Exposición de fotografías do proxecto “Xeitos de ver: Construíndo masculinidades positivas”
Do xoves 21 de novembro ata o martes 10 de decembro do 2019 17.00 a 21.00 horas - Pazo da Cultura
Carballo acolle a exposición fotográfica “Xeitos de ver: Construíndo masculinidades positivas”, que é o resultado do taller de fotografía e igualdade impartido pola Fundación Érguete-Integración a doce persoas usuarias da entidade.
O proxecto “Xeitos de Ver” naceu para dotar a este grupo de persoas das ferramentas e recursos necesarios para que elas mesmas sexan capaces de detectar aqueles comportamentos, elementos simbólicos, mobiliario urbano... que continúan no día a día reproducindo roles e estereotipos de xénero, e que polo tanto manteñen vixente o machismo e a violencia.
on este obxectivo as persoas participantes recibiron unha dobre formación. Impartíronse clases teóricas en aula sobre igualdade e iniciación á fotografía que se complementaron con outras clases prácticas realizadas en saídas na que en pequenos grupos facían fotografías, ademais de sesións de edición na aula de informática dá Biblioteca de Montealto promovida pola Deputación da Coruña.
Agora que o taller e as clases remataron, o seguinte paso é ver o traballo realizado e o resultado final desta aprendizaxe nunha exposición fotográfica, que poderás visitar ata o 10 de decembro no Pazo da Cultura. A inauguración está prevista para o día 21 ás 12.00 horas coa asistencia do alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e a responsable do programa Reincorpora da Fundación Érguete-Integración, Rosaura Romo Hernández.