Promoción Económica

Promoción Económica

A Bolsa de Traballo do Concello de Carballo cumpre 10 anos cun balance de 543 insercións laborais

Desde a posta en marcha do servizo, o número de persoas desempregadas diminuíu en 2.169, máis do 50%

Martes 16 de maio do 2023

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo empezou a funcionar en novembro do ano 2012 “como resposta ao grave problema de desemprego que existía naquel momento, derivado dá crise económica do 2008, que aínda hoxe arrastramos”, apunta a técnica responsable do servizo, Milagros Antelo. Ao longo destes dez anos pasaron polas instalacións do Fórum Carballo un total de 5.163 demandantes de emprego e 562 empresas, e grazas ao labor de intermediación que realiza a BDT formalizáronse 543 contratacións.

A inserción laboral é o principal obxectivo da Bolsa de Traballo, xestionada pola Concellaría de Formación, Innovación e Emprego do Concello de Carballo. Desde a súa posta en marcha, a situación laboral no municipio e na Costa da Morte variou substancialmente. En novembro do ano 2012 había en Carballo, segundo os datos do Instituto Galego dás Cualificacións, portal oficial da Xunta de Galicia, 4.175 persoas desempregadas. Abril deste 2023 pechouse con 2.006, o que supón un descenso de case o 52%.

O problema agora, tal como explica a técnica do servizo, é atopar perfís de usuarios adaptados ás necesidades das empresas. Coa finalidade de mellorar ese proceso de intermediación está en fase de implantación o novo portal de emprego do Concello de Carballo, unha ferramenta web que contará tamén cunha APP específica.

Ademais de mellorar a xestión do emprego a nivel interno, o portal tamén permitirá deseñar proxectos formativos e de inserción socioprofesional adaptados á realidade existente en cada momento; permitirá dispoñer de datos estatísticos minuciosos e contará cunha parte de acceso público con información sobre emprego, autoemprego, formación, normativa laboral ou consultas en liña, ademais dunha extranet de usuarios (demandantes, empresas e alumnado dos cursos de formación do Fórum Carballo) na que poderán inscribirse, consultar e/o modificar os seus datos ou pedir cita co persoal técnico da BDT, entre outras xestións.

Os datos

  • Demandantes. Pola BDT pasaron ao longo destes 10 anos un total de 5.163 demandantes de emprego: 56% mulleres e 44% homes. Aínda que a maioría son de Carballo e do resto dos concellos de Bergantiños, o servizo conta con usuarios/as de toda Galicia. Por idades, o groso dos demandantes concéntrase entre os 30 e os 65 anos, e especialmente na franxa de 45 a 65, tanto en homes como en mulleres. En canto ao nivel de formación, un 62% teñen estudos secundarios e só un 2% carece de estudos. E polo que respecta ás ocupacións que solicitan, destacan nos catro primeiros postos, con moita diferenza, mozo/a de almacén, repoñedor/a, limpador/a e dependente de comercio.
  • Empresas. A Bolsa de Traballo conta tamén con 562 empresas usuarias, que ao longo destes dez anos tramitaron un total de 1.150 ofertas de emprego para cubrir 2.067 postos de traballo. A través do servizo gratuíto do Concello de Carballo foron contratadas 543 persoas. Nestes momentos están abertas 86 ofertas e 22 en trámites para iniciar o proceso de intermediación. Agás no 2013, ano no que arrincou a BDT, e o 2020, debido á pandemia, a media anual de ofertas sitúase en 120. Este ano todo indica que se superará a cifra con fartura, xa que a estas alturas tramitáronse xa 80.

Compartir: