O clown Antón Coucheiro presenta "Sonámbulo", un show de rúa para toda a familia
Venres 16 de agosto do 2019 20:00 horas - Xardín Municipal Cultura
A programación do Verán Cultural deixaranos este venres unha divertidísima proposta para desfrute de toda a familia. Da man da Concellaría de Cultura e a Deputación da Coruña, o polifacético clown Antón Coucheiro chega a Carballo para presentar Sonámbulo, o seu último espectáculo de rúa no que o humor sen palabras, a improvisación, os efectos visuais e a participación do público resultarán fundamentais.
Pequenos/as e maiores gozarán coma nunca dun show a bordo dunha cama, unha absurda comedia absurda, unha viaxe imaxinaria ao "far west", o soño dun bufón entrañable e cascarrabias que non consegue durmir. Un paiaso insomne que conta ovellas, que non sabe poñerlle a funda ao nórdico, que toca os cencerros e non para de xogar con todo o que pasa. Pero, quen está desperto/a, quen durme e quen soña? Se queres descubrilo, mellor será que non faltes!! Agardámoste!
Antón Coucheiro é clown, actor, director, dramaturgo e pedagogo con máis de quince anos de traxectoria profesional, tanto nas artes escénicas como na televisión. Desde hai doce realiza espectáculos de rúa cos que percorre as principais cidades e vilas do país. Así mesmo, tamén imparte cursos de clown e improvisación que compaxina coas súas aparicións en festivales de España, Portugal, Rep. Checa, USA, Brasil, Mozambique, Cuba, Colombia, Perú ou Costa Rica.
Público: Familiar
Organiza: Concellaría de Cultura
Colabora: Deputación da Coruña