Os consellos parroquiais volverán a partir de setembro para seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal
Xoves 31 de agosto do 2023
.jpeg)
As xuntanzas dos consellos parroquiais comezarán en Aldemunde
Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade no mes de setembro. Dende o Concello de Carballo queremos seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen dende o ano 2017 unha canle fundamental.
Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que participan de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas, e moitos máis de xeito indirecto, xa que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas abertas para recoller as propostas que despois serán trasladadas aos representantes municipais.
Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.
Neste curso as sesións celebraranse os xoves ás 20.00 horas entre os meses de setembro e febreiro. O calendario provisional é o seguinte:
- 14 de setembro, Aldemunde
- 21 de setembro, Ardaña
- 26 de outubro, Artes
- 9 de novembro, Cances
- 14 de novembro, Bértoa
- 16 de novembro, Entrecruces
- 23 de novembro, Goiáns
- 30 de novembro, Lema
- 11 de xaneiro, Noicela-Rebordelos
- 18 de xaneiro, Oza
- 25 de xaneiro, Razo
- 1 de febreiro, Rus
- 8 de febreiro, Sísamo
- 15 de febreiro, Sofán
- 22 de febreiro, Verdillo
- 29 de febreiro, Vilela