Promoción Económica

Promoción Económica

As empresas realizaron 1.750 entrevistas na Feira de Emprego organizada pola Cámara da Coruña no Fórum Carballo

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o empresario carballés Diego Vázquez, membro do Comité Executivo da Cámara de Comercio, inauguraron o acto

Martes 30 de abril do 2024

O Fórum Carballo foi escenario da XV Feira de Emprego da Cámara de Comercio da Coruña, na que participaron uns 250 mozos e mozas e 29 empresas con procesos de selección abertos. Como resultado realizáronse unhas 1.750 entrevistas de emprego que poderían dar como froito a incorporación ao mercado laboral duns cen participantes na feira.

No acto de inauguración participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o membro do Comité Executivo da Cámara de Comercio, Diego Vázquez.

O alcalde de Carballo puxo en valor o espazo do Fórum de Carballo, “un lugar de encontro para promover actividades dirixidas á creación de emprego”. Ademais de animar á mocidade presente a aproveitar tódalas oportunidades que se lles  presenten, Evencio Ferrero reivindicou “a necesaria conexión entre os polígonos de A Coruña, Carballo e Arteixo. Comunicar estes tres polígonos, que acollen grandes iniciativas empresariais e xeradoras de emprego, será positivo para todos”.

Pola súa parte, Diego Vázquez destacou “a gran cantidade de empresas relevantes que acolle a comarca de Bergantiños, unha zona na que destaca a actividade emprendedora e que conta con innumerables casos de éxito”. Puxo especial atención na aptitude, pero sobre todo, na actitude das persoas á hora de buscar un emprego.

Na Feira de Emprego participaron compañías de diferentes sectores con procesos de selección abertos como é o caso de Arce Clima, Aseb, Caser, Citanias, Clece Vitam, El Corte Inglés, Flexiplan, FUAC, , Fuerzas Armadas, Fundación Nortempo, GADISA, Gefico Enterprise y Galopin Playgrounds, Genesal, Grupo Aluman, Grupo EULEN, Grupo Externa,   IMAN Temporing, Inserta ONCE, Integra Cee, Nauterra (Grupo Calvo), Northius, Quick Up, Repsol, Samaín Servizos, Synergie, Temporing e Vegalsa-Eroski.

Compartir: