Seminario sobre arte urbana con Javier Abarca
Do xoves 31 de maio ata o venres 1 de xuño do 2018 De 17:30 a 21:00 h - Auditorio Forum Cultura
É a arte urbana un fenómeno recente? Como evolucionou ata agora? Qué cualidades a distinguen? No Rexenera Fest 2018 temos resposta para esta e outras moitas preguntas. Será durante o seminario Entender a arte urbana, impartido por Javier Abarca, artista, investigador e docente especializado en graffiti e arte urbana, que chega a Carballo disposto a amosarnos as claves para entender esta arte no seu conxunto e coñecer algo máis da súa evolución, dende os seus comezos en 1960.
Abarca é unha das figuras principais da primeira xeración do graffiti español e fundador da web Urbanario, en 2008. Recoñecido especialista na escena internacional, é habitual en congresos e festivais europeos e os seus textos forman parte xa da literatura especializada, o que o converten nunha das voces máis autorizadas sobre a materia. Un privilexio contar coa súa presenza en Carballo!
A entrada será libre e de balde ata completar o aforo dispoñible. Máis info sobre o autor e os contidos do seminario en https://www.rexenerafest.gal