Promoción Económica

Promoción Económica

O alumnado do programa de aprendizaxe servizo da Cátedra Inditex-UDC coñece o proxecto Cicl-Ando Carballo

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, ofreceulles unha charla sobre a rede de sendas ciclo-peonís promovida polo Concello

Luns 6 de febreiro do 2023

O polígono de Carballo participa no Programa de aprendizaxe servizo do Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS) impulsado pola Cátedra Inditex e a Universidade da Coruña. Como parte do seu itinerario formativo, o alumnado vén de participar nun encontro co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, para coñecer de primeira man o proxecto Cicl-Ando Carballo.

Juan Seoane explicoulles a orixe do proxecto, que foi consecuencia da estratexia de mobilidade urbana elaborada polo Concello de Carballo; as súas características e os obxectivos cos que foi concibido: reducir a pegada de carballo impulsando unha mobilidade máis sustentable, empezando por dúas zonas de grandes concentracións como son a praia de Razo, principalmente durante a época estival, e o polígono de Bértoa, como principal centro de traballo do concello.

O alumnado da Cátedra Inditex-UDC amosou gran interese pola iniciativa e realizou unha valoración moi positiva da rede de sendas ciclo-peonís coa que conta xa o Concello de Carballo e que supera os 18 quilómetros.

Coa información que recollan os estudantes durante os vindeiros meses, ao final do curso achegarán á comunidade de propietarios do polígono “solucións prácticas aos retos e oportunidades detectados, en forma dun plan de acción que se axuste á información e retroalimentación que se lles fornecerá desde o propio polígono no transcurso do proxecto”, tal como explican dende a propia entidade.

Este traballo formará parte da memoria anual do polígono, que será a primeira elaborada segundo os estándares fixados pola Global Reporting Initive (GRI), “unha das máis relevantes iniciativas internacionais para o reporte do desempeño económico, ambiental e social á que se han adheridos xa miles de empresas e organizacións de todo o planeta; no caso do polígono de Carballo sería unha iniciativa pioneira en Galicia na adopción deste tipo de medidas de reporte e transparencia no ámbito das entidades de xestión de parques e polígonos industriais”, sinalan.

Compartir: