Inicio Áreas Lingua Novas Comeza o curso na Escola de Regueifa de...

Comeza o curso na Escola de Regueifa de Carballo!

A primeira clase celebrarase este venres 6 nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, que será a sede da escola

Xoves 5 de setembro do 2024

Foto de grupo dunha sesión da escola

Foto de grupo dunha sesión da escola

A Concellaría de Normalización Lingüística segue a liderar a promoción da regueifa entre a sociedade carballesa e bergantiñá, e dada a excelente acollida que recibiu na súa estrea, a Escola de Regueifa de Carballo afronta xa o seu segundo curso, e ademais con nova sede nas Escolas do Xardín Agra de Caldas.

A primeira clase vaise celebrar este venres 6 de setembro a partir das 19.00 horas, e aínda que son moitos os alumnos e alumnas do curso pasado que volven á aula, nesta escola non fai falla matricularse para poder asistir. Abonda con achegarse ás clases, que volverá impartir a mellor regueifeira de Galicia, Lupe Blanco, cada quince días. A seguinte cita, polo tanto, será o día 20.

Punto de encontro interxeracional

A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, amósase “moi orgullosa” de que Carballo conte cunha das poucas escolas de regueifa que hai en Galicia e de que se teña convertido, ademais, nun punto de encontro interxeracional. “Temos alumnos e alumnas desde os cinco anos ata máis de oitenta, e iso enriquece tanto aos máis pequenos coma aos maiores, que se senten útiles porque están facendo algo do que os demais aprendemos”.

Ángeles Pacoret tamén destacou a implicación do movemento asociativo, grazas ao cal foi posible poñer en marcha unha escola itinerante na que participan as asociacións Nemeth, Casino1889, As Landras, Escola do Alprende e Ría de Lema, e que tamén está aberta a incorporacións e colaboracións.

Malia súa curta experiencia, a Escola de Regueifa de Carballo conseguiu converterse nun referente en Galicia, con máis de trinta alumnos/as de Carballo, maioritariamente, pero tamén de Coristanco, Porto do Son, A Coruña... Ademais das sesións habituais con Lupe Blanco, no primeiro ano impartíronse clases maxistrais e obradoiros, e a escola gañou o seu primeiro premio no certame Enreguéifate.

Pero desde o Servizo de Normalización Lingüística non só se impulsou a escola, senón tamén outras actividades de difusión da regueifa entre a sociedade como a I Liga de Regueifa, en colaboración con establecementos de hostalaría carballeses, unha iniciativa que tamén queremos repetir neste segundo curso. Porque o obxectivo de todo isto é que a nosa regueifa tradicional siga viva moitos anos máis.

Compartir: