Presentación do libro "Pousos de natureza", de Ricardo Seixo
Xoves 15 de setembro do 2022 20.00 horas - Espiral Maior Foro Cultura
O día 15 de setembro, ás 20:00 h., terá lugar na sede de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34, baixo) a presentación do libro Pousos de natureza, do poeta coruñés Ricardo Seixo.O acto, organizado en colaboración coa Agrupación Cultural Lumieira de Carballo, contará coa presenza de Ánxeles Ares, secretaria de Lumieira; Farruco Fraga, membro da directiva da entidade cultural carballesa, e Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e director de Espiral Maior Foro.
Pousos de natureza, que acaba de ver a luz en edición de autor, con deseño e ilustracións de Abraham Vila, é o sexto libro de poemas de Ricardo Seixo, que ademais de poeta, mestre, compositor e intérprete musical, formou parte nos anos 70 do século pasado do mítico grupo musical Verbas Xeitosas.
O acto contará coa actuación musical do grupo Maraxe.
Co presente acto, Espiral Maior Foro inicia a súa programación na nova temporada do outono, e o sábado 17 de setembro, ás 12:00 h. terá lugar unha nova sesión do seu Club de Lectura arredor da novela O negociador, do escritor e xornalista de Pastoriza, residente na Laracha, Miguel Sande, que asistirá ao acto.