Xuntanza aberta para preparar as festas de San Xoán
Martes 1 de febreiro do 2022 20.30 horas - Pazo da Cultura Participación veciñal
Faltan menos de cinco meses para o San Xoán, e aínda que a incerteza non desapareceu por completo, este ano agardamos poder volver a celebrar as nosas festas patronais.
Dende a Concellaría de Festas queremos contar máis ca nunca coa colaboración da veciñanza para intentar, no pouco tempo que temos e tendo en conta as medidas de prevención que aínda debemos ter moi presentes, que o San Xoán do 2022 sexa o mellor posible.
Por iso, a concelleira Maruxa Suárez convídate, a ti que nos estás lendo, a participar. Teñas a idade que teñas, sexas da parroquia que sexas, en solitario ou en grupo... temos o convencemento de que tes moito que achegar.
Se ti tamén o pensas, únete á reunión que celebraremos o martes 1 de febreiro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura. Por probar non perdes nada, e temos a seguridade de que che gustará a experiencia de participar na organización das nosas festas. Entre todas e todos conseguiremos organizar #omellorsanxoán.