Carballo conmemora o Día Mundial contra o Cancro iluminando de cor verde a Casa do Concello
Xoves 4 de febreiro do 2021 Casa do Concello
O Concello de Carballo volverá a sumarse neste 4 de febreiro á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro apoiando a iniciativa da xunta local da Asociación Española contra o Cancro para iluminar a Casa do Concello de cor verde. Debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, nesta ocasión non se celebrará ningún acto público, pero todas as persoas que pasen pola Praza do Concello dende que empece a anoitecer poderán unirse simbolicamente a este acto de apoio ás persoas que sofren a enfermidade.
Dende a xunta local da AECC, a súa presidenta, Ana Casais, aproveita a conmemoración para facer un dobre chamamento: por unha banda, ás persoas enfermas e ás súas familias para que se poñan en contacto coa asociación chamando ao número de teléfono gratuíto 900 100 036, que funciona todos os días do ano e as 24 horas do día, ante calquera situación de necesidade; por outra, a toda a cidadanía, para que siga colaborando coa asociación, xa que, debido á imposibilidade de organizar ningún tipo de acto solidario ou peditorio, está a manterse grazas ás cotas dos socios e socias.
A campaña do Día Mundial contra o Cancro mantén este ano o lema "Eu son e vou...", insistindo na capacidade que todas as persoas teñen de actuar contra o cancro, porque calquera acción individual pode supoñer un cambio a nivel global.