Romaría Galician Bizarre no Casino 1889
Sábado 4 de xaneiro do 2020 18:30 horas - Casino 1889 Participación veciñal
No Casino 1889 arrincan o 2020 retrocedendo exactamente un século. Si, si! A nova edición do Galician Bizarre entrará de cheo, e por todo o alto, nos anos 20, cun feixe de actividades e propostas nas que non faltará música, maxia e obradoiros para unir clásicos bizarros con novos e interesantísimos proxectos. Este é o programa! Bótalle un ollo!
Señor Anido. Garaxe, música espacial e psicodélica, melodías pop e ideas fermosas, humor e conexión espiritual. Todo concentrado nun deses artistas puros que non se parece a ninguén.
Zurraspa. Grupo pop que é punk, ou o contrario. Pode soar emocionante ou rabioso e ata pode facer que bailes sen parar.
Cheap Lipstick. Algo de punk, garaxe e moitas cousas bonitas. Esa é a combinación perfecta para garantir o éxito sobre o escenario.
Zara. Fan a súa idea do jazz. Punk con saxo e improvisacións nas letras e nas músicas, formación rotatoria, liberdade e algo de risco para tentar transmitir cousas novas cada día.
E ademais....proxección de Baldíos, o filme de Rubén Domínguez (membro de Prenom) que pon imaxes ao disco de Pantis. Woks Bizarros con obradoiros de cinco minutos, desta volta, a cargo de xente como Alberto Vecino e Mara Pérez (de Chicharrón), Mar Catarina (de Esposa) ou Sara Iglesias e Cibrán Tenreiro, aprendendo sobre creatividade e coidados, sobre berrar, sobre usar grupos de whatsapp nos grupos de música... E, entre concerto e concerto, haberá espectáculos de maxia que vos deixarán coa boca aberta.
Público: Todos os públicos
Entrada: Inversa. Entras, miras, escoitas e cando marches dicides o que pagas
Organiza: Casino 1889