Os Reis Magos saen en cabalgata polas rúas de Carballo
Domingo 5 de xaneiro do 2025 17.00 h - Saída do Gadis Híper
Chega un dos últimos e dos máis importantes actos do Nadal en Carballo: a cabalgata de Reis.
Os Reis chegarán en coches ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS escoltados pola Policía e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcorra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de subir ás carrozas.
PERCORRIDO: Saída no aparcamento de CC Bergantiños-Gadis, Rúa Perú, Av. Ponte da Pedra, Av. Malpica, Pedra Furada, Mirtos, Fábrica, Av. Flores, Rosas, Begonias, Camelias, Xasmíns ,Av. Cristina, Poñente, Luis Calvo, Castelao, Alexandre Bóveda, Av. Fisterra, Río Anllóns, Av. Milagrosa, Rúa do Sol, Jacinto Amigo, Desiderio Varela, Gran Vía, Dr. Fleming, Av. Bergantiños, Vila de Ordes, Gran Vía, Vázquez de Parga, Emilia Pardo Bazán, Ponte da Pedra, Perú, Pontevedra, Avilés de Taramancos, Anxel Fole, Valle Inclán e Colón.
ANIMACIÓN: Para facer máis levadeira a espera dos Reis Magos os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de animación na Praza do Concello a partir das 19.00 h con Picadiscos Marifaltri ata a chegada da cabalgata.
ACTO DE RECEPCIÓN DOS REIS: O acto celebrarase na carpa da Praza do Concello, onde poderán esperar as familias. Á chegada dos Reis, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, no nome de toda a cidadanía, recibirá e saudará ás Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes. A continuación, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlles entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen. Tamén disporán dunha caixa de correos real para deixar as súas cartas.
- Organiza: Concellaría de Cultura do Concello de Carballo.
- Colaboran: Policía Local, Servizo de Protección Civil, Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Carballo, Brigada Municipal de Obras, Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS (aportan 600 quilos de caramelos) e Grupo Dimolk, que cede os coches que transportan as carrozas.
- Horarios aproximados: chegada ao Gadis Híper ás 16.45 horas, saída do centro comercial ás 17.10 horas e chegada á Praza do Concello entre as 19.30 e as 19.45 horas.
Recomendacións de seguridade
- Os servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policía Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas. Non está permitido achegarse a elas.
- Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis. Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas.
- Advírtese sobre a extrema precaución cos carros dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcada polos servizos de seguridade. Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile.
- Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que supoñen un perigo engadido para os máis pequenos.
- En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.
- Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos.