Susana Seivane en concerto
Venres 27 de xullo do 2018 22:30 horas - Praza do Concello Cultura
A gaiteira de sona internacional Susana Seivane será a encargada de poñer o broche de ouro a un mes de intensa actividade cultural no que a música tradicional galega adquiríu especial protagonismo. Nesta ocasión, Seivane subirá ao escenario da Praza do Concello para presentarnos o seu último traballo Fa, un doble disco no que fai unha profunda reflexión sobre as sensacións producidas durante o embarazo e a posterior maternidade dos seus dous fillos Fiz e Antón. Pero tamén haberça tempo pra recordar algúns dos seus grandes éxitos.
Susana Seivane é unha das artistas galegas máis recoñecidas do panorama folk internacional. A súa excepcional maneira de entender a gaita e o seu virtuosismo, en parte trasnmitida pola súa familia xa que é filla e neta de gaiteiros e luthiers, fan que sexa un referente da música galega. Unha mestura áxil e moderna que afonda nas súas raíces e no máis profundo das nosas tradicións. Lonxe de perder o aire enxebre dos antigos gaiteiros, reivindica a súa tradición e ábrea ás influencias doutras músicas incorporando tamén a súa doce voz.
Organiza: Concellería de Cultura
Colabora: Deputación da Coruña