A X Exhibición de Capoeira reunirá en Carballo a graduados de España, Brasil e Portugal
Sábado 1 de xuño do 2019 20:00 horas - Praza do Concello Cultura
Esta fin de semana arrinca o mes de xuño e con el o mes do San Xoán. E unha das primeiras, e xa tradicionais, citas do noso calendario festivo será a X Exhibición de Capoeira, organizada por Abadá-Capoeira Carballo, do venres 31 ao domingo 2. Alumnado e profesores de Carballo así como graduados de España, Brasil e Portugal realizarán unha Roda de Capoeira na Praza do Concello para amosar ao público todo o que ofrece esta arte marcial afrobrasileira, que combina á perfección danza, música, acrobacias e expresión corporal. Nesta ocasión, estarán acompañados/as do Mestrando Tigre (Francisco Alves), capoeirista afincado en Bruxelas.
A programación dará comezo este venres 31, ás 17 horas, con cursos de capoeira no CEIP San Luis Romero para tódalas idades e graduacións. Ás 20 horas, Iria Rey achegará aos capoeiristas a cultura galega a través dunha clase de baile tradicional. A segunda sesión impartirase no centro educativo o sábado pola tarde e o domingo 2, ás 11 horas, celebrarase o cambio de graduacións no Pazo da Cultura, nun acto aberto a toda a cidadanía. Non volo perdades!
Público: Todos os públicos
Organiza: Abadá-Capoeira Carballo
Colabora: ArtSurfCamp, CEIP San Luís Romero e Concello de Carballo