 16.00 a 18.00 horas, realizarase o curso de manexo dos teléfonos móbiles. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben poñéndose en contacto coa asociación de veciños ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.